CINEMA EUROPEO NAS PLATAFORMAS DIXITAIS. O TEMIDO 30% DA COMISIÓN EUROPEA

A sala de cinema NUMAX

A sala de cinema NUMAX

O pasado mes de abril a Comisión Europea sorprendía cun comunicado de prensa no que se falaba de grandes avances nas negociacións de cara a contar cunhas normas máis equitativas e modernas nos servizos de comunicación audiovisual. Os xefes de Europa debatían sobre estes contidos e planeaban medidas lexislativas varias que pretendían, principalmente: o reforzo do principio do país de orixe; a mellora na protección dos menores contra os contidos nocivos; a extensión das normas audiovisuais europeas ás plataformas de intercambio de vídeos; o establecemento de normas máis estritas contra a incitación ao odio e a provocación pública á comisión de delitos terroristas; unha maior flexibilidade na publicidade televisiva e a independencia dos reguladores do sector audiovisual; ademais dunha última medida que causou gran controversia e fixo saltar as alarmas dentro da industria audiovisual mundial: “ A promoción de obras europeas nos catálogos á carta, cun porcentaxe do 30% de contidos europeos como mínimo.” (Comisión Europea, 2018).

A polémica duplicouse cando a comezos de outubro o Parlamento Europeo votou a favor desta obriga para as plataformas dixitais, precisándose só a aceptación da directiva actual para aprobar o proxecto. O cal Roberto Viola, Director Xeral de Comunicación, Redes, Contido e Tecnoloxía da Comisión Europea, definiu como unha “mera formalidade” nunha entrevista que concedeu a Variety no Festival de Cine de Venecia.

Ante estas declaracións dunha practicamente xa aprobada medida, abriuse un gran abano de preguntas sobre cal será a actuación destas empresas dixitais e como afectará isto á industria audiovisual, sobre todo no Estado español. Neste caso, centrarémonos en analizar dúas delas: Netflix e Filmin.

Netflix, é unha das plataformas streaming de contido audiovisual máis fortes e representativas a nivel mundial actualmente. Foi fundada en 1997 en Estados Unidos, en 1999 comeza o seu servizo baseado na subscrición. Orixinalmente funcionaba como un videoclube virtual no que os usuarios elixían filmes que lles eran enviados en DVD por correo a casa, mais a aparición da visualización vía streaming supón unha enorme revolución. Netflix medra velozmente ofertando un catálogo moito máis variado de series (unhas 1570, o triplo que en 2010) e unha gran selección de películas (unhas 4010, aínda que son 3000 menos que en 2010), situándose en 2017 con case 100 millóns de subscritores.

video-streaming-room-2559790_1920-e1532598840340

Filmin é tamén unha web online de cine e series, pero de carácter máis autoral e independente. Non opera a nivel mundial, senón que ten presenza no Estado español (dende 2008), Portugal (dende 2016) e México, a través de Filmin Latino, unha plataforma creada coa colaboración de IMCINE. Filmin naceu con dificultades e tras uns primeiros anos de probas e adaptacións ao medio, consolídase e relánzase en 2010, ano dende o cal comezou a desenvolverse con soltura e incrementou o seu catálogo ata 10.000 títulos. A plataforma ten detrás ás principais distribuidoras españolas de cine independente, como Alta Films, Avalon Distribución, El Deseo, Golem, Tornasol, Vértigo Films, Versus Entertaiment, Wanda Visión e Cameo. Conta ademais coa participación e colaboración de empresas cinematográficas como Metropolitan FilmExport e LMC, a compañía de deseño online Vostok e a compañía Brightcove, líder de mercado na xestión, aloxamento e reprodución de vídeos en liña.

Sendo ambas entidades moi diferentes en canto ao contido que ofrecen e o seu marco de actuación, as dúas veranse afectadas por esta nova lei de distintos modos. Como mencionamos anteriormente, con esta medida o 30% do contido dos seus catálogos deberá ser europeo. Aínda así, isto non significa que estas obras deban estar realizadas exclusivamente na Unión Europea, senón que poderán provir de todo o continente, incluíndose tamén neste cupo as coproducións con outros países que cumpran determinados requisitos. Ademais, non se precisa a produción propia, senón que poderán adquirir ou encargar contido alleo. A aplicación do regulamento varía duns lugares a outros, dándose o caso de que esta porcentaxe mínima do 30% pode ser incrementada ata o 40%, se os países membros da UE así o desexan. Estes estados poderán engadir unha subcuota de contido nacional, unha medida xa aplicada por Alemaña e que Netflix efectúa nese país. As novas normas tamén traen consigo que os países poidan esixir ás plataformas a súa contribución con financiación á creación e desenvolvemento de producións audiovisuais europeas, xa sexa mediante a inversión directa en contido ou contribuíndo aos fondos nacionais. No caso do Estado español, as televisións privadas xa teñen a obriga de destinar o 5% dos seus ingresos á produción de cine nacional, subindo a porcentaxe ao 6% para ás emisoras privadas.

As grandes cadeas de televisión españolas pasan o exame sen problema, acadando e sobrepasando a porcentaxe esixida pola UE. No caso de Netflix, non está lonxe de adecuarse ás cifras respecto ao contido europeo. Ademais, no caso concreto do Estado español, son moitas as series e películas que xa ten estreado ou que ten en proceso de produción. Algúns exemplos son Las chicas del cable (Bambú Producciones, 2017), Paquita Salas (Javier Ambrossi e Javier Calvo, 2016), Fe de Etarras (Borja Cobeaga, 2017), Élite (Carlos Montero e Darío Madrona, 2018) ou La casa de papel (Álex Pina, 2017). Respecto a Filmin, atopámonos nun caso similar. A plataforma caracterízase por afastarse de ofrecer contidos exclusivamente estadounidense e optar por unha selección de cine moito máis variada en canto nacionalidades. O cine europeo é un habitual da comunidade Filmin, tendo títulos de todas as épocas de cine do Antigo Continente.

Imaxe do proxecto da sede de Netflix en Madrid.

Imaxe do proxecto da sede de Netflix en Madrid.

Cal será a actuación e estratexia de ambas empresas a longo prazo, de cara ao futuro?

No referido a Netflix e centrándonos no caso español, está en proceso de construír unha gran sede de produción en Madrid, a primeira en chan europeo, na que se prevé que intensificará a súa actividade de produción propia “made in Spain”. Esta sede, situada na Cidade da Tele, será xestionada polo grupo Secuoya e conta con tres platós insonorizados de enormes dimensións. Netflix anunciou que centrará aquí a súa produción en castelán dos próximos anos, incluíndo títulos xa existentes, novas creacións, produción propia e series e filmes producidas por asociados. Esta elevada inversión da entidade no Estado español trae consigo un enorme desenvolvemento audiovisual no sector así como unha gran oferta de postos de traballo, 13.000 para ser exactos son os que anuncia a empresa, entre equipo técnico, reparto e extras. Aos grandes títulos dispoñibles ou de actual produción que mencionamos anteriormente, súmanselle novidades como a nova película orixinal Elisa y Marcela (Isabel Coixet, 2019); unha nova serie documental orixinal titulada Los crímenes de Alcásser (Bambú Producciones, 2017); ou os novos acordos con Álex Pina, creador de La casa de papel (a serie de fala non inglesa máis vista da plataforma) e as coproducións e acordos con produtoras e cadeas españolas que lle proporcionan, a través de recentes consensos, acceso preferente ás series dramáticas de Atresmedia, con Fariña (Bambú Producciones, 2018) e La catedral del mar (Jordi Frades, 2018), as cales lanzará a nivel global.

Mentres, no caso de Filmin, o futuro é máis incerto. Esta plataforma adquire contido ou colabora de xeito discreto en determinadas producións, pero non ten filmes ou series de produción propia. Isto quere dicir que os altibaixos que sufriu nos últimos anos respecto a inestabilidade e perdas económicas poden reaparecer. Cabe destacar tamén o marco de actuación reducido de Filmin (Estado español, Portugal e México) fronte á presenza de ámbito mundial de Netflix. Poderíase dicir que, a curto prazo, ambas plataformas poden respirar tranquilas mais, a longo prazo, Filmin deberá fortalecer a súa estratexia.

Mais, non é ouro todo o que reluce. Que traerá consigo, ademais destas promesas de grandes contidos audiovisuais, está inversión de Netflix en novos produtos cinematográficos? É ben sabido que, normalmente, todo filme no que esta compañía audiovisual se involucra a nivel de produción, compra ou distribución, é un filme que, practicamente seguro, non pisará as salas de cine fóra de contados festivais. Son moitas as polémicas que suscita a plataforma por este tema, sobre todo dentro da xente do propio sector, pero tamén cada vez máis entre o gran público. As últimas edicións do Festival de Cannes estiveron caracterizadas por unha gran tensión e conflito entre a directiva francesa e Netflix, debido ao paradoxo que supuña a posibilidade de premiar filmes que non ían pasar polas salas de cine. Todo isto provocou un cambio de normativa do evento, no que non permitirán o acceso a competición a obras que non se estreen en salas francesas, e a unha edición de 2018 sen películas da plataforma no seu programa. E é que a estratexia de Netflix recae no visionado streaming, non no das grandes pantallas, algo que ve xa como cavernoso e en proceso de desaparición e ao que recorre minimamente e só por obrigación para que os filmes que produce poidan optar a unha candidatura aos Oscar. Isto deriva en que nos últimos tempos películas sublimes e de enorme categoría como Roma (Alfonso Cuarón, 2018), distribuída por esta empresa, non estea chegando nin probablemente chegue, a moitos cines. É correcta esta mentalidade e estratexia de Netflix? Non estará adiantándose aos acontecementos e descartando axiña a “sala de cine” como un espazo de importancia para a cultura cinematográfica? Ou é que pretende colaborar en rematar con elas o máis rápido posible para o seu beneficio económico?

Presentación de Roma no pasado Festival de Venecia.

Presentación de Roma no pasado Festival de Venecia.

Filmin opta por unha actuación diferente. Numerosas distribuidoras españolas están detrás desta entidade, a cal opta por colaborar na promoción de filmes e no seu movemento, así como na colaboración con grandes festivais. Asemade, estes festivais adoitan ofertar por un tempo limitado a posibilidade de visionar a súa programación en Filmin unha vez finalizado o evento, poñendo á dispoñibilidade de calquera subscritor unha selección de películas aos que non terían acceso se non asistiran ao lugar das proxeccións. A propia plataforma organiza dende fai case unha década un festival online de cinema chamado “Atlántida Film Fest”. Ademais, é cada vez máis común que as películas independentes españolas máis soadas, unha vez rematado o circuíto de festivais e o seu pase por salas comerciais, decidan escoller a Filmin como web clave para ofertar o seu produto para o visionado online. Evidentemente, como podemos comprobar, Filmin non descarta en absoluto polo de agora a valoración da sala de cine e dos propios festivais e combina bastante ben este mundo co mundo streaming.

Está claro que non podemos prever o futuro nin adiviñar cales van ser os pasos exactos que as plataformas online audiovisuais darán a partir de agora. A Comisión Europea puxo as cartas sobre a mesa tentando regular aos grandes xigantes mundiais e obrigándoos a investir na cultura e no produto audiovisual europeo. Parece, atendendo aos estudos, que Netflix e Filmin non terán moito problema en cumprir os requisitos da CE e se a estratexia de produción no Estado español segue adiante, o sector audiovisual verase beneficiado neste sentido. Mais haberá que estar atentas en como se desenvolve todo o proceso e se poderemos seguir gozando de grandes filmes sentadas nunha butaca.

Comments are closed.