MARTHA MARCY MAY MARLENE, de Sean Durkin
Alén dos estereotipos
Sundance é un festival sospeitoso. O seu palmarés, inaugurado con Blood Simple (Joel Coen, 1984), distingue ultimamente títulos que camuflan a súa mediocridade a través dun interese por espazos e comunidades pouco representadas, como ocorre en Winter’s Bone (Debra Granik, 2010), Precious (Lee Daniels, 2009), Frozen River (Courtney Hunt, 2008) ou Quinceañera (Richard Glatzer e Wash Westmoreland, 2006). Ben é certo que non faltan grandes nomes para redimir ao festival (ademais dos Coen, o festival apostou no seu día por Jim Jarmusch, Ross McElwee, Todd Haynes, Quentin Tarantino ou Christopher Nolan, entroutros), mais a sensación xeral que desprende ano tras ano a súa selección é que o cinema independente que promove hai tempo que perdeu o seu carácter alternativo, sepultado baixo unha serie de prácticas estandarizadas que limitan a súa creatividade.
Martha Marcy May Marlene (Sean Durkin, 2011) levou o premio á mellor dirección na anterior edición do festival, mais ten pouco que ver coa gañadora do seu ano, Like Crazy (Drake Doremus, 2011). Esta última actualizaba o tema das relacións a distancia cunha estética moi relambida que, malia pretender ser anovadora, limítase no fondo a seguir as modas actuais das escola de cinema, co seu gusto pola narración elíptica, o énfase nos tempos mortos, o predominio da atmosfera por riba dos acontecementos e un final aberto máis centrado nas emocións dos personaxes que no peche da trama. Estas mesmas características tamén aparecen en Martha Marcy May Marlene, mais o seu director protéxese dos tópicos de Sundance a través dun sólido traballo de cámara, onde as imaxes van revelando moi paseniño a información que o espectador precisa coñecer para casar as pezas dun relato a cabalo entre o pasado e o presente.
A tolemia como proceso
O enigma do filme é comprender que lle aconteceu ao seu personaxe principal, Martha, durante o tempo que viviu nunha comuna rural antes de refuxiarse na casa de súa irmá. O trauma que a acompaña impídelle comportarse segundo as normas de convivencia burguesa, creando unha tensión permanente entre os personaxes que a narración resalta a través de continuos saltos entre ese presente familiar e o pasado da comuna, onde Martha fora rebautizada como Marcy May. Esta estrutura temporal transmite a confusión que sofre o personaxe, incapaz por momentos de distinguir onde está malia ser consciente todo o tempo do seu trastorno. Os flash-backs ao pasado son, polo tanto, as lembranzas traumáticas que torturan á protagonista, e que Sean Durkin sabe dosificar con moita intelixencia para crear suspense. Dese xeito, o ritmo do filme adáptase ao estado mental da protagonista, amosando os acontecementos que ficaron ocultos polo trauma segundo ela os vai revivindo.
Esta narrativa subxectiva ten moito que ver coa doutro dos filmes seleccionados a competición nesa mesma edición de Sundance, Take Shelter (Jeff Nichols, 2011), onde a ansiedade económica do seu protagonista dexenera nunha neurose simbolizada polas violentas treboadas que desbordan os seus soños. Este último filme, ao igual que Martha Marcy May Marlene, representa a tolemia como un proceso en troques de como un estado, onde os personaxes saben o que lles está a acontecer malia non poder atallar o seu mal. Tanto Durkin como Nichols basean a súa posta en escena no punto de vista alterado dos seus protagonistas, confundindo deliberadamente o pasado co presente (Martha Marcy May Marlene) ou o real co imaxinario (Take Shelter). A forza destes títulos atópase polo tanto nesta expresión formal da tolemia, que contamina ao resto de personaxes e tamén á propia narración.
Influenzas velenosas
A presenza de John Hawkes no papel de gurú da comuna pode espertar a tentación de relacionar Martha Marcy May Marlene con Winter’s Bone, ao tratarse nos dous casos de thrillers psicolóxicos de ambientación rural que contan coa presenza incómoda deste intérprete. Porén, a clave do filme de Durkin non é estritamente a resolución do seu misterio, como ocorría no traballo de Debra Granik, senón a introspección emocional do conflito. Hai pistas dabondo segundo vai avanzando o filme para adiviñar que ía mal na comuna, e cada flash-back satisfai a curiosidade morbosa dos espectadores por saber máis dese mundo maligno. Por este motivo, o final aberto non altera a conclusión do filme: á marxe do que lle vaia pasar a Martha na derradeira escena, o seu dano emocional xa está feito. Existe mesmo a posibilidade de interpretar ese final como unha proxección subxectiva da mente perturbada da protagonista, responsábel de invocar no mundo real ás pantasmas que a consumen, igual que tamén ocorre no remate de Take Shelter.
En calquera caso, Martha Marcy May Marlene e Take Shelter opóñense esteticamente aos típicos produtos de Sundance onde a imaxe fica restrinxida a servir de ilustración sintomática da trama. Estes dous títulos pertence máis ben á liña de filmes que distorsionan visualmente a percepción do cotiá para transmitir o malestar dos seus protagonistas, un novelo que no caso de Durkin nos levaría, por exemplo, a nomes como Roman Polanski ou Michael Haneke: do primeiro pode recoñecerse en Martha Marcy May Marlene a falsa amabilidade conspiranoica de Rosemary’s Baby (1968) así como as percepcións distorsionadas que os protagonistas teñen do seu entorno en Repulsion (1965) ou Le locataire (1976), mentres que do segundo Durkin herda o xeito de poñer en escena os estoupidos de violencia que invaden a cotianeidade burguesa, especialmente nas dúas versións de Funny Games (1997 / 2007). Estes referentes, así como o complexo traballo de escritura visual xa comentado, arredan definitivamente este filme do estereotipo que semella promover Sundance nos últimos anos, amosando que a mala sona recente deste festival igual aínda se podería reverter.