FESTIVAIS DE CINEMA: O ESTADO DA CUESTIÓN (II)
Segunda Parte
Convidados, Actividades Paralelas e Publicacións
Javier Angulo: Nós, na SEMINCI, distinguimos entre ‘participantes’ que veñen facer algo (presentar un filme, participar nas mesas redondas, presentar libros, etcétera), ‘convidados da industria’ (actores, directores sen filme, moitos distribuidores, institucións tipo Filmoteca, ICAA, FAPAE, EGEDA…), ‘convidados da prensa’ (prensa local, nacional e internacional) e finalmente ‘acreditados’, en xeral.
Entre participantes e convidados créase o que eu chamaría un ‘ambiente profesional’ no festival, que non ten que ver co que se crea co público nas salas ou na rúa ao rematar as proxeccións. É xente que se xunta entre filme e filme, ao rematar presentacións ou mesas redondas, ou pola noite nos hoteis e parolan relaxadamente de cinema, da profesión, de proxectos propios ou alleos. Fanse amigos, técense relacións (sobre todo entre directores de curtas). Esa atmosfera é básica nun festival. Este ano, ao restrinxir un pouco a cifra de convidados, notamos un baixón de ambiente, e algúns xornalistas nas súas crónicas coincidiron en que o festival semellaba algo tristeiro. É dicir, nos convidados non hai que aforrar porque son un dos condimentos esenciais dun festival.
Respecto ás actividades paralelas son hoxe case un luxo, á vista da crise e das rebaixas nos orzamentos. Son actividades (concertos, debates, exposicións, proxeccións especiais, etcétera) estupendas para arroupar ou ‘vestir’ ao festival, enchéndoo de cinema en tódolos sentidos e tódalas artes posibles. E claro está, son actividades que serven para fidelizar ao público, para ‘fixalo’ e facerlle sentir que está nun mundo no que só por uns días respira cinema por todas partes a través de tódolos sentidos.
Àngel Sala: Totalmente de acordo con Angulo no tema dos convidados. Hai que crear ambiente, debate, circulación de tendencias e iso conséguese pola interacción de público, crítica, talento e industria. Este ano mesturamos a tódolos estamentos en puntos de encontro e festas de formato pequeno e o éxito foi enorme, mellorando mesmo a percepción de cantidade e calidade de talentos presentes.
Mentres, as actividades paralelas son cada vez máis decisivas en Sitges e calquera festival que se prece. Desde os post-screenings (moito máis ricos que as obsoletas ou, directamente, mortas roldas de prensa) até as clases maxistrais, pasando por mesas redondas, os talleres, etcétera. Todas estas actividades complementan de maneira perfecta un festival que, ao ser de xénero fantástico, dá un papel primordial ao valor do making of. Levamos dous anos mellorando este apartado e os resultados son sorprendentes, a verdade.
Josetxo Cerdán: Estou bastante de acordo coas respostas de Javier e Àngel: Festival de Cinema é un binomio terminolóxico no que adoitamos centrarnos no segundo termo (cinema), pero no que se fala pouco do primeiro (festival), é dicir, a parte festiva, os encontros, esas ‘vacacións’ das que fala Javier que moitos toman / tomamos para ir a certos festivais para gozar non só, e mesmo non sempre do que máis, dos filmes. Un festival é un acontecemento social alén do cinema, un evento que move poboación, como as Fallas ou os Sanfermines…
Cada festival tenta mobilizar aos seus públicos, e para iso os filmes son un elemento importante, pero as ‘estrelas’ son outro, e tamén as actividades paralelas, os espazos sociais que se abren para que o público participe doutro xeito no festival. Moitas veces empregamos un parapeto cultural para defender os festivais e esquecemos que tamén son, e iso é o que ao final os identifica, lugares de encontro social: para o intercambio e a socialización, ás veces profesional, pero ás veces tamén polo dixomedíxome (no fondo, eu coido que unha cousa e a outra van da man).
Logo, coma sempre, habería que diferenciar que significan para cada un de nós os conceptos ‘estrela’ ou ‘evento paralelo’, porque seguro que teñen significados moi variados, un pouco na liña que xa apuntei de que baixo unha primeira capa homoxénea estamos a falar de cousas moi distintas. En todo caso, paréceme que é importante expor esa cuestión festiva do festival (e perdón pola redundancia), porque, aínda que moitas veces digamos o contrario, o público dun festival non só se alimenta de filmes.
José Luís Cienfuegos: Unha das cousas máis fermosas dun festival de cinema é atraer non só ao público local, senón tamén ao foráneo. Para iso considero imprescindíbel as actividades que van alén das proxeccións. En primeiro lugar, encontros co público e coloquios. Este foi o primeiro ano que en Sevilla houbo ese contacto directo entre convidados e espectadores e foi un éxito. Iso permite achegar o festival aos cidadáns e que os convidados marchen coa idea de que estiveron defendendo a súa obra, é dicir, traballando, en suma. E se, ademais, logo das proxeccións se organizan actividades onde medios de comunicación, convidados e público poidan atoparse, relaxarse, discutir e debater, moito mellor. Aí cada un imprimiralle, evidentemente, o seu propio selo. No meu caso, como ben sabedes, gústame enriquecer o festival con actividades musicais, cousa que permite, penso eu, dar unha imaxe un pouquiño máis contemporánea e distendida ao evento. Como xa se dixo, moitos son os afeccionados que gardan días de vacacións para ir a un festival de cinema. Se a unha boa programación lle engades tamén coloquios, concertos e unha cidade como Sevilla, coido que o cóctel resulta irresistíbel.
E por certo, coido que ademais da ‘festa’, tódolos que participamos neste debate defendemos en maior ou menor medida os contidos académicos, o estudo e a reflexión. Ben sexa con cursos en colaboración coa Universidade, ben con publicacións ou mesmo con ambas as cousas. Reivindiquemos pois este sentido.
José Sánchez-Montes: Cines del Sur pasou de ter 150 invitados a non ter ningún. Na nosa opinión era moi importante para situar o festival e que conseguise un nome. Agora estamos sen opción ningunha de telos a non ser que as circunstancias financeiras muden dun xeito espectacular, mais todo o investimento que fixemos no seu día deu moitos froitos. Agora as distribuidoras coñécennos e xa se fían de nós, así como moitos produtores e directores, que serven de aval ante outros espallados por todo o mundo. Por suposto, isto é algo que retomaremos en canto podaimos.
E con respecto ás actividades paralelas, ocorre algo semellante. Se cadra o coñecemento de Granada, onde programei cultura durante máis de 30 anos, permitíame saber que era máis útil investir en actividades paralelas que en publicidade local. Eu tamén penso que hai que fomentar o concepto de festa, de momento único. Iso si, todo o que programamos durante os anos en que puidemos facelo tiña relación co audiovisual e coa multiculturalidade: proxeccións nas rúas, talleres, seminarios, concursos, música, a creación dunha plataforma de festivais adicados ás cinematografías periféricas, un programa educativo, a extensión do festival pola provincia, os hospitais e o cárcere…
Logo, as publicacións, non son unha actividade paralela senón un legado con moito sentido. Nós editamos até o momento sete libros bilingües coincidindo coas retrospectivas de cada unha das edicións iniciais, algo do que sentimos fachendosos malia os problemas de distribución que todos coñecedes.
Javier Angulo: As publicacións parécenme un complemento obrigado das retrospectivas, e en Valladolid coidámolo dende sempre, póndoas en man dos mellores profesionais en canto a contidos e forma. Temos uns fondos editoriais de gran valor, tal e como nolo lembraba hai tres anos Atom Egoyan na súa última visita a Valladolid, un festival que coñece moi ben dende hai 22 anos. Mágoa que a crise estea a facer cada vez máis difícil poder mantelas. Nós tivemos que pedir axuda aos patrocinadores para financialas sen perder calidade, aceptando algúns logos na parte baixa de portada e contraportada.
Josetxo Cerdán: A palabra académica quédanos un pouco grande en termos xerais, ou se queredes, non se axusta de todo ao que nós facemos, aínda que, coma sempre, hai excepcións, e eu vinas tanto en Xixón nos anos de José Luís como en Málaga, neste caso na contorna documental.
Eu, que fun editor e autor en varias publicacións en diferentes festivais, sempre fun moi crítico con elas, basicamente porque coido que os exemplares non saen das caixas e fican en almacéns collendo po… Mais tamén porque moitas veces se fixeron libros inútiles, non nos enganemos: hai moitos libros de festivais que tiveron un proceso de produción acelerado ou que os seus textos son innecesarios. E aí están. Coido moitas veces faltou un criterio serio á hora de facer eses libros por mor da urxencia coa que se traballa: o ciclo anual do festival reserva pouco máis de seis meses para a produción dos libros, e iso reflíctese no resultado.
E aínda así, malia todo, dende a miña chegada a Punto de Vista como director artístico insistín en manter a publicación anual. Tentamos simplificar a produción, pensar os libros en termos diferentes aos habituais, introducir novos puntos de vista á hora de facer as edicións… Penso que atinamos unhas veces e trabucámonos noutras, mais sigo tendo a impresión de que os libros de festival precisan dunha revisión urxente no tocante ao seu modelo de produción, que é o mesmo que reflectir de novo nos seus obxectivos, parafraseando o que dicían antes José e Javier: para que serven os libros de festival?
Àngel Sala: Os libros foron sempre unha prioridade nos equipos que dirixín. Penso que son fundamentais para manter a vixencia no tempo dun certame e crear tendencias. Non sempre é sinxelo, pois a necesidade das publicacións non é entendida por institucións nin xerentes, sendo sempre un gasto a eliminar. Por iso, e con moita suor, en Sitges puidemos sacar adiante ás veces edicións estupendas, outras veces non tanto, e mesmo houbo anos con varias publicacións. Tivemos a sorte de que algunhas se converteron en clásicos e referentes (Imágenes para la sospecha: Falsos documentales y otras piruetas de la no-ficción, de Josep Lluis Fecé, ou Fantípodas. Una Aproximación al Cine Fantástico Australiano y Neozelandés, de Sergi Sánchez) e tamén de ter socios como Nuer, Lura, Valdemar, Sci-fi ou Paidós. A última experiencia co volume colectivo Neoculto. El Libro definitivo sobre el cine de culto foi un éxito e un referente case instantáneo. Seguiremos así.
Javier Angulo: É certo, como di Josetxo, que ás veces os libros sobre retrospectivas, unha vez rematada a edición do festival, fican nas caixas e sen saída. Nós tivemos un contrato cunha distribuidora de libros que, ano a ano foi vendendo por catálogo algúns exemplares de edicións do ano e dos anteriores. Agora estamos en conversacións con superficies como FNAC ou El Corte Inglés para pór á súa disposición os libros de cada edición e, se queren, mesmo todo o catálogo, ou cando menos os libros que lles interesen (hai libros referidos a directores, tendencias, escolas de cinema, etcétera). Outra forma de venda (aínda que polo momento algo curta) prodúcese a través das webs dos festivais e das súas tendas.
Respecto á importancia das publicacións, estou con Àngel en que sinalan a vixencia no tempo dun certame e axudan a crear tendencias. Eu coido, ademais, que esas publicacións veñen ser algo así como a memoria (literaria, xornalística e reflexiva) dun festival nun tempo no que para falar de cinema bótase man continuamente de textos tirados de Google ou da Wikipedia. Para min é importante que ao rematar unha retrospectiva, sobre todo se non é dun só director, o seu contido e o seu sentido fiquen recollidos nunha publicación, xa sexa para gardala, para lela ou para volver sobre ela de cando en vez.
Internet, ademais, facilita o aforro nos gastos de papel e impresión, xa que se pode pendurar o libro na rede. Nós, sen ir máis lonxe, levamos tres anos pendurando o libro que cada ano editabamos en papel sobre os Encontros de Novos Realizadores que celebramos cada ano na SEMINCI. É unha fórmula para non deixar de producir textos de reflexión, análise ou información sobre directores e novas tendencias que son necesarios.
José Luís Cienfuegos: Todos tedes un pouco a razón: libros escritos en pouco tempo, mala distribución… mais ao mesmo tempo tamén fican como testemuño, e en ocasións serven de anzol para os directores aos que fas unha retrospectiva.
Os meus último anos en Xixón penduramos na rede boa parte das publicacións, e este ano estou moi contento co catálogo: hai artigos de encarga, entrevistas en exclusiva e sinopses escritas para a ocasión por críticos que SI viron os filmes (ovación).