NOVOS CINEMAS 03: LATEXOS
Continuamos a revisión dos títulos do último Novos Cinemas cos filmes pertencentes á sección Latexos. Cinco filmes inéditos en Galicia para un espazo que estreaba xurado e premio da crítica e na que destacaba a abundante representación femenina. Entre as seleccionadas, Young & Beautiful (Marina Lameiro, 2018), gañadora do premio do público no Festival Punto de Vista; La muerte del maestro (José María Avilés, 2018) proxectada en Rotterdam e Sao Paulo; Letters to Paul Morrissey (2018), primeira longametraxe de Armand Rovira despois dunha exitosa carreira na curtametraxe, e <3 (2018) de María Antón Cabot, guionista de Una vez fuimos salvajes (Carmen Bellas, 2017), cuxa mirada á adolescencia atópase moi presente tamén no seu primeiro filme. Un conxunto a priori máís que interesante que, ademais, trouxo consigo varias propostas por riba das expectativas.
A primeira sorpresa da sección apareceu con Young & Beautiful, finalmente Premio Especial NUMAX Sección Latexos. 2018 foi o ano no que algunhas das películas máis destacadas trataron, desde diversas coordenadas temáticas, a sensación de desorientación e a falta de oportunidades común para xoves de distintos puntos do globo. Maria Lameiro, pese a compartir temática con títulos tan dispares como Burning (Lee Chang-Dong, 2018) ou Under The Silver Lake (David Robert Mitchell, 2018), opta por un ton completamente distinto. O seu é un cinema que parte da intimidade, non tanto como proceso de reflexión interno como na súa acepción de achegamento ao outro: a vella máxima de filmar para tratar de escoitar. A quen? A varios dos seus amigos e familiares máis próximos que, rondado xa a treintena, pivotan entre o desencanto respecto a unha sociedade na que parecen non ter oco e o medo cara unha xuventude que ven próxima ao seu fin.
Lameiro achégase a eles, aos seus corpos, rutinas e historias desde unha cercanía contida que ten moito que ver coa idea de confesión. Unha necesidade de verbalizar (e tamén de pór en imaxes) unha difusa sensación de ira, culpa e alienación compartida por uns xoves que non posúen nin as ferramentas nin os medios económicos para adentrarse na madurez. Unha sorte de exorcismo xeracional íntegro e sincero que busca (e consegue con éxito) interpelar ao espectador, como ben amosar o Premio do Público obtido durante a edición do Festival Punto de Vista.
Como ensinaba Le Parc (Damien Manivel, 2016), gañadora da pasada edición de Novos Cinemas, pero tamén clásicos como Partie de campagne (Jean Renoir, 1936), o parque resulta un espazo idóneo para o espertar amoroso. María Antón Cabot continua esta senda na súa longametraxe <3, retrato coral dun espazo público (o Parque do Retiro, en Madrid) e unha xeración (a que non chega á maioría de idade a finais desta década) que esperta aos afectos. Un espazo de iniciación onde os adolescentes, alonxados de calquera mirada controladora, explica a Cabot algúns dos ritos e clixés establecidos nestes tempos de conexión permanente.
Alén da súa habilidade para o retrato xeracional e para definir algo tan cambiante como o amor adolescente, <3 brilla cando enriquece o seu punto de partida, cando reflexiona sobre a identidade sexual ou rexistra a vanidade adolescente, ese desexo de ser filmados dunha xeración acostumada á sobreexposición ás cámaras. Unha serie de corpos que non por posar e actuar (tanto nos rituais de seducción como diante da cámra de Cabot) deixan de ser igualmente espontáneos e naturais. Como nun retrato cubista, remátanse mesturando espazos e tempos, xestos e máscaras sociais; todas elas para conseguir retratar con veracidade e frescura unha xeración onde o real atópase cada vez máis hibridado co dixital.
Noutras coordenadas, Letters to Paul Morrissey (Armand Rovira, 2018) parece interesada en analizar as posibilidades expresivas da carta filmada. Como sinalaban Francisco Algarín e Garbiñe Ortega a raíz do ciclo e a publicación do libro Correspondencias: cartas como películas, “Alén de filmes contedores de cartas (News from Home de Akerman ou Red Shift de Gunvor Nelson) […] a carta filmada pode adoptar a forma da nota, o haiku, a carta de visita, a adicatoria, o agasallo, a ofrenda, a elexía, a celebración, a oda, a canción, o soneto, a despedida”. Rovira toma tamén o formato epistolar, pero esta vez como tentativa de diálogo, unha ofrenda filmada que o director envía fielmente á dirección postal de Morrisey, vello coñecido da factory warholiano e responsable da triloxía formada por Flesh (1968), Trash (1970) e Heat (1972).
Un agasallo poliédrico que serve como análise da relacións afectivas que se establecen entre creador e as súas influencias. Diferentes voces, personaxes e formatos (cor, branco e negro, pantalla partida, formato cadrado ou formato anamórfico) que buscan o tributo, non tanto estilístico como emocional, a aquelas obras que son o detonante da súa vocación. Entre todas estas destaca a de Udo, alemán á deriva que dubida de todo e de todos durante unha estancia no Valle de los Caídos. Un fragmento que toma o protagonismo fronte aos demais grazas ao seu divertido ton, a medio camiño entre o proceso de autocoñecemento sexual, a solemnidade bergmaniana e o posthumor que cultivaron nos últimos anos Juan Cavestany, Julián Génisson e Pablo Hernando.
O último filme que puidemos visionar foi La muerte del maestro (José María Avilés, 2018). En Abril de 2016 un terremoto de escala 7,8 sacudía o norte de Ecuador, deixando máis de 600 mortos. Fronte á posibilidade dun filme que rexistrase a morte e a destrución material do país, Avilés establécese en Angamarca, un pequeno pobo do centro de Ecuador, no que as consecuencias do terremoto amósanse dun modo sutil e case imperceptible.
Alí o director queda prendado rapidamente do lugar a súa temporalidade morosa, pero tamén da fisicidade, os xestos e as rutinas dun vello campensino (o maestro ao que fai referencia o título do filme), no que as consecuencias do terremoto amósanse dun modo diferente, como unha silenciosa e progresiva ruptura do equilibro entre a súa forma de vida e o seu entorno natural.
Como o cinema de Wang Bing ou Lisandro Alonso, o tempo e a cercanía co retratado é requisito para establecer vínculos e posibilitar o coñecemento. En consecuencia Avilés acompaña ao ancián maestro no seu camiño diario pola súa casa, nas súas caminatas polo bosque, ou na súa recollida de froita sempre cun apego baziniano ao rexistro completo de cada unha das partes da súa rutina. O resultado é un retrato, individual e colectivo, posuídor dunha dignidade tráxica, única respetuosa cara unha realidade sobre a que pesa o risco de desaparición.