NOTAS SOBRE OS RETRATOS DE FRIEDL VOM GRÖLLER

Erwin, Toni, Ilse (1968-1969)

Erwin, Toni, Ilse (1968-1969)

Esta peza foi elaborada no Seminario de Crítica Experimental do (S8) Mostra de Cinema Periférico

Nada máis comezar a súa sesión «Cine e Conferencia», encadrada dentro das actividades didácticas do (S8) Mostra de Cinema Periférico, a fotógrafa e cineasta Friedl vom Gröller xa nos advertía que o seu maior interese atópase no rostro. Comezou mostrando algúns dos seus primeiros traballos tanto fotográficos coma fílmicos que deron conta do prematuro desta inquedanza que mantense ata o día de hoxe. A conferencia, composta por tres bloques, tiña por obxecto coñecer a relación que a súa obra fílmica garda coa fotografía e os seus métodos de traballo. Nun encontro posterior, titulado Close-up, puidéronse ver outros traballos seus, incluíndo a proxección inédita en serie de todos os retratos anuais até a data actual Max Turnheim (2002-2017), e participar nun Q&A final.

Tinguida do abstracto branco e negro, carente de banda sonora (agás raras excepcións) e gravada a pulso de Bolex, a obra da austríaca Friedl vom Gröller (Londres, 1946) fixo soar un distinguíbel latexo no seu paso pola mostra. O seu impulso retratista, encomezado no eido da fotografía e focalizado na súa contorna, a miúdo familiares e coñecidos, manifesta o desexo de penetrar na interioridade do outro, e ao mesmo tempo na propia. É co uso dunha única bobina e a montaxe en cámara, dando por resultado na súa maioría filmes dun máximo de 3 minutos de duración, nos que Vom Gröller fai que aconteza a súa particular alquimia.

A primeira obra en proxectarse foi Erwin, Toni, Ilse (1968-1969), composta de tres retratos por separado. En primeiro lugar pódese observar a Erwin de preto, que mira a cámara con rostro impasíbel, serio. Ás veces desvía a mirada para logo retomala. O tempo da cinta corre. Unha pequena panorámica mostra aves nun voo confuso, un novo plano distante descobre o personaxe nunha barca. Ese mozo é Erwin Reichmann, compañeiro de Vom Gröller nunha escola de deseño gráfico de Viena. Influenciados amplamente pola Nouvelle Vague comezaron a facer xuntos as súas primeiras películas coa axuda dunha cámara prestada Eumig C16. A contorna visible é a canle do río Danubio en Viena, arredor tamén se atopa a secuencia correspondente a Toni, irmán de Vom Gröller, que aínda neno suxeita unha pistola que observa pasándoa entre as mans e apuntándose por momentos. Os seus ollos, engrandecidos polo cristal das lentes, apartaranse tamén da pistola para fixarse na cámara, que o contempla desde varios ángulos, a distancias cambiantes. Por último, mostrase a unha nova Ilse, amiga de Vom Gröller. A súa mirada sostense en nós agás por uns pequenos intres que se perde cun riso tímido. Gradualmente, en distintos cortes acercase a inmensidade do seu rostro, e é cando unha súbita e violenta sensación emerxe. A idea do retrato fotográfico que pretende fixar ao seu modelo nunha imaxe faise presente, pero aquí sobresae e cobra vida, expresándose coma emoción. Dos tres retratos, o de Ilse revélase como o máis intenso para Vom Gröller, que afirma: “Con Ilse dinme conta por primeira vez da emoción que xurde durante a película. Isto é o que me interesa primordialmente en comparación con tomar fotografías”1.

Doutra banda, esta exploración experimental tamén se desenvólvese mediante a práctica da fotografía seriada, que lle permite superar as limitacións do formato ao comparar fotografías similares. A súa máxima expresión poida que se atope en One Thousand Changing Thoughts of Lore Bondy, unha colección de 1000 fotografías da súa nai, onde sempre se repiten as mesmas indicacións e espazo, e cuxo significado, Vom Gröller, considerou inexpresable.

Atelier d'Expression (2016)

Atelier d’Expression (2016)

Con Peter Kubelka and Jonas Mekas (1994) podemos observar outro elemento importante no seu modus operandi: a intervención. Nesta cinta Peter Kubelka (o seu exmarido) e Jonas Mekas seguen a única indicación de mirar a cámara, despois dun tempo, ela entra e sae fugazmente de plano para bicar ao seu esposo e unha particular reacción é capturada. Estas accións sorpresivas adoitan ser actos que Vom Gröller, que se describe coma tímida e esquiva do contacto físico, non realiza en condiciones normais. Deste xeito, toca por primeira vez a coñecidos por un longo tempo ou incluso sorprende a estraños que acaba de invitar ao seu piso cun striptease como en Le Barométre (2004). Estes vólvense actos de transgresión que a cineasta se atreve a realizar dentro da excitación que lle supón a gravación, engadíndose así á potencia epifánica dos seus retratos.

En Atelier d’Expression (2016), con motivo dunha viaxe a Dakar, ó retratado é unha comunidade de pacientes psiquiátricos que atenden a un taller de pintura coma unha forma de art therapy. Estes posan fronte a cámara xunto con algunhas das súas obras formando unha sucesión de miradas, rostros, xestos que indaga neles coma individuos e colectivo. No medio, incrústase unha secuencia de dous loitadores de wrestling senegalés na praia. Ao contrapor os lutteurs a un fondo de ton gris pálido, que case confunde o ceo co mar e este coa arena, evoca una danza onírica pero tamén a síntese doutra forma de retrato ou captura fotográfica que recorda as diapositivas de Eadweard Muybridge. Coma explicou Vom Gröller: “os espectáculos de wrestling en Senegal, están cheos de maxia, poesía e arte, con todas as súas diferenzas son moi similares ao mundo destes doentes que tamén son artistas”

Outra obra resultado do afán retratista de Vom Gröller é Max Turnheim (2002-2017). A primeira vez que filmou a Max Turnheim, fillo duns amigos, foi en conxunto coa súa familia, sen a intención de que se convertera nun proxecto que está composto de retratos filmados anualmente e cuxa continuación dependerá da vontade do retratado de querer seguir participando. Amósase unha pequena contextualización dalgúns espazos e persoas que rodean a Max Turnheim que dan idea dalgunhas fases ou acontecementos que atravesa a súa vida, aparece: rodeado de familiares, acompañado pola súa parella, no posto de traballo, no hospital onde morre o seu pai… Elementos, que por outra banda, parecen mostrarse de forma accidental ou fugaz porque ó único que perdura é o rostro de Max Turnheim que olla cara a cámara. Todo queda concentrado, absorbido no seu ollar, aínda que intelixente e auto-consciente do proceso, deixa que o dispositivo de Vom Gröller actúe e rexistre a emoción, o reflexo interno que caladamente se manifesta. Certa vitalidade presente no primeiro retrato do mozo Max Turnheim parece esfumarse e reaparecer tan só nun instante de brillante ledicia nunha das cintas que o presenta xunto ao seu pequeno fillo. “Se a vida é así, ano tras ano, difícil, con pequenos momentos de alegría…” Así se expresaba Vom Gröller, tras a proxección de todos os fragmentos xuntos, afirmando que foi verdadeiramente duro de ver.

Max turnheim

Max Turnheim (2002-2017)

En resumo, os traballos de Friedl Vom Gröller son a testemuña dun concreto xeito de facer. Un exemplo dun anheloso esforzo por como capturar o máis esquivo e interno das persoas, de como obter un reflexo da súa psique ou das emocións que brillan nun momento determinado; de alcanzalo e rexistralo, cunha mirada desprexuizada, curiosa, sensíbel e ousada. A través desta labor, Vom Gröller encontra unha beleza que imperecedoira quedará fixada nos seus retratos.

1.- Recollido da entrevista publicada dentro do especial (S8) da revista Lumière. Entrevista a Friedl vom Gröller por Dietmar Schwärzler y Sylvia Szely. Orixinalmente publicada en Photography & Film. Viena: Christoph Keller Editions, INDEX DVD. Traducción ao castelán de Jorge Suárez-Quiñones Rivas.

Comments are closed.