Los indeseables, de Ladj Ly

Los indeseables, de Ladj Ly

Nada é doado

Poucas cousas neste mundo son sinxelas. Todo ten varias capas ou matices sobre os que poder reflexionar se se pon o empeño suficiente. Amor, amizade, pobreza, familia e, nunha escala moito menos transcendental, o cine. 

Cada película pode ser interpretada de maneiras moi distintas segundo os ollos que a miren. Este é o caso de Los indeseables, dirixida e coescrita polo francés Ladj Ly. Aforrarei tempo ás persoas que lean esta crítica: esta cinta trata sobre o que o seu corazón lles pida que trate.

Hai unha protagonista, Haby, unha rapaza dos barrios marxinais que intenta mellorar a vida dos seus veciños, e un antagonista, Pierre, un pediatra que acaba de ser nomeado alcalde por sorpresa. Os elementos dunha historia tradicional están aí. Ámbolos personaxes teñen obxectivos, dificultades, aliados e inimigos. E pode que a unha parte dos espectadores eses mecanismos lles sexan suficientes para sentar a desfrutar e esquecerse do mundo durante algo menos de dúas horas, o cal pode ser unha das mellores maneiras de ver cine.

Porén, neste caso concreto, creo que ese non é o noso barco. Para este crítico, esta película comeza e remata no mellor plano de toda a cinta: o primeiro. A cámara sobrevoa un barrio decadente, sucio e en obras, a medida que se vai pechando sobre unha das ventás, nas que comeza a historia. En cal se centra? Dá igual. Si, unha desas ventás pertence a Haby, e seguirémola durante a maior parte do tempo, pero nunca perderemos de vista esas outras fiestras, cada unha coa súa propia historia e os seus propios personaxes. E hai centos, se non milleiros delas.

Unha familia numerosa ao fondo, unha señora maior durmindo a sesta ou un grupo de homes tratando de vivir dos restos de vehículos vellos. Mil detalles que se agochan na película, sempre pasando inadvertidos mentres a cámara segue aos personaxes principais. Con todo, tanto estes personaxes como os das outras ventás teñen algo en común. O verdadeiro núcleo central e protagonista desta película: a desigualdade. Non só a económica, senón tamén a racial, a relixiosa, a social e incluso a emocional. Desigualdade referida a dous aspectos que son diferentes, moitas veces case opostos: os que teñen algo e os que non. E diso aquí hai de sobra. Como dixemos ao principio, nada nesta vida é sinxelo, pero un problema como a crecente desigualdade que asola a nosa sociedade, aínda menos.

Los indeseables, de Ladj Ly

Los indeseables trata de expoñer ese problema coas mellores ferramentas das que dispón, contando unha historia de corrupción política, desaloxos e pobreza, pero neste sentido queda moi curta. Haby é unha personaxe idealista sacada dun conto de fadas que pretende cambiar o mundo cunha campaña de panfletos; Blaz, un dos seus amigos, vese envolto nunha espiral de violencia forzada, repentina e sen demasiado impacto emocional, e Pierre semella máis un vilán de debuxos animados, con decisións arbitrarias e tomadas en quente, que un político real.

As tramas da película avanzan moi pouco a pouco, sen rematar de despegar nin ofrecer un calado emocional para estes personaxes. Por momentos, estes semellan monicreques sendo arrastrados de escena en escena por unha entidade superior, só para que botemos outra ollada a eses barrios marxinais, para os que en realidade nunca ofrece unha solución real.

Semella que a cinta non sabe ben o que quere contar a nivel argumental, e todo acabaría resumido en darlle unha volta ao título. Quen son realmente os indesexables aquí? O certo é que está claro dende o principio, polo que non é unha perspectiva nova nin sorprendente.

É evidente que ningunha cinta achegará solucións a un problema tan estrutural e arraigado na sociedade como este en menos de dúas horas, non pedimos iso, pero si que sexa honesta consigo mesma e co tema que está a tratar. E pedímolo porque sabemos que se pode facer mellor. De feito, a propia película faino.

Faino cando queda calada, esquece a trama principal e deixa que o poder da cámara reflicta unha realidade horrible, inxusta e con moita menor repercusión da que debería. Faino con eses planos pechados e claustrófobos dentro dos edificios case en ruínas; faino coas comidas de barrio onde todo o mundo comparte, non como os individualistas políticos, e faino en planos coidados con detalle como cando as cores dun edificio en ruínas mestúranse coas do ataúde dunha muller que acaba de falecer. Eses edificios e ese contexto simbolizan a morte para aqueles que viven dentro. Lamentablemente, ao igual que nun ataúde, non poden saír.

Los indeseables non é unha película perfecta. Ten fallos e virtudes. Como as propias persoas. E aínda así, é unha cinta digna de aprecio, porque de todos as temáticas, problemas e situacións complexas que existen no mundo, decide atreverse a afrontar unha das máis difíciles.

O feito de que teña o valor para contar estas historias, aínda que non sexa da mellor maneira, xa a converte, cando menos segundo a miña idea do que debería ser o cine, nunha boa película. Porque ningunha proposta que trate de reflectir as miserias sociais que asolan o noso mundo será nunca unha mala obra. O cine, e calquera ferramenta artística, debería estar ao servizo do pobo, para espertalo dun estado de sono que parece ser a norma hoxe en día.

Deberían facerse máis cintas así, porque máis películas implica que, aínda que sexa por pura estatística, teremos mellores exemplos, e con sorte algunha desas, ou a unión de varias, poderán cambiar un pouco a situación.

Los indeseables, de Ladj Ly

Los indeseables, de Ladj Ly

Comments are closed.