Número 49
O inicio do ano no mundo do cinema sempre está marcado pola implacable tempada de premios. Fonte inesgotable de noticias, revisións e prognósticos, estas entregas de galardóns seguen sendo un bo indicativo para medir o pulso da industria, as tendencias contemporáneas e os gustos predominantes nas distintas academias nacionais e internacionais. Lamentablemente, en moitos casos, estes eventos derivan en celebracións frívolas e endogámicas, máis preocupadas por repartir palmadas nas costas dentro do propio sector e celebrar o statu quo (ou os seus tímidos movementos) que por aproveitar o seu altofalante para defender unha industria máis inclusiva, diversa e saudable (tanto no artístico como no humano). Ante noticias como as que saíron á luz nos últimos días, desde A Cuarta Parede queremos expresar o noso apoio a todas as vítimas que sufriron abusos no sector, así como ás compañeiras que seguen investigando e traballando para expoñer estas agresións.
Antes de vernos arrastrados por completo na vertixe dos nomeamentos e os premios, e independentemente do seu resultado, queremos volver poñer en valor o éxito incontestable do cinema galego no último ano, con títulos como O corno, Matria ou Samsara abrindo estimulantes camiños na nosa cinematografía. Nesta liña, aproveitamos para recuperar de forma retroactiva o noso texto con “O mellor de 2023” para as colaboradoras da revista, que recolle innumerables títulos a reivindicar a pesar da súa ausencia nas galas de premios. Do mesmo xeito, publicamos neste Número 49 a nosa cobertura da última edición do festival Novos Cinemas, onde repasamos a súa competición oficial e entrevistamos a dúas das súas directoras invitadas: o galego Ángel Filgueira, director de Cando toco un animal (cinta de apertura da oitava edición do encontro pontevedrés), e Katrin Rothe, artista multidisciplinar alemá que protagonizou o foco deste ano. Xa podedes ler tamén nas páxinas da revista un texto en profundidade sobre a obra do director Jon Jost, estandarte do cinema independente estadounidense, que estreou recentemente a súa última película rodada en Galicia, Casa do silencio (2023), á que corresponde a imaxe de cabeceira deste editorial. Como sempre, seguiremos completando este número con crónicas das nosas citas ineludibles durante o primeiro semestre do ano, así como con críticas e textos de análise alleos á presión da actualidade.
Dirección
Jesús Silva Vilas
Edición e xestión da web
Brais Romero
Jesús Silva Vilas
Deseño da cabecera
Federico Scudeler
Consello de redacción
Laura Montero Plata
Víctor Paz Morandeira
Marta Pérez Pereiro
Brais Romero
María Villamarín
Iván Villarmea Álvarez
Colaboran neste número
Pablo Aguilar Martín
Denís Area Fernández
Martín Arufe
Sergio de Benito
Severiano Casalderrey
Miguel Gómez Abad
Alberto Hernando
Óscar Iglesias
Manuel Iglesias Vila
Xavier Montoriol
Víctor Navarro Remesal
Nacho Ozores
Víctor Paz
Jorge Pérez Iglesias
Marta Pérez Pereiro
Daniel Ribas
Brais Romero
Manel Sá
Jesús Silva
Víctor Soho
Cibrán Tenreiro
Iván Villarmea
CONTACTO
info@acuartaparede.com