CLERMONT 2019: LABO(RATORIO) DIVERSO E REFRESCANTE (1/2)

Last Year When the Train Passed by

Un ano máis, o festival de curtas de Clermont-Ferrand permitiunos coñecer na súa sección Labo as últimas tendencias do cine máis próximo á vangarda e á experimentación. Nunha selección ecléctica, na que colle todo o que se saia dos camiños narrativos tradicionais, atopámonos nesta edición cunha alta presenza de cine do real, na que advertimos a vontade de reflexionar sobre a creación e recepción das imaxes, alén de rexistrar a realidade mesma, unha tendencia que se estende á tradición do cine de apropiación, cuantioso tamén en Clermont. A animación adoita estar moi repartida nas seccións do festival clermontois, mais esta vez sacaba peito cunha variedade de técnicas e estilos moi sorprendentes neste programa. E, por último, as ficcións xogaban coa abstracción das regras coñecidas dos xéneros para furgar nas expectativas do espectador, como vén sendo condición na sala Boris Vian.

No documental de rexistro, varias propostas incluían novidades na tradición do cine directo. Malanka (Paul-Louis Léger Pascal Messaoudi, 2018), sobre unha especie de Carnaval que celebra o Oso como figura mitolóxica á que render preitesía nunha rexión de Ucraína pegada a Romanía, achegábase ao xénero cun tratamento sonoro de elementos fantásticos e a ralentización da cámara; como tamén o facía un filme que ben podería terse proxectado en tándem con este, Krzyzoki (Anna Gawlita, 2018), rodado igualmente en branco e negro e con ralentís na edición, neste caso sobre unha tradición de adestramento de cabalos para unha carreira popular en honor a Xesucristo.

Varios destes rexistros retrataban comunidades e festas, ben fose de forma moi frontal, aínda que ás veces cun punto de certa abstracción, como en Acadiana (Yannick Nolin, Samuel Matteau, Guillaume Fournier, 2018), sobre unha maratón de inxestión de langostas nunha vila de Norteamérica; ou Shooting Stars (Magdalena Jaroszewicz, 2019), moito máis elusiva e que ben podería confundirse coa prima polonesa de Lois Patiño, pois nesta fita filma como rapaces tiran petardos nunha festa con teleobxectivos, escudriñando tamén as forzas da orde que manteñen a paz ante posibles altercados. Estes ollos aparentan ser os dun gran irmán dun opresivo estado policial, polo que pode realizarse unha lectura política dun filme áspero e inmersivo, quizás a máis ruturista destas apostas observacionais.

Moito máis sinxelo no seu punto de partida, aínda que o máis destacable dos documentais filmados que puidemos ver no festival, resulta a nova obra do taiwanés Pang-Chuan Huang, gañador aquí o ano pasado desta sección con Retour (2017) e que volve ás vías do tren con Last Year When the Train Passed by (2018), repetindo Gran Premio nesta edición. A premisa é moi simple, o resultado excepcional. Huang toma fotografías de casas que resisten en torno á vía dun tren en paisaxes onde elas soas se erguen ante belas paraxes naturais, ou onde aguantan o avance dunha industria a piques de engulilas. Un ano despois volve e fílmaas, introducíndose nelas para captar as súas sutilezas en movemento, os pequenos detalles, os arredores. Toma declaracións as persoas que as habitan, mais non as mostra en cámara, deixándoas só oír nunha narración que ten un ritmo melódico e moi poético, case coma un mantra. Os silencios e o tratamento sonoro, o traqueteo do tren, mergúllanos nunha viaxe ao pasado, a unha sorte de historia eterna do íntimo, nun estilo que nos recorda ao de Apichatpong Weerasethakul, aínda un pouco en bruto, mais no que se intúe un grandísimo talento, neste mozo taiwanés formado na Sorbonne e agora en Le Fresnoy, escola onde realizou as dúas curtas citadas.

Toda a delicadeza do taiwanés contrasta coa pastosa ratatouille coa que decidiron abafarnos os programadores, única corta disonante dunha selección magnífica, a aberrante Excess Will Save Us (Morgane Dziurla-Petit, 2018). A sala ao principio contíñase, despois deu renda solta aos seus peores impulsos e estalou a rir. O respecto ao filmado é algo moi importante para quen queira facer cine, sobre todo se se presenta como documental. Esta historia retrata a comunidade dunha pequena vila de Francia onde houbo unha falsa alarma de atentado yihadista. Os veciños contan a anécdota, que podería ser de por si graciosa, mais a directora non se contenta con rir con eles, senón que se ri deles. O seu acento “un peu drôle” de “paysan” é intensificado ata a náusea, tomando as declaracións onde la variante dialectal e a linguaxe popular se fai máis evidente. Sácaos dando unhas explicacións ridículas que non veñen ao caso, saíndose pola tanxente con exaltacións políticas máis ben pouco fundadas ou literalmente poñendo en escena a dous homes inhalando o fume dun tractor ou a un vello senil facendo que dispara os terroristas co seu bastón. Definila de grotesca é quedarse curto, sinxelamente é abxecta. A estratexia de Bienvenidos al norte (Bienvenue chez les Ch’tis, Dany Boon, 2008) documental pode funcionarlle en Francia polos choques culturais, mais rirse a costa destes paisanos, tachándoos de “paletos de pueblo” é algo que debera ter disuadido a todo programador de incluíla en ningunha competición. O diario local falou moi positivamente dela. Quizais estoume perdendo algo, quizais sexa algo cultural.

All Inclusive (Corina Schwinbruger Ilic, 2018) saía un pouco desta temática de comunidades, aínda que non de festas, ao adentrarse nun transatlántico de luxo onde apenas é necesario colocar unha cámara que capte con planos moi abertos as actividades que se levan a cabo nel para darse de conta da vacuidade que se celebra nesas moles. Esta peza funciona así como a versión curta, directa e irónica da máis complexa e ensaística Film socialisme (Jean-Luc Godard, 2010), aínda que resulta igual de mordaz. A fin da civilización. Ben poderían afundirse cal Titanic.

Our-Song-to-War

Sensibilidade cara os pobos nativos

Nun festival onde o país convidado foi Canadá e se dedicaron proxeccións ás Primeiras Nacións, en Labo tampouco se esqueceron de poboacións nativas en dúas propostas colombianas de non ficción que refrescaron un pouco a carga experimental e observacional da sección. Our Song to War (Juanita Onzaga, 2018) e María de los Esteros (Eugenio Borrero, 2018) trasládanos ao río Bojayá e a un manglar de Cali respectivamente para ofrecernos unha aproximación de carácter espiritual e fantástico, dentro do marco do real, a comunidades onde a pegada do pasado está presente. Na primeira, o ritual mortuorio “novenario” lévase a cabo para asegurar que os espíritos malignos non volvan de entre os mortos. Nunha poboación marcada pola violencia das FARC, este rito adquire unha dimensión política mais tamén transcendente, que a directora remarca mergullándonos coa súa cámara aos poucos con longos planos secuencia polo curso do río. O seu obxectivo intérnase nas poboacións para captar rostros e costumes, sobrevoar entre os nenos e captar os asubíos das lendas. Tras The Jungle Knows You Better Than You Do (2017), seleccionada na Berlinale, e con esta, presente na Quincena dos Realizadores de Cannes, Onzaga perfílase como unha das novas grandes promesas do cine colombiano. María de los Esteros é unha película que lle da a man. Nesa cala de Cali, rexión que nos deu grandes cineastas en anos recentes como Camilo Restrepo, a marea sobe e baixa, as mulleres recollen marisco e resístense a deixar unha terra que lles pertence, ancestral. Entre os tocóns e as enredadas raíces das árbores, traspasando as ramas dunha frondosa selva, chegan as voces dos ancestros. Se a evocación de Onzaga é a través dos movemientos de cámara e a luz, aquí o deseño de son fai o propio para remarcar esa mesma mensaxe.

Nesta liga da non ficción xoga tamén a estilizada The Sound of Falling (Chin Yu Lin, 2018), que forza o espectador a completar unha narración preguiceira sobre a que apenas se nos ofrece información e que mostra un home traballando, en labores rutineiras ou en tempos mortos en distintos momentos da xornada.

Aínda que quizais o cine do real máis orixinal da sección o proporcionase aquel que non necesitou filmar un só plano para erixirse no máis relevante. Stratum (Jacob Cartwright, Nick Jordan, 2018) é unha desas películas que toma metraxe de arquivo, combinado con filmacións da paisaxe actual, para, con inspiración markeriana na voz en off e o mesmo ton de ciencia-ficción de La jetée (Chris Marker, 1962), construír a historia dunha mina de carbón en Bélxica xa en desuso. Mais as dúas películas con esta técnica de apropiación que nos conquistaron foron The Migrating Image (Stefan Kruse, 2018) e Swatted (Ismaël Joffroy Chandoutis, 2018) –Premio Especial do Xurado–. A primeira trata a crise dos refuxiados no seu momento máis álxido, en 2015. Proponse recompilar e clasificar todas as imaxes en bruto que se producen do evento, dende as que están dispoñibles por satélite, ata as que ofrece Salvamento Marítimo, as gravadas polos propios refuxiados cos seus móbiles ou as producidas polas redes sociais, entre tantas outras. Kruse pregúntase quen produce as imaxes, por que se filman ou producen desa xeito, que formato e textura teñen, como se presentan, cales son as súas intencións e receptores e, finalmente, como se manipulan. Unha das grandes secuencias da película consiste na análise dun plano dun dron con varios refuxiados cruzando a fronteira dun país do leste de Europa. Tras iso, Kruse parte a pantalla en nove e multiplícaa, reproducindo como, tras ser vendidas as imaxes a unha axencia de noticias, se transmitiron en nove medios internacionais diferentes. En absolutamente todos eles existe unha manipulación das imaxes para facelas máis impactantes. A palma lévaa Sky News, saturando as cores e realizando recortes sobre o plano. Así, sen filmar un só plano, The Migrating Image fala mellor sobre a produción e recepción de imaxes en torno á crise dos refuxiados que ningún outro documental que este cronista tivera ocasión de ver.

O termo “swatted” consiste en facerse deter en directo polos SWAT estadounidenses mentres se retransmite en streaming, normalmente a partida dun xogo de acción. Chandoutis realizou para esta curta unha importante investigación na que recolle testemuñas de persoas que foron vítimas desta estafa, levada a cabo por hackers que se aburren nas súas casas e o toman coma un reto ou entretemento, a xeito de troleo a usuarios das redes nas que participan. O director toma estes off e ilústraos coas detencións en directo capturadas en pantalla, xunto a diferentes secuencias de videoxogos utilizados polos internautas. Dúas realidades moi claras, por moito que unha sexa virtual, dous temas de extrema actualidade, dúas películas moi relevantes que non necesitaron filmar nin un plano para erixirse, xunto con Last Year When the Train Passed by, no máis destacable do cine documental visto en Clermont-Ferrand.

Segue aquí.

Comments are closed.