MULLERES NO CINEMA: DO DEREITO Á MEDIOCRIDADE Á EMANCIPACIÓN FEMININA

Só un 19% dos filmes producidos en España son dirixidos por mulleres. En todos eles, só o 36% teñen protagonistas femininas. Disto tamén falan Noelia Álvarez e Nazaré Estévez no seu ensaio ‘Análise da representación da muller no cinema español da última década, gañador do Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional dos I Premios María Luz Morales de investigación audiovisual. O documento arroxa luz sobre a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español, claramente deficiente, segundo as súas autoras.

MesaRedonda_MulleresNaPantalla_CREA_FUNDACIONSGAE_USC_4-1030x772

Podemos dicir sen medo a errar, pois, que a escasa presenza das mulleres no audiovisual ten unha influencia directa nos correspondentes discursos? Cómpre aumentar cotas, facer máis espazo para a creación feminina? Ou é erróneo enfocar a emancipación desde un prisma que nace do paradigma dominante, da cesión desde o poder? Arredor destas cuestións xirou a mesa redonda Mulleres no cinema. Presenza e representación, organizada por CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización). O acto, que tivo lugar o pasado 26 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, forma parte da batería de actividades que desenvolve a entidade co fin de promover a visibilización das mulleres profesionais do sector e fomentar o debate para atopar novas vías de achegarse á igualdade.

Ante un público mozo que está a formarse no ámbito do audiovisual, o guionista Daniel D. García, a directora Sonia Méndez e a actriz Tamara Canosa diseccionaron a realidade das súas vidas profesionais, poñendo en común experiencias que denotan esta disonancia entre xéneros. Desde a discriminación á hora de compoñer un equipo de guionistas para unha ficción televisiva –“En Matalobos o equipo co que traballei cumpría co imaxinario social no que ligamos os temas de violencia con homes e, pola contra, con series como Padre Casares acontecía xustamente o contrario”, sinalaba García–, ata casos flagrantes de machismo no lugar de traballo. “A min afeáronme que estaba gorda nun cásting”, confesa Tamara Canosa. “Nós, cando lle presentamos a webserie Angélica y Roberta a V Televisión, recibimos un correo no que nos dicían que, se íamos facer unha serie de tías, eles estaban máis interesados nalgo máis do estilo Sex and the city”, narra polo seu lado Sonia Méndez.

O certo é que esta realidade adquire xa unha dimensión histórica que parte xa da constante infravaloración do traballo feminino. Isto acontece desde os tempos clásicos, cando –segundo algunos teóricos– a Odisea tería sido escrita por mulleres. “Os poetas da altura tiñan certa proxección pública, polo que escribir obras de tal magnitude non lles reportaba beneficio, así que serían as mulleres de boa sociedade as únicas con tempo e ganas de pasar miles de versos”, apunta García ao respecto. Esta relegación tradicional das mulleres a traballos duros, mal pagados e con escaso recoñecemento social repítese ata os nosos días.

Chama a atención como a “incorporación tardía” que se lle atribúe á figura da muller no cinema resulta ser un mito cando, na década dos 20, traballos como guionistas, editoras ou escritoras de continuidade estaban amplamente ocupados por mulleres. Estas construtoras do cinema –cando este estaba aínda a dar os seus primeiros pasos– adicábanse a labores moi minuciosas que apenas recibían crédito. Isto mudou coa chegada o cinema sonoro e o crecente prestixio que este adquiriu, convertíndoo nun espazo que foi axiña invadido por figuras masculinas, excluíndo coa súa xerarquización do medio ás mulleres do sector. “Moito antes que Méliès, Alice Guy xa foi a primeira muller en facer unha película con ente narrativo. Nunca se lledeu á súa figura o valor que lle corresponde. Os historiadores foron quen inventaron o subxénero de muller directora, mais as mulleres estamos no cinema desde os inicios”, afirma Sonia Méndez.

Alice Guy-Blaché foi unha das primeiras cineastas en facer un filme narrativo de ficción

Alice Guy-Blaché foi unha das primeiras cineastas en facer un filme narrativo de ficción

Respecto a isto, a mesa redonda debateu a superestrutura ideolóxica que sostén estás prácticas reais. Que provoca a invisibilización das mulleres no audiovisual? Méndez sintetízao en dúas razóns que se retroalimentan. “Primeiro, as dificultades obxectivas como o teito de cristal, ás que se lle engaden as dificultades subxectivas como a inseguridade, a incomodidade e a falta de motivación ao entrar en esferas de poder exclusivamente masculinas, con dinámicas e regras nas que as mulleres nos inhibimos porque non entramos nelas”, razoa.

Porén, o máis perigoso semella ser o manto de normalidade que envolve toda esta realidade. A normalización do abuso. “O máis escandaloso do que contan sobre casos como o de Harvey Weinstein é que todo o mundo o sabía: o delito sistemático a profesionais estaba completamente normalizado, todos víano como algo que se tiña que consentir, e esa normalización é o máis perigoso”, advirte Canosa.

Ditas dinámicas veñen inculcadas na propia educación e están tan fortemente interiorizadas que custa desensarillalas da vida cotiá. Cómpre aplicar especial coidado á hora de falar de ‘conquistas’ no campo da igualdade de xénero. “Parece que ás veces desbotamos a cuestión ouxa asumimos que somos iguais e non é verdade. Nós mesmas temos aínda moito camiño por facer”, recoñece a actriz. Os datos do sector amosan dita realidade; un exemplo é o das mulleres intérpretes: como un peixe que morde a súa propia cola, elas teñen menos pensións e menos salarios, porque a meirande parte dos papeis femininos son menores.

A representación convértese aquí nunha ferramenta chave na resignificación do papel da muller na sociedade. Cos foros de debate público inzados de homes, a escaseza ou total ausencia de referentes femininos en calquera área de coñecemento causa que a súa figura “só represente ‘cousas de mulleres’”, critica Canosa. “Isto non se trata de ‘cine de, para e con mulleres’; trátase de integrar unha visión en condicións de igualdade”, matiza. A igualdade, pois, non debe ter un carácter simbólico senón unha trascendencia real. Así, as leis que fomentan unha equidade material a través da introducción de cotas, porcentaxes ou puntos a maiores en concursos e convocatorias non poden aspirar a unha transformación real, e mesmo pode que -dentro da súa boa vontade- sexa un mal plantexamento desde o inicio.

A concepción da muller como un colectivo que se abre despois do home emerxe da asunción do papel secundario da muller. “O xusto sería que as axudas fosen 50% para os homes e 50% para as mulleres, porque a simple concepción de dar un punto a maiores parte de que o suxeito é o home e as mulleres somos un colectivo. “Isto é, as axudas parten de considerar ao 100% homes, e logo imos fomentar ‘subcategorías’ de mulleres”, precisa Tamara Canosa. Por iso, e como puntúa Sonia Méndez, é de vital importancia “educar a ollada, porque o que non se ve, non existe”. Deste xeito, non só falamos sobre a inclusión de historias de mulleres e contadas por mulleres para que estas “teñan unha parcela de poder xa que controlan ese universo”, senón que tamén sobre a propia realidade, tecido e escenario no que todo se desenvolve. “O activismo feminista é unha cuestión de dereitos humanos, e debemos comezar a asumir que a igualdade real pasa porque as mulleres non teñamos que xustificar a excelencia como requisito para ser, senón que poidamos ser mediocres sen que se nos cuestione nos termos de agora, sermos iguais a un home”, conclúen.

Comments are closed.