FESTIVAIS DE CINEMA: O ESTADO DA CUESTIÓN (III)

Terceira parte

As finanzas dun festival

Javier Angulo: Paréceme que puxestes o dedo na chaga. Non podemos comportarnos como eventos estritamente comerciais, que só buscan audiencias e facer negocio. Sempre pensei e crin que os festivais de cinema, pola súa propia natureza, non teñen o que se chama ‘afán de lucro’ e tenden a ser deficitarios, máxime agora que as institucións públicas están en retroceso no que toca a investimentos en festivais e cultura, en xeral. Para nós o despacho de billetes supón algo máis do 15% dun orzamento de preto de 2 millóns de euros, e o Consello Reitor teno asumido. O resto debe chegar por patrocinios, sponsoring e achegas.

José Luis Cienfuegos: Coido que o obxectivo é que o despacho de billetes do festival estea a partir dese 15% do orzamento global que expuña Javier. Na miña anterior etapa de Xixón, chegamos a esa cifra (ao redor dos 135.000€; en 2012 recadaron 90.000€). Sevilla está aínda moi por baixo. Mantendo prezos de 2011 aumentamos un 40% o despacho de billetes, pero estamos mesmo por baixo do 10%.

José Sánchez-Montes: A porcentaxe do orzamento que vén do despacho de billetes en Cines del Sur multiplicouse por dez no noso caso, mais só porque nos reduciron o orzamento un 90%!!! En calquera caso está claro que é unha cantidade bastante ridícula, xa que non cobramos polas proxeccións na rúa que, como dicía, forman parte dunha estratexia de implantación do festival na cidade. A estratexia marcada en Cines del Sur non contemplou xamais un asentamento que permitise dar máis pasos até que non pasasen polo menos 8/10 anos, e por iso estamos tentando “atraer, educar, animar, atrapar” cidadáns de Granada que sustenten o festival. Grazas a esa estratexia Cines del Sur sobreviviu nun intre tan duro como este e vén de confirmar a súa sétima edición. Ninguén pensou na posibilidade da súa desaparición, malia o ‘elitista e cultureta’ que semelle a súa programación. Iso débese á aceptación por parte da cidade, penso eu.

Àngel Sala: Os ingresos por recadación de Sitges son practicamente a nosa segunda liña de ingresos. Reducir o prezo das entradas implicaría baixar o orzamento e recortar o festival interna e externamente, ademais dos obrigados recortes aos que nos obrigan a situación das subvencións ou axudas. É dicir, inviábel neste momento. E coido que no futuro máis ou menos próximo.

Josetxo Cerdán: Punto de Vista, directamente, non ten beneficios. A porcentaxe de diñeiro que se obtén no despacho de billetes é ridícula para un festival que xa ten un orzamento moi axustado (nada que ver coa situación que expón Àngel, aínda que hoxe calquera ingreso é benvido, claro). Sei que esta é unha queixa xeneralizada e que todos a podemos entoar nos últimos anos: a crise provocou un recorte xeneralizado de orzamentos, cando non a desaparición dos eventos. No noso caso, ao ter un orzamento tan axustado desde un primeiro momento, mesmo nos poucos anos de vacas gordas que viviu Punto de Vista, non hai posibilidade de recortalo. Así que cando a crise amosa a súa peor faciana, o único que fica é convertelo nunha cita bienal, con tódolos problemas que iso implica.

José Sánchez-Montes: "Non cobramos polas proxeccións na rúa (...) forman parte dunha estratexia de implantación do festival na cidade".

José Sánchez-Montes: Unha cousa é o que se quere ou debe e outra a que se pode. O noso festival naceu cun moi mal costume: tiña un só curmán de Zumosol que achegaba un orzamento moi potente. Por esa razón non tivemos necesidade de procurar moitos complementos financeiros, malia que si o da AECID para a plataforma de festivais. Na miña opinión esa aparente bonanza non resultou nada beneficiosa. O que veu despois é doado de imaxinar, agora temos un 12% do orzamento inicial. Estamos a buscar financiamento exterior con moi boas perspectivas. O proxecto do festival coma ponte está ben visto nalgunhas institucións e empresas árabes e asiáticas que están dispostas a colaborar financeiramente nel; establecemos tamén contactos iniciais en Latinoamérica e cremos que poderemos arrincar bos fondos no Programa Media Mundus e similares. O problema para asegurar este financiamento é contar sempre cunha base mínima da Junta de Andalucía. En canto ao financiamento local privado… Granada é unha cidade sen industria, pouco máis que dicir.

Javier Angulo: Eu tiven algo máis de tres millóns e medio de orzamento en 2009, o meu segundo ano á fronte de SEMINCI, polo que alén dunha completa selección de películas puiden permitirme unha retrospectiva de toda a obra de Saura (tódolos filmes, incluídas as curtas) en dous teatros e a exposición da súa obra fotográfica, gráfica e pictórica en tres salas do Museo de Arte Moderna. E un concerto estreando o primeiro filme da historia con partitura musical en proxección simultánea: eran outros tempos! Había financiamento público (concellos, deputacións, comunidades autónomas, ICAA, AECID, etcétera) e privada (basicamente bancos).

En 2012, en troques, o orzamento foi de algo máis de dous millóns de euros. Isto quere dicir que perdín millón e medio en tres anos. Este ano terei o mesmo orzamento que me permite financiar as actividades dun festival internacional, tentado non aforrar na calidade dos filmes das seccións en competición (Oficial, Primeiros Filmes e Documentários), mais tiven que recortar en dereitos e en número de convidados, nalgúns servizos, botar man de bolseiros nalgúns postos nos que antes había profesionais con experiencia… Nada grave que poida afectar ao espectador pero é todo moito máis difícil e esixe o dobre de esforzo e dedicación.

Ao que vou é que estamos fodidos se ante o retroceso do investimento público (a maior parte de concellos e comunidades están crebados) non se anima o investimento privado, e neste país non hai tradición de investimento privado en cultura (si en Deporte). E mentres non se aproben leis que faciliten importantes desgravacións fiscais ao capital privado, como existen en Francia e outros países da UE, terémolo cada vez máis difícil. Ah! e esquecía nomear a famosa e ofertada Lei do Mecenado, que non dá chegado ao Congreso. Dicíase que establecía desgravacións fiscais por investimento en eventos culturais, entre os que salientaban… os festivais! Ou pomos veas a tódolos santos locais, provinciais e nacionais ou facemos presión para que esas leis se tramiten canto antes.

Josetxo Cerdán: Hai, e sempre haberá, iniciativas que non van atraer nunca financiamento privado: as máis arriscadas e radicais. Esas iniciativas van precisar sempre axuda pública, e se esta desaparece, directamente, eses eventos desaparecen. Cando tivemos a nosa particular crise hai agora 14 meses as opcións eran reducir o festival á metade (e non ter convidados) ou facelo bienal. Eu coido que non se pode / debe facer un festival sen convidados, polo que optamos polo segundo, e por inventarnos outra cousa (seminario, chamámolo) para os anos que non había festival. Esa é a miña visión: do mesmo xeito que defendemos esa función social e esa importancia cultural dos festivais (eu o do C maiúsculo é que o levo mal, síntoo), penso que temos que asegurarnos de que estes cumpran cuns mínimos. Non sei cal é o caso de Cines del Sur, non sei que significa en cifras ese 12% actual respecto dos primeiros anos (e recoñezo que iso ten que facer moito dano), pero no caso de PdV sinxelamente non se podía facer algo chamado festival co 50% de orzamento.

Àngel Sala: No tocante aos problemas que pode expor unha nova vaga de recortes, eu teño moi claro que os mesmos non terán que afectar á estrutura de persoal ou infraestrutura do certame, xa historicamente moi esluías ambas. Deberemos redimensionar a programación sen decepcionar ao público nin a prensa, distribuíndo recortes en todas as seccións, mais sen eliminar nunca ou reducir totalmente bloques completos. Nós tampouco podemos reducir máis o orzamento de viaxes para talentos se queremos un mínimo de impacto mediático, co que haberá que racionalizar aloxamentos para a industria e se cadra algún tema de dietas. Con todo, será difícil encaixar xa máis esforzos, e hai un mínimo do que non se pode nin debe baixar.

Javier Angulo: Estou de acordo con Àngel, non hai que aforrar nos contidos ‘básicos’ dun festival (seccións en competición e retrospectivas); é o que chamo a ‘columna vertebral’ dun festival, e é nese capítulo onde se pode resentir a súa calidade e nivel artístico. Non hai que reparar nos custos que iso leva, máxime sendo un festival internacional.

Nós os sacrificios provocados polos recortes fixémolos en persoal externo contratado para a edición (con rebaixas aos profesionais e ampliación do número de bolseiros, co que iso leva de risco), reducindo moito as actividades paralelas e en menor medida os dereitos e presenza de convidados non participantes. Aforramos nese capítulo este ano pero chegamos á conclusión de que non compensa, porque eses convidados dan ‘ambiente e atmosfera de cinema’ ao festival, que debe ser tamén un encontro de profesionais, dende os directores de curtas aos profesionais recoñecidos.

O DJ David Holmes, habitual colaborador de Soderbergh, na última edición do SEFF.

José Luis Cienfuegos: O importante coido que é coñecer a verdadeira dimensión do festival que dirixes.

Dous casos moi diferentes: un, Xixón, cun orzamento estábel ao longo dos anos, medrando aos poucos (por certo, agardo non tomedes a mal o comentario: que inxustas son ás veces as inercias á hora de conceder subvencións, como custa que che aumenten ‘un pouquechiño’ malia facer un bo certame, sobrio e con contidos potentes). O caso contrario, Sevilla, que chegou a ter o dobre do diñeiro co que eu traballei este ano.

Pois ben, tivemos que realizar un labor de mentalización de prensa e espectadores: ‘temos un festival MODESTO en orzamento, ambicioso na programación’. A partir de aí, hai que gastar evidentemente no que hai que gastar. E como ben di Javier, que perigo non poder contar con bos profesionais (debemos dicir dunha vez por todas NON aos voluntarios), ou que as empresas que subcontratan ao persoal o fagan por moito menos diñeiro que en anos anteriores (mesmas persoas, mesma función, menos salario…).

José Sánchez Montes: Sobre a decisión que nós tomamos no seu día de manter o festival en tempos de crises planeaba sempre unha máxima: os filmes que verán os granadinos son imposibles de ver (mesmo no resto de España), e deben ser os mellores. Se se programan corenta é moito máis do que tiñamos antes, e se programamos oitenta é un luxo. Isto é o que nos animou a continuar, sobre todo coa esperanza posta no que din os cubanos: “moita insistencia, pouca resistencia” (aínda que nós atopamos sempre moita resistencia, que seguimos confiando en vencer).

Comments are closed.