GUIMARÃES 2012: UNHA AVENTURA AMBICIOSA

Ler a versão original deste texto em português

2012 —para moitos un novo ‘ano cero do cinema portugués’— ficou marcado sobre todo pola suspensión dos apoios públicos do ICA —o Instituto de Cinema e Audiovisual á produción, distribución e exhibición ao cinema portugués. Neste contexto, o programa de produción da Guimarães 2012 Capital Europea da Cultura tivo unha importancia crucial para compensar o período de austeridade e de recortes que se abateu sobre o sector do cinema en Portugal. A Cuarta Parede atopou ao produtor e realizador Rodrigo Areias no 22º Curtas Vila do Conde – Festival Internacional de Cinema e aproveitou a oportunidade para conversar sobre esa aventura tan influínte que foi a produción cinematográfica de Guimarães 2012.

22 Rodrigo Areias. Foto Manuel Roberto

As liñas xerais do programa de cinema e audiovisual daquilo que sería Guimarães 2012 Capital Europea da Cultura remóntanse a 2007, cando o Concello de Guimarães, aínda na fase de candidatura, chamou a Rodrigo Areias e ao Cineclube de Guimarães para que fixeran o esbozo dun programa de produción e exhibición. Á marxe do financiamento europeo propio desta caste de eventos, o equipo da área de programación de Cinema e Audiovisual procurou apoios externos, como a televisión pública portuguesa (RTP) ou a Fundación Calouste Gulbenkian, e internos, promovendo sinerxías con outras áreas de programación da propia Guimarães 2012. Logo de varios contratempos imprevistos que ameazaron o proxecto de produción, a chegada de João Lopes como programador principal foi determinante para, segundo Rodrigo Areias, facer agromar unha liña programática que puña en valor a produción e que ía ao encontro daquel esbozo inicial presentado na candidatura.

Mais, concretamente, cal foi a importancia financeira de Guimarães 2012 no contexto do ‘ano cero’ do cinema portugués? O importe anual de apoios do ICA en 2011 foi duns 11 millóns de euros, dos que arredor de 8 millóns ían dirixidos á produción; mentres a área de Cinema e Audiovisual de Guimarães 2012 tivo un orzamento finalde aproximadamente 3,5 millóns adicados á produción. O intenso programa —en total, foron producidos preto de medio centenar de filmes— foi deseñado en termos ‘democráticos’, posto que tentaba abranguer diversos xéneros e formatos, así como autores representativos de distintas filiacións éticas e estéticas, garantindo así unha participación masiva de varias xeracións de cineastas.

Nunha perspectiva xeral, a política de programación privilexiou tres niveis, que comprendían respectivas ‘gabetas’ orzamentarias: cineastas de renome internacional, cineastas nacionais de recoñecido mérito e xoves promesas. Na primeira categoría garantiuse a colaboración de Pedro Costa, Victor Erice, Jean-Luc Godard, Peter Greenaway, Aki Kaurismaki, Manoel de Oliveira e Edgar Pêra. Na segunda, foron apoiados proxectos de Bruno de Almeida, João Botelho, Jorge Campos, João Canijo, Regina Guimarães, Margarida Gil, João Nicolau, Tiago Pereira, João Pedro Rodrigues e Rui Simões, entre moitos outros. Na terceira categoría, foron producidas oito curtametraxes de cineastas noveis que participaran nun concurso de guións. Para alén destas tres categorías, foron producidos aínda varios filmes en réxime de asociación con outras áreas de programación: Ao Lobo da Madragoa (Pedro Bastos, 2012), Torres & Cometas (Gonçalo Tocha, 2012), Revolução Industrial (Frederico Lobo & Tiago Hespanha, 2014), Mesa Ferida (Marcos Barbosa, 2012), Zwazo (Gabriel Abrantes, 2012); ou O Facínora (Paulo Abreu, 2012), para dar só algúns exemplos.

Torres & Cometas (Gonçalo Tocha, 2012)

Torres & Cometas (Gonçalo Tocha, 2012)

Un proxecto tan ambicioso só puido ser levado á práctica cunha lóxica de optimización de recursos e unha estratexia de produción inédita no contexto de Capitais Europeas da Cultura, que Areias defendeu dende o comezo. A idea era minimizar os custos de produción «por que alugar material cando o seu prezo de aluguer é tres veces superior ao seu prezo de compra?« creando unha estrutura de produción local permanente que prestaría todo o apoio técnico e humano ás decenas de realizadores que pasarían por Guimarães. Esta estratexia, ao ser inédita no contexto das Capitais Europeas da Cultura, tivo que vencer diversas resistencias internas e externas, sobre todo de carácter formal e burocrático. Neste sentido, Areias lamenta que todo o proceso para a obtención de financiamento público europeo non sexa sensíbel á produción artística e cultural, senón que estea pensado, sobre todo, para a «construción de pontes, estradas e encoros«.

O traballo que implicou máis desgaste nunha primeira fase foi convencer ás autoridades nacionais e internacionais das limitacións dos modelos de produción adoptados en certames anteriores e da necesidade de flexibilizar os procesos contractuais, encontrando solucións creativas e áxiles que non bloqueasen ou atrasasen irremediabelmente o plano de traballo previsto Areias mesmo confesa que a área de programación decidiu asumir algúns riscos para pór o proceso en marcha e evitar así atrasos que serían irrecuperábeis. Outra fase complicada do proxecto foi convencer a cineastas de dimensión internacional de que fixesen obras para Guimarães 2012, tendo en conta que os importes dispoñíbeis para a produción eran substancialmente máis reducidos que os seus orzamentos habituais. De novo, segundo Areias, ese traballo comezou moito antes de 2012, a través dun traballo ‘diplomático’ previo que pasou por varias canles e axentes que mediaron entre a organización do evento e mailos contactos.

A dificultade para que as curtametraxes circulasen nacional e internacionalmente fóra do seu circuíto específico está detrás da decisión de producir dous filmes colectivos: Centro Histórico (2012), con segmentos de Kaurismaki (O Tasqueiro), Costa (Sweet Exorcist), Erice (Vidros Partidos) e Oliveira (O Conquistador Conquistado), e 3x3D (2012), de Greenaway (Just in Time), Pêra (Cine-Sapiens) e Godard (Les Trois Désastres). Estes dous filmes foron precisamente os que máis éxito internacional obtiveron, pasando por máis de cincuenta festivais e sumando estreas comerciais en diversos países: a estrea mundial de Centro Histórico tivo lugar no Festival de Roma e 3x3D pechou a Semana da Crítica en Cannes, acumulando a seguir pasaxes por certames tan importantes como a Mostra de São Paulo e os festivais de Rotterdam, o BAFICI de Buenos Aires, Tokio FilMeX, Moscova, Busan, Sitges ou Guadalajara, entroutros. A pesar deste notábel percorrido internacional, estes dous filmes continúan sen estrea comercial en Portugal, onde só foron exhibidos no contexto de festivais e pre-estreas. Unha vez máis, do mesmo xeito que ocorrera coa estratexia de produción, o proceso foi moi complexo e burocrático, envolvendo cuestións xurídicas que dificultan a creación e circulación desta caste de produtos artísticos e culturais. O resto da produción tivo percorridos e destinos distintos en función do ‘apetito’ do mercado, habendo varios títulos que circularon bastante por festivais, onde acumularon recoñecemento e eloxios da crítica: O Corpo de Afonso (João Pedro Rodrigues, 2012), por exemplo, pasou por Locarno, Nova York e polo Curtas Vila do Conde; e Zwazo pasou por Locarno, Rotterdam, Vila do Conde e São Paulo.

Sweet Exorcism (Pedro Costa, 2012)

Sweet Exorcism (Pedro Costa, 2012)

Despois da Capital Europea da Cultura

Ano e medio despois do remate desta aventura, e malia os atrancos que xurdiron polo camiño, Rodrigo Areias está visibelmente satisfeito cos resultados alcanzados, porque considera que o traballo desenvolvido estivo á altura das expectativas xeradas durante o proceso de candidatura. Cando lle preguntamos polo que ficou en Guimarães logo da Capital Europea da Cultura, Areias enumera, con fachenda, os que para el son os catro principais aspectos dese legado.

O primeiro seria a constitución dunha estrutura de produción áxil con recursos humanos cualificados, un logro que responde directamente a un dos obxectivos fundamentais da candidatura de Guimarães a Capital Europea da Cultura: desenvolver estruturas locais, crear emprego, aumentar a cualificación dos traballadores do sector e, polo xeral, potenciar os recursos locais. O segundo sería o programa de primeiras obras Curtas Novais Teixeira, que estaba destinado a mozos aspirantes a realizadores de até trinta anos e sen obra producida. Co formato dun concurso de guións, este programa tiña como ‘premio’ a realización dunha curta de ficción ou documental co apoio dunha plataforma cinematográfica creada ao abrigo do evento. Das corenta propostas sometidas a concurso, o xurado seleccionou oito proxectos —seis ficcións e dous documentais que foron producidas entre 2011 e 2013 e posteriormente difundidas a través do circuíto de festivais.

O terceiro elemento creado para que “fique e teña sostenibilidade futura”, como di Areias, foi a Minho Film Commission, un proxecto dunha dimensión xeográfica que vai alén do Concello de Guimarães. Esta organización non lucrativa promove e divulga as competencias do territorio do Miño, ao norte de Portugal, tentando atraer para a súa área de influencia a rodaxe de producións audiovisuais externas. Ubicada en Guimarães, cun equipo dunhas vinte e cinco persoas que participaron na rodaxe dos case trinta filmes producidos durante ano e medio para Guimarães 2012, este proxecto tirará proveito desa experiencia que formou técnicos como nunca se tiña visto antes na rexión. A título de exemplo, cómpre referir que a máis recente produción apoiada pola Minho Film Commission, a longametraxe Os Maias –Alguns Episódios da Vida Amorosa (João Botelho, 2014), rodada nos concellos de Celorico de Basto e Ponte de Lima, beneficiouse da experiencia previa do cineasta en Guimarães durante a rodaxe de O Bravo Som dos Tambores (João Botelho, 2012).

E por ultimo, naturalmente, ficaron os filmes, decenas de obras que constitúen un legado artístico e cultural inédito sobre a cidade e a zona de Guimarães que serve, en última instancia, para poñela en valor, contribuíndo así á súa promoción turística, artística e cultural da rexión e do país en diversos foros internacionais. 

Ler a versão original deste texto em português

Comments are closed.