Los reyes del mundo, de Laura Mora

Los reyes del mundo, de Laura Mora

Un trono de ladrillo

Aos individuos correspóndenos indignarnos; aos gobernos reflexionar e actuar”, con esta frase de Michel Foucault comezaba a fiar a directora colombiana Laura Mora o seu primeiro filme, Matar a Jesús (2017), para somerxernos nunha obra crúa e inxusta, mais contada dende un punto de vista acomodado, dende as clases que tiñan o privilexio de pensar. En los Los reyes del mundo (2022) volve coa forza da cámara en man, dos planos fechados e os encadres incómodos. Coa morte muda fóra da pantalla. Esta vez dende a mirada contraria, atendendo á poboación que para conseguir reivindicar o seu estado de dereito, vese forzada a indignarse sen que ningún goberno teña pensado actuar polo seu ben.

A obra gañadora da Concha de Ouro do Festival de San Sebastián de 2022 pon en valor os procesos poéticos, revitaliza a imaxe fronte á palabra e remarca as alegorías do traxecto cara a liberdade prometida. Mediante unha premisa sinxela e unha linguaxe achegada ao neorrealismo italiano, Laura Mora guíanos por un mundo difícil cun obxectivo cuberto pola néboa do descoñecemento, pola caótica viaxe de cinco mozos sen medo aos perigos dun camiño hostil e coa fe cega en recuperar unha propiedade en herdanza. 

En ocasións, e quizais pola distancia da mirada occidental, as actuacións non son só naturais, senón que custa desviar a cuestión documental da proxección. Polo que, de igual xeito que tería feito a directora dende a súa mirada privilexiada con estudos e formación estranxeira, debemos tirar a nosa mochila de perspectivas europeas para meternos de cheo nos diferentes escenarios de Colombia. Dende as caóticas rúas de Medellín, onde viven os cinco protagonistas, ata a frondosidade dunha selva que non sabemos se coñecen; unha viaxe por estrada coa tensión constante do perigo inminente, incluso nos lugares que inxenuamente, tanto os protagonistas como nós, entendemos seguros. Con todo, o filme fala da inquedanza da liberdade a través do fogar, da calma. Unha calma que pensamos que se atopará nunhas terras prometidas polo goberno, mais que foron atopando de pouco en pouco polo camiño.

Los reyes del mundo, de Laura Mora

Esta mirada extraordinaria da liberdade a través da calma do fogar e plasmada como alegoría en forma de cabalo branco que baila entre o real e o onírico, déixannola entrever en puntos concretos da longametraxe, que rompen cos paradigmas do que debería ser seguro. Principalmente, porque as diferentes paradas dos protagonistas móvense entre a dualidade da seguridade e o perigo. O club de alterne no medio da montaña, que debería ser un espazo perigoso para un grupo de mozos, convértese nun sitio de seguridade e coidados onde os abastecen de comida, baño e, sobre todo, cariño; mentres que unha parada nunha estación de servizo torna nun lugar de miradas furtivas e sensación de ostracismo, o verdadeiro inimigo é o poder das clases privilexiadas, representadas en homes con sombreiro de vaqueiro. 

Durante todo o filme reafírmanse as clases marxinais como o lugar onde nace a rede de coidados. Máis alá da técnica da obra ou dunha historia que atrape, a idea principal repítena as personaxes: fuxir da humillación e da invisibilidade. Pese a ser unha peza moito máis poética que a de 2017, Laura Mora consegue achegarnos factores humanos que con palabras só se describen superficialmente. Como explicas o valor familiar de 5 amigos sen lazos de sangue? Con miradas, silencios e unha linguaxe íntima e sentimental que fai que nos perdamos na sonoridade do español do país latinoamericano. Refórzase todo isto coa fuxida do conflito, pese a que nos asalte a idea da violencia por elementos como os machetes, feridas e cicatrices dunha vida que os empurraba a sobrevivir como fose necesario. Compartir as cambras dun pastor eléctrico para sentirse vivos ou despreocuparse do mundo exterior tomando unha pastilla que os achega ao seu mundo interior, son procesos necesarios nesta road movie con destino concreto pero con paradas incertas.

A partir desta incerteza tamén se desenvolve a obra. De igual xeito que mencionamos a mirada documental a través das actuacións, tamén nos deixamos levar por esa sensación cando nos atrapan os escenarios con imaxes abertas e panorámicas naturais de bosques, ríos, edificacións populares e sensibilidade polo clima de cada escena, grazas a un son coidado. Porén, toda esta visión semi-documental mestúrase coas alegorías do cabalo ou a árbore na néboa, dando pé a interpretacións moito máis persoais das que non temos explicación directa. Puntos concretos onde a imaxe e a súa continuación non teñen seguimento lóxico e que nos fan pensar que non estamos vendo a realidade. Quizais bebendo do realismo máxico ou atendendo a unha frase que enmarca parte do filme: “En un mundo perfecto mío, el que no quiera, no existe”. Unha casa inhabitable con dúas persoas vivindo nela, o cabalo branco como elemento do mundo real ou unha personaxe que dabamos por desaparecida. Todo nos indica que existe un cambio de linguaxe que certamente agradecemos, non só porque exista, senón porque valoramos a interpretación aberta a partir de elementos case imperceptibles do estilo visual e técnico.

A cineasta colombiana non só avanza na procura da realidade social do país a través dunha perspectiva moito máis crítica que na súa anterior obra. Ataca as ideas que se agochan trala mirada clasista e racista dunha sociedade privilexiada e achéganos os valores das persoas eclipsadas polos prexuízos. Ademais, indaga na procura dun selo propio repetindo recursos (como nas escenas urbanas) e engade visións renovadas de calidade e sensibilidade á hora de mostrarnos a súa terra natal. En algúns aspectos, bebendo do duro realismo de obras como Cidade de deus (2002), de Fernando Meirelles e Kátia Lund, e reafirmando os diferentes mundos. De novo, xustificando a nosa visión occidentalizada, este crítico séntea como unha peza que atende á cultura do seu lugar de orixe, outorgándonos a posibilidade de achegarnos a espazos e emocións descoñecidas.

Los reyes del mundo, de Laura Mora

Comments
One Response to “Los reyes del mundo, de Laura Mora”
  1. Anónimo di:

    Moi bonita a linguaxe coa que esta crítica nos propón a visón da película. Sorprende a sensibilidade á hora de suxerir desprendernos da nosa mirada europea, primeiro mundista, e agradécese esa guía por imaxes simbólicas que moitas veces as espectadoras non afeitas intentamos descifrar sen éxito.