UN DÍA NA RODAXE DE ‘LAS ALTAS PRESIONES’ DE ÁNGEL SANTOS


Domingo, 6 de outubro de 2013. 10:21 horas. Xa pasei Pontevedra. En escasos quilómetros chego a Paredes. Vexo a sinalización cara o porto e dígome a min mesmo que vou ben, que non vou ter que molestar a Daniel Froiz para que veña recollerme á nacional. El é produtor de Las altas presiones, a última longa do cineasta galego Ángel Santos, que comezou a rodar o día anterior en Pontevedra, e seguirá nos arredores e na raia con Portugal en 16 xornadas máis. Unha produción pequena, con máis elenco do que é habitual no cinema deste autor, que volve a temas coma o amor romántico (“é inevitable”, confesarame despois nunha pausa para un café) e introduce outros como a decadencia da paisaxe industrial, metáfora da crise do sistema capitalista. Hai tamén no filme unha reflexión sobre a arte, ben explicitada na sinopse. Un localizador, interpretado por Andrés Gertrudix, vén a Galicia na procura de escenarios para o filme no que está a traballar. No proceso, atopa a película que nunca se atreveu a, ou non soubo, concretar. E, por suposto, unha muller.

Confeso que non é esta mala paisaxe para un localizador. Conforme me achego ao peirao, a inmensidade da ría de Vigo móstrase ante min, ponte de Rande asomando á dereita, a illa de San Simón coroando o horizonte á miña esquerda. Vexo movemento na praia. Non chego a distinguir quen son as figuras humanas recortadas polo sol. Nesta hora do día, está perfecto para captar os reflexos da luz na área, que traza unha bela sinfonía cromática coa marea baixa. Non hai un metro da ría onde un poña a vista que se asemelle ao outro. Bertitxi, o director de fotografía, debe estar a gozar a planificación desta toma. Intúo que é a figura máis próxima á cámara, que xa alcanzo a distinguir. A uns metros, hai xente movéndose ao redor dela. No peirao, moito coche xunto. Claramente, dei co sitio á primeira. Aparco, collo o bloc de notas, trípode e cámara do maleteiro, e tiro para a praia. Saúdo a un rapaz que se achega a min cun walkie e auricular pegado á orella.

– Ola.

– Quen es?, espeta.

Non o di con mala baba. De feito, compensa a escasa locuacidade cun ton ben amable. Simplemente, está perplexo. É evidente que non o avisaron da miña chegada.

– Busco a Dani. Anda por aquí? Veño visitar a rodaxe para escribir un artigo na revista acuartaparede.com

Vírase e di algo moi rápido no seu micro de solapa. Fai uns segundos de pausa. Aguza o oído.

– Pasa.

Alá vou.

10.30 – Escena 14 / Plano 1 / Toma 1

Outro home con auricular que se me achega. Este sorrí e estende a súa man.

– Benvido, Víctor.

– Graciñas, Dani.

– Ola!

Á terceira voz hai que darlle unha aperta. Hai varios meses que non o vexo. Estráñame non ter recoñecido a Ángel Santos ao entrar na enseada. Veño de pasalo, e a capucha que leva para protexerse do sol despistoume. Está aínda máis xovial do que adoita. Mentres rodeo cun dos meus brazos os seus ombreiros, invádeme tamén certa excitación. Realmente puxen o pé na área sen saber nada da cinta, e vexo que se está a rodar en película de 16 mm. Non é que Santos non dera xa mostras do seu interese polo “material nobre”, como gusta de chamalo. Posúe unha Bolex, coa que filmou Pantasmas#1, Pantasmas#2 e Adolescentes. Mais estas son curtas documentais. Non pensei que entrara nos seus plans, logo de Dous fragmentos / Eva, usar este formato nunha longa de ficción. Esta é a primeira pregunta que debo facerlle. Por que? Mais non é o momento.

– Non te entreteño agora, vexo que estás moi ocupado. Na comida, xa sufrirás o interrogatorio.

De feito, antes de que poida plantar o meu trípode no chan, xa está a camiñar cara a Andrés Gertrudix para darlle unhas indicacións. O actor atópase a escasos metros da cámara, sostendo el mesmo unha na man (dixital, nada que ver co gran aparello mecánico que teño diante). O director móstralle como debe moverse e, cando definen a posición axeitada, a foquista Deirdre Canle pon unha marca no chan para facer correctamente a medición da distancia focal. Este plano é moi sinxelo. O intérprete parte dunha esquina do cadro, como un elemento máis na inmensidade da paisaxe, para ir camiñando cara a cámara e enchendo o encadre. Camiña pola praia, párase, alza a súa pequena cámara, e comeza a berrar unhas indicacións: “Ahí, ahí, un poco más”.

Estase a dirixir a Diana Gómez e Juan Blanco, que lle contestan no contraplano aínda non rodado, ao outro lado da praia. A parella anda cara o mar e berra as súas liñas. Gertrudix grava en realidade o contraplano coa súa pequena cámara. Non o da narración do filme, senón o seu propio plano subxectivo ou, máis ben, o da súa personaxe, o localizador. Este plano, o dixital, aparecerá na película, dentro do cadro filmado en 16 mm., na pantalla dun ordenador. Non entraremos en que xogos metalingüísticos pode estar a procurar Santos con este exercicio. Coido que a explicación é bastante evocadora. Bertitxi, que teño ao meu carón, teno clariño: “O interesante é que non haxa intervención no material que grava Andrés”.

Ao equipo fanlle falta tres tomas para dar o plano por bo. Algo semellante ocorre con outro máis pechado sobre Gertrudix. O sonidista, Xavier L. Souto, quere asegurar que o diálogo quedou debidamente rexistrado. Repítense as liñas de diálogo e xa están listos os primeiros planos do día.

11.33 – Escena 14 / Plano 3 / Toma 1

Cámbiase a cámara de posición para obter os contraplanos. O primeiro é un moi aberto, de toda a praia, cos dous actores indo cara a costa. Semella sinxelo, mais hai algo que non gusta nada a Ángel Santos na primeira toma. Corre apresurado cara onde están os intérpretes, dando un bo rodeo, para non deixar pegadas no lugar que vai rexistrar o encadre elixido. Discute un cacho con eles, andando pola traxectoria que deben de coller, e facendo xestos cos brazos. Claramente, hai algo no seu devagar que quere corrixir. Volve nuns minutos con todo claro, e inténtase unha segunda vez. Á terceira vai a vencida.

O último plano nesta localización será un máis curto destes dous personaxes, para o que se cambia lixeiramente a posición da cámara e, máis importante aínda, o obxectivo. Bertitxi considera que precisan mudar dun de 25 mm. a outro de 50, para capturar o encadre máis focalizado nos actores que lle pide o realizador. Repítese o proceso e, cando xa o teñen todo preparado, motor e acción. Daniel Froiz pídenos a todos silencio para a segunda toma e, recalca: “Non andedes na área, que se escoitan as pegadas”. É certo, esta praia en forma de concha semella un auditorio. A acústica é perfecta. No meu micro entra a conversa, perfectamente nítida, duns paisanos que saíron de paseo, ao outro lado do areal. E a realidade intervén. Os foguetes ao mediodía, dunha parroquia en festas da zona, estragan a segunda toma, que estaba a ir de marabilla. Duran ata as 12.08, momento no que Santos indica ao seu equipo: “Venga, que no hay petardos, vamos a rodar otra”. E así é, dito e feito. Toca a pausa do bocata, que eu agradezo porque non almorcei.

Andrés Gertrudix fronte a unha nave industrial abandonada. Foto: Carla F. Andrade

12.19 – OFF – BOCATA REPARADOR

O rapaz que me atendeu ao chegar, Joaquín Mateo-Morales, indícame onde poido coller un sándwich vexetal e servirme o café triplo que preciso. Moito mellor. Decido sentar con Bertitxi, que non está ocupado, para fritilo a preguntas técnicas sobre a rodaxe.

– Poucas tomas, non? Saíuvos todo á terceira.

– É a concentración do celuloide. Os actores ensaian máis, e nós temos que medir todo á perfección.

– Dende logo, todo o equipo parece moi concentrado. Semella que a rodaxe está a fluír ben.

– É porque non podemos facer moitas tomas, non é coma no dixital. Coido que iso é unha vantaxe. Todo o mundo está máis atento.

E ponse a falar sobre as virtudes da película fotográfica. Hai algo romántico na forma que ten de expresar ese amor polo grao, a textura dunha imaxe palpable, que penso casa moi ben co pensamento e o sentir filosófico do cinema de Ángel Santos. Berti explica por que vén de cambiar de obxectivo, as medicións de luz que ten que facer… Mais nese momento, non poido evitar despistarme por uns segundos para poñer a orella a unha discusión que o director ten co seu produtor, Daniel Froiz. El está sempre atento a cumprir o plan de rodaxe, quere que todo vaia coma un reloxo. E de momento, todo vai en hora e a bo ritmo. Santos é a parte creativa. Xa lle recordarán estas cousas cando conveña. Non sei de que vai a conversa. Só collo cousas soltas, mais hai unha que ben puidera servir de titular: “El encuadre y los actores, es la clave del asunto”. Como se con esta máxima, o cineasta puidera solventar calquera problema. Realmente, está moi atento en todo momento a dirixir os seus intérpretes de xeito preciso. Antes de retomar a rodaxe, mantén conversas con todos eles. Eu dubido sobre se achegarme a Andrés Gertrudix para intercambiar unha palabras con el. Está sentado á sombra dunha pequena árbore, coa vista perdida e aire reflexivo. Entendo que non é o momento de interromper esta concentración. Seguramente, estea a repasar as liñas de diálogo que lle tocan. Froiz achégase a el para indicarlle que se retoma a rodaxe.

12.35 – Escena 14 / Plano 4 / Toma 1

O equipo trasládase a unhas rochas ao fondo da praia. Neste plano, Gertrudix achégase á posición de Gómez e Blanco e explícalles por que está a localizar certo edificio, unha antiga nave industrial, que teñen diante. Os anteriores eran planos fixos. Aquí hai unha panorámica, e a posición do sol non o debe poñer fácil. Eu mesmo debo cambiar de ángulo para evitar un contraluz moi forte no meu rexistro deste día de rodaxe. Santos e Bertitxi tardan en definir o encadre, que debe ademais seguir aos actores dun xeito fluído e gardando unha composición moi específica. Os intérpretes van e veñen ata que teñen claras as súas posicións, a rapidez dos seus movementos e como deben dicir as súas liñas. Ensaian a toma varias veces, e despois vanse maquillar á sombra e poñerse un micro adicional por debaixo da camiseta. Cando non están actuando, sempre teñen un paraugas a man. Vai un sol de xustiza.

Agardamos ata que todo está montado correctamente. Son as 13:42 cando por fin se pode comezar a rodar. En vinte minutos, repítese o plano catro veces. Santos dá as dúas últimas tomas por válidas, mais Andrés Gertrudix pide facer unha quinta, porque omitiu unha pequena información e iso fíxolle cambiar a entoación dunha frase. O director explícalle que foi a toma máis natural, que fixo un gran traballo e que iso non inflúe no desenvolvemento da trama, que non importa. Mais o actor insiste: “Se puede mejorar”. Por detalles coma este, ao longo de toda a xornada, podemos engadir á palabra “concentración”, “perfeccionismo”; para definir o carácter do equipo de Las altas presiones. Na quinta, todo o mundo está de acordo. Foi boa.

14.40 – Escena 16 / Plano 1 / Toma 1

Trasladámonos á seguinte localización, onde só se vai rodar unha pequena panorámica sen diálogo, na que os protagonistas cruzan unha estrada. A dificultade non está en facela, senón en que entre en cadro o que se busca. Froiz leva un bo cacho coordinándose cos seus asistentes para que lle comuniquen por walkie cando pasan coches e que non entren no plano. Non vaia ser que atropelen a alguén, ademais. Pero semella que lles está a custar establecer unha frecuencia para saber cando, dende unha curva ao fondo, os vehículos entrarán en escena. Logo de múltiples intentos, píllanlle o tranquillo. Fanse dúas tomas por asegurar, mais todo flúe sen problemas unha vez o dos coches quedou resolto. Ás 14:55, Froiz apúranos a todos: “Es buena, vamos a comer”.

Andrés Gertrudix na Praia de Lourido, Poio. Foto: Carla F. Andrade

15.40 – OFF – XANTAR CON CONDIMENTO

O lugar onde se rodará á tarde é a praia de Lourido. Neste caso, urbana, moi preto de Poio. O equipo reservou mesa para todos nun restaurante, onde está a esperar, entre outras, Jaione Camborda Coll. Eu adoito vela en contextos de cinema documental, porque é tamén realizadora de non ficción. Supoño erroneamente que está convidada, coma min, a esta rodaxe.

– E ti por aquí?

– Pois de directora artística. Poñendo todo a punto.

Unha sorpresa agradable. Vese que comparte con Santos, cociñeiro paciente e exacto, o gusto polos detalles. Na localización hai un bote ao fondo que pon “cul de sac”, coma o filme que catapultou internacionalmente a Polanski en 1966 logo de ter rodado Repulsión. Xa me decatara desa coincidencia, que me parecera curiosa, ao pasar por aí de camiño ao restaurante; pero cando hora e media máis tarde, Ángel Santos me fai notar o nome do bote e di “cousa de arte”, deixo de crer nas casualidades.

Como algo rápido. Prefiro un café longo, cunha conversa en condicións.

– Que, Ángel, comezamos?

– Cando queiras.

Para que me queden as cousas claras, que é o que veño de ver pola mañá?

Viches o que sería para nós o terceiro día de ficción. Vemos o camiño que fai o noso protagonista, Miguel, que vén de Madrid coa encarga dunha produtora para conseguir unhas localizacións para un filme de corte social. Unha produción media, que probablemente non lle interese nin o máis mínimo. Atópase nun momento de crise persoal, que está a levar como pode. Isto lévao a buscar as súas raíces a atopar a súa posición no mundo laboral. Como se posiciona un aquí cando ten certos intereses artísticos?

Neste caso, atópase con outros dous personaxes, Paula e Juan, que son os irmáns pequenos de amigos seus, que non atopa na cidade. E decide ir con eles visitar espazos. Xogamos a contrapoñer o espazo dunha pequena industria abandonada que esmorece coa enerxía do nacemento dunha relación. E Miguel atópase no medio, observándoo.

Atopa o seu filme, non?

Nunca se chega a explicitar, pero si está iso presente. El é unha persoa que agora non ten ningún impulso creativo concreto. Se cadra si o tivo, mais deixouno atrás, e vai atopando cousas que o axudan a resitualo. Os apuntes dunha película posible.

Las altas presiones é logo o esbozo dun esbozo.

Si, realmente hai esa película social, que pode interesar neste momento de crise, e que se focaliza nos catro ou cinco espazos ruinosos. E despois esa película súa persoal, da que realmente non coñecemos nada. Mais hai unhas imaxes que si nos poden axudar a comprender a súa deriva vital e sentimental.

É a primeira vez que fas unha longa en 16 mm. Por que esta escolla estética?

Había un impulso por filmar con materiais nobres. O dixital estase a impoñer, mais en termos de produción non hai moita diferencia, máis aló dos custos que poida ocasionar. Quería filmar en exteriores, cun aspecto documental, ou cando menos bastante directo; limitar o uso de luz que non sexa natural… E por iso hai esta escolla estética. O celuloide dános algo aquí que non achega o dixital. E como falamos de cinema na película – nela fílmanse imaxes en miniDV – parecíame interesante contar o relato con celuloide.

Por que Andrés Gertrudix? Coñecíalo xa?

Non, vira o seu traballo, e falara del varias ocasións con Fernando Franco1, do que é moi amigo. Recomendoumo non só como actor, senón porque pensou que podiamos conectar, como de feito aconteceu. Cando escribía o guión, chegou un momento no que só o visualizaba a el como personaxe.

Neste filme teño máis dos que adoito ter. Normalmente, limítoo por cuestións orzamentarias. Pero neste caso, Andrés vaise movendo, e de aí saen tres tramas. Está a súa, a das localizacións; outra sería a que se desenvolve coa xente que atopa no camiño, coa que fai unha viaxe a Portugal, para ver unha amiga de toda a vida. Hai aquí algo sentimental ou moral, bastante rohmeriano, moi de construción. A primeira trama tería unha estética máis realista ou documental. E a terceira é nocturna. No lugar onde el para a vivir, establece unha conexión sentimental cunha muller, interpretada por Itsaso Arana.

Unha constante.

É inevitable. Pode haber temática social, paisaxe, outras tramas… Pero o que máis me interesa desenvolver é o sentimento amoroso. Sempre estivo aí. Vexo que Las altas presiones ten moita máis relación con Septiembre que con outros filmes meus. Ata na praia.

Rimos.

– Que vos traio? Pon ben á produtora, eh.

Nese momento, interrómpenos Daniel Froiz para asegurarse de que non imos ficar sen postre.

– Café, dicimos ao unísono.

Por onde iamos?

Andrés Gertrudix indo cara o cargadoiro dos alemáns, na Ría de Vigo. Foto: Carla F. Andrade

Como vai seguir a rodaxe á tarde? Onde marcharedes estes días?

Máis ou menos imos seguir con este tipo de relación coa paisaxe, aínda que haberá momentos máis íntimos con Andrés cando visita os lugares. A nosa base é Pontevedra e, dende aí, a antiga estrada de Tui. Visitamos hoxe Paredes, imos ir a un par de cargadeiros de mineral, abandonados e novos… Rodaremos unha semana nunha bela casa do século XIX en Portugal… A relación co mar é moi importante, e despois dedicaremos as últimas semanas a filmar a noite. Por exemplo, temos unha escena de concerto no Liceo Mutante, unha asociación de Pontevedra que organiza moitas actividades culturais autoxestionadas.

Citabas a Rohmer. A Nouvelle Vague vai seguir aí? Tamén estiveches moi influenciado noutras ocasións polos clásicos literarios rusos.

A miña francofilia é obvia, mais en realidade son menos eslavófilo. Si que hai unha compoñente da paisaxe que conecta con iso, pero é máis circunstancial que persoal. Non a sinto tan propia. A fábrica de cerámicas de Santa Clara, que rodamos hoxe dende fóra, ten un punto Tarkovski innegable. A directora de arte, Jaione Camborda, é moi fan del e está encantada. Eu trato de suavizalo. Vou máis na liña paisaxística de Antonioni, e aquí quero desmarcarme moito de Dos Fragmentos / Eva. É un cambio consciente e moi marcado. Aquela era unha película na que a paisaxe primaba moito máis, e neste estamos achegándonos, intentando que os planos de personaxes sexan a medida do filme. Nos últimos anos, gústame moito, nesta liña, o que fixo Matías Piñeiro.

Sobre a influencia francesa, é, neste caso, pos-Nouvelle Vague. Interésanme Rohmer, mais sobre todo Garrell, Pialat e Eustache. Teñen unha compoñente máis realista, e non tan lúdica. Esa é a filiación, e despois un fai o que ten que facer. Cando te enfrontas a un plano, ás veces as propias circunstancias defíneno. E a túa personalidade acábao transformando un pouco. Veremos os resultados.

– Vamos, a rodar.

Daniel Froiz, sempre atento ao reloxo. Como isto vai de filiacións, achégome a Camborda para facerlle unha petición de cinéfilo.

– Este quere poñer freos á túa vea tarkovskiana, pero ti nin caso.

Saímos ao escenario que a directora de arte preparou para a rodaxe da tarde, co seu bote “cul de sal” incluído, e unha parede pintada con varias capas de distintas cores, efecto supostamente do salitre. Ten un toque, en efecto, moi Antonioni. Eu apuro uns últimos planos para incluír no meu diario en vídeo ata que morre a batería da cámara. Son arredor das cinco e media cando collo o coche de volta á casa. Na miña mente, reverberan as escenas que veño de contemplar e, filtradas por esas filiacións estéticas, comezo a darlles sentido. O xornalista que foi rexistrar atopa un posible filme na súa cabeza; o dun home que recupera o impulso creativo que nunca se atrevera a desenvolver (se cadra por medo a non estar á altura das súas esixencias persoais) grazas a unha muller. E aparecen escenas de Truffaut polo amoroso, de Guerín polo do esbozo, ou de Tarkovski (outra vez máis) polo das ruínas. Pero ese é o meu filme, e Ángel Santos fará outro. Un deses que, intúo, marcan unha traxectoria.

__________

1 O realizador de La herida, na que tamén participa Andrés Gertrudix, será o montador de Las altas presiones. A produtora da primeira, Encanta Films, participará na produción da película de Santos, que tamén recibiu cartos das axudas ao talento da Agadic. Produce Matriuska Producciones, coma en Dos fragmentos / Eva, cun orzamento total de aproximadamente 500.000 euros.

 

Comments are closed.