Intersección 2022: Experimentación audiovisual
En toda experimentación hai indicios dun desexo de coñecemento e dun impulso á acción, da materialización dun pensamento ou dunha observación. Se falamos de experimentación audiovisual, a entrega dese material en imaxes e sons a un público xera un efecto de círculo que se pecha, relegando á audiencia a potestade de vivencia e xuízo, os cales pasan a estar en paridade coas conclusións da artista.
A quinta edición do festival Intersección da Coruña estivo composta por varias propostas de carácter experimental na sección Galicia: Un fóra da narratividade, unha exploración do medio.
Interludios, de Iria Vázquez, observa a luz solar filtrada pola fiestra, recreándose nas formas abstractas que debuxa, nunha reflexión sobre o acto perceptivo cotián (como veremos, un traballo que dialoga con Komorebi, de Blanca Rego).
Dúas pezas reflexionan acerca do medio: Pensamiento sonoro, de Mónica Mura, trata de expoñer un pensamento a través de darlle son co ruído da escritura automática (impulsada por este pensamento) dunha pluma sobre un papel de seda, e Monocanal, de Alberto Ardid, grava a conexión dunha cámara de vídeo a un monitor e, deseguido, grava a proxección da gravación previa nun monitor dun museo, conceptualizando e poñendo en cuestión un dos medio de exhibición da videoarte.
Juan López en Xota, maneo, muiñeira, pasodoble, rumba reflexiona visualmente sobre a acción de facer son, rexistrando en cámara (sen audio) os golpes dunha man pintada de negro percutindo distintos ritmos no parche da pandeireta.
Neste espírito experimental é obrigado salientar o foco dedicado a Blanca Rego. _blank (o seu alias) é unha cineasta ferrolana, artista dos medios e do ruído. Chuvia, ruído, caos e baleiro intertitulan a súa páxina web.
Komorebi. The effect of sunlight streaming through the leaves of the trees (2015) fálanos dunha experiencia sensorial provocada polos raios do sol. Silencio, movemento constante. Chégannos luces incidentes que parecen artificiais, o plano pechado fai que por intres percibamos o gran e as rascaduras da materialidade do filme, e cando inunda a luz solar a imaxe satúrase e parécenos advertir a pantalla de proxección en branco. Nesta peza, _blank non declara a alusión ao medio e a proxección cinematográfica, mais 25,000 years to trap a shadow 001 (2017) é a específica mostra de como o cinema é a arte da luz e da sombra. A homenaxe é sinxela e rotunda: A imaxe recórdanos á dun microscopio observando un tecido vivo. Non o é. Perdeuse a referencialidade, esa masa escura que se move podería ser moitas cousas; é o reflexo de luz nunha parede arrodeada de sombras.
Tximixt (2015): ruído de imaxe. A aparición dunha tormenta en medio dese gran de imaxe violáceo. Un achegamento a un fenómeno natural que non só abrangue a súa representación visual, senón que por medio de data bending os fotogramas fanse son (ruído), e é precisamente esta banda sonora o que xera en nós unha percepción emocional e corpórea.
_blank utiliza decotío a técnica do data bending, que consiste no cambio de formato de arquivo de certos datos dixitais provocado por unha manipulación de software, é dicir, mediante data bending a mesma información pasa a tomar outro aspecto. É unha práctica relacionada coa arte glitch, arte de erro dixital.
Outro traballo de data bending levado ao cinema é A singing comet (2015), que nos ofrece outra dimensión do cometa Rosetta. As cores en pantalla son a tradución en imaxe dun arquivo de son do corpo celeste.
Certos traballos seus semellan pezas de cine abstracto ou estruturalista, mais sempre hai distincións. You blinked (2016) é un destes casos. Formas xeométricas de cores que provocan un efecto estroboscópico molesto ou incluso perigoso. _blank advirte: “(…) só deberías ver isto baixo a túa propia responsabilidade e risco. Ten en mente que o risco é sexy. Entón, eu digo que o fagas.”
Esta declaración mostra uns principios e unha actitude. O filme é molesto, agresivo, incluso ela di que velo fai que a palabra “destruír” apareza na súa mente, mais provoca unha reacción física, o filme agrédenos ou mesmo fódenos.
Engram (Optical Sound #001) (2012), outra peza que semella unha película estruturalista dunhas décadas atrás (probablemente dos anos 70), mais consigue esta estética cunha aplicación dun iPod que recrea a aparencia do 8 mm. O son, ao que fai referencia o título, prodúcese transformando cada frame en arquivo de audio, por tanto, podería dicirse que sería a equivalencia conceptual do son óptico (son xerado por unha gravación directa sobre o celuloide onde se filma a imaxe) perante unha técnica dixital.
Poño moito en valor o traballo de Blanca Rego, alias _blank, nun momento no que o audiovisual pasa por unha nostalxia da estética analóxica (mesmo podemos ver videoclips ou filtros de Instagram que a simulan). Mais aquí non se trata dun chiscadelo estético. Blanca alude en moitos dos seus filmes a outros artistas e baséase en procedementos, experiencias ou citas dos mesmos, desmarcándose dunha autoría individual absoluta, desmantelando a pertenza a unha cadea que non se quebra. Mais dentro desa cadea (conformada por moitos aneis que fixeron historia do cinema experimental) consegue ir á raíz dende o hoxe e dende procedementos informáticos nos que, outra vez, a súa autoría queda relegada en certas partes do proceso ás decisións da máquina (por exemplo, cando xera ruídos a partir de imaxes por data bending ou á inversa).
Remato este texto con Digital Materialism (2015), que me pareceu o cumio da beleza poética da súa arte dixital. Precisamente, parte da pregunta de se é posible conseguir unha película materialista a partir de medios dixitais. Para comprobalo, tirou 7.669 fotografías coa súa cámara dixital sen sacar a tapa do obxectivo, pois aumentando o brillo da fotografía negra podía ver píxeles brancos e azuis. Digital Materialism son as fotografías montadas na mesma orde de tirada.
Certo é que o resultado visible ten unha aparencia dixital (noutras pezas das que falei anteriormente non é tan claro) mais hai latencia dunhas procuras comúns e unha sutileza que nos coloca nun estado de agudeza visual, acorde co mesmo proceder de quen a produciu e puido ver eses pequenos puntos brancos e azuis mortos. Como di a mesma _blank: “vemos o material pero non é físico, é algo distante, escuro e misterioso como o ceo nocturno”.