O DEBATE DOS CINECLUBES (I): FUNCIÓN E ORGANIZACIÓN

Cineclube Guimarães (Noites de Verão)

Cando o público espertou, os cineclubes seguían alí, alleos á dinámica de eventos, fornecendo aos espectadores dunha programación regular, porque o pracer de ver un bo filme ben acompañado non ten porqué depender do calendario.

Os cineclubes son o pasado e o presente da cinefilia. Son un lugar onde atopar aos amigos nunha tarde calquera, nun lugar calquera. E son un feixe deles, cando menos en Galiza e en Portugal. Por iso, dende A Cuarta Parede, quixemos falar cos responsábeis de media ducia deles, para saber como lles vai nuns tempos nos que o público semella preferir ver os filmes na casa, en soidade, en troques de acompañado nunha sala.

Ao longo de cinco días, dende o luns 23 ao venres 27 de maio, seis cineclubistas debateron a través da rede sobre distintos aspectos da súa actividade habitual: a función social dos cineclubes, a súa organización interna, os criterios de programación, o perfil do público, as súas actividades, o sistema de financiamento ou os medios técnicos dos que dispoñen. Quixemos contactar con cineclubes das cidades e das vilas, da costa e do interior, do sur de Galiza e do norte de Portugal, polo que convidamos a participar neste debate a Iván Cuevas (Cineclube de Compostela), Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães), Mely López (Cineclube Lumière de Vigo), Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa), Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño) e Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense). A moderación, desta vez, foi cousa de Alba Cambeiro e Iván Villarmea; e o resultado aparecerá publicado ao longo de tres entregas consecutivas.

Imos coa primeira!

Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa), á dereita, co micrófono, durante una presentación

Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa), á dereita, co micrófono, durante una presentación

1. A Función Social dos Cineclubes

A Cuarta Parede (ACP): Cal debería ser a función dos cineclubes? Cal é, en concreto, a que tenta cumprir o voso?

Mely López (Cineclube Lumière de Vigo)

A nosa resposta a ambas preguntas sería a mesma: amosar o cinema dun xeito educativo e crítico. Tratar de abrir unha xanela a outros mundos, a outros xeitos de expresión, de interpretación e de coñecemento. Unha viaxe á pluralidade e á diversidade.

Marcos Nine (Cineclube da Illa de Arousa)

Creo que hai dúas cuestións distintas. Dunha banda está “a función que debería ter”: servir de espazo que faga accesible ao público xeral o cinema que “merece ser visto”, pero que non chega á xente polas canles convencionais (cine, tv…) Doutra, están as circunstancias e o momento no que está en activo un cineclube, e que vai afectar directamente á súa programación. Neste sentido, para nós existen dous grandes condicionantes que derivan do momento actual:

1. Visibilizar a produción local (cinema galego). Temos un cinema propio e a posibilidade de velo se reduce ás cidades e a eventos concretos (festivais) que non están ao alcance do público xeral.

2. Fomentar que a xente volva ver cinema, recuperando a idea de ver un filme como acto social. De pouco nos serviría querer programar o mellor cinema do ano se a xente non sae da súa casa.

Basicamente, eses dous puntos son as loitas nas que andamos.

Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães)

Historicamente, como a maioría dos cineclubes portugueses, o Cineclube de Guimarães sempre tivo grandes preocupacións sociais. A súa función, hoxe, foise adaptando ás novas realidades e aos novos espectadores. Nun mercado cinematográfico cada vez máis uniforme e homoxéneo, cremos que a oferta dun cinema diverso e menos visíbel é unha misión social e cultural necesaria. Así, hoxe, a nosa misión pasa por cultivar unha cinefilia que cre na diferenza, na diversidade e na subxectividade. Nunha cidade coa dimensión e a condición periférica de Guimarães, o cineclube intervén na sociedade a través da súa programación e da resistencia, que pasa por continuar a ver cinema en sala, como acto social e colectivo. De aí, por exemplo, que as nosas sesións sigan a ter intervalo, para así facilitar o contacto entre a masa asociativa que asiste con máis frecuencia ás proxeccións.

Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)

Parece claro que a principal función dun cineclube debera ser a de xuntar persoas para ver (e pensar) filmes. Agora ben, supoño que a cerna da cuestión está en qué filmes proxectar e cómo proxectalos. A práctica dos cineclubes sempre se ten mantido nas marxes, en mostrar aqueles filmes que, polas razóns que sexan, non dan chegado ao público xeral. E aquí entrarían tanto os prohibidos por decisións ideolóxicas como os agochados polas inercias do mercado: ao final, son todos vítimas de censuras políticas.

No que fai ao como, os cineclubes, como calquera asociación, non deberan ser alleos ao contexto no que se moven. E iso coido que implica, como ben di Marcos, adaptarse ás circunstancias concretas: analizar o cinema que está dispoñíbel na contorna, primar determinados contidos, estar atento aos intereses do público obxectivo… No noso caso, estas reflexións leváronnos a unha programación que tentamos facer oscilar entre a radicalidade da forma e do contido; e tamén a determinadas características (proxección en formatos dixitais, posicionamento fóra do mercado da distribución…) que poden ser vistas como diferenzas frente a un modelo cineclubista máis ‘clásico’. Pero no fondo trátase do mesmo, de vermos filmes e reflexionar sobre o cinema todas xuntas.

Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño)

Un cineclube, ao noso xuízo, debería cumprir varias funcións, tendo en conta sempre as circunstancias que o rodean (no Carballiño, por exemplo, non hai cine):

1. Que se recupere o hábito de asistir a una proxección cinematográfica, de ver o cinema en pantalla grande, nunha sala en condicións.

2. Achegar o cinema que non chega na maior parte dos casos ás salas comerciais, dentro dunha perspectiva do cinema coma arte, e non só como producto industrial de consumo.

3. Achegar a cinematografía galega ao público.

4. Contribuír á transformación social, de aí que para nós a actividade que facemos teña una forte compoñente política, xa que na sociedade actual o cinema é una fonte importante de transmisión de ideoloxía e mecanismos de control social.

Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense)

Penso que a función actual dos cineclubes segue a ser a mesma que a dos primeiros que se crearon, alá polos anos vinte do século pasado, cando pretendían diferenciarse dos espectáculos de feira que adoitaban ser as sesións de cinema. Nós, por iso, tentamos lexitimar o cinema como unha expresión artística e cultural, así como fidelizar un tipo de público ávido de coñecemento.

Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense)

Manuel Precedo (Cineclube Padre Feijoo de Ourense)

2. Cuestións de Organización

ACP: Como xurdiron os vosos cineclubes?

Paulo Cunha: O Cineclube de Guimarães foi fundado en 1958, en plena ditadura de Salazar, e reuniu a un conxunto de persoas con preocupacións sociais, culturais e cívicas. Nun réxime autoritario e totalitario, a práctica cinéfila era unha forma politicamente tolerada de oposición á política cultural e social dominantes; era unha forma posíbel de intervir na sociedade. Aínda así, son moitos os relatos de persecucións políticas a dirixentes cineclubistas e mesmo de peches de importantes cineclubes portugueses.

Manuel Precedo: O noso cineclube naceu en 1970 como unha actividade externa do colexio do profesorado, do que colleu o mesmo nome da escola (Padre Feijoo). Daquela, como agora, Ourense era unha cidade pequena e a oferta cinematográfica era basicamente comercial. Hoxe, malia contar cun festival de cinema, a oferta reduciuse e segue a ser mainstream, á busca dun mesmo tipo de público: ocasional, irreflexivo e impulsivo (lóxico, ademais, polo emprazamento das salas nun centro comercial).

Mely López: O noso xorde da inquedanza de persoas de diferentes eidos, preocupadas pola falta de oferta na cidade, Vigo, dunha sala que ofrecera filmes independentes contemporáneos, autores que estaban despuntando en festivais internacionais e que non chegaban a estrear nas salas.

Iván Cuevas: O Cineclube de Compostela naceu no ano 2001 arredor dun grupo de xente que estaba a estudar xornalismo, nun momento no que a oferta cinematográfica en Santiago era ben escasa. Na facultade podiamos dispor dun proxector e dunha sala, e iso animounos a iniciar a aventura. Con todo, podemos dicir que, tal e como é agora, o cineclube “volveu nacer” entre o 2004 e o 2005, cando nos mudamos para O Pichel e decidimos converternos nunha asociación libre e autoxestionada, que aproveita as novas tecnoloxías para proxectar a programación que queremos, en galego, e de maneira gratuíta.

Ricardo Paz: A nosa actual directiva simplemente retomou a actividade do Cineclube do Carballiño, que fora fundado en 1969 e que levaba sen actividade dende 2001. Nós retomamos a programación en novembro de 2010, e neste proceso, feito un pouco ‘ao tolo’, contamos con dúas axudas fundamentais: a concelleira de cultura, que estaba empeñada en que o cineclube volvese funcionar; e tamén o asesoramento e axuda da Federación de Cineclubes de Galiza (Feciga), que para nós é una ferramenta indispensable á hora de facer as xestións coas distribuidoras e conseguir prezos asumíbeis polos pases das películas… Botamos en falta, iso si, que coa nosa actividade, a de cada cineclube, fornezamos máis á propia Feciga, o que sen dúbida contribuiría a dar máis visibilidade ao noso traballo.

Marcos Nine: Nós imaxino que seremos os máis ‘raros’, porque nacemos practicamente por iniciativa municipal. Na Illa de Arousa hai unha importante programación cultural, especialmente de teatro e música, e a idea de que puidese completarse con cinema partiu do concello. Isto ten vantaxes e inconvenientes.

A gran vantaxe é que ao estar involucrado o concello temos garantida a estabilidade a medio prazo e uns investimentos mínimos para programar sen necesidade de que os ingresos do despacho de billetes cubran os custos.

Pola contra, fáisenos máis complicado ter un grupo de traballo que leve o cineclube: por distintas causas levamos dous anos e non temos unha ‘estrutura humana’ estable, pero seguimos a programar.

Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)

Iván Cuevas (Cineclube de Compostela)

ACP: Que se precisa para pór en funcionamento un cineclube? 

Manuel Precedo: Aparte das obrigas económicas, infraestruturais e legais impostas pola administración, é aconsellable xuntarse unhas cantas persoas (nós somos un núcleo de seis, e non temos os mesmos gustos), ter vontade, empatía, constancia e algo de tempo libre. Dou por descontando que lles gusta o cinema.

Mely López: O imprescindible foi ter unha sala digna, algúns cartos e o apoio da xente. No noso caso o público que enchía a sala foi fundamental para acadar a implicación dun xeito estable do concello e darlle continuidade á programación ao longo destes anos. Vinte e tres facemos neste 2016!

Paulo Cunha: Unha das particularidades do Cineclube de Guimarães é a súa masa asociativa, que rolda os mil socios. Para o noso modelo de funcionamento é fundamental ter unha base social de apoio moi sólida, diversa e heterodoxa. Esa masa asociativa garante a independencia do cineclube dos intereses do poder político e económico, garantindo as condicións para facer viábel un proxecto de programación alternativo.

Iván Cuevas: O que se precisa depende moito do tipo de cineclube que se queira botar a andar. Se entras na dinámica capitalista da distribución, está claro que é necesaria unha fonte estábel de financiamento para pagar as copias, e un certo coñecemento do mercado. Cando nós funcionabamos así, estar na Feciga axudounos moito para manexarnos nese mundo. Co modelo que temos hoxe en día, os requisitos son moitos menos: ter ganas, un proxector e un local onde pór os filmes. E, se cadra, unha miga máis de atrevemento e de inconsciencia.

Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño)

Ricardo Paz (Cineclube do Carballiño)

Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães)

Paulo Cunha (Cineclube de Guimarães)

ACP: Tanto Ricardo Paz como Iván Cuevas mencionan a importancia do apoio da Feciga. Cales serían as vantaxes de pertencer a unha federación (quer á galega, quer á portuguesa)?

Mely López: O soporte da federación é importante para pór en común a nosa actividade de cara á administración e ás distribuidoras. Xuntos temos máis forza (acadamos mellores prezos, podemos aprazar pagos, etc.) e tamén máis visibilidade nun sector que, ás veces, non o pon doado…

Manuel Precedo: Concordo con Mely. As vantaxes dunha federación, alén de facer un camiño conxunto con outras persoas (que en certa media é un apoio moral), é dar perspectiva e fornecer dunha posición de forza á hora de negociar coas distribuidoras.

Marcos Nine: O simple feito de poder externalizar a xestión dos dereitos dos filmes é unha axuda enorme para calquera asociación cultural pequena.

Paulo Cunha: O noso cineclube sempre pertenceu á Federación Portuguesa de Cineclubes (FPCC), precisamente por entender o cineclubismo como unha rede que debe funcionar de forma eficaz e solidaria. Infelizmente, a actual situación moribunda da FPCC non ten axudado a consolidación da posición conxunta dos cineclubes portugueses en momento de decisión política, como a recente discusión sobre a lei do cinema e sobre o modelo de financiamento público, mais a FPCC ten un papel histórico fundamental na valorización da práctica cineclubista en Portugal que non pode ser esquecida.

Continúa nunha segunda e terceira parte…

Comments are closed.