ENTREVISTA A JOSEP MARIA CATALÀ DOMÈNECH

Este texto forma parte da serie de entrevistas realizadas a docentes que iremos incluíndo ao longo deste mes no noso especial sobre cinema e educación. En consecuencia, os asuntos abordados son esencialmente os mesmos con tódolos participantes, co fin de ofrecer diversas perspectivas sobre unha mesma cuestión.


«DEBEMOS RECUPERAR A IDEA DE ARTESÁN: AGARIMO, HABILIDADE E COÑECEMENTO».

Unha clase de Josep María Català ten bastante de carreira de galgos, na que o alumno persegue unha e outra vez, ata a extenuación, unha lebre á que xamais dará caza. Por moito que un se empeñe, por moito que acelere, o profesor Català sempre manterá varias cabezas de vantaxe.
Mentres o alumno medita sobre os experimentos de Muybridge, el valora as innovacións do Microsoft Photosynth; e cando o estudante descobre a montaxe paralela de Porter, el tentea as posibilidades do novo Split Screen multidimensional da HBO. Este idilio coas novas tecnoloxías (baseado máis na curiosidade académica do docente que na experiencia práctica do usuario) non evita, con todo, algún que outro lide coas computadoras.
Os seus inseparables Power Point son unha deliciosa mostraxe visual onde a pintura sempre acaba por impor o seu dominio, de Hogarth a Turner, sen deixar de visitar a Cézanne e Hopper. Entre unha diapositiva e a seguinte, asoman as primeiras derivas psicolóxicas, desde as teorías mentais evolucionistas de Steven Pinker ás anécdotas de Oliver Sacks, que inmediatamente darán paso a Joaquim Jordà. Mais, apenas retomado a canle cinematográfica, o profesor avista un novo afluente: o filosófico, no que penetra decididamente con intención de asentarse.
Poida que comece con Nietzsche, ou se cadra con Leibniz, mais tarde ou cedo o alumno terá que saber como se deletrea Wittgenstein. Para cando retome o cinema, farao do xeito máis inesperado: Ari Folman, por exemplo. Isto daralle pé a enlazar con Scott McCloud, que logo aproveitará para falar de Pyongyang: A Journey in North Korea, de Guy Delisle. Finalmente, só Deleuze, sempre Deleuze, será capaz de facelo descender das alturas ubetenses para aterrar de novo sobre o deserto da sétima arte.
Talvez o seu profundo interese por tódolos ámbitos do coñecemento artístico e humanista o levase a estudar unha licenciatura tan multidisciplinar como Historia Moderna e Contemporánea na Universitat de Barcelona. Con todo, desenvolveu o seu labor docente no campo da comunicación e o cine, na Universidad Autónoma de Guadalajara, México, na San Francisco State University, de California, e na Universitat Autònoma de Barcelona, na que actualmente é decano da Facultat de Ciències da Comunicació e director académico do Máster de Documental Creativo, do que tamén son directores Román Gubern e Gonzalo Herralde.
Recentemente formou parte do xurado da última edición de L’Alternativa, xunto a Violeta Kovacsis e Carlos Losilla, na que premiaron Gravity was Everywhere Back Then, un filme co que tamén topara como membro do xurado de Punto de Vista, no que coincidiu con Ben Russell, Josh Siegel e Naomi Uman. Mentres que, das últimas estreas, confesou a súa admiración por Melancholia, de Lars von Trier.
Velaquí a un profesor contrario á institucionalización da clase maxistral, cuxo discurso é todo o maxistral que se presupón a esas clases, como demostran as súas publicacións La puesta en imágenes: conceptos de dirección cinematográfica (2001), La imagen compleja (2006), La forma de lo real (2008) e La imagen interfaz (2010), así como a súa colaboración con Josetxo Cerdán e Casimiro Torreiro en Imagen, memoria y fascinación: notas sobre el documental en España (2001).

Existen materias de cinema nos plans de estudo de carreiras como comunicación audiovisual, xornalismo, publicidade, belas artes, historia da arte ou ata filoloxía, pero por que non existe unha facultade ou carreira de cine?

Creo que porque a primeira vertente que se adoita considerar do cine é a práctica e iso fai que sexa máis fácil organizar un grao de cinema nunha escola profesional que un departamento de cine nunha facultade. Esa vertente práctica require dunha dotación económica e uns prazos inasumibles pola universidade, polo que é máis doado que se estableza de xeito paralelo: que se cre unha escola de cine e que unha vez organidas as sinerxías coa industria este proxecto se adscriba á universidade, como ocorreu aquí coa ESCACi e a Universitat de Barcelona. De tódolos xeitos estou contigo, creo que é necesario un ámbito máis específico do cinema e a súa herdanza dentro da propia universidade. En todo caso, esa hipotética facultade de cine non debería competir coa escola profesional, senón ofrecer algo diferente, mostrando aos alumnos que a universidade desenvolve outras inquietudes, alimenta a imaxinación, incentiva novas ideas e debates.

Moitos alumnos que non poden custearse unha escola profesional decántanse por cursar comunicación audiovisual na facultade, mais a heteroxeneidade desta carreira fai que finalicen os seus estudos coa sensación de saber pouco de moito e moito de nada…

Non hai que esquecer que a facultade de Ciencias da Comunicación xorde do xornalismo, cando este advirte que hai novos medios que se escapan ao seu ámbito. De aí nacen novas carreiras que, con todo, reséntense durante demasiado tempo do peso do xornalismo, ata que van adquirindo especificidades. É certo, o alumno atópase ante unha heteroxeneidade (xornalismo, radio, televisión, publicidade, cinema e novos medios) que debería facernos pensar nunha refundación completa, reflexionando ante todo sobre que é en realidade a comunicación. Considero que habería que crear especialidades máis concretas, para evitar ter que ir peteirando durante eses catro anos. A xente sae cunha idea xeral e poucas cousas concretas, en efecto, pero isto tampouco é unha gran desvantaxe, xa que o alumno sae preparado para adaptarse a distintos ámbitos. Aínda así, habería que englobar.

De que modo pode a universidade levar a cabo esa refundación á que se refire?

Sería unha transformación moi difícil de xestionar, xa que as experiencias adquiridas son difíciles de cambiar. Habería que formar novos profesores, pero isto só sería posible realizando esas transformacións previamente. As cousas ocorren a unha velocidade que a universidade non é capaz de seguir, pero aínda sabendo que non podemos renovarnos continuamente, debemos atopar un equilibrio. Habería que realizar unha previsión dende un punto de vista que eu chamo “ecolóxico”: que vai ocorrer nestes ámbitos e de que xeito nós podemos xestionar o significado do que vai ocorrer? Se somos capaces de entender o que vai ocorrer, poderémonos adaptar a eses cambios.

É posible desenvolver estes mecanismos na conxuntura económica que se prevé para o futuro a curto e medio prazo?

Claro, o que antes explicaba era a cuestión teórica. Dende un punto de vista pragmático, a universidade está sufrindo cada vez máis recortes e simplemente non pode permitirse esa renovación, algo que si pode facer unha escola de cinema, por exemplo, grazas ao prezo da súa matrícula. Con Boloña tiñamos a perspectiva de poder crear moitos másteres, entre eles un en dirección cinematográfica, mais hoxe por hoxe ninguén se lembra xa deses másteres. Pola contra, a Generalitat está eliminando todos aqueles que non cheguen ao número mínimo de alumnos que eles deciden que deberían estar matriculados (no caso de Catalunya, quince alumnos).

E esa refundación e reestruturación, non debería comezarse directamente dende a educación primaria e secundaria? Non en balde, falamos desta como a “era da comunicación”.

Abofé. A alfabetización do audiovisual é moi importante, pero, con todo, continúa sendo unha cuestión secundaria nos diferentes niveis de ensino. As rutinas van variando dun xeito pouco operativo, xa que, de novo, non se prevé, senón que se engade algo cando xa pasou de longo.

"A alfabetización do audiovisual é moi importante, pero continúa a ser unha cuestión secundaria nos diferentes niveis de ensino"

De que modo debe ensinarse aos alumnos a desenvolver unha recepción activa das imaxes e a concibir o seu propio imaxinario? Ou, noutras palabras, como debe ensinarse aos alumnos a mirar, ver e crear imaxes?

Eu creo que na túa pregunta está a resposta. Se se lles ensina aos alumnos a mirar e a crear imaxes (é dicir, a manexar intelectualmente os dispositivos visuais de xestión de coñecementos), desenvolverán á súa vez unha recepción activa e un xeito de expresar as súas propias ideas de xeito discursivo e visual. Un ámbito tan dinámico, e en realidade tan recente, como o do estudo das formas visuais, debe xerar sistemas pedagóxicos novos, esencialmente flexibles, para poder manobrar por un territorio que é complexo e que só pode comprenderse dende a reunión de distintos enfoques. Conxuntar estes factores nunha estrutura pedagóxica común é un reto que, para ser superado, require un adestramento previo. É dicir, os docentes deben aprender o novo ámbito, deben coñecelo e comprendelo antes de poder ensinalo. Non é fácil, porque require unha sensibilidade que é tamén nova e que non se adquire mecanicamente. Por iso, toda pedagoxía que pretenda resolver os problemas mecanicamente está condenada ao fracaso: no territorio do visual, en concreto. Pero é un problema moito máis amplo que compete a toda a pedagoxía que se queira contemporánea.

Cal cre vostede que debe ser a relación entre universidade, industria e empresa?

Sempre fun moi crítico coa vontade de relacionar a universidade coa empresa da forma mecánica na que se está a facer. Escoitamos a miúdo que hai que achegar a universidade á sociedade, mais cando se di isto sae automaticamente a empresa detrás. Relacionar a universidade coa empresa implica dalgún xeito hipotecar o que é realmente a universidade, que debe ser un ámbito de investigación e pensamento libre. As empresas poden ter as mellores intencións do mundo, pero fundamentalmente o que queren é un retorno máis ou menos inmediato do que están a investir, polo que che esixe que formes a moi curto prazo. Isto é perigoso. Outra cousa é a industria. Se somos capaces de desagregar o que é industria do que é empresa, poderemos coidar as relacións coa primeira. Unha cousa é o tecido industrial e a outra a parte empresarial diso, cuxo propósito non sempre se corresponde co da industria.

Cales considera vostede que son as principais oportunidades que se abren ante os novos autores na era post-empresarial e post-industrial?

As novas tecnoloxías permiten un maior achegamento do autor á súa obra, sen ter que pasar polo filtro da industria ou a empresa. Isto xera unha autoxestión dende o punto de vista da produción e a imaxinación. Antes as ideas tiñan que pasar por un filtro industrial que ás veces funcionaba como cadeas de montaxe, pero agora é posible saltarse eses filtros e ser máis independente. Isto non significa que desaparezan os ámbitos da industria e a empresa, mais si apareceu unha posibilidade de facer as cousas doutro xeito, e debemos considerala a través da imaxinación.

Nun artigo que escribiu xunto a Carmen Viveros titulado El Máster de documental creativo de la UAB y la nueva ecología del documentalii, dicían que este máster quería fuxir de dinámicas tradicionais como a de mestre-discípulo ou creador-produtor-distribuidor. De que xeito establecen ese equilibrio entre profesor e alumno?

O noso desexo é o de variar a xerarquía que normalmente se establece entre profesor e alumno, cos primeiros ditando unhas determinadas normas e os alumnos aténdose a elas. Atopámonos ante a dialéctica entre a clase maxistral na que un alumno pasivo toma apuntes (algo absolutamente decimonónico) ou a clase completamente aberta na que o profesor dá directrices que logo o alumno desenvolve por si mesmo. Nós decantámonos pola segunda opción, a condición de que manteñamos un certo equilibrio. Non renunciamos á clase maxistral, xa que, de feito, o profesor ten a obrigación de transmitir o seu coñecemento e experiencia, pero débese buscar unha certa flexibilidade que permita ao alumno achar e potenciar as súas propias aptitudes. Por iso, esta nova relación require de espazos novos, flexibles, nos que buscar unha fórmula segundo a que poidamos aproveitar as iniciativas dos estudantes e o coñecemento dos profesores.

É un exemplo dese “novo espazo flexible” o Citilab de Cornellà, co que o Máster estableceu un acordo de colaboración?

O Citilab parecíame (e segue a parecer) unha idea magnífica, xa que ofrecía un espazo perfecto para as sinerxías entre universidade, sociedade, tecido industrial, empresa e contorna urbana. Considerabamos que entrar aí co Máster podería ofrecernos novos xeitos de organizar as cousas sen perder a nosa propia virtude, pero creo que en certo xeito o espazo do Citilab, digamos, burocratizouse, porque funciona cunhas inercias que xa estaban fixadas previamente e que establecen procedementos burocráticos. Isto ocorre en tódolos ámbitos. Pensemos no Plan Boloña, por exemplo, que materializou aínda máis sistemas burocráticos de control. Logo está, unha vez máis, a crise económica, que bota abaixo moitas das expectativas dentro do propio Citilab e dificulta calquera iniciativa innovadora que eles tiveran planificado. Aínda así, segue sendo un espazo magnífico, e xuntos debemos achar o modo de crear novas realidades sen tantas trabas burocráticas. A flexibilidade non ten por que conducir ao caos e a anarquía. De tódolos xeitos, a existencia de Medialabs significa por se mesmo un avance, que agora foi truncado pola crise económica.

Por que o cine de non ficción foi ignorado sistematicamente polos plans de estudo de comunicación audiovisual?

No noso caso si vai estar presente, xa que incluiremos no noso novo plan de estudos un par de materias de documental. Porén, tes razón en que sempre foi desatendido, xa que, unha vez máis, os ritmos da universidade son sempre moi lentos e o plan de estudos vixente ata agora pensouse a principios dos noventa, nun momento no que o documental non estaba presente. Visto en retroceso vemos que si se facían documentais, pero era un ámbito que parecía secundario. Herzog é un bo exemplo disto: facía excelentes documentais, mais considerábase unha actividade secundaria que non tiña visibilidade. Esa falta de visibilidade fixo que o documental non se considerase en absoluto nos plans de estudo. Ata agora.

Como deben enfrontarse os novos realizadores á actual e futura situación de crise económica e estrutural?

Habendo ideas e unha historia que contar hoxe en día hai tecnoloxía suficientemente alcanzable como para sacar proxectos adiante. Eu creo que debemos recuperar un pouco a idea do artesán, esa persoa que ten un agarimo especial polo que fai, ten habilidade e coñece o seu oficio. A partir de aquí, se adquires esta bagaxe e falo por amor, porque de verdade o queres facer, xurdirá o outro: o talento, a imaxinación… Aprendamos, valoremos as posibilidades, coñezamos e logo lancémonos. Como fai un escritor, á fin e ao cabo. O cinema ten que ser un modo de vida. Se se fai por amor, por necesidade, xa se está cumprindo un gran obxectivo. O outro, xa virá.

iEscola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya, con sede en Terrassa (Barcelona)

ii“La nueva ecología del documental. El Máster de Documental de la UAB”, coescrito xunto a Carmen Viveros en Realidad y creación en el cine de no-ficción, editado por Casimiro Torreiro en Cátedra (2010)

Comments are closed.