Cinefilia & crítica na rede: Un debate dixital (I)
En maio e xuño de 2006 Miradas de Cine publicou un completísimo dossier sobre crítica cinematográfica que analizaba, a través de máis dunha quincena de entrevistas e unha decena de artigos de opinión, “o estado das cousas” no mundo da crítica tralo primeiro lustro do novo século. Naquel amplo estudo, referencia indispensable para moitos dos cinéfilos hispanofalantes da era dixital, comezaba a atisbarse (aínda que aínda dun xeito tanxencial) unha das cuestións que máis interrogantes suscitou durante os últimos anos no cosmos cinematográfico: a influencia de Internet á hora de xerar unha nova cinefilia, renovar a experiencia cinematográfica e reconstituir a práctica da crítica de cine.
Así, na primeira entrega daquel dossier Manu Yáñez Murillo afirmaba na súa reportaxe ‘Sobre una crítica internacional’ que Internet abrira “a posibilidade de expresar reflexións e impresións dende unha nova terra de ninguén”. O australiano Adrian Martin, pola súa banda, consideraba que a rede redibuxara o “mapa do cine global”, dispersando o influxo dunha “autoridade” que ata entón estivera “demasiado estreitamente circunscrita a un puñado de cidades, revistas, festivais e críticos”. Mentres que Jonathan Rosenbaum, con todo, previña tamén dos riscos que pode ocasionar a imprecisión da criba que impón a rede de redes: “algúns dos máis valiosos críticos están perdidos para a historia porque os seus artigos máis relevantes non apareceron aínda online (…) e cando deixamos que a nosa tecnoloxía faga as nosas eleccións críticas por nós, chegamos a estar mutilados polas consecuencias”.
Dende a publicación deste dossier, fai xa media década, Internet foi introducíndose con crecente frecuencia e influencia nas discusións en torno ao presente da crítica cinematográfica, orixinando traballos tan significativos como a reportaxe ‘Film Criticism in the Age of the Internet: A Critical Symposium’, publicado pola revista Cineaste no outono de 2008.
Con motivo do especial sobre crítica que publicamos na sección Panorámica do presente número d’A Cuarta Parede, quixemos invitar a participar nun debate a colegas de diferentes medios especializados que, ó igual que a nosa novísima revista, naceron con e en Internet. Así, organizamos un debate dixital a través de Facebook (con todas as vantaxes e inconvenientes que iso constitúe) no que participaron Óscar Brox (Détour), Gerard Casau (Contrapicado), Fernando Ganzo (Lumière) e Elena Oroz (Blogs&Docs). O obxectivo deste debate era o de deliberar xuntos acerca da función que desempeña a crítica no panorama cinematográfico contemporáneo e o lugar que ocupa no amplo terreo da teoría fílmica, prestando especial atención ao xeito en que foi influenciada polas novas tecnoloxías dixitais como indispensable fonte de información, canle de comunicación e plataforma de expresión.
Deste xeito, editamos dous extensos artigos que reúnen unha selección dos principais asuntos e argumentos que xurdiron durante o debate. No primeiro texto, que incluímos a continuación, os nosos participantes analizan o xeito en que Internet contribuíu á forxa dunha nova cultura fílmica e á mutación da práctica da crítica cinematográfica, propiciando a proliferación de novos medios dixitais como os propios Blogs&Docs, Contrapicado, Détour ou Lumière. Así, os catro explican os motivos e circunstancias que posibilitaron o nacemento das súas respectivas revistas, así como, especialmente, o modo en que cada unha delas incorporou as potencialidades que ofrece Internet. O segundo artigo, que publicaremos no noso próximo número, céntrase en determinar as funcións que debe cumprir e os retos que debe asumir a crítica cinematográfica contemporánea, así como a discusión sobre cuestións como a disolución dun modelo de cine “único” ou as consecuencias da atomización no campo de crítica provocada pola asequibilidade da rede.
Dende a dirección d’A Cuarta Parede queremos agradecer a participación e implicación nesta iniciativa a Óscar Brox, Gerard Casau, Fernando Ganzo e Elena Oroz, a quen cedemos a palabra a partir deste momento reproducindo a primeira parte dun debate no que a nosa función limitouse a propor e estimular temas de discusión, pero cuxa evolución foi determinada polo compromiso e as inquietudes dos propios participantes.
En primeiro lugar, pedímoslles que nos explicasen a conxuntura e motivación que orixinaron o nacemento das catro revistas, así como os obxectivos e labores que asumiron cada unha delas:
ÓSCAR BROX: Détour xurdiu como a continuación dun proxecto de revista que acabaría frustrándose. Tiñamos moi claro que queriamos crear un medio que aspirase a recuperar unha serie de valores que se diluíran na escritura cinematográfica. A nosa intención era a de devolver á escritura o peso das emocións e as intuicións, facer pública esa escritura íntima e privada e utilizala como unha ferramenta perfecta para transmitir a nosa idea do que significa o cine. Non confiamos demasiado nas liñas editoriais, polo seu potencial para acabar encerrando a unha revista nunhas coordenadas determinadas, polo que preferimos fomentar o intercambio de ideas, o diálogo, a conversación e o pensamento entrecruzado. Por experiencia, esta é a clase de vía que máis enriqueceu e contribuíu ao noso xeito de ver e entender o cinema.
ELENA OROZ: Blogs&Docs xurdiu en 2006 da unión de dous blogs adicados ao documental (reserovoirdogs, de M. Martí Freixas e cinedocumental.com, meu). Ámbolos dous estabamos interesados no documental de creación e criamos que había un importante oco que era necesario encher. Así foi como creamos a primeira revista dedicada ao cine de non ficción.
Non queriamos centrarnos nas estreas de cine, xa que criamos que o máis interesante estaba pasando fóra das salas: en festivais, en museos, en proxeccións en centros cívicos ou nalgún programa televisivo. Por iso, desde o principio, decidimos “dilapidar xerarquías”. No noso primeiro número, por exemplo, falamos de autores como Andrés Duque, Gustav Deutsch, Adán Aliaga ou Joaquím Jordà.
Eramos un grupo de xente formada no Máster da UAB e a maioría querían facer documentais, non escribir sobre eles. Por iso, en certo xeito, gústame pensar que Blogs&Docs tamén foi unha plataforma para xente que quería escribir sobre documental. Como empeño persoal, tamén era importante para min que escribisen mulleres na revista. Queriamos ser un medio paritario e romper a dinámica deste país, onde o 95% dos críticos son homes.
GERARD CASAU: Contrapicado naceu a principios de 2005 co nada heroico propósito de ter unha coartada para acreditarse no festival de Sitges, cun equipo de edición formado por Stefan Ivančić, Daniel Ureña, Carlos Balbuena e Enrique Aguilar. Eu comecei a colaborar na revista a finais de 2006. Tras unha serie de reorganizacións internas, chegamos á situación actual, con Enrique Aguilar e Albert Elduque como editores e un consello de redacción formado por Cloe Masotta, Manuel Garín e eu mesmo.
O nome da revista mantense, pero cambiou a súa aparencia e funcionamento, ademais de matizar a súa filosofía para afastala progresivamente do seguimento estrito da actualidade e centrarse nunha idea máis global da escritura sobre cine. Un dos puntos fortes da revista é a disparidade de voces que nela habitan. Así, o primeiro número desta nova etapa ten como texto central unha serie de reflexións sobre esa íntima revelación cinematográfica da que fala Alain Bergala, algo que se pode ler como unha declaración de intencións.
FERNANDO GANZO: Resposta típica: Decidimos crear Lumière porque non había ningún medio no que tivésemos gañas de participar. Non existía xesto crítico forte algún na prensa española, nin un medio que abordase plenamente as películas que nos interesaban.
Resposta atípica: Creamos esta revista para, entre nós, enriquecernos mutuamente a través da escritura, o cal viña a ser, ao noso modo de ver, unha forma de completar a nosa experiencia cinematográfica.
O momento determinante para o nacemento de Lumière foi unha edición do festival de Xixón na que coincidimos varios de nós. Pode ser importante saber que, do núcleo que compuxo a revista, todos eramos “de provincias”, polo que creo que o xesto de dar nacemento a algo común ten aínda máis significado. En consecuencia, propuxémonos unha liña editorial na que intentamos ligar unha inquietude polas películas sobre as que traballamos cunha esixencia no nivel da escritura, permitindo así a manifestación de pensamentos máis sólidos, que vaian máis aló do mero comentario individual de películas.
A continuación pedimos aos nosos participantes que nos explicasen o xeito en que cada unha das revistas incorporara e explota as ferramentas que posibilita Internet, así como as posibilidades e os desafíos que ofrece a rede fronte ao papel.
ELENA OROZ: Unha das prioridades que establecemos ao crear Blogs&Docs foi utilizar todas as potencialidades de Internet, algo que tivemos moi en conta á hora de deseñar os nosos contidos. Así, optamos por facer as entrevistas en vídeo, ademais de ter unha sección (Docs on line) que sirva de escaparate a documentais que se poden ver na rede ou proxectos xurdidos por Internet. Tamén ideamos a sección Vlog. A idea foi sinxela: se as revistas en papel teñen unha foto de portada, nós teriamos un vídeo de portada. Co paso do tempo esta sección foi cobrando importancia e converteuse nun escaparate para creadores independentes que nos parecen fundamentais. A miúdo son pezas híbridas, moitas veces máis próximas ao experimental que ao documental e que destacan quizais polo seu carácter lúdico.
ÓSCAR BROX Ao levar pouco tempo de vida, aínda estamos a descubrir as posibilidades que ofrece a rede para comunicar e difundir os nosos contidos. Con todo, plataformas como Facebook ou Twitter permítennos crear unha rede que nos sirva como soporte e canle de todas as actividades que teñen lugar na revista. O feito de que sexa un soporte que garanta a inmediatez fomenta que as revistas se desenvolvan máis rápido, púan máis rápido os defectos e poidan ofrecer contidos máis interesantes a medida que avancen número a número.
É evidente que unha revista dixital non pode funcionar xamais como unha revista en papel subida á rede, polo que dedicamos un tempo importante a trasladar a experiencia da lectura dun formato a outro. Non queremos fallar nese punto, xa que fallar na noción de lectura en Internet significa defraudar a quen escribe.
GERARD CASAU: Até agora Contrapicado non ofrecía demasiadas posibilidades no que se refire a feedback, algo que pretendemos que cambie co novo deseño da revista. Nesta nova etapa da revista abriremos un blog que funcionará en paralelo á web e servirá de apéndice e complemento aos contidos da revista. Nel haberá textos máis breves e espontáneos, ligados ao que ocorre no presente, e mesmo alleos ao estritamente cinematográfico. Será un espazo orgánico, máis axeitado para que se estableza o feedback e o diálogo. As discusións sobre cinema sempre serán máis interesantes nun bar e, aínda que a tecnoloxía aínda non nos permite servir cañas virtuais, gustaríanos que o blog fose ese espazo orgánico no que xorden digresións sobre o divino e o humano.
FERNANDO GANZO: A pesar da súa grande utilidade, Internet non é máis que outra ferramenta. Ó fin e ó cabo, o punto forte da crítica é a escritura. No noso caso a incidencia é aínda menor posto que o núcleo da revista é o exemplar en pdf que todo o mundo pode descargarse, imprimir e ler de forma corrente.
O que si achega Internet é unha maior esixencia, principalmente por tres vías:
a) Soportes: a posibilidade de incluír vídeos fainos sentir a responsabilidade de falar cos cineastas, de gravalos e crear un traballo de documentación.
b) Difusión: a inmediatez das crónicas establece unha relación distinta co lector, permitíndolle intervir a nivel de reflexión en plena evolución do evento.
c) Arquivo: a posibilidade dun almacenamento, dun posible servizo de documentación, sempre extensible. É o caso do noso site Straub/Huillet.
A modo anecdótico, quero sinalar a constante imprecisión que exercemos ao responder este tipo de preguntas sobre a rede, ignorando a achega do correo electrónico, a máis decisiva que deu Internet, a que máis condicionou o traballo cotián. Canto tempo nos pasamos contestando correos cando poderiamos estar a ver películas!
ÓSCAR BROX: É certo que o correo electrónico quita tempo e impón certa disciplina, pero é unha ferramenta imprescindible para reforzar ese sentimento de pertenza que necesitan redaccións deslocalizadas como as que forman a maioría de revistas dixitais. A comunicación por mail, chat ou calquera outro sistema promove a posibilidade de unir lazos, profundar en gustos compartidos e, sobre todo, explicitar os obxectivos. Consolidando un grupo, xerando os suficientes estímulos como para que os seus membros se identifiquen e fagan seus os obxectivos, porque así o queiran, conséguese superar esa etapa crítica na que a revista está sumida no maremágnum de reivindicar a súa identidade.
ELENA OROZ: Coincido con Fer en dous aspectos que considero fundamentais: os custos e a cuestión do arquivo: o mínimo custo e a flexibilidade da ferramenta permiten a creación destas iniciativas amateur e que se poidan compaxinar coas nosas múltiples actividades laborais e/ou académicas.
Con Internet as fronteiras son unicamente as lingüísticas e no noso caso temos bastantes lectores e subscritores de América Latina. Conscientes diso, na medida das nosas posibilidades, tamén tratamos de prestar especial atención ao documental latinoamericano. A posibilidade de crear redes e realizar un traballo máis exhaustivo neste sentido é algo que temos en mente.
O arquivo tamén nos parece un factor fundamental. Boa parte dos nosos lectores chegan ao medio a través dos buscadores. A lóxica por tanto non é a da substitución (un número por outro), senón a da acumulación. É algo que permite que os contidos sigan “vixentes”.
FERNANDO GANZO: Internet, nese sentido, empuxa á esixencia de ser inquietos. Lembro a historia (talvez con inexactitude) de que cando Godard aínda escribía en Cahiers du Cinéma fixo unha viaxe (creo lembrar que a Canadá) e viu unha película. Chamou á redacción e dixo que ía escribir sobre ela, a pesar de ser unha película que seguramente non tería difusión. Escribiu sobre ela sabendo que, probablemente, ningún lector da revista vería a película, e que, no mellor dos casos, tardarían anos en vela. A película era Scorpio Rising.
ÓSCAR BROX: Sen dúbida os contidos que xeramos son os que, antes ou despois, definen a identidade dos nosos respectivos proxectos. Fronte á inmediatez de Internet hai que recalcar o carácter aberto das revistas. Nese sentido, considero unha prioridade fomentar o feedback entre os mesmos contidos da revista, é dicir, que se mostre ese desenvolvemento ou ese camiño que tomamos e que modulamos en cada novo número. Non se debe aceptar a cláusula do “xa está todo dito”, porque desa maneira só abonamos o carácter consumible dos nosos contidos.
ELENA OROZ: Paréceme que a cuestión máis problemática é a da inmediatez. É algo que nos preguntamos de cara a renovar a revista e cambiar a súa periodicidade. A nosa intención a partir de xullo é que a revista sexa bimestral, o que nos permitirá privilexiar a análise e ser máis reflexivos. Neste punto gustaríame citar algunhas cuestións que expuña o colectivo Zemos98, no que considero un certeiro diagnóstico do noso panorama cultural: “É o overbooking cultural un novo problema das cidades contemporáneas? Estamos a reflexionar ou estamos a xerar artificios reflexivos? Debe o pensamento crítico facer mercadotecnia de si mesmo? Por que nos atrae o novo? Escribimos a nostra propia historia o xeramos consumibles comunicativos?Queremos chegar antes o ir máis deprisa? Custa cada vez máis pensar?”.
De cara a unha segunda etapa na nosa revista, tratamos de responder a estas cuestións asumindo algúns dos retos da crítica contemporánea:
– A necesidade de especialización, por iso é polo que abordamos fundamentalmente a non ficción.
– A necesidade de reflexión, de aí a nosa nova periodicidade.
– A necesidade de situarnos a partir da nosa contorna máis inmediata (de aí a importancia que se presta ao audiovisual estatal).
– Ofrecer novas perspectivas teóricas e críticas, trasladando os debates teóricos máis importantes en torno ao documental que teñen lugar fóra das nosas fronteiras a un contexto local.
Pola súa propia particularidade, no documental converxen aspectos que son artísticos, sociais e políticos. Por iso, contemplamos as películas documentais como artefactos culturais nun sentido amplo.
Para ler a segunda parte do debate, fai click aquí
__________
ÓSCAR BROX nace en Valencia en 1983. Tras licenciarse en filosofía dedícase a perseverar na escritura. Ademais de ser co-editor da revista Détour participa en revistas dixitais como Miradas de Cine ou Shangri-La, e colabora cos libretos críticos de Avalon.
GERARD CASAU nace en Barcelona en 1985. Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universitat Pompeu Fabra, actualmente está a cursar o Máster en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneos na mesma universidade. Busca profundar nas posibles relacións entre cinema e música, as súas dúas paixóns. Forma parte do consello de redacción da revista en liña Contrapicado e colabora regularmente en Rockdelux, tanto na edición papel como con pezas para a súa web. A súa firma tamén apareceu en publicacións como Blogs&Docs, Dirixido por…, Miradas de Cine, Time Out Barcelona ou Transit.
FERNANDO GANZO nace en Santander en 1982 e reside en París desde 2008. É codirector da revista Lumière e colaborou igualmente con outras publicacións, como Trafic e Vertigo. Investigador da universidade do País Vasco, é tamén autor de varias curtametraxes (a último delas, Je l’entends encore, unha adaptación libre de Jean Cayrol), e dunha longametraxe (Les vieilles chansons).
ELENA OROZ nace en Soria en 1978. Estuda Comunicación Audiovisual coa intención de converterse en xornalista radiofónica ata que en cuarto de carreira descubre que a realidade vese mellor enmarcada nun monitor. Isto levouna a cursar o Master en Documental Creativo da UAB (onde quedou fascinada por Bill Nichols e as súas modalidades de representación) e, desde entón, o seu traballo permaneceu vinculado ao documental: como produtora, guionista, docente e crítica. Co-fundadora e co-directora da revista en liña Blogs&Docs, tamén colaborou coas publicacións Secuencias. Revista de Historia do Cinema, Cahiers du Cinema. España, o suplemento Cultura/s da Vanguardia, e nos libros Cine directo. Reflexiones entorno a un concepto (Madrid: T&B, 2008), Realidad y creación en el cine de no-ficción (Madrid: Cátedra, 2010) e .doc (San Sebastián, 2010). É co-editora dos volumes La risa oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor (Madrid: Ocho y medio, 2009) e Lo personal es político. Documental y feminismo (Pamplona: Gobierno de navara, 2011).