EXILE, de Robert Todd

exile

Esta peza foi elaborada no Seminario de Crítica Experimental do (S8) Mostra de Cinema Periférico

Un retrato: espazos cotiáns, velados a través de distancias de diferentes tipos, vivindo dentro das limitacións das nosas posturas fixas. (Robert Todd)

Os cineastas dos que tivemos a oportunidade de gozar neste festival, o (S8) Mostra de Cinema Periférico, teñen precisamente en común o uso dos espazos e obxectos cotiás como elementos cos que configurar o contido das imaxes dos seus filmes. Son capaces de suscitar interese en aquilo no que outros nin sequera reparan, ancorados nunha percepción rutineira do mundo.

Nesta película Robert Todd sitúanos nunha posición sumisa na que a cámara move a nosa mirada á súa vontade polo espazo, sen a máis mínima posibilidade de elección. Un espazo que a cada momento tórnase máis e máis uniforme. O cineasta emprega as pólas das árbores e as estacións como un elemento chave na forma da película. Coa chegada do inverno, a perda de luz provoca que a paisaxe se tinga de cores máis frías, empregando as pólas a modo de trabas que impiden ver a través delas, o que hai alén. Unha visión fría e uniforme do mundo diexético.

Robert Todd é capaz de crear unha crítica por vía dobre nesta pequena peza: aos métodos de representación convencionais e anticuados da imaxe en movemento e a escravitude que sofre o ser humano do século XXI da man do réxime capitalista dominante. De feito, ambas cuestións están intimamente ligadas. Estamos obrigados a seguir as pautas da cámara en Exile, baixo a arbitrariedade do encadre, do mesmo xeito que estamos obrigados a encamiñar as nosas vidas seguindo unhas directrices fixadas e preestablecidas, sen posibilidade de pausa, coma se vivísemos encadrados na arbitrariedade de alguén máis. E non existe outra posibilidade. Por moito que a cámara decida inmiscirse no interior da marea de pólas na procura dunha saída, dunha alternativa a esa frialdade e uniformidade, a sufocación ante o fracaso da súa aventura é potenciada pola opresión do potente son de chuvia e vento, provocando o retroceso á súa posición dende a distancia, refuxiada pola tranquilidade da inactividade.

Exile

A continuación a película amosa o que semella ser unha representación da alegoría da caverna de Platón. A cámara (nós) fixa a súa (nosa) mirada sobre o reflexo do sol nun charco. Cando decide levantar a mirada para ver o sol directamente, o seu potente brillo provoca a súa (nosa) cegueira, tornando a imaxe en negro. Espertamos na caverna, nunha situación aínda máis desesperante, pois agora nin sequera somos quen de ver as pólas directamente senón que nos temos que contentar coa súa sombra proxectada sobre as paredes e o chan. Neste sentido a alegoría de Platón semella ir á inversa. Xa non vemos as trabas da realidade, senón unha imaxe representativa desas trabas. Esta situación resulta nunha metáfora poética dos métodos convencionais de representación da imaxe, amparados baixo o nome de Industrias Culturais. Coa promesa dun modo de “desinhibición da realidade”, estas imaxes producidas en serie co fin de ser comercializadas, non supoñen máis que outro método de adoutrinamento do réxime dominante. Sempre os mesmo contidos mastigados, contados da mesma maneira, potenciando a pasividade do espectador acomodado. Mesmo Internet, esa plataforma depositante de calquera esperanza de democracia de contidos, está sendo dominada polas grandes compañías das Industrias Culturais.

Existe unha identificación, máis persoal se cadra, na historia recente do estado español. Tras anos de clara e visible represión durante a ditadura franquista e coa morte da figura representativa de dita represión, viuse o reflexo da luz coa “transición”. Porén, a poboación foi cegada pola mal chamada liberdade, bautizada polos tamén mal chamados fillos do franquismo, pois sempre foron os órganos constitutivos do réxime agochados tras a figura do ditador. O resultado é unha (que sorpresa) mal chamada democracia, unha nomenclatura que agocha as trabas de represión antes claramente visíbeis. A democracia do estado español son as proxeccións das sombras das pólas.

O filme remata co mesmo pesimismo co que eu escribo estas liñas, coa identificación con ese monicreque desmembrado e conxelado, completamente reducido. As loitas e protestas respondidas con máis represión. Mais non queda lugar para lamentos, a resistencia continúa mentres os inconformistas non sexamos exterminados pola forza.

Comments are closed.