FIRST REFORMED, de Paul Schrader
Desesperanza e graza
Como é posible que unha película eminentemente teolóxica alcance a discreta popularidade de First reformed en 2018? Un éxito que Paul Schrader non recibía polo menos desde os anos de Aflicción (1998) e que queda reflectido no cuarto posto que acadou a película entre o mellor do ano, segundo A Cuarta Parede. Incluso cando se trata dun director como Martin Scorsese, co que Schrader sempre entrelazou a súa carreira, adoita dicirse que a influencia relixiosa funciona mellor se non é directamente tematizada. Con todo, First reformed funciona en todo momento grazas á habilidade de Schrader, como director, para transformar o conflito teolóxico nunha experiencia estética e, como guionista, por saber como aplicalo ao mundo contemporáneo. Algo que consegue ao situarse ostentosamente no ronsel de dous grandes títulos –Los comulgantes, de Ingmar Bergman, e Diario de un cura rural, de Bresson–; en liña coas súas preocupacións e elementos recorrentes como guionista e director -o orgullo e a incapacidade de amar (véxase American Gigolo), o descenso aos infernos da obsesión (Aflicción) ou a voz superposta de todas elas (incluídos algúns guións como o de Taxi Driver)-; e, como non, en referencia ao citado “estilo transcendental”.
I
Nas súas premisas, a acción de First reformed parece tomada directamente de Los comulgantes (Ingmar Bergman, 1963). O pastor protestante dunha pequena igrexa padece unha profunda crise espiritual por mor dunha perda terrible e un fracaso matrimonial, véndose privado da capacidade de orar. No caso de Schrader trátase da perda do único fillo do reverendo Toller (Ethan Hawke) na Guerra de Iraq, á que foi enviado a instancia do seu pai, antigo capelán do exército, en nome dunha tradición familiar; e o consecuente rexeitamento da súa muller. Velaquí a primeira actualización do conflito na América contemporánea. Isto engádese a un contexto eclesiástico moi diferente do de Bergman, cunha igrexa (a First reformed do título orixinal) preto de cumprir os 250 anos pero financiada polo magnate dunha empresa acusada de estar entre as máis contaminantes do planeta, e como filial dunha igrexa corporativa quedando limitada, practicamente, a exercer de atracción turística. Non é por nada que os nenos chaman ao Reverendo “o home da tenda de souvenires”. Doutra banda, Toller decide substituír a oración polo diario: unha forma de oración que non pasa pola prostración e a abnegación.
Un día, unha parella de fregueses pide o seu consello. Mary (Amanda Seyfried) está embarazada e Michael anda obsesionado co quecemento global. “Poderá perdoarnos Deus polo que lle estamos facendo á súa creación?”, “Como traer unha nena a un mundo que non ten salvación?”, pregúntase. A escena desta conversa entre Michael e Toller está filmada coa contención que atravesa toda a película, pero podemos percibir a emoción do Reverendo, que confesará no seu diario: «Sentinme como Jacob. Loitando toda a noite co anxo. Loitando todo o posible. Cada frase, cada pregunta, cada resposta era unha loita mortal. Foi estimulante». Como boa película de predicadores, o Reverendo proxecta a súa desesperación sobre Michael, loitando, en realidade, consigo mesmo. Así que cando aos poucos días Michael decide suicidarse tras citarse con el, Toller quedará devastado. O activista medioambiental corresponde á súa proxección deixándolle en herdanza un inquietante testamento: a súa causa e un chaleco de explosivos. Ao mesmo tempo, Toller deberá ocupar o seu lugar xunto á súa muller embarazada.
É precisamente nesta dobre herdanza onde se manifesta o conflito principal de First reformed, que se desenvolverá en dúas vías de redención antagónicas. Por unha banda, o martirio, o activismo terrorista; pola outra, o coidado de Mary e o descubrimento do amor por parte dun personaxe -como tantos outros na filmografía de Schrader (véxase o Julian Kay de American Gigolo, con quen tamén comparte un final semellante)- incapaz de amar.
Schrader suscita este conflito desde o primeiro momento nos termos teolóxicos de Thomas Merton. Para o cura católico, activista social e poeta, unha vida sen desesperación é unha vida sen esperanza. Como escribe o Reverendo tralo seu encontro con Michael, «sei que nada pode cambiar e sei que non hai esperanza. Thomas Merton escribiu isto. A desesperación é un desenvolvemento do orgullo tan grande que elixe a túa certeza no canto de admitir que Deus é máis creativo que nós… Quizais sexa mellor non terllo dito [a Michael]. Quen son eu para falar de orgullo?». O valor -cita Toller na súa loita con Michael/sigo mesmo-, é a solución á desesperación; o que o une -especialmente se atendemos á formación calvinista de Schrader- ao problema da Graza de Deus. Ter esperanza consiste en confiar na Graza incluso (especialmente) ante a certeza de estar condenado: a desesperanza. Aínda que Toller non é dos que predican co exemplo.
II
Aínda que a voz superposta é case unha marca de estilo de Schrader, nunca antes tivera unha importancia narrativa tan grande como a que adquire en First reformed grazas á súa concreción na forma dun diario. Toller escribe o diario como substitutivo da oración porque non lle esixe prostrarse, é dicir, confiar e ceder ante a Graza de Deus. É un produto da súa desesperanza e do seu orgullo. Tampouco é algo novo, xa que nalgúns guións de Schrader como Taxi Driver (Scorsese, 1976) a voz superposta foi a miúdo o vehículo polo que se expresaba a monomanía dos protagonistas, comezando como algo espiritual -o diario é a “tecnoloxía do eu” por antonomasia- e acabando nunha manifestación exterior explosiva. A referencia a Taxi Driver non podía ser máis oportuna. Nunha escena crave de First reformed o protagonista deambula en coche polas contaminadas rúas da cidade observando a súa degradación e, no momento culminante, un plano inmenso na súa beleza da corrupción, Toller afirma: «atopei outra forma de oración». En efecto, o que facía Travis Bickle no seu deambular asfaltado era unha forma de oración. Neste contexto é especialmente significativo que a única vez que Toller é capaz de orar (de orar como Deus manda, enténdese) sexa para axudar a Mary.
Malia as referencias a Diario de un cura rural -ademais do diario, First reformed retoma os motivos da bebida e do cancro de estómago, así como o tema da Graza-; o uso que fai Schrader destes elementos non podía ser máis distinto do de Bresson, case como unha réplica ou un investimento da súa película. Basta comparar o distinto sentido da bebida en cada filme (o viño do cura de Ambricourt vs o bourbon de Toller, un medio co que autocastigarse antes de pasar ao anticonxelante) ou lembrar as palabras coas que se abría o filme de Bresson: «Non creo facer mal anotando aquí, día a día, cunha franqueza absoluta, os modestos e insignificantes segredos dunha vida sen misterio». Á fin e ao cabo a película de Schrader apóiase nunha narración clásica.
III
Onde si se manifesta a influencia daqueles directores admirados polo autor de El estilo trascendental en el cine, máis preto de Dreyer que de Ozu ou Bresson, é no ascético dispositivo de First reformed. Encadres frontais en formato académico (1.37:1), que priorizan os espazos baleiros sobre os personaxes, planos maioritariamente fixos, unha montaxe analítica en cortes secos de bisturí, unha fotografía desaturada e invadida polo branco inmaculado da igrexa e do inverno – luminosa e fría como a difusa luz do sol nun día nubrado… Esta é a norma e sostense en claro contraste coa acción e a voz superposta de Toller, cada vez máis enfebrecidos.
Neste contraste reside sen dúbida o maior logro de First reformed, dotándoa dunha distancia, unha claridade e unha lucidez moi diferentes ás doutras películas do director ou ás postas en escena nas que caen as súas historias en mans de Scorsese. En poucas palabras, a graza da película atópase nas súas formas. Efectivamente, en franca oposición ao camiño que decide tomar Toller, o dispositivo só violará as súas formas ante a intervención de Mary. Nestes momentos en que Toller é tocado por ela -e que gradualmente van sementando nel o renacer da capacidade de amar- First reformed ofrece algúns dos momentos visualmente máis poderosos da película; e un final que, se non é tan milagroso como o de Ordet (Carl Th. Dreyer, 1955), posúe polo menos a súa mesma emoción. E Schrader ten o bo gusto de cortalo abruptamente. Porque os milagres só poden mostrarse ata certo punto, pero a esperanzadora emoción de First reformed permanece.