ÁLVARO LARRIBA: “O QUE QUERÍA EN PRINCIPIO ERA ENSINAR O QUE HABÍA DETRÁS DO LICEO, QUE SON AS PERSOAS”

39 Mutantes 2

Creo que Mutantes (2017), o primeiro filme de Álvaro Larriba, é unha película importante polo que documenta e por como o fai. É certo que eu tampouco son obxectivo: emocióname ver unha película que rexistra o traballo do Liceo Mutante porque é probablemente o meu lugar favorito do mundo e sempre que vou volvo cheo de felicidade, inspiración e fe na humanidade. Toquei alí, durmín alí, debo estar entre o público nalgún dos concertos que aparecen na película e vexo Mutantes coa alegría de atopar na pantalla caras familiares. Pero máis aló da proximidade emocional e case doméstica que a xente implicada co proxecto pode ter co material, creo que Álvaro tivo o mérito de evitar a celebración na que podería caer, e atopar unha perspectiva que está entre a proximidade que dá o ser el mesmo un mutante e a vontade de compensar esa intimidade co xeito de construír o filme, que nas escollas ao gravar e ao montar non tende ao doméstico senón ao observacional. Menos Jonas Mekas e máis Frederick Wiseman se se quere, Mutantes recolle a actividade dunha asociación autoxestionada durante oito meses (de xaneiro a agosto de 2016), e iso inclúe unha chea de situacións desagradables que teñen que ver co estrutural, o económico, o legal e case calquera problema posible, incluíndo unha rata. É unha película importante porque supón un testemuño necesario e ambicioso dunha maneira de facer as cousas que pode ser crucial na cultura galega, pero tamén porque o fai amosándonos un proceso do que, dende fóra, só viamos os resultados. Álvaro conta máis sobre as súas motivacións, intencións e dificultades á hora de realizar o filme nesta entrevista.

Por que fixeches Mutantes?

A primeira razón, que non é a máis importante pero foi a que fixo que dixese “bueno, vou facer isto”, foi que estaba acabando a carreira e tiña que facer un traballo de fin de grao. Entón eu tiña a idea inicial de ensinar como funcionaba por dentro o Liceo. A miña primeira idea fora facer unha especie de… de reconstrución non, pero dalgunha maneira poder gravar un día de traballo no Liceo de principio a fin. No que estivese todo o traballo que pode haber detrás, fóra do que é o concerto en si: a xente que está alí antes limpando, preparando todo. E realmente facelo nun día, por medios, non era viable porque estaba eu só, e só tiña a cámara de fotos réflex, a máis barata de Canon… empecei a gravar sen saber moi ben o que ía facer, e foi a época na que o Liceo estaba con problemas estruturais… do edificio, vaia. Chovía dentro e todas esas cousas, así que comecei sen ter unha idea clara e ao final, como tamén foi un momento no que empecei a interesarme moito polos documentalistas americanos dos setenta (por Wiseman sobre todo, obviamente), pois decidín tirar desta forma, empezar a gravar sempre que podía e a peli foi collendo un pouco a forma soa. Si que é verdade que tiña ao principio… non sei se estou falando de máis.

Non, ti segue.

O que quería en principio era ensinar o que había detrás do Liceo, que son as persoas. Non o lugar, nin os concertos, senón a xente que fai posible que exista, a xente que se asocia, que se xunta e se pon a traballar, sen buscar nada máis que ter unha alternativa en Pontevedra para facer cousas que doutra forma non poderían pasar.

Claro, e sobre iso estaba pensando no punto de Wiseman, que ten ese esquema de traballar sobre a institución, que aquí sería o Liceo… e fálasme das persoas, pero non sei como te enfrontaches á hora de introducilas como personaxes. Wiseman ten unha perspectiva externa aos sitios aos que vai. No teu caso, como traballas a distancia? Porque ao final coñeces a esas persoas…

Si, ese era o meu problema inicial claramente. Tiña o problema de como afastarme, coller distancia cara a xente, e ao final dinme conta de que non podía. Nun principio buscábao, tentábao… A xente sempre estaba en plan “eh, que me gravas?”. Pero como non podía ter esa distancia ao final o que fixen foi, simplemente, estar no medio, e ser como un socio máis que está vendo o que fan os outros. Que era o que estaba facendo en realidade. E de feito, moitas veces fálase directamente á cámara. Bueno, á cámara non, a min. Por exemplo vese como Sara, que estaba aprendendo a facer o son, se xira cara min e di “onde conecto isto?”. Dábanse moitas situacións así e ao final o que fixen foi metelas igualmente. É o que che dicía de que ao principio non sabía o que estaba facendo, igual nótase que non sei dende onde gravar, que estou eu na peli (cousa que despois non quería para nada)… Pero si que foi difícil. Ao final a base de gravar e gravar e estar alí coa cámara, a xente acabou acostumándose á miña presenza. Á miña presenza coa cámara, porque moitas veces estaba facendo o son e igual collía a cámara e gravaba mentres. Ou hai unha escena que é das miñas favoritas, a de Patilla no xardín facendo a horta. Ese día estabamos ensaiando Lluvia de Ciervos [o grupo no que Álvaro tocaba o baixo] no Liceo, e cando facíamos unha parada collía a cámara e íame fóra a gravar a Patilla traballando. O maior problema que tiven foi poder gravar e traballar á vez, porque foi un momento tamén no que Xosé marchara a Berlín e estaba practicamente eu só para facer son (por iso Sara estaba de aprendiz) e foi complicado nese sentido. Por iso ao principio me axudou Rebeca Tizón a facer algúns planos e estou eu na peli.

39 Mutantes 4

Ata agora a peli só se viu no Liceo. Cando a vexa xente que non coñeza o contexto, que reacción pensas que poden ter a eses personaxes? Porque falas de poñer ás persoas no centro, pero esas persoas só están presentes en tanto son mutantes.

Nese sentido a min interésame máis a súa relación entre eles dentro do que é a asociación. Non tanto fóra nin persoalmente senón como socios. No plano que abre a peli sae Chicho, un veciño do barrio, explicando o que é o Liceo, e creo que xa define un pouco esa mestura de xente que ao principio pode que non teña ningún tipo de relación pero que despois (nas escenas das asembleas, ou cando están traballando xuntos na barra, ou montando a pantalla de cine) establecen unhas relacións que son as que son, e son as que están. Ao final busco máis a relación entre eles de forma natural, que é a que teñen dentro da asociación e á hora de traballar xuntas. Pero non estou seguro de se estou respondendo.

Si, refírome a que hai unha tensión guai na película… Antes de vela imaxineime que ía ter máis concertos… non ma imaxinaba como é, senón igual algo máis en primeira persoa. E logo pareceume interesante ese contraste entre o que é importante para a xente que está no Liceo, como o arranxo do tellado (que é un momento cume na película)…

O do tellado é quizais o fío condutor para darlle unha estrutura á película. Porque eu a peli non a entendo tanto como unha película en si, a pesar de que ten unha estrutura moi clara e moi clásica, dalgunha maneira.

É cronolóxica en xeral, non?

Si, totalmente, non mesturei nada. Respectei cando fora gravada cada cousa, porque me interesaba ese avance dende a peor parte do inverno ata o verán. Xusto coincidiume que cando empecei a gravar foi cando estaba peor o tema do teito e a chuvia. E foi saíndo adiante o de arranxar o teito, que igual viña dun ano antes de eu empezar a gravar, e cando vin que ía saír dinme conta de que era realmente de onde podía tirar para darlle unha estrutura.

Si, o que quería dicir é que me chama a atención ese contraste entre o que é importante para os socios do Liceo e o que a priori podía ser interesante para outro público, que é igual algo máis centrado no artístico que no proceso de traballo da propia asociación.

Claro, eu o que entendía tamén é que o Liceo é bastante coñecido. A xente máis ou menos sabe que tipo de música se toca alí, que cine, que teatro, que cousas se fan… pero a xente moitas veces non ten moito coñecemento de como se traballa alí, que é o realmente interesante. Todos temos amigos que están desconectados deste mundo, que non teñen este tipo de intereses, e moitas veces cando explico o Liceo cústalles entender que a xente traballe de balde e cousas deste tipo. É naturalizar, ensinar que é xente que é moi distinta entre si pero que se xunta e fai isto, que se establece unha relación entre xente que non ten nada que ver pero se une por un fin común. Sentía a necesidade de facer algo sobre o Liceo que fose distinto aos puntos de vista que se deran ata agora. Non contar a marabillosa vida do Liceo Mutante, senón que a xente discute nas asembleas, que temos unha rata vivindo no Liceo, que chove dentro… O Liceo é marabilloso, pero traballar alí ás veces é unha putada, chegas e atopas todo feito un cristo… Iso é realmente o Liceo. O outro tamén, pero o día a día no Liceo é así.

39 Mutantes 3

Claro. Con respecto a iso, cando se puxo no Liceo creo que ti non estabas, pero como reaccionou a xente en xeral? Ten en común con outros vídeos da escena un elemento case doméstico para quen participa.

A xente reaccionou moi guai. Tamén creo que é moi fácil poñer a peli no Liceo, porque ao final se es parte del, sexa por traballar alí, por acudir alí ou tocar alí, ao final as dúas horas pásanche enseguida. É como ver unha peli familiar. Pero tamén entendo que as dúas horas poden facerse longas para alguén que non vise o Liceo, que non entenda o underground ou o que sexa. En xeral a xente reaccionou guai, gustoulle o que viu. Teño ganas de ver que pasa cando a vexa outra xente que non teña tanta relación.

Igual a diferenza coas de Wiseman está aí nesa relación, en que por moito que queiras ocultarte a xente vaiche falar. Por iso quería saber máis, aínda que xa me contaches un pouco, da actitude da xente con respecto á cámara, e se os fixeches conscientes do que estabas facendo ou os dirixiches dalgún xeito. Deches algunha indicación, tiveches algún problema?

Ao principio foi bastante difícil. A xente obviamente non está cómoda cando lle pos a cámara a un metro da cara mentres fai o que fai todos os días. Para min tamén era difícil porque nunca me enfrontara a facer algo así, a coller a cámara e gravar sen plan, vendo que pasaba diante. E si que tentaba dicir “non me fales, facede como que non estou”, pero foi difícil e deixei de tentar evidenciar que eu non estaba alí. Se eran capaces de esquecerse da cámara, ben, e se me falaban mentres gravaba tamén ben. Se se repetían moitas cousas desas tentaba sacalas e quedar cos planos que parecen máis naturais, no sentido de non ter interactuación. Pero tampouco busquei ser invisible, vaia. Ao final tentei ser o máis natural. Outra das razóns polas que fixen a peli foi porque quería enfrontarme a coller a cámara e gravar, ver que pasaba. Esa experimentación de ser a primeira vez que colles unha cámara… A peli custoume 100€ porque merquei un micro para a cámara que aparte era horrible, porque metía un ruído eléctrico fatal, que tiven que arranxar daquela maneira (que non está ben arranxado porque a peli sona moi mal). Ao final era iso, estar enfrontándome a eles e eles a min ata que fose natural para os dous. E tiven a sorte de que xusto cando empecei a gravar tiven na universidade un curso con Eloy Domínguez Serén e axudoume bastante, dándome consellos: as primeiras imaxes que gravei ensináballas e el dicíame “tes que gravar máis isto que tes aquí, evitar estas cousas”… Axudoume un montón na actitude á hora de enfrontarme a gravar.

39 Mutantes 5

Ademais desa influencia de Wiseman, tamén quería preguntarche a maiores se ves vídeos de concertos en YouTube, ou se hai algún filme que vexas relacionado con Mutantes en base á temática.

Pois si. Xusto antes penseino e non o dixen: unha das cousas que máis me influenciaron, que me gustaron e á que quería tamén parecerme é un vídeo que fixera Borja Vilas dun concerto de Terremoto Sí e Cuchillo de Fuego no Liceo. Ese vídeo para min é o mellor que hai gravado no Liceo Mutante de largo, e posiblemente tamén na escena.

Está guai que teñas esa influencia de vídeos de YouTube, non só do mundo cinematográfico.

Home, despois obviamente está tamén Jem Cohen, a súa peli de Fugazi [Instrument, Jem Cohen, 1999]… gústame ese rollo de gravar de preto, como de estar dentro. O que máis me gusta da peli a nivel dos vídeos dos concertos é o de Una Bèstia Incontrolable. Eu estaba totalmente borracho gravando iso [risas]. Levaba todo o día choiando e bebendo e aí xa estaba fatal, e é o que máis me gusta dos concertos, porque estou dentro, pegado a eles…

Con respecto a iso, nunha parte da película marchas de onde o grupo e gravas ao público. Aí si que se ve unha visión bastante democrática: ao Liceo van grupos pero non son máis importantes que calquera persoa que está alí. Xa a propia disposición do Liceo é bastante pouco xerárquica, ao non ter escenario.

Claro, e tampouco me interesaba por exemplo poñer cartelas de quen é o grupo que está tocando. É xente que toca e non hai máis. Nós coñecemos aos grupos pero outra xente igual non. Tentei tamén ter unha variedade que amosara o que é o Liceo, non poñer sempre o mesmo tipo de concertos. Iso tampouco teño claro se o conseguín, pero bueno, aí está.

Xa para rematar e entender mellor o teu punto de vista, quería preguntarche que representa para ti o Liceo.

O Liceo para min é vital, en Galicia, en España e sobre todo en Pontevedra. Non volvería a Pontevedra por nada, se non fose porque está o Liceo alí. Eu creo que cumpre un papel moi necesario. Nós mesmos, a xente que tocou, toca ou vai tocar en bandas e que temos unha forma de pensar que non é tan asociada ao capitalismo á hora de facer o que queremos, dentro da música, do cine, do teatro, da autoedición, dos fanzines… o Liceo é simplemente un instrumento para poder compartir entre nós o que facemos. E ten que estar. Se non está buscaríamos outra forma, pero por sorte reuníronse dez persoas hai sete anos en Pontevedra e decidiron poñer pasta do seu peto, que non tiñan, e comezar a facer cousas. E iso é positivo, eu aprendín un montón. Cando empezou eu tiña vinte anos e non pensaba tanto nestas cousas, e grazas ao Liceo agora teño unha forma de pensar moi distinta. E por culpa diso posiblemente non me vai tan ben [risas] pero son feliz co que fago. Mentres queira facer películas e queira facer música ou o que sexa, grazas ao Liceo vou facelas dunha forma máis libre.

Comments are closed.