JEUNE ET JOLIE, de François Ozon
Resulta difícil superar con Jeune et Jolie a densa e brillante obra Dans la maison (2012), filme que lle outorga a François Ozon a Cuncha de Ouro en San Sebastián. O xogo entre realidade e ficción, drama e comedia, fan desta película unha obra mestra na que a través da relación dun profesor de literatura (Fabrice Luchini) co seu alumno (Ernst Umhauer) plásmase dun xeito apaixonante o feito mesmo de crear. Tras este guión hipnótico, turbulento e xenial, Ozon deixa as expectativas moi altas.
En pouco máis dun ano o director francés achéganos unha nova proposta perturbadora e desbocada que se centra na ousada ollada dunha adolescente de 17 anos. Jeune et Jolie (2014) retrata o despertar sexual de Isabelle (Marine Vacth), cuxa andaina no mundo da prostitución é posible debido a un ambiente familiar desequilibrado e repleto de segredos. Cunha figura paterna ausente, un padrastro sumido na indiferenza e as infidelidades da nai, parece que Isabelle só atopa un verdadeiro vínculo emocional co seu irmán.
Unha vez máis François Ozon fai honra ao seu alcume de “Almodóvar francés” en tanto que presenta un filme paixonal no que espreme ao límite as emocións da protagonista e presenta o sexo dun xeito natural e espontáneo. Ademais é feminista, xa que a problemática da muller é o leit motiv, como xa se vira en Swimming Pool (2003) ou en Le refuge (2009). Os homes son a causa do empuxe da muller e os personaxes masculinos vense eclipsados polo protagonismo feminino. O amor é tamén aquí un dos temas centrais presentado en múltiples formas: erótico, apaixonado e ao mesmo tempo tenro. Estudantes recitando a Rimbaud aparecen despois dunhas imaxes nas que vemos a Isabelle vendo pornografía. Ozon expón así unha clara disxuntiva entre o amor e o sexo, unha dualidade problemática que se desenvolve ao longo de todo o filme.
Jeune et Jolie xoga un pouco como Belle de Jour, pero sen a ironía e a infame visión de Buñuel. O filme explora temas coma o narcisismo, a soidade, a alienación e tamén a fraxilidade. O director francés emprega unha vez máis suxestivos movementos de cámara cos que nos descobre aos personaxes de pés a cabeza. Isabelle tenta descubrir a súa sexualidade, pero tamén a súa identidade. Os encontros con diferentes homes non son máis que un camiño, o camiño que escolle para coñecerse a si mesma. Quizais unha das mellores cousas que fai Ozon neste filme é o xeito que ten de presentarnos a primeira experiencia da moza. Os primeiros planos da rapaza son quen de relatarnos á vez decepción e desilusión. Isabelle estase vendo a ela mesma ridícula, decepcionada. A figura erguida na area amosa outro punto de vista, unha mirada externa que é clave á hora de expor o problema que desencadea todos os feitos que se suceden no relato. O argumento comeza aí, na praia.
O traxecto no metro, cambiarse de roupa, poñer os tacóns, a entrada no hotel, o paseo cara a habitación, toda unha serie de novas rutinas dende que entra no mundo da prostitución. É curioso como o director se detén para amosar lentamente o camiño que a leva cara unha nova cita. Un xeito sutil e elegante de ensinarnos a evolución de Isabelle, cada paso que dá para chegar ao hotel é un paso máis para tentar descubrirse a si mesma, un paso errado cara o seu propósito, que non é outro que converterse nunha muller. É así que o magnífico desta película é a capacidade do autor francés para contarnos toda unha serie de sentimentos e impresións sen apenas diálogo. Coa axuda da música somos quen de descubrir as diferentes etapas polas que pasa a rapaza, a música é un narrador máis que, nos momentos clave, emerxe para contarnos o que acontece na mente da protagonista.
O rol da nai (Geraldine Pailhas) xoga un papel fundamental nas actitudes e comportamentos de Isabelle. Cando é consciente de que a súa filla exerce a prostitución a primeira reacción é preguntar se usa protección, posteriormente pretende castigala sen ordenador nin saídas e tenta arranxar a relación coa súa filla propoñéndolle unha fin de semana de compras en Londres. Ozon sabe ridiculizar moi ben o papel dunha nai alonxada, incapaz de comprender e cuxas ideas e cuestións fican na superficie das cousas. No seo dunha familia adiñeirada, Isabelle non precisa cartos, o que precisa é facer algo por si mesma, escapar dese ambiente cómodo e acadar algo por méritos propios, ser quen de levar as rendas, sentirse forte, capaz, valente. Neste senso a interpretación de Marine Vacth, nomeada a mellor actriz revelación nos premios César, é quen de transmitir o goce que experimenta en cada risco ó que se somete, cada mirada desafiante non é máis que unha tentativa de autoafirmarse. Desgraciadamente, François Ozon comete o erro de levar ao límite a autoestima e o narcisismo da protagonista. A mellor amiga da nai de Isabelle non deixa que a moza vaia soa en coche co seu marido, ademais a protagonista chega ao punto de tentar coquetear co seu padrastro. Ambas as dúas escenas son, cando menos, grotescas.
O filme suxire a natureza cíclica dos actos humanos, como cada unha das estacións que se suceden ó longo da cinta, pero quizais é neste senso onde se evidencian as carencias do filme. O director aglutina en poucos minutos a volta ao mundo adolescente e un fortuíto namoramento. A repentina ruptura co mozo é crucial á hora de entender como tralas súas experiencias anteriores, Isabelle reduce tódalas relacións a algo puramente superficial. Xa non é quen de esperar, non é quen de coñecer. Ademais, a maxestosa presenza de Charlotte Rampling sabe a pouco, quizais aquí si se bota en falta un maior diálogo, unha maior reflexión que amose ese último encontro no hotel como unha verdadeira conclusión ao relato, tralo que, despois dun fermoso plano cenital de ambas as dúas mulleres deitadas, Isabelle irrompe na idade adulta.
Jeune et Jolie recrea pensamentos e sentimentos ambivalentes, fala moi ben dos medos e a incerteza da adolescencia, o que leva consigo a necesidade de afirmación. Os fermosos primeiros planos sitúannos psicoloxicamente á protagonista, é unha mestura de sedución, voyeurismo e angustia adolescente, acompañada dunha entrañable e profunda inmersión na alma feminina.