Leon Hirszman: O inferno (non) son os demais

Nelson Cavaquinho (1969)

Nelson Cavaquinho (1969)

Texto elaborado para o ‘Seminario de crítica: Voces recuperadas e novos canons’, organizado en colaboración co Play-Doc 2024.

Existe un cine máis aló do canon oficial, daquel que aparece nos libros de historia do cine, un cine recluído nas súas fronteiras orixinais ou en círculos pechados e de difícil acceso. Grazas ao labor de curadores, críticos e festivais, estas obras conseguen saír á luz, chegar ao gran público e dalgunha maneira reinventar eses canons, creando unha historia do cine viva e en constante evolución, o que é unha delicia para os amantes da sétima arte, pois sempre queda algo novo que descubrir, algo novo co que deleitarse.

Dentro deste tipo de cine, atopamos a obra de Leon Hirszman, coñecido no seu país natal, pero cunha traxectoria non tan comentada fóra das súas fronteiras brasileiras. Na pasada edición do festival Play-Doc, puidemos gozar dalgunhas pezas restauradas da filmografía de Hirszman (presentadas ademais pola súa filla).

Os alicerces principais do cine de Hirszman son a identidade brasileira (centrándose sobre todo na expresión desta a través da música tradicional como a samba ou o Partido Alto), o movemento obreiro (mostrado a través de manifestacións e da realidade cotiá da clase obreira), a familia, a educación (identificada como un dos únicos camiños para mellorar a situación do país), a alienación e a colectividade.

Os ritmos da samba habitan algúns dos seus documentais. En Nelson Cavaquinho (1969) acompañamos a Hirszman mentres se adentra na intimidade do músico titular, a través das súas composicións, as súas conversacións e os seus recordos. Convertémonos nun oínte máis, invadindo os espazos privados (a súa casa, o bar) que o director converte no escenario dun espectáculo que deixa de ser privado para deleitarnos a todos. Cunha motivación algo máis pedagóxica, en Partido Alto (1976-1982) vemos un documento histórico da man dalgúns músicos que dominan este estilo baseado na improvisación.

Unha das películas máis paradigmáticas da súa filmografía para comprender o seu estilo é, na miña opinión,  Pedreira de São Diogo (1962), unha curta cunha historia sinxela, pero que trata á perfección as inquietudes de Hirszman. Un poboado periga debido a uns traballos mineiros, polo que os obreiros tratan de evitar a barbarie uníndose aos aldeáns e apoiándose entre eles. A única maneira que ten o obreiro de enfrontarse ao sistema inxusto (o patrón) é mediante a unión e o colectivo. Esta unión ás veces vese lastrada pola alienación representada aquí polo son do traballo (utilizado maxistralmente por Hirszman) que impide e dificulta a comunicación entre os suxeitos oprimidos e aqueles que tentan organizarse colectivamente para pór fin a esta opresión. Ao final, só mediante o colectivo lógrase alcanzar os obxectivos de clase.

Predeira de São Diogo (1962)

Predeira de São Diogo (1962)

Noutras obras como Eles Não Usam Black-Tie (1981) volve estar presente a alienación. As falsas esperanzas por conseguir unha vida mellor afastan ao protagonista tanto da súa familia como dos seus intereses como membro da clase proletaria. Na cinta ponse de manifesto como o capitalismo e o traballo asalariado crean as contradicións de clase que levan aos obreiros a unha vida miserable. Estas mesmas contradicións crean un contexto que os separa da súa emancipación, causando a aparición de suxeitos sen conciencia de clase, tales como o protagonista da película ou os personaxes aos que poderiamos denominar como lumpen, como os distintos criminais que aparecen ao longo da narrativa. Por sorte, Hirszman lémbranos que necesitamos tanto o perdón como aos demais, nun final esperanzador.

Non corre a mesma sorte o protagonista de S. Bernardo (1972), outro personaxe alienado, con ansias arribistas, que tras facerse posuidor de algo de capital e comprar unha facenda deixa atrás o seu pasado como desposuído para replicar as lóxicas de explotación capitalista cara aos seus empregados. Tan só entende a importancia do colectivo tras perder por mor do seu egoísmo aos seus seres queridos.

O cine de Leon Hirszman, ademais dunha xovial expresión da identidade brasileira, é un abrazo cálido, para lembrarnos que non estamos sós e que hai xente que non só comparte os nosos problemas, senón que poden ser clave para solucionalos; así como un recordatorio constante dos perigos da alienación.

São Bernardo (1972)

São Bernardo (1972)

Comments are closed.