FILM COMMENT: AUTORISMO ÁXIL

21 Film Comment 221 Film Comment (Libro)

Non é unha novidade editorial, mais a raíz da feliz resurrección dun festival tan relevante no contexto español coma o das Palmas, rescatamos o último volume editado polo mesmo, en 2012: La mirada americana. Cincuenta años de Film Comment, unha compilación de textos reunidos polo crítico Manu Yáñez sobre a mítica cabeceira dos EUA. A intención da escolla, como o editor ben indica no limiar, pivota sobre dúas ideas: representatividade e novidade, isto é -referíndonos ao segundo aspecto- seleccionar textos que non fosen traducidos antes ao español. Evidentemente, fica moito fóra das 400 páxinas deste libro, mais malia todo os grandes nomes da revista vehiculan o discurso de xeito coherente, trazando un percorrido lóxico e gradual dende o posicionamento máis sociolóxico do primeiro editor, Gordon Hitchens –con temas que tentaban realizar unha análise urxente, pero necesaria e profunda, das problemáticas norteamericanas do momento, coma o cinema de propagando da “era de Vietnam” ou a censura e o racismo– até a “encrucillada estética” dos “xéneros do cinema de autor” á que se refire Gavin Smith para analizar, con sorna, os tics dun recente cinema autoral adaptado ás estratexias da globalización, que el le como unha “radiografía do capitalismo neoliberal”.

No medio, Andrew Sarris, o principal importador aos EUA da política dos autores dos Cahiers franceses –vía o editor dos 70, Richard Corliss, en Film Comment– tería quedado branco con esa expresión do xénero de autor de Smith. Unha (aparente) contradición en si mesma. Mais o cinema mudou moito dende esa década de eclosión da revista e, con el, a crítica. O que seguramente non cambiou tanto foi a vontade da publicación de atopar un equilibrio entre a tradición gala do autorismo e unha máis áxil e apegada á realidade, que entronca máis cos estudos culturais tan característicos do contexto anglófono. En palabras de Corliss: “a idea é que o lector non se durma”. Esta relación entre ambas vertentes sempre basculou por diversos terreos, dependendo da época, e dos críticos máis influentes de cada momento. Se cadra, o que soubo atopar un maior equilibrio foi Manny Farber, unha referencia ao longo de varias décadas, que, en palabras de Yáñez, contaba cun “talento para a descrición microscópica” e unha “provocadora astucia analítica”. Persoalmente, un dos artigos cos que máis gocei nesta antoloxía é a crítica de Taxi Driver (Martin Scorsese, 1976) que publicou canda a súa esposa e artista Patricia Patterson no número de maio-xuño de 1976. Coido que é un estudo tan analítico e minucioso como apaixonado, e que advirte certos apuntamentos de raza e xénero no filme, referidos ao seu aparato fílmico e ao guión, dunha claridade expositiva nada habitual en textos desta caste.

Este estilo claro e concienciudo –ao que aspira tamén A Cuarta Parede, con maior ou menor fortuna– fica recollido noutro artigo sobre o cinema de Rainer Werner Fassbinder. Mentres que o primeiro está incluído no capítulo “Cine americano: Autores como nosotros”, o segundo forma parte de “Cine europeo: El viejo continente”. A estes bloques xeográficos, cómpre sumar os nomes de críticos da talla de Kent Jones, centrado no cinema de autores desa terceira vía de Hollywood como Michael Bay ou David Fincher; Jonathan Rosenbaum, sobre Playtime (Jacques Tati, 1967); ou David Bordwell, con apuntamentos sobre Dziga Vertov. Son só os máis sonoros dunha listaxe máis nutrida que percorre cinema diverso, de tódalas épocas e estilos, sempre co selo entre a análise profunda e o verbo fácil da revista. Un terceiro capítulo de orde xeográfica adícase ao “Cine asiático: Vientos de Oriente”. O subtítulo é moi representativo do tardío interese dos críticos occidentais –non só os de Film Comment– polo cinema destas latitudes. Só Kenji Mizoguchi, Hou Hsiao-hsien, Mikio Naruse e Chor Yuen son analizados nesta parte, e falamos de textos dos 90 en adiante, coa excepción do de Robin Wood sobre Mizoguchi, en 1973. (1) Pode que el, antes da súa morte no 2009, e Chris Fujiwara, sexan algúns dos críticos en ter flirteado máis e mellor con Oriente. Só nos 2000 chegamos a reverter esta ausencia. O cinema asiático, en Film Comment como en moitas outras, foi gañando peso nas publicacións especializadas, ante a evidente aparición de moitos outros grandes nomes incontestábeis: Wong Kar-wai, Apichatpong Weerasethakul ou Jia Zhangke; entre os que cita Gavin Smith nun recente editorial, recollido no último capítulo, “Radicales libres: Miradas transversales”.

Manny Farber & Patricia Patterson

Manny Farber & Patricia Patterson

Robin Wood

Robin Wood

Esta parte final dá acomodo a aqueles textos que tratan de diversos intereses cinéfilos, ou do propio exercicio da crítica, máis que en centrarse na análise de filmes ou autores concretos. Especial interese merece aquí “El gran robo del fotograma: Cine y cómic”, de David Chute, pola anticipación en identificar os préstamos dunha arte cara a outra, nun momento no que aínda estabamos lonxe do boom superheroico no cinema; se ben é a idade dourada destes seres mitolóxicos pop nos tebeos onde nacen. Chute fala, xa en 1982, da influencia de Will Eisner nos storyboards, guías visuais hoxe indispensábeis en calquera superprodución con efectos especiais que se prece. Ou do impacto visual da historieta nos filmes desa época de directores tan populares como George Lucas ou Steven Spielberg. En Tron (Steven Lisberger, 1982) atopa unha aproximación primixenia á fusión visual e narratolóxica entre cinema e videoxogos. Hoxe, historias como Mass Effect ou os guións de David Cage para Heavy Rain e Beyond: Two Souls, permítennos falar dun cinema interactivo, de consumo individual e gobernado polas emocións, con vínculos narrativos e de identificación cos personaxes que teñen tamén moito que ver cos xogos de rol. Dicir hoxe isto, sen entrar en detalles, semella bastante evidente. Aventuralo en 1982, non tanto.

O volume conta con dous capítulos máis. Un inicial, no que Andrew Sarris resalta como principal figura na definición dese autorismo á americana da revista, e no que se repasa a obra de cineastas clásicos como John Ford ou Charles Chaplin; e outro dedicado a “géneros, profesionales y otros formatos”. Aquí, estudos sobre o guionista de Hollywood por Richard Corliss, ou unha definición e clasificación dos diferentes tipos de ensaio fílmico por Paul Arthur; destacan coma os máximos expoñentes doutro dos elementos que conforman a identidade de Film Comment. Dunha banda, o impacto de métodos xornalísticos en artigos de carácter máis académico, mais sempre con afán divulgador para axitar as mentes dos lectores (Corliss); da outra, o rigor da academia en textos áxiles, de carácter cinéfilo (Arthur). Un camiño e outro, atópanse no medio para que, ante todo, “o lector non se durma”. Unha filosofía que fai de Film Comment unha das revistas especializadas en cinema máis lonxevas do mundo, e con maior impacto na cinefilia.

(1) A revista tense caracterizado, entroutras cousas, polo seu interese nos estudos de xénero e o feminismo, defendido dende diferentes vertentes. Wood foi un dos máis activistas neste sentido, facendo pública a súa homosexualidade no ensaio “Responsibilities of a Gay Film Critic”, publicado no número de xaneiro-febreiro de 1978.

21 Film Comment (Libro)La Mirada Americana. 50 Años de Film Comment

Manuel Yáñez Murillo (ed.)

Páxinas: 400

Editorial: T&B

Prezo: 20€

Comments are closed.