O fenómeno do cruising no audiovisual recente
Como ocorre con cada termo que ten a súa orixe no argot ou no slang, custa definir con precisión en que consiste o fenómeno do cruising, mais basicamente supón buscar e practicar sexo con descoñecidos en lugares públicos. Nun principio, estes lugares eran espazos ao aire libre como parques e praias, pero paseniñamente a definición tamén comezou a abarcar urinarios e locais específicos pensados para iso, como as saunas e os bares con cuarto escuro. É un fenómeno que xurdiu entre os homes homosexuais – cando a práctica ten lugar entre heterosexuais, prefírese o termo dogging para referirse a ela.
Durante séculos, estando prohibida e perseguida a sodomía, o cruising era o único xeito para os gais de manter relacións sexuais. Mesmo na época de orgullo post-Stonewall (e malia o auxe da SIDA), na que comezaron a aparecer e visualizarse novos modelos de unións sentimentais equiparables (formal, que non legalmente) ás heterosexuais, o cruising continuou a ser unha das principais vías de socialización do colectivo. O cinema non lle prestou moita atención, e cando o facía non era de xeito moi positivo, preferindo centrarse noutras temáticas e enfoques (máis politicamente correctos ou tolerables para a sociedade ben pensante) cando trataba a homosexualidade. Por iso chama a atención que, tras décadas de seca referencial, entre o ano pasado e este aparecesen dúas películas e unha serie de televisión relevantes que desde latitudes e perspectivas moi diferentes decidan investigar e plasmar esta práctica. Coas súas olladas complementarias, do ficticio ao documental, estes exemplos ofrecen unha fantástica porta de entrada ao neófito para que descubra o que e o como do cruising sen ter que mancharse os xeonllos.
Interior, Leather Bar: unha premisa desaproveitada
A de Interior, Leather Bar (James Franco & Travis Matthews, 2013) é unha das propostas máis interesantes do cinema recente, que con todo quedou desperdiciada por uns autores que non souberon que facer con ela. O principal ideólogo do asunto, o actorciño-metido-a-artista-total James Franco, explica que a intención do proxecto era imaxinar que conterían os 40 minutos de película de Cruising (William Friedkin, 1979) que foron eliminados da montaxe final pola censura e que nunca se volveron recuperar. A hipótese de recrear esas imaxes desaparecidas con catalogación X era moi prometedora desde un punto de vista metacinematográfico, e sobre todo desde unha perspectiva queer: a película orixinal fora perseguida polos colectivos gais no seu momento por vela como unha provocación homófoba, e estaría moi ben retomar esa controversia case 35 anos despois para ver como (ou se) evolucionaron as posturas e a sociedade. [Un artigo recente de Álvaro Corazón Rural na revista Jot Down resume moi ben esta polémica].
O problema da fita é que o punto de partida é completamente ignorado e a suposta recreación da metraxe perdida non ocupa nin a quinta parte do produto final, case de raspallón. Interior, Leather Bar acaba por ser un documental que explora o proceso de filmar esa premisa inicial e que dedica o groso do seu tempo a retratar as dúbidas do actor principal, o moi heterosexual Val Lauren, sobre a súa participación nunha rodaxe na que se sente particularmente incómodo. Intúese que a intención era que (a vida, imitando á arte) Lauren reflectise a progresiva asimilación ao ambiente do personaxe interpretado por Al Pacino no filme orixinal, só que pasado nesta ocasión polo filtro da non ficción, algo que filmicamente pode ter o seu aquel; pero non deixa de ser unha mágoa que en pleno século XXI se levanten proxectos que viren en torno ao “pánico homosexual”, esa psicose reactiva tan cuestionada, no canto de a outros aspectos máis relevantes das sexualidades contemporáneas. Nese sentido resulta particularmente desacertada a participación de Franco as himself na película, devido nun gurú que solta unha perorata vacua sobre o conflito entre a liberdade creativa e a censura que deixa claro que no fondo o propósito era chamar a atención e causar balbordo, e non tanto ser consecuente co asunto.
Non todo é un despropósito, menos mal. Algo se nota a man do co-director Travis Mathews, o realizador da ficción pseudopornográfica I Want Your Love (curta, 2010; longa, 2012), un experimento con moito menos high concept pero que capturaba con máis acerto a realidade e a xenitalidade marica dos nosos días. De feito, é evidente que é cousa súa a decisión de incluír os videocastings e entrevistas aos figurantes das escenas de cruising, nas que tipos moi distintos explican que lles impulsa a practicar sexo ‘real’ ante as cámaras. Este recurso lembra moito á súa serie de documentais In Their Room (Travis Mathews, 2009-2013), na que o director elabora magnéticos microrretratos dos gais de distintas cidades (San Francisco, Londres, Berlín…) que se atreven a espirse (física e metaforicamente) ante o seu obxectivo. Personificar e darlles voz aos que noutro contexto serían os meros anacos de carne do fondo para que poidamos empatizar con eles e comprender o fenómeno do cruising desde dentro é o gran acerto que se coa entre as fendas desta idea mal aproveitada.
Looking: as novas xeracións
A secuencia coa que se abre Looking (2014), a serie da HBO desenvolvida a medias por Michael Lannon e Andrew Haigh (si, o director de Weekend) é toda unha declaración de intencións. Nela coñecemos ao seu protagonista, o case trintaneiro Patrick, avanzando entre os arbustos dun parque (presumiblemente o Golden Gate Park), onde foi practicar cruising por primeira vez na súa vida. Pero en contra do que se podería esperar, a escena non é tórrida nin idílica. Patrick atopa un home maior e non para de meter a zoca: pregúntalle como se chama e tenta bicalo, e o descoñecido indícalle que esas cousas non se estilan nese tipo de encontros. Daquela o descoñecido tenta masturbalo e as súas mans frías incomódano. Patrick aproveita que unha inoportuna chamada interrompe a faena como escusa para fuxir espantado do locus amoenus, non sen antes tropezar e caer entre restos de preservativos usados e clínex. Posteriormente, cóntalles aos seus colegas a anécdota con todo luxo de detalles autoflaxelatorios, que a celebran como se superase un rito de paso.
Esta fantástica secuencia inicial funciona a varios niveis. En primeiro lugar, presenta e sabe caracterizar a esencia do personaxe principal en apenas tres minutos. Posteriormente confirmaremos que Patrick é un inxenuo vacilante de 29 anos que non sabe que quere facer coa súa vida, en particular coa sentimental; pero todo isto queda xa anticipado nese encontro no parque, unha situación incómoda na que se ve envolto por non admitir ou discernir o que busca. A escena tamén serve para definir o que será o ton da serie. Nun produto distinto, o cancaneo sería unha escusa para épater le burgeois cunha ardente coreografía de sexo silvestre entre homes, como seguramente pasaría na moi explícita e melodramática Queer as Folk. Esta serie, en cambio, segue o ronsel dos traballos anteriores do realizador, e nela o sexo é visto desde unha óptica naturalista e non deliberadamente erótica; ás veces, como na vida real, pode haber canivetes nefastos. Na súa presentación dos pre-, inter- e post-coitos, a intención é sempre procurar a identificación do público, non exacerbar a súa lascivia.
Un último nivel desde o que analizar esta secuencia sería o sociolóxico: Looking tenta reflectir os usos e costumes da nova xeración de homosexuais vintaneiros, un grupo que desde o espertar da súa sexualidade tivo á súa disposición as vantaxes que ofrecen internet e as redes sociais para coñecer xente e ligar, e que por iso nunca se viron atraídos ou obrigados a recorrer a tácticas tradicionais coma o cruising. Patrick fíxose perfís en varias páxinas web de contactos, e a súa procura de parellas sexuais é preferentemente ad hominem e non a cegas ou ao azar; por iso é polo que, como el mesmo admitiría no seu relato autoparódico, tivese unha curiosidade morbosa por comprobar se podería ser “dese tipo de gais que van foder ao parque con descoñecidos”. O seu experimento non acaba precisamente ben. No terceiro episodio, Dom e Lynn, outros dous personaxes de 39 e 59, coñécense nunha sauna e comentan como foron mudando os rituais de socialización nos contextos de cruising; “antes aquí a xente falaba”. Para os máis novos, está claro que Grindr substituíu ao cruising tradicional.
L’inconnu du lac: Eros e Tánatos
Se un filme sabe amosar o fenómeno do cruising contemporáneo, ese é sen dúbida L’inconnu du lac (Alain Guiraudie, 2013): plásmao con verosimilitude naturalista e sen moralidades, consegue seducirnos e facernos partícipes dos seus coqueteos entre a follaxe. O microuniverso formado por unha praia lacustre e o seu bosque circundante frecuentados por homosexuais nudistas e promiscuos é máis que un escenario para unha complexo thriller en torno ao desexo: é un marco irreemprazable para este drama particular, un ambiente indisociable dos seus códigos para iniciados (eses ballets de olladas) no que temos o privilexio de introducirnos. Guiraudie, realizador gai e cruiser confeso, non se amedrenta na exhibición explícita do sexo esporádico entre descoñecidos (sería hipócrita optar neste caso pola elipse ou o fóra de campo), e na elección e construción de distintos personaxes soubo dar voz ás diversas posturas en torno ao cancaneo, mais sempre sen xulgalo aprioristicamente.
Mesmo o participante máis disidente da historia, o intruso, un policía que investiga un suposto crime no lago, expresa as súas suspicacias sobre as xuntanzas agrestes dos protagonistas sen condenar as súas prácticas. Pódenlle chocar certas circunstancias destes encontros, como o anonimato e o desapego emocional implícitos, pero non entra a cuestionar nin deslexitimar a súa existencia. Este punto de vista discrepante (que non maniqueo) redondea a exposición do relato, que cun enfoque máis xubiloso podería converterse erroneamente nunha publirreportaxe sobre as alegrías de foder de campo. En troques, deste xeito funciona como un revelador caso de estudo dun ecosistema específico expondo as particularidades (luces e sombras) dunha fauna arquetípica e descodificando os seus rituais de apareamento sen caer no simplismo do etiquetamento taxonómico. Hai activos, pasivos e versátiles, liberais e celosos, un voyeur paxilleiro, algún que outro armarizado, barebackers e profilácticos, e até un hetero perdido. Non todos son personaxes con enxunlla, pero cando menos son máis que caricaturas e estereotipos.
Durante 97 minutos, L’inconnu du lac suxire analiticamente ou analiza suxestivamente o cruising, expón reflexións arredor do balance entre o eros e o tánatos (sexo, morte e perigo son os ingredientes da trama) ou o pulso entre o sexo e o amor (unha ambigüidade que define as dúas principais relacións da historia: a platónica entre Franck e Henri, e a pasional entre Franck e Michel) e déixaas no aire, sen concretar nin ofrecer unha resposta clara a cuestións que non a teñen. Ese é o paradoxo final dunha película moi contraditoria na que continuamente se confunden e mesturan cousas, como as eleccións coas ereccións. Desde fóra pode parecer unha fita descaradamente exhibicionista, talvez porque os protagonistas pasan a maior parte da metraxe espidos e copulando en espazos públicos, mais no fondo é un filme sobre o oculto: os segredos, as mentiras, o que non se di ou non se asume. Ensínase o físico mais agáchase o íntimo. Cos seus apareamentos e flirteos, pode dar a impresión de ser un catálogo de distintas formas de relacionarse, pero o que campa polas beiras do lago é a soidade. Un non sairá incorrupto do visionado.