De periferias e linguas

Doentes_malaga

Parte da equipa do filme Doentes no Festival de Málaga

Hai uns anos, saíndo do pase de prensa de Doentes, de Gustavo Balza, no Festival de Málaga recollín unha conversa allea entre compañeiros xornalistas na que falaban de aquilo que eles calificaban como o “cine autonómico”. Doentes rodouse en galego, como era lóxico adaptando o texto de Vidal Bolaño, e eles amosábanse algo indignados ante aquela afrenta de ter que ver un filme que non estivera en castelán dentro da sección oficial do Festival de Cine Español de Málaga. Podería apostar a que iso non sucedeu cando algún dos filmes que competían incluía partes en inglés. Pero isto último é só unha especulación. Agora o Festival de Málaga é de “cine en español”. Tema resolto.

Pois non, non está resolto. E está moi lonxe de resolverse. Sen autoridade algunha para falar do fenómeno linguístico no estado español, só quero determe na loita que deben facer cineastas para rodar unha produción en España que non sexa en español… ou en inglés. Porque a ninguén lle amola que Bayona ou Amenábar fagan os seus filmes en inglés. A industria manda e Hollywood está permanentemente no horizonte.

Pero esa anécdota do 2011 segue presente. Cando Estiu 1993 recibiu o encargo da Academia española de cine para representar a España nos Óscar 2018 os titulares da prensa xeneralista acudiron ao idioma como recurso. Poderiamos pensar que os acontecementos daqueles días en Cataluña eran a razón, e moito disto será certo, pero buscando algún exemplo anterior atopamos titulares similares coa elección de Pa Negre, en catalán, ou coa estrea de Loreak, en éuscaro. Tal magnitude histórica ten o prexuizo lingüístico no estado español coma para que contamine ao cine, idioma universal.

A escasa normalidade para que o público en España acceda a filmes en versión orixinal acentúase no caso do catalán, eúscaro ou galego. Inflúen as decisións de produción, as das distribuidoras concedendo pouco espazo a estes filmes e por suposto, a prensa. A mentalidade, xa difícil de mudar, vén contaxiada por uns medios de comunicación pouco propicios en centrar os discursos dos filmes no que contan e non en aspectos paralelos coma o idioma no que o contan. Algo similar ao que sucede en cada resumo do ano cando se fala de cinema español: os números son os reis, non a análise cinematográfica.

E chega o momento de rachar co costume. Hai que dicilo con claridade: o mellor cinema español do ano non ten coma lingua a predominante do estado español. Estiu 1993 (en catalán) ou Handia (en éuscaro) son dous dos filmes máis interesantes do 2017, e sucede que o primeiro representa a España nos Óscar e o segundo lidera as candidaturas dos Goya 2018, con 13 posibilidades. Por non falar de que La librería, de Isabel Coixet, rodada en inglés, acadou 12 propostas nos mesmos premios ou que Tierra firme, de Carlos Marqués-Marcet, tamén co inglés coma idioma predominante, é a comedia do ano.

El País, 9/09/2017

El País, 9/09/2017

Así pois, coas precaucións que hai que tomar ante unha análise nun momento puntual coma este, algo está a suceder. A realidade está amosando que mudou aquela idea do cine español de Madrid que corría a facer filmes a provincias porque era máis barato. Cataluña leva anos facéndoo, Euskadi está chegando empurrada pola forza do Festival de Donostia. E, por fin, en Galicia hai un movemento máis que evidente que está deixando atrás vellos tópicos.

A nova xeración de cineastas non se para a analizar se os seus filmes van atopar máis ou menos público pola lingua que utilicen. Algo que sucedía antes, máis aló de casos puntuais que existiron e deberemos valorar na súa xusta medida noutro momento; os novos e novas creadoras están acostumados a ver cine de calquera lugar e con calquera temática, e tendo o galego coma lingua de uso habitual, rodar en galego é algo natural.

Tres exemplos: Andrés Goteira en Dhogs e Anxos Fazáns en A estación violenta. O primeiro pasando pola oficial de Sitges e a segunda coa presentación no Festival de Sevilla. Agardando tamén que Nove de novembro, de Lázaro Louzao, comece o seu proceso de distribución por diferentes festivais. Os tres filmes nomeados son cinema contemporáneo galego no que a lingua funciona como algo natural. Non hai imposicións das administracións, se non eleccións lóxicas no proceso creativo. A elas hai que sumar o caso de Matria, de Álvaro Gago. A curta do director da Arousa funciona aló por onde vai. A identidade é a base dun fenómeno coma este e o idioma é unhas das ferramentas máis potentes nese proceso de identificación. Matria é a Galicia costeira que non se vai ver nas series das canles de televisión que chegarán o ano que vén ás teles xeneralistas españolas. É a Galicia real, coa presión histórica sobre o grupo de poboación máis claramente desfavorecido, as mulleres.

E todo este discurso sobre a lingua vaise potenciar nun 2018 que vén cargado de proxectos fundamentais nesa liña. Os rodados e os que se van rodar. Trote, de Xacio Baño, e Tempo vertical, de Lois Patiño, xa están finalizadas e virán potenciar a idea da que estamos a falar. Porque os dous autores teñen espazo gañado cos seus traballos previos como para aparecer en lugares máis que salientables do cinema internacional. Apuntan a festivais de importancia que poden facer de ponte ao público español. No caso de Trote, a aldea e a familia como mostras de identidade. A evolución de Baño con estas dúas características é máis que evidente desde traballos anteriores como Anacos, Ser e voltar ou Eco e en todos asoma o galego como lingua, aínda que en Eco haxa un respecto aos textos orixinais en castelán, como debe acontecer. Comprobaremos ata onde chega Trote nos vindeiros meses como posible nova vía entre o cinema máis comercial bloqueado para o galego e o máis experimental que non ten que preocuparse en exceso por este asunto, que non é vital en determinados circuítos.

No caso de Patiño, houbo longa polémica en Galicia polo tratamento das personaxes en Costa da Morte. Sabido é que o vigués non utiliza o galego como lingua habitual e iso debeu influir no seu traballo anterior, pero non debería ser esa unha razón pola que non comprender a evolución que está a facer en Tempo vertical con respecto á lingua. De feito, noutra xeración, dous dos defensores actuais da rodaxe en galego coma Xavier Bermúdez ou Ignacio Vilar comezaron as súas carreiras con filmes en castelán. León y olvido é do 2004 e Ilegal do 2003, por poñer dous exemplos máis que deixan ben claro que rodar en galego ten tanto de opción creativa coma de compromiso coa cultura galega.

Fotograma de Aquilo que Arde na súa presentación no OUFF 2017. Fotografía: Daniel Gallego

Fotograma de Aquilo que Arde na súa presentación no OUFF 2017. Fotografía: Daniel Gallego

A estes dous casos teremos que engadirlle as rodaxes de Arima, de Jaione Camborda ou Aquilo que arde, de Oliver Laxe. No caso de Camborda, que rode en galego afirma a existencia dunha cultura acolledora e propia. A directora donostiarra fai unha escolla consciente e intencionada polo idioma.

O de Laxe ten unha importancia singular. Tanto en Todos vós sodes capitáns como en Mimosas, cuestionouse a galeguidade dos filmes. A base da crítica foi o idioma utilizado, malia a súa sinatura e súa produción por Zeitun Films. Ollando os datos do ICAA, con Mimosas, por exemplo, a produtora coruñesa conta cun 75 por cento do investimento no filme, o outro 25 por cento provén de Marrocos. Non serviu tampouco con Todos vós sodes capitáns que os títulos de crédito estiveran en galego. Coma se os títulos de crédito non foran algo intencionado, e ese xesto non deixara o título en galego no palmarés de Cannes. Era o ano 2010 e neste proceso do que falo, unha decisión como esta axuda, aos que veñen atrás, a entender ben á situación: a loita por elixir un idioma ou outro para rodar máis aló das supostas imposicións do mercado e a sociedade que o alberga.

Pois ben, Laxe comezou a rodaxe de Aquilo que arde no verán do 2017. Chega á súa primeira rodaxe en Galicia para falar da identidade dun pobo e faino, como é lóxico, no idioma do lugar no que filma: o galego. Unha opción que vai máis aló dun xesto pero que debería chegar para comprender que cada obra ten as súas características concretas e, seica, que Laxe tamén chegue a este ano con este proxecto acentúa a idea de normalidade en todo este proceso que estamos a vivir.

Un proceso no que o cinema galego debe recoñecer a súa evolución e a súa responsabilidade de cara á sociedade. Creadoras e creadores están a asumir con normalidade o proceso, son a punta de lanza e produtoras e administración deberían volcarse en apoiar unha serie de dinámicas que non traerán réditos inmediatos, pero que poden marcar unha época e que nuns anos lembremos esta década como clave para que a lingua non resulte periférica.

Comments are closed.