O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego

VII Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual

Esquece Monelos, de Ángeles Huerta

Esquece Monelos, de Ángeles Huerta

Premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego: O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego, de Iván Villarmea Álvarez.

“Como é a Galiza que retratan os cineastas galegos do século vinte e un? É o mesmo lugar que vemos na televisión, nas redes e nas campañas turísticas institucionais? É, cando menos, o lugar que habitamos? Algúns espazos, como a cidade da Coruña, as vilas da costa ou as aldeas da montaña foron historicamente sobrerrepresentados no cinema mentres que outros, como a contorna rururbana, permaneceron moito tempo ocultos por non encaixar nas ideas hexemónicas do que era e debía ser a paisaxe galega. Fronte a esa ausencia, este texto tenta identificar e interpretar distintas representacións da interface rururbana en filmes galegos do século XXI que exploran, codifican e resignifican estas paisaxes como espazos marxinais, laborais ou, sobre todo, como espazos de vida. Algúns dos casos de estudo analizados serán as longametraxes Fóra (Xan Gómez Viñas & Pablo Cayuela, 2012), Esquece Monelos (Ángeles Huerta, 2017), Nación (Margarida Ledo, 2020) ou Matria (Álvaro Gago, 2023)”.

O xurado entregou o premio a Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego a O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego, por abordar unha cuestión clave pero relativamente marxinal no audiovisual galego, a través dun enfoque singular e apoiándose nun corpo de análise coherente que combina cinema e xeografía. O xurado destacou especialmente a súa precisión e estilo, a diversidade, pertinencia e orixinalidade das fontes e a calidade global do texto.

*Estes premios contaron co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

**María Luz Morales (A Coruña, 1889 — Barcelona, 1980) destacada escritora e xornalista, foi unha das primeiras mulleres en España en ser directora dun diario estatal (La Vanguardia). Activista feminista, republicana e galeguista, o seu pouso intelectual deixou unha fonda pegada na historia do século XX.

Comments are closed.