L’IMAGE MANQUANTE, de Rithy Panh

20 L'Image Manquante 2

Desque os Khmers Vermellos tomaron o control de Cambodia o 17 de abril de 1975, a vida do director Rithy Panh estivo marcada polo pasado e a actualidade do seu país natal. Documentalista tenaz, certeiro e renovador, Panh desenvolveu ao longo dos seus máis de vinte anos de traxectoria profesional unha ollada inquisitiva cara ao trauma e a súa posíbel representación fronte á cámara. Debedor do exhaustivo traballo de Claude Lanzmann en Shoah (1985), o interese do cambodiano polo medio cinematográfico pódese resumir coas mesmas palabras que o meu compañeiro Iván Villarmea empregou hai uns meses para describir o traballo do cineasta francés: “para el non se trataba só de contar o que pasou, senón de revivilo nun presente permanente”. É máis, Panh sempre recoñeceu a importancia da obra de Lazmann nos seus propios documentarios.

O centro de tortura S21, o labor atroz de Duch (Kang Kek Iew) e o exercicio tiránico de Pol Pot e o Angkar -o Partido Comunista de Kampuchea- centraron boa parte do esforzo cinematográfico de Panh á hora de reflexionar sobre a barbarie. Malia que a súa primeira longametraxe data de 1988, a súa consagración non chegaría até S21, la machine de mort Khmère rouge (2003), un filme no que o trauma se reconstruía en tempo presente cos seus actores reais como único medio viábel de lidar coa dor do pasado. Deste xeito, Panh levaba un paso máis aló a famosa escena de Shoah na que un perruqueiro (Abraham Bomba) falaba do horror do holocausto mentres desenvolvía o seu labor profesional nunha barbaría de Tel Aviv.

L’image manquante mantén as coordenadas temáticas habituais na traxectoria do cineasta cambodiano, mais introduce unha importante alteración no punto de vista: se até agora a súa obra retratara aos propios protagonistas da historia, na súa última práctica documental prodúcese unha translación narrativa cara á primeira persoa, convertendo os recordos do autor no tema dun novo documentario performativo. Axuste de contas, canto desgarrador sobre o incalculábel valor emocional do perdido, L’image manquante supón así unha renovación radical do discurso de Panh.

20 L'Image Manquante 4

A poesía do horror

Situado dende o eu, dende a condición de Rithy Panh como unha das innumerábeis vítimas da revolución dirixida por Pol Pot, o filme traballa dende unha narrativa dobre: dende as imaxes oficiais que o Angkar gravou e distribuíu para maior gloria do seu réxime e dende a reconstrución con bonecos de arxila das lembranzas dun neno que vive nas súas carnes as mentiras ocultas trala versión oficial.

Malia que a práctica non é nova -Albertina Carri xa empregara maxistralmente bonecos de Playmobil en Los rubios (2003) para fantasear sobre a súa infancia e narrar o secuestro de seus pais-, Panh emprega esta técnica como único modo posíbel para procurar esa imaxe que falta. Esa posíbel imaxe xa viña axexándolle desde hai anos e apareceu como antecedente no seu discurso baixo a forma do lenzo do pintor Vann Nath en S21, la machine de mort Khmère rouge. Con todo, naquel documentário tratábase este asunto de xeito illada, mentres que en L’image manquante convértese no motor da narración.

Panh contrapón a imaxe oficial e a imaxe reconstruída e obrígaas a dialogar, superpondo unha sobre a outra, facéndoas cohabitar para amosar o horror. A través da penetrante voz de Randal Douc -o narrador que guía ao espectador a través do cruel episodio-, o autor confesa que durante anos estivera á procura da imaxe do horror mais que deixara de facelo: a imaxe resultaría demasiado obscena e, por ese motivo, decidiu reconstruíla para narrar o pasado. Así, o horror está presente en cada fotograma, pero baixo a forma dun laio poético que envolve todo o relato.

Fronte ao que fixera Albertina Carri en Los rubios, Panh decide non animar as súas figuras de arxila: os espazos re-escenificados e os seus habitantes permanecen inmóbeis e é a cámara a que transita por eles mentres a voice over vai profundando paseniñamente no trauma colectivo vivido en Cambodia entre 1975 e 1979. Ironicamente a contraposición de fotogramas revela que as imaxes ‘reais’, as rodadas polos Khmers Vermellos nese período, aluden a unha revolución utópica que só existiu no celuloide, mentres que a construída en arxila e pintada coas vivas cores que habitan nas lembranzas da infancia encerra a denuncia dos tráxicos acontecementos reais.

20 L'Image Manquante 3

«A imaxe que falta somos nós»

L’image manquante aborda continuamente estas contradicións e ofrece unha profunda reflexión sobre o que supón facer cinema. A estas dúas aproximacións ao documento fílmico -real e ficticia-, Panh engade unha terceira: a do seu descubrimento do cinema na infancia antes da chegada da revolución, a da fascinación polo medio e a da necesidade de facelo seu como única vía posíbel para relatar o sucedido, de revivilo no presente. Esa imaxe que falta é unha imaxe múltiple e a súa misión como documentalista será tentar darlle forma, cor e palabra a través do cinema, porque a imaxe que falta -tal e como denuncia a voz en off- “somos nós”, os habitantes de Cambodia, os asasinados, os exiliados. Nun xogo de espellos e de imaxes de ida e volta, o ensaio poético de Rithy Panh fala dun fotograma ausente dobre: o que os Khmers Vermellos borraron da historia e o que lle arrebataron aos seus compatriotas.

Con todo, a reflexión vai alén da perda e da masacre, e denuncia o posicionamento teórico de quen, sen vivir a ditadura, teoriza sobre a pasividade da poboación, esgrimindo argumentos filosóficos sobre a aceptación do destino do pobo cambodiano e o seu sentimento de culpa procedente do Budismo. O cineasta móstrase feroz ao replicar que eses argumentos están no ceo das ideas, mentres que o que mata é a ideoloxía e a fame.

Devastadora, fermosa, reflexiva e conmovedora, L’image manquante é o filme máis persoal e un dos máis complexos do director cambodiano. Afastada drasticamente da súa filmografía precedente, este documentário gañador do premio Un Certain Regard no Festival de Cannes 2013 é resumo e análise do que significa facer cinema para Rithy Panh. Nas súas obras anteriores a nebulosa desta reflexión planeaba de forma teórica entre as fotogramas, pero aquí toma definitivamente corpo nesa figura de arxila cunha camiseta de topos, nese alter ego do propio cineasta. A súa formulación é clara: o que sobrevive á traxedia debe vivir para contala. Por iso a narración de L’image manquante é circular, porque como nun ciclo eterno os feitos repítense na memoria, mais tamén ao longo da historia. 

Comments are closed.