NOS DÉFAITES, de Jean-Gabriel Périot

PEDAGOXÍA FÍLMICA REVOLUCIONARIA

Hai quen pensamos que algo non vai ben na Quinta República Francesa. Un réxime un pouco caduco cun taboleiro político que treme decotío: un día son os chalecos amarelos, outro a cíclica insurrección de banlieu, ou o baile de apoios a novos ou renovados partidos en cada elección (véxase agora os Verdes, antes Macron, por momentos a Fronte – perdón, Agrupación – Nacional de Marine Le Pen). Con todo, os franceses aínda poden presumir de varias cousas. Unha delas é o gran paradigma político e cultural que supuxo o Maio do 68, no que seguramente sexa o acto de contestación política máis relevante de toda a historia europea no século XX. Pasaron máis de cincuenta anos e segue a ser un episodio que prende a chama da revolución nos mozos máis comprometidos. Sen dúbida, quizais por esa marca fundacional da república, as folgas en Francia seguen a ser deporte nacional. Fan máis os galos a folga que nós imos de cañas, que xa é dicir…

Unha segunda cuestión na que os nosos veciños poden mostrar galóns é na súa desorbitada cinefilia. 213 millóns de entradas vendidas o pasado ano, unha cifra récord, na que destaca ese 35% de cota de pantalla para o cinema nacional. Só o día da reapertura das salas tras o confinamento pola COVID-19, asistiron aos cinemas de Francia un millón de espectadores. Este ano o CNC ten un orzamento para investir en cinema patrio de 675 millóns de euros. Como as comparacións son odiosas, imos obviar neste artigo as cifras de España… Como chegan os franceses a estes datos? Por que o seu cinema é tan relevante cultural e economicamente en todo o mundo? Porque dende a fundación desa Quinta República levan a investir en políticas de potenciación da sétima arte. Un dos eixos vertebradores desta estratexia son os plans educativos, nos que o cinema é materia case transversal. En Francia hai un bacharelato de cinema! Si, non de artes, especificamente de cinema.

E toda esta introdución na que non aforro loas ao hexágono vén a contextualizar o momento e lugar no que Jean-Gabriel Périot, cineasta político por excelencia, realiza o seu último filme, Nos défaites (2019). Ao realizador encargáronlle levar a cabo un obradoiro de cinema nunha aula destes bacharelatos e ocorréuselle compartir cos rapaces extractos de filmes de Maio do 68. Falamos disto cun concepto amplo, non estritamente dos documentais realizados durante as protestas, senón de todo aquel cinema que se nutre ideoloxicamente dese movemento, que retrata as súas consecuencias inmediatas ou que anticipa a revolta. É o caso de La chinoise (1967) de Jean-Luc Godard, filmada no xermolo desa revolución, da que os rapaces reproducen un fragmento da famosa lectura por parte de Jean-Pierre Léaud do libro vermello de Mao Tse-Tung ante a cámara. A idea é reinterpretar esas escenas, que eles mesmos escolleron dunha escolma dun total de 30 presentadas polo cineasta. Xunto a esta, ben obvia – debe ser a escena máis homenaxeada da historia do cinema francés –, vemos outras máis persoais e moi diversas como La salamandre (Alain Tanner, 1971), Camarades (Marin Karmitz, 1969) ou À bientôt, j’espère (Chris Marker, Mario Marret, 1968). Périot monta no filme esta posta en escena cos rapaces seguida dun conxunto de entrevistas nas que lles pregunta as súas opinións sobre os personaxes que interpretan e lles pon enriba da mesa conceptos como os da folga, a revolución ou o socialismo, para que reflexionen sobre eles partindo destes fragmentos como inspiración.

O resultado que se produce é o dun intercambio xeracional de ideas, no que Périot actúa como o mestre que fai as preguntas, mais non ofrece resposta algunha. Non hai na súa aproximación nada de aleccionador, o que confire ao filme unha pureza pedagóxica abraiante, sa e desexable. Un ve que, por un lado, os estudantes interiorizaron moi ben os seus diálogos, repítenos cunha seguridade de convencidos revolucionarios, mais cando saltamos da ficción ao documental, a súa dialéctica móstrase dubitativa e en moitas ocasións non son quen de articular nin os conceptos máis básicos que se arremuíñan na súa mente. Con todo, hai algo dese espírito contestatario da mocidade que está aí. O que lles está a ofrecer Périot son unhas ferramentas das que non dispoñen, que poden ser tan válidas coma outras, que non impón sobre as demais, e que dende logo son útiles (como se mostrará ao final do filme). Un pode intuír no rostro nunca mostrado do cineasta unha certa frustración, pois é obvio que nin Maio do 68 chega de todo vivo a 2018 (data de filmación da película). Pero a súa actitude é ante todo a do respecto, a do intercambio agarimoso. Nos défaites é un filme no que se aprecian, está claro, moitas derrotas políticas da esquerda na actitude dos rapaces, aos que polo xeral lles custa concibir nada fóra do sistema capitalista. Mais tamén mostra como, cunha nova linguaxe, están a reivindicar os mesmos principios de liberdade, igualdade e fraternidade (palabra aquí substituída pola solidariedade) que deberan rexer o seu país. Dinse lonxe da política, algo que non os afecta ou que non saben definir con exactitude, mais as súas opinións e accións rematan por ser profundamente políticas. E, algo que podería chamar a atención, renuncian maioritariamente á violencia como ferramenta de cambio e reivindican en todo momento a paz, porque, si, ata dun asunto tan polémico coma este é capaz de facelos falar Périot.

Supón Nos défaites ademais case que un tratado lingüístico de como evolucionou o xeito de se expresar da mocidade en Francia no último medio século. Ao contrapoñer dunha maneira tan frontal as dúas épocas, todas estas sutilezas fanse moi evidentes. Tamén xoga Périot con esta translación das épocas a través dos formatos nos que filma; ou, deberamos dicir, filman os alumnos, pois esta é unha fita colectiva, moi en liña cos preceptos ideolóxicos que aquí se defenden. Isto quere dicir que se a secuencia orixinal se filmou nun branco e negro moi granulado, en 1:33, así o veremos na reprodución que nos presentan os alumnos. Isto móntase en paralelo durante toda a metraxe co formato de vídeo “mestre” no que se realizan as entrevistas. Non é unha cuestión secundaria, pois Nos défaites conta cun epílogo filmado en vertical cun móbil que claramente remite a un episodio contemporáneo. Pronto descubrimos que se trata da detención dunha aula enteira por realizar unha pintada no centro escolar, coa desmesurada resposta por parte das forzas de seguridade de retelos durante horas, ata obrigalos a axeonllarse no chan coas mans na cabeza. Os estudantes de Périot imitan esa filmación que recibiron a través de redes sociais e ante a cámara xa se mostran moito máis espelidos que nos anteriores treitos. Entre unha filmación e outra distan seis meses e a diferencia é que pasaron da reprodución á acción, organizando un movemento para bloquear o centro en protesta polo trato dado aos seus colegas. De novo aquí o principio de solidariedade, posto na práctica. O que lles está a demostrar Périot é que contan coas ferramentas dialécticas e cinematográficas para, de querer, protagonizar outro Maio do 68. No medio ano de creación do filme estes rapaces medraron persoal e intelectualmente un universo. O espectador non pode ser tan naïf de lle conceder ao cinema de Périot todo o mérito, pero non cabe dúbida de que xogou un enorme papel na vida destes mozos. Con sorte, verémolos pronto nas rúas, protagonizando os filmes e revolucións que consideren xustos. À bientôt, j’espère.

Comments are closed.