GODARD EXPLICADO ÓS APÁTICOS

de Jean-Luc Godard

Aínda que non existan traducións dos libros de Antoine de Baecque e Richard Brody sobre o cineasta francés, o mercado editorial en lingua castelá prové unha mostra interesante de ensaios, estudos, monográficos e biografías consagrados á figura de Jean-Luc Godard. Se facemos un rápido e breve repaso a modo de mero ‘título informativo’, habería que destacar:

  1. Pensar entre imágenes. Conversaciones, entrevistas, presentaciones y otros fragmentos, editado a cargo de Núria Aidelman e Gonzalo de Lucas.

  2. Imprescindible, En busca del cine perdido, de Natalia Ruiz. É a publicación da súa tese doutoral dedicada a Histoire(s) du cinéma. Un estudo intelixente e minucioso dos temas, as citas, as referencias, que aparecen nesta obra.

  3. Godard, retrato del artista a los 70, de Colin MacCabe. Unha biografía detallada e un tanto entusiasta de vida do autor, desde a súa infancia ata a súa relación con Anna Marie Melville.
  4. Internacional Godard. O número extra que a revista Lumière (recentemente publicado, aínda que con tirada limitada) dedicou con motivo de Filme Socialisme. Reuniu unha gran variedade de autores e críticos que escribiron uns textos moi interesantes e de enorme calidade sobre a última película do director. Unha mostra sobresaliente de como a paixón por unha película pode producir unha riqueza de debate.
  5. Jean-Luc cinéma Godard, aínda que quizais sexa o menos coñecido dos citados. O seu autor é Paulino Viota (sen dúbida un dos mellores analistas fílmicos que deu este país), garantía de que o contido, aínda que breve, non ten desperdicio.

Pero se hai un autor cuxo nome, para moitos, vaia asociado de xeito irremediable coa figura de Jean-Luc Godard, ese é sen dúbida Alain Bergala, e se hai un libro que sexa capaz de facerlle xustiza á súa obra é Nadie como Godard. E pode que me deixe levar polo entusiasmo, e o que vou dicir a continuación, moitos o consideren unha butade; ás que, por outra banda, era afeccionado Godard: non se sei se me gusta demasiado Jean-Luc Godard e por iso sinto paixón polo libro de Alain Bergala ou ben gozo tanto lendo a Bergala que irremediablemente tenme que gustar Godard, ¿ou gústanme tanto Godard e Bergala que só o poido expresar mediante un quiasmo?

Nadie como Godard é un libro creado polo propio Bergala, cunha selección de textos e artigos propios que publicou en diferentes medios sobre as obras do cineasta francés entre principios dos anos 80 e finais dos 90, moitos deles en Cahiers du cinéma. Pero que o contido non fose escrito en bloque para o libro non resta un ápice a súa importancia e calidade. Todo o contrario, que os textos estean datados en diferentes anos permite seguir mellor a traxectoria a un cineasta que ten “a traxectoria máis imprevisible de todas”, di Bergala no prefacio do libro. “Nunca me propuxen, coma no caso doutros cineastas, apostarme no exterior desta obra, como se se tratase dun corpus pechado sobre si mesmo, armado cun aparello crítico e teórico previo e dispoñible xa no campo do saber”. Seguir a obra de Godard o máis próximo posible e tomar cada película como “unha proba” e como unha etapa é a intención que procura Bergala no seu libro.

Jean-Luc Godard con Michel Piccoli e Brigitte Bardot na rodaxe de 'Le mépris'

Nada sabe realmente do presente paradoiro de Godard quen o reduce á súa primeira longa, À bout de souffle (1959), sobre a que pesa a carga do prestixio histórico. Nin o que segue aferrado á plenitude serena de Le mépris (1963), ou chega como moito á exaltación fragmentada de Pierrot le fou (1965). Nin o que deixou a Godard na cuneta no duro carreiro que conduce de Le gai savoir ou One Plus One (1968) a Ici et ailleurs (1976) ou Número deux (1975). Nin o que o fixo logo de 2 ou 3 choses que je sais d’elle (1966), Sauve qui peut (la vie) (1980) ou Nouvelle Vague (1990)”. Estas palabras, aínda que son de Paulino Viota, podería telas escrito ou pronunciado Alain Bergala no seu libro.

Aínda que o libro ten dous extraordinarios textos sobre Le mépris e Pierrot le fou, os restantes, que “non son nin críticas nin análises”, como el mesmo di, céntranse no Godard que produce máis incomodidade no espectador, ese que regresa ao cine de forma cegadora con Sauve qui peut (la vie) (1980), o que filmou o milagre da concepción de María (a pesar da súa educación protestante) en Je vous salue, Marie (1984), “o que mostrou a paixón do cineasta condenado a buscar a xeometría no caos, a música no ruído” en Passion (1982), o Godard que toma conciencia, como dicía George Didi Huberman, de que a imaxe ten máis memoria e futuro que aquel que a contempla, e que transformará a historia nunha obra de arte en Histoire(s) du cinéma (1988-1999), o que convertido en San Pablo buscará redención do pasado, o mesmo que baixaba dun avión en Soigne ta droite (1987) como Mishkin, o inxenuo príncipe d’O idiota.

Porque para comprender o seguinte Godard, o da voz crebada, que cando miraba as estrelas só vía o que desaparecera en Dans le noir du temps (2002); “o que na primeira década do século XXI porá en escena o gran afundimento nos abismos da historia” (Carlos Losilla), con L`origine du XXème siècle (2000) ou Notre musique (2004); ese que será un poeta en tempos de penuria, como dicía Heidegger, e mostrará a decadencia de occidente nun cruceiro polo Mediterráneo en Film Socialisme (2010); primeiro hai que ver o Godard de Hélas pour moi (1995), porque queda patente o seu proxecto ‘benjaminiano’; ou Carmen (1986), porque descubriremos que “para min filmar é como unha magdalena”, adianto da concepción proustiana que desenvolverá na seguinte década. Un Godard “Mal Visto” e que non está feito para aqueles espectadores impacientes e uns textos, os de Bergala, que axudan a que estea “Ben Dito” e sexan capaces de asombrar ós máis ‘apáticos’. Nadie como Godard ou Godard explicado ós apáticos.

__________

Nadie como Godard

Autor: Alain Bergala

Editado por Paidós. Dispoñible por 20 euros.

Comments are closed.