LE FILS DE L’AUTRE, de Lorraine Lèvy
23 de xaneiro de 1991. Unha data que marcará para sempre as vidas das familias protagonistas desta historia. Dúas familias separadas por unha fronteira case infranqueable, mais unidas por un vínculo moito máis forte.
Joseph (Jules Sitruk) é xudeu e quere ser músico, Yacine (Mehdi Dehbi) é musulmán e soña con estudar medicina e construír un hospital na súa terra natal. Lorraine Lèvy pon de relevo o conflito palestino-israelí a través da historia de dous rapaces nados no mesmo día nun hospital en Haifa, que naquel momento era presa dos ataques que tiñan lugar en plena Guerra do Golfo. Nun intre de confusión, no medio do caos mailo desconcerto, os bebés das familias Silberg e Al-Bezaaz son intercambiados por error. Joseph Silberg medra nunha capital israelita, mentres que Yacine Al-Bezaaz vive en Palestina, ao outro lado da fronteira.
Esta premisa dos fillos intercambiados non é nova, faime pensar no filme de Hirokazu Kore-eda そして父になる (Like Father, Like Son, 2013),onde o director xaponés expón en toda a súa dimensión psicolóxica as dúbidas, frustracións e resentimentos dos personaxes. Mais en Le fils de l´autre(2013)Lorraine Lèvy presenta a cuestión inicial nun ambiente moito máis problemático, cargado de conflitos sociopolíticos e relixiosos: a Franxa de Gaza érguese como límite que separa unha mesma terra partida en dous, unha eterna barreira divisoria entre israelitas e palestinos. Nembargantes, no filme esta fronteira torna unha ponte entre ambas familias. A travesía ao longo do muro é unha viaxe dun certo risco, mais froito dun sentimento de esperanza e ilusión que domina ao longo de todo o filme. Cada traxecto é un paso máis no achegamento entre os Silberg e os Al-Bezzaz, un paso máis cara o recoñecemento e a tolerancia.
Malia que o primeiro encontro das familias sucede cunha actitude receosa, temorosa e mesmo fría, a directora amosa a toma de contacto entre ambas nais dun xeito entrañable. Quizais sexa Orith (Emmanuelle Devos) a que presenta maior disposición e unha actitude enteiramente comunicativa e aberta, a que lle transmite confianza e tranquilidade á nai de Yacine (Areen Omari). Neste senso cómpre destacar a figura das nais como conciliadoras e mediadoras fronte aos pais, que dende o primeiro momento adoptan unha postura escéptica e desconfiada, fortemente condicionada polo contexto político e social dos seus pobos. Por iso o maior acerto de Lèvy é o cambio de perspectivas entre os personaxes, de xeito que cada un deles asume o problema dun modo diferente. Mentres que as nais viven o drama familiar, os pais e o irmán de Yacine viven a cuestión cultural e política. Son as mulleres as que empurran aos seus maridos cara a comprensión e maila aceptación, son elas as que crean unha alianza coa que avanzar cara os seus fillos.
Ademais é interesante como a directora nos ensina o xeito no que cada unha das familias se enfronta ao problema. Os Silberg non dubidan en comunicarlle a Joseph o acontecido o día do seu nacemento, facéndoo incluso dun modo un tanto brusco. Doutra banda, a familia Al-Bezaaz parece esquivar o conflito, o pai manifesta unha total reticencia a comunicarlle ao seu fillo o ocorrido no hospital en Haifa, mais chegado un punto no que se fai imposible ocultalo por máis tempo, Yacine tópase de bruces coa verdade acerca dos seus pais biolóxicos e da súa procedencia. O filme fai evidente como as condicións de vida desta familia palestina fan máis complexa a aceptación da realidade do problema, o que torna particularmente difícil de asumir para o pai e mailo irmán de Yacine, cuxo comportamento amosa rancor e mesmo aversión cara aqueles que viven alén do muro. Na fita déixanse entrever dun xeito sutil as diferenzas entre ambos lados da fronteira, perante unha capital turística situada na costa de Israel, amósasenos un pobo illado e desamparado, un fogar modesto no que a nai da familia Al-Bezaaz se lamenta por mor do alto prezo dos alimentos. A praia chea de turistas contrasta cunha paisaxe desértica e solitaria. Neste senso cómpre destacar que, namentres Joseph vive nun ambiente protexido e cómodo, Yacine vese inmerso nunha realidade que o obriga a madurar e a converterse xa nun home.
Porén, o máis salientable deste filme é a capacidade comunicativa que amosan en primeiro lugar as nais, e máis tarde tamén Joseph e Yacine. Ambos rapaces destacan pola súa temperanza e benevolencia, por unha sensibilidade que favorece o achegamento entrambas familias e a creación dunha valiosa amizade. Os personaxes chegan a empregar até catro idiomas diferentes para comunicárense, e é por iso que o extraordinario deste filme reside na súa capacidade para amosar o diálogo como pacificador, a palabra como única vía cara a comprensión mailo entendemento mutuos. Do mesmo xeito, a música maniféstase como elemento conciliador que fornece aos personaxes de serenidade e sosego. Trala chegada de Yacine dende París, este canta no coche xunto coa súa nai e o seu irmán durante a viaxe de volta a casa ao longo do muro. Joseph baila na discoteca a xeito de evasión dunha realidade que o supera e o anguria, e a canción que o rapaz comeza a cantar na cea en Palestina funciona como o clímax do filme, en tanto que vén significar a reconciliación e aceptación de Joseph como un membro máis da familia.
Malia que esta non é unha obra sobre política, o seu contido aborda a busca dunha identidade marcada por prexuízos de raza e relixión, o rexeitamento e maila dúbida. A familia amósase como un microcosmos no que se atopa a xénese do que somos, mais Lorraine Lèvy ensina que a traxectoria que seguimos é o que revela a nosa identidade: o carácter dos protagonistas, Joseph e Yacine, é o que traza o seu destino. A directora francesa enfróntase así a un argumento espiñento cunha admirable vontade comunicativa que alterna os diferentes puntos de vista coa fin de alzar a voz na reconciliación. A tensión que envolve a situación contrasta co tenro humanismo de Lèvy, cousa que converte este filme nun relato cálido e apracible, capaz de darlle aire fresco a este tema e resolvelo cunha mensaxe esperanzadora.