Mandibules, de Quentin Dupieux
O verán adoita a ser o momento no que o cinema se enche de propostas lixeiras que non atoparon espazo durante o resto do ano. Así, é normal que un dos xéneros que máis aparezan nas carteleiras sexa o da comedia: nada entra mellor cando aperta a calor que o aire acondicionado da sala de cinema e 90 minutos de risas. Con todo, tamén é o clima perfecto para arriscar con filmes que non adoitan ter un gran público pero que, o que teñen, é fiel. Recoñezo que esta situación é a que me ocupa coa filmografía do director francés Quentin Dupieux: como dirían os Cahiers, prefiro un Dupieux frouxo a moitos outros directores!
Mandibules (2020) foi un deses filmes que, polas razóns que coñecemos de sobra, viu paralizado o seu transcurso polas salas de cinema. Este xullo do 2021 é o momento ideal, pois, para achegarse a esta, como sempre, surrealista historia de amizade e camaradería. No verán do sur de Francia, dous amigos, con máis fame que neuronas, intentan participar nun intercambio entre dous capos da zona. Todo cambia cando atopan no maleteiro do coche unha mosca xigante. Esta sinopse dá conta do que supón o punto de partida para a historia, mais o que nos agarda nos escasos 77 minutos de cinta está máis próximo a unha buddy-road-movie que a algún tipo de ciencia ficción. A aparición de Dominique, así é o nome que lle dan á mosca xigante, funciona como unha especie de macguffin que desviará a historia por diferentes camiños: o secuestro dun ermitán que vive nunha caravana, o encontro cunhas supostas excompañeiras do instituto… Desvíos que, aínda que permiten que a historia avance, non cambian o foco no realmente importante do filme: a relación entre Jean-Gab e Manu.
Jean-Gab (David Marsais) e Manu (Grégoire Ludig) son amigos desde pequenos. A súa amizade é tal que, cando lle encargan a Manu participar neste misterioso intercambio de maletíns, tan só basta unha mirada para que Jean-Gab abandone o seu traballo na gasolineira familiar para participar da aventura co seu amigo. En canto Dominique entra en escena, a relación transfórmase case nun matrimonio, acusándose de roncar, mimar en exceso á mosca xigante, ou malgastar os cartos en cousas innecesarias. Entre a obsesión por comer de Manu, e os plans de adestrar a Dominique de Jean-Gab, a vida vai pasando. A vida é o que pasa mentres fas plans… aínda que estes plans sexan adestrar a unha mosca xigante para que roube bancos.
Na metade do filme, esta romcom cambia completamente coa aparición de tres mulleres que convidan á parella (e indirectamente a Dominique) á súa casa de verán. Con diferencia, o mellor punto do filme. Este cambio de escenario propiciará momentos ridículos onde, por exemplo, un xendarme pedirá aos presentes cubrir un formulario de satisfacción despois de ter que intervir ante o asasinato dun can: “estes formularios axúdannos a saber se fixemos un bo traballo ou non”. Mais, se algo sorprende desta parte é a actuación case invisible de Adèle Exarchopoulos como Agnès. Un papel magnificamente interpretado que, co tempo, acabará por gañar protagonismo nun triste e surrealista episodio que deixarei sen descubrir para os espectadores.
O noveno filme de Quentin Dupieux é, quizais, menos arriscado que outras propostas anteriores, como Rubber (2010) ou Steak (2007), onde todos os moldes narrativos estaban aí para ser ignorados. Mandibules é un filme tradicional no sentido da construción do relato e onde as situacións absurdas abondan, pero sen ese compoñente surrealista e ridículo que tan ben domina o director. Pola contra, si que existe unha forte incomodidade durante toda a película que mantén ao espectador intentando evitar mirar a pantalla: Dominique. É digno de mención o traballo dos creadores da mosca. O hiperrealismo da mesma fai que sexa repugnante ver xestos que deberían ser entrañables. Así, cando Jean-Gab acariña ou premia a Dominique, un non pode evitar torcer o xesto ante o que, dentro dun filme de ciencia ficción, pasaría desapercibido. É precisamente esa humanidade e ese cariño de Jean-Gab e Dominique o que converte estes xestos en algo gracioso e repugnante ata tal punto que mesmo lembralos para escribir este parágrafo ponme os pelos de punta.
O filme remata coas leccións finais de Dominique. Todo está preparado: a mosca ladroa ten o seu primeiro encargo. Cando bota a voar, a catarse. Manu explícalle a Jean-Gab que tanto lle ten se a mosca volve ou non, que o importante é o agora, esa praia, estar os dous. E é que disto vai Mandibules, de valorar o hoxe e o agora, de vivir no momento e de gozar da compañía da xente que nos rodea por moi estúpidos que sexan os plans nos que nos embarcan. Toro!