LAS PALMAS 2018: ENTRE A MORAL E AS CRENZAS


A decimo oitava edición do Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria celebrou este ano dúas efemérides cruciais -salvando as distancias- para a historia da cultura mundial e do cinema en particular. Falamos do 50 aniversario do Maio do 68 e da estrea da obra mestra de Stanley Kubrick, 2001: Odisea en el espacio (1968). O festival canario conmemorou ambos feitos cunha programación revolucionaria e absolutamente heteroxénea, que acolle exemplos de ficción, documental e incluso vídeo-ensaio. Entre as 14 longametraxes en Sección Oficial -onde tristemente debemos sinalar a ausencia total de directoras- atopamos numerosas obras estreadas en festivais como Róterdam ou Berlín, así como unha importante presenza do cinema asiático. O xurado composto por Luis Ospina, Radu Jude, Esther Elisha, Anastasiya Kharchenko e Alejandro Díaz Castaño foi o encargado de repartir o palmarés oficial entre as 12 películas en competición, onde se aprecia unha liña temática dominada polos dilemas morais e a discusión en torno ás crenzas. Completaron a Sección Oficial dúas obras presentadas fóra de concurso: El pintor de calaveras, de Sigfrid Monleón, un documental sobre o pintor e cineasta canario Pepe Dámaso proxectado na gala de apertura, e o filme Insect, a última obra do mestre do surrealismo checo Jan Švankmajer.

The Green Fog (Guy Maddin, 2017)

The Green Fog (Guy Maddin, 2017)

A estadounidense The Green Fog, unha peza dirixida conxuntamente polo realizador Guy Maddin e os seus colaboradores Evan e Galen Johnson, alzouse coa Lady Harimaguada de Oro -máxima distinción do encontro-. Esta obra de apenas 63 minutos, enmarcada no vídeo-ensaio experimental, foi un encargo do Festival de Cine de San Francisco, onde se proxectou o ano pasado como parte da gala de clausura da 60º edición. The Green Fog utiliza imaxes de arquivo de innumerables películas e series rodadas na cidade californiana para elaborar unha “versión alternativa” de Vértigo (Alfred Hitchcock, 1958). Mesturando filmes do máis variado, dende clásicos como La senda tenebrosa (Delmer Daves, 1947) ata éxitos comerciais máis recentes como Instinto Básico (Paul Verhoeven, 1992), The Green Fog leva o formato found footage a un novo nivel, ofrecendo unha experiencia fascinante e realmente divertida. Incluso aqueles alleos ao universo hitchcockiano encontrarán algo atractivo nesta peza que atrapa polo seu ritmo e intelixentes trucos de montaxe. Cabe destacar especialmente a brillante reconstrución das conversas, nas que se prescinde do diálogo explícito para deixar que os xestos transmitan todos os seus matices. Maddin, célebre polo seu estilo e habilidade para recrear a estética do cinema clásico, compón un auténtico canto á cidade de San Francisco nun formato pouco habitual en competicións oficiais. A banda sonora, obra da Kronos Quartet, pon o broche de ouro a un título que fará as delicias da cinefilia.

Non obstante, a gran vencedora desta cita foi a chinesa The Widowed Witch, dirixida por Cai Chengjie. Despois de facerse co premio á Mellor Película (Hivos Tiger Award) no Festival de Cine de Róterdam, a ópera prima de Chengjie marchou de Las Palmas con tres galardóns máis: a Lady Harimaguada de Plata, o Premio José Rivero ao Mellor Novo Director e o recoñecemento á Mellor Actriz para a súa protagonista, a actriz chinesa Tian Tian. Estamos ante unha irregular fábula con lectura feminista, que nos traslada a unha rexión da China rural dominada polo patriarcado e a superstición. Despois dunha críptica secuencia inicial, descubrimos que Er Hao (Tian Tian) acaba de enviuvar por terceira vez logo de perder ao seu marido nunha tráxica explosión. Tras superar un período de shock físico e mental, que inclúe unha innecesaria secuencia de violación -desafortunado mecanismo de guión para conceder ‘dramatismo’ a unha personaxe feminina-, a protagonista debe facer fronte ás acusacións de bruxería e o repudio xeral da súa vila. A base de azar e pericia Er Hao consegue mudar o seu destino, tomando as rendas da súa vida e tornando as crenzas e supersticións da xente no seu favor. A pesar dun ton inconsistente, sobre todo na recta final da película, The Widowed Witch é un relato cativador cunha cinematografía soberbia. Rodada en formato 4:3, a gravación en branco e negro vese acentuada por algunhas pinceladas de cor que contribúen ao carácter máxico da obra.

The Widowed Witch (Cai Chengjie, 2018)

The Widowed Witch (Cai Chengjie, 2018)

O director iraniano Vahid Jalilvand presentou en competición No Date, No Signature, outra das obras máis aplaudidas deste ano. Trátase dun intenso drama construído arredor do sentimento de culpa, que destaca principalmente por unhas interpretacións notables do seu elenco protagonista. A trama xira arredor dun médico forense que, despois dun accidente de tráfico, cre ser o responsable da morte dun cativo. Na obra subxacen tamén reflexións acerca das diferenzas de clase, a responsabilidade e a xustiza no Irán moderno. A pesar dunha premisa que ás veces se resente debido a pequenas incongruencias, o filme de Jalilvand acadou por unanimidade o Premio do Público en Las Palmas, así como o merecidísimo premio á mellor interpretación masculina para Navid Mohammadzadeh -no papel do pai do neno-. No Date, No Signature é un relato que se apoia enormemente nuns diálogos fluídos e nun par de escenas memorables, compaxinadas cunha fotografía sobria pero axeitada.

Pecha o palmarés oficial Daybreak, de Gentian Koçi, candidata albanesa aos últimos premios Oscar e merecedora aquí dunha mención especial do xurado. Koçi dirixe un drama social puro, protagonizado por unha enfermeira sen recursos que subsiste coidando dunha anciá doente. A situación tórnase especialmente dramática cando a protagonista, xunto co seu bebé de apenas uns meses, acaba expulsada da súa casa. A película reflexiona de novo sobre a ética e a honradez cando estas coliden coa necesidade e o instinto de supervivencia. Ata onde somos capaces de chegar cando estamos desesperados? O guión presenta un terceiro acto un tanto fragmentado e atropelado, pero polo demais trátase dunha obra precisa na que a traxedia se desenvolve de forma orgánica. A pesar da ausencia de realizadoras en competición é xusto recoñecer a construción de interesantes personaxes femininas, como o caso desta “nai coraxe” interpretada de forma impecable por Ornela Kapetani.

Como apuntabamos anteriormente, este ano o Festival de Las Palmas outorgou unha preponderancia especial en todas as súas seccións a filmes e cineastas chegados do continente asiático. Obras como The Bangle Seller (Ere Gowda, 2018), prometedor debut sobre desexos e identidades reprimidas no contexto da India heteropatriarcal, ou a taiwanesa Father to son (Hsiao Ya-chuan, 2018), historia persoal arredor dos lazos familiares e as rémoras do pasado, son tan só unha mostra do compromiso do festival canario co cinema de autor chegado de Asia. Outra das cintas a destacar é o thriller psicolóxico Ash, do realizador chinés Li Xiaofeng, unha especie de Extraños en un tren (Alfred Hitchcock, 1951) con toques ao Nicolas Winding Refn. En palabras do seu realizador, a obra susténtase en dous piares fundamentais: o amor e a moral. Neste caso o catalizador do conflito é un dobre asasinato, perpetrado conxuntamente por dous mozos que apenas se coñecen, cuxa investigación se prolonga durante máis dunha década. A trama avanza de xeito paralelo en dúas liñas temporais, fragmentando demasiado unha narrativa que non acaba de aproveitar o potencial do suspense. Porén, o interese do filme non reside na súa intriga -practicamente inexistente-, senón nos aspectos psicolóxicos e o modo en que profunda na mente dos seus protagonistas, ademais dun apartado visual extraordinario.

Ash (Li Xiaofeng, 2017)

Ash (Li Xiaofeng, 2017)

A pesar de figurar como unha produción británica, Barley fields on the other side of the mountain está asinada polo chinés Tian Tsering. Esta obra de estilo naturalista, que ben podería pasar por un documental ficcionado, lévanos ata as impresionantes paisaxes do Tíbet para abordar o conflito político da rexión a través dos ollos dunha rapaza de 16 anos. Nun pequeno pobo das montañas, preto da fronteira coa India, a vida de Pema -interpretada pola carismática Tsering Choekyi- consiste en saír diariamente a recoller cebada para axudar á súa familia. Esta rutina muda por completo cando o seu pai, co que ten unha forte conexión, é encarcerado polo exército chinés debido á súa militancia política. A partir deste momento, e ante a actitude resignada da súa familia, Pema atravesa unha crise persoal que a leva a buscar novos camiños e perspectivas de futuro. Despois de trabar amizade cunha monxa budista, unha moza da súa idade que reside nun convento próximo, ambas deciden fuxir a través das montañas para sumarse á comunidade tibetana no exilio.  Barley fields on the other side of the mountain bota en falta algo máis de profundidade no seu discurso, e incluso unha maior atención á psique das personaxes. Con todo, é unha mostra moi digna dun cinema honesto, que logra conectar con distintos tipos de público grazas á súa naturalidade e o compromiso co tema que trata.

No que se refire ao cinema europeo é ineludible falar de Transit, a última aposta do realizador xermano Christian Petzold (Bárbara, 2012; Ave Fénix, 2014). Esta coprodución entre Alemaña e Francia, en competición na última Berlinale, está chamada a dividir tanto á crítica como ao público debido á súa esixente proposta conceptual. Baseada na novela homónima de Anna Seghers, publicada en 1944 e ambientada durante a ocupación nazi en Francia, Petzold reformula a obra para situala nun presente indefinido, onde a pantasma do fascismo non ten unha cara determinada. A historia segue as peripecias dun refuxiado alemán obrigado a permanecer en Marsella nos inicios da ocupación, mentres intenta obter os papeis necesarios para abandonar Europa. O actor alemán Franz Rogowski, que continúa unha carreira imparable (Victoria, 2015; Happy End, 2017), demostra unha gran solvencia e rexistro dramático no rol protagonista. Pola contra, a personaxe de Paula Beer supón unha réplica algo máis mediocre, debido principalmente a un papel pouco desenvolvido. A obra presenta unha evidente desconexión entre o ton e o contexto, difícil de asimilar para moitos espectadores. Porén, aqueles que acepten o pacto e logren entrar na súa historia serán recompensados cun digno melodrama de espírito clásico e reflexións profundamente contemporáneas.

Transit (Christian Petzold, 2018)

Transit (Christian Petzold, 2018)

Outra das obras en competición que desprende unha innegable paixón polo clasicismo é The Bottomless Bag, de Rustam Khamdamov. O veterano realizador ruso  dirixe esta nova adaptación do relato In a Grove (1922), do escritor xaponés Ryūnosuke Akutagawa, que xa inspirara a gloriosa Rashomon (Akira Kurosawa, 1951). Nesta ocasión a trama ten lugar durante o reinado do tsar Alexandre II, a finais do século XIX. Seguindo o estilo de As Mil e Unha Noites, unha doncela de cámara relata ante o emperador a historia dun príncipe medieval asasinado en estrañas circunstancias. A través da mirada de varios personaxes, que supostamente asistiron ao tráxico acontecemento, a narradora ofrece diferentes versións da historia, construíndo un relato poliédrico que busca cuestionar todas as nosas conviccións. Filmada integramente con luz natural, a obra brilla pola súa dirección artística e o encomiable traballo de fotografía, a cargo de Pyotr Dukhovskoy e Tim Lobov. A fin de contas, The Bottomless Bag fala do concepto de verdade como unha idea volátil e insondable, suxeita a infinitas miradas e perspectivas.

A Sección Oficial de Las Palmas 2018 tamén reservou un oco para o formato documental, onde atopamos o filme arxentino El Espanto, de Martin Benchimol e Pablo Aparo. Estes dous realizadores porteños viaxaron durante dous anos ao pobo de El Dorado, co obxectivo de entrevistar aos seus veciños e documentar os particulares ritos e crenzas locais. Nun lugar onde case todos os habitantes se denominan curandeiros, os fármacos e a medicina tradicional están practicamente desterrados. Son os propios veciños os que, empregando remedios caseiros do máis pintoresco, logran poñer fin a case todas as doenzas. Tan só unha estraña enfermidade coñecida como “El espanto” supera as capacidades curativas dos habitantes do pobo. Unha doenza inexplicable que tan só pode ser tratada por Jorge, un errático personaxe que vive nas aforas da poboación, empregando métodos aínda menos ortodoxos. A proposta e estilo do documental fan sospeitar constantemente da súa veracidade, así como do respecto co que se aproxima aos seus protagonistas. Trátase sen dúbida dun filme que non deixa indiferente a ninguén, espertando máis dun sorriso e xesto de desaprobación. Ademais, como declarou o propio Benchimol, é unha película que “dialoga cos mitos e as lendas”, entroncando directamente co discurso desta edición. O importante non é o que vemos, senón aquilo que decidimos crer. Non era iso o cinema?

El Espanto (Pablo Aparo & Martín Benchimol, 2017)

El Espanto (Pablo Aparo & Martín Benchimol, 2017)

Comments are closed.