GIRLS, de Lena Dunham
UNHA MOZA É UNHA MOZA
Non hai tantos anos Pilar Aguilar, no seu estudo Mujer, amor y sexo en el cine español de los 90, chamaba a atención sobre que “o xeito feminino de ver e de interesarse polas cousas aparece infrarrepresentado e infravalorado nese espello público que é a ficción audiovisual”i. Esta falta non era exclusiva do ámbito español senón que, como sinalaba a feminista Laura Mulvey, debíase a que o cinema convertía a muller en obxecto de desexo pasivo para o gozo da ollada masculina. Esta deficiencia foise corrixindo a medida que a muller atopou visibilidade na sociedade e xurdiron cineastas que intentaron corrixir esa desviación “falocéntrica” que se agochaba detrás da cámara, e que Michael Powell desvelou dun xeito tan acertado como sorprendente nesa obra de culto que é El fotografo del pánico (Peeping Tom, 1960).
Moitas series de televisión da última década presentábanse como unha contestación a esa situación de subordinación e intentaban corrixir os estereotipos na representación que historicamente sempre tivera a muller. Non só porque en moitas destas series a(s) protagonista(s) fose feminina senón porque por primeira vez parecía que unha ficción audiovisual daba voz aos seus problemas e inquietudes, que profundaban nas súas preocupacións, que tocaban as súa sexualidade de xeito deacomplexado e directo e que as presentaba emancipadas e libres. Por desgraza, este discurso aparentemente subversivo do que facían gala estas series, era o complemento audiovisual perfecto aos contidos da Vogue e a Cosmopolitan. Sexo en Nueva York ou Gossip Girl confirman a tese de que algúns discursos feministas se converteron no mellor aliado do mercado (Paglia).
O que fai que Girls non sexa outra serie cómica en torno ás desventuras sexuais e amorosas dun grupo de amigas é o marcado acento persoal que posúe, e que consegue apartarse e oporse, en grande medida, a eses daniños discursos seudofeministas dos que falabamos. Lena Dunham é a creadora, guionista, directora (da maioría dos capítulos) e actriz dunha das últimas series da sacrosanta HBO. Tal atesouramento de funcións creativas por unha soa persoa nunha serie de televisión posiblemente só sexa equiparable á que realiza Louie C.K. na súa serie Louie. Pero, amais de Lena, habería que destacar a presenza de Judd Apatow (un dos pais da nova comedia norteamericana) como produtor executivo na serie (5 capítulos). Posibelmente onde quizais a influencia e o peso de Apatow se faga máis palpable sexa na construción do estrambótico personaxe de Adam Sakler (o mozo de Hannah), na creación dos gags máis atrevidos (a escena da palla do capítulos 5) e nas frases máis procaces como “por que as virxes se encariñan cando sangran”.
Desde a súa anterior película Tiny Furniture (2010), Lena Dunham comezou a ser vista como unha nova versión feminina de Woody Allen. O que non quere dicir que Dunham mostre as mulleres obsesionadas pola neurose con grandes problemas existenciais ou leve lentes de pasta. Dunham aproxímase a Allen en que os seus corpos transmiten a mesma fraxilidade e o seu estatuto cohibido termina por crear unha dimensión compartida entre o personaxe que interpretan e eles mesmos; o que provoca unha certa disolución entre o público e o privado; a ficción e a realidade: Canto Woody Allen hai en Alvy Singer? Canto hai de Lena Duham en Hanna Horvath? E se profundamos nesta relación, tamén é posible atopar o ton confesional, autocrítico e paródico de Allen de forma característica na serie de Dunham a través do seu personaxe Hanna Horvath, que como ela mesma confesa, é unha gorda que se fixo as tatuaxes para ter o control sobre o seu corpo. Dunham ten unha forma nada cohibida e moi humorística de tocar os temas sexuais que contrasta forzosamente co intelectualismo xudeu de Allen, porén, está lonxe de mostrar unha visión frívola ou gratuíta. Como sinalaba Rilkeii, o sexo e o amor son cousas difíciles. No segundo capítulo, cando Hannah termina de foder co estrafalario personaxe de Adam, escoitámola dicir: “Case me corro”. Unha frase tan sincera como infrecuente que desmitifica o imaxinario masculino e representa o pracer feminino e o sexo como algo máis que un xogo de nenos. O póster de Sexo en Nueva York ocupa unha posición central na habitación da tímida Shoshanna Shapiro (Zosia Mamet), con todo, ela é unha moza sen ningunha experiencia que se pregunta “por que todo o mundo practica o sexo por aquí menos eu?” A crítica aos modelos e estereotipos femininos, que se fomentan desde series como en Sexo en Nueva York, está implícita en grande parte da serie. É a través do personaxe de Jessa (Jemmina Kirke) como se pón en evidencia ese modelo de feminidade e as súas contradicións. Jessa, coa súa paixón pola moda e o estilismo, transmite a mesma imaxe de altiva sofisticación que Carrie, Samanta ou Charlotte en Sexo e Nueva York; a súa actitude indiferente, frívola e atrevida nas relacións cos homes debe moito a eses personaxes High Class. Con todo, o desinterese e a independencia son os vestidos cos que asisten ao baile as novas cincentas.
Pero máis aló das desventuras amorosas e sexuais dun grupo de mozas, Girls trata outros temas ―tópicos se se quere― dun xeito bastante notable, principalmente a través do personaxe de Dunham, que xa aparecían retratados na súa anterior película: o proceso de maduración, atopar un sitio na sociedade e a aceptación dun mesmo. Seguramente Marnie teña razón cando lle espete a Hannah en plena discusión que “é como unha ferida aberta e que pensa que todo o mundo está para humillala”. A súa relación cos homes e con Adam en particular resumíaa perfectamente Bernard Henry-Levy nunha conversa con Françoise Giroud: “a fea está tan perturbada por ser fea. Tan estupefacta polo que lle pasa… Ao principio desconfía e pensa que haberá algo debaixo, pero cando comprendeu que a cousa é seria e que o mozo vai en serio descobre que non coñece nin as regras nin as consignasiii”.
Algúns/as despacharán pronto a serie porque pensarán que é unha serie HBO menor ou porque verán un narcisismo invertido en Lena Dunham ou unha versión máis do parrulo feo, pero acordádevos daquela frase de Godard cando, en referencia ao cine de papá, dicía: “non podemos perdoarvos por non filmar nunca as mozas como nos gustan e como son”. Porque, en parte, o acerto de Girls e de Lena Dunham está niso.
__________