O canon: un espellismo de normatividade

Salvaxe Salvaxe, de Emilio Fonseca e Xiana do Teixeiro

Salvaxe Salvaxe, de Emilio Fonseca e Xiana do Teixeiro

Texto elaborado para o ‘Seminario de crítica: Voces recuperadas e novos canons’, organizado en colaboración co Play-Doc 2024.

A composición dunha sociedade consta de múltiples elementos que operan entre si para resultar nunha estrutura sistémica evolutiva. Dentro destes elementos atópanse: o contexto histórico, a educación, a cultura, a arte, a ciencia, os aspectos demográficos e, desde logo, a tecnoloxía, entre outros; cada elemento configúrase cumprindo unha función, a cal pode determinar a maneira na que se completa a realidade social como un todo, é dicir, que a sociedade está suxeita á influencia destes factores para o seu desenvolvemento.

As producións audiovisuais, como manifestación artística, caracterizáronse sempre por representar a sociedade, xa sexa de maneira directa ou a través de simbolismos e o emprego de recursos semióticos que permiten plasmar a realidade cunha intención e sentido de profundidade.

Así como a sociedade ten un carácter evolutivo, o cine diversifícase tamén en función dos factores sociais, por iso un espazo como o festival Play-Doc promove actividades paralelas de formación onde se expoñen as realidades sociais e a súa forte relación coas narrativas cinematográficas, pois é altamente relevante para a cultura audiovisual recoñecer a influencia do sistema social nun contido que, ademais, pode tamén ser unha crítica do mesmo.

Sería imposible e carecería de sentido querer determinar un só estilo no tema cinematográfico, pois vendo a súa estreita relación coa sociedade, que é un conxunto de diversidade, o mundo dos filmes é igualmente diverso. O seminario de crítica ‘Voces recuperadas e novos canons’ propuxo a análise de tres contextos sociais, coa súa correspondente realidade e a súa tendencia nas narrativas cinematográficas: Latinoamérica, Portugal e Galiza.

O establecemento de canons é o vehículo que desesperadamente toman os grupos de persoas para darlle resposta a cuestións tan ambiguas, no intento de atopar unha certeza en algo que quizais non a ten. O canon tenta concretar unha norma, aínda que convén preguntarnos se é necesaria ou só vivimos no cómodo espellismo de atopala para formar unha normatividade.

Dentro do traballo do cineasta, adoita ser común a aliñación de estilos e narrativas a partir dos canons xa establecidos nunha determinada temporalidade que, ao replicalos, propicia a súa perpetuación. Mudando en función da realidade social que busca ser representada, os canons non só se axustan a usos e costumes, senón que tamén teñen unha forte presenza na dimensión política.

Grazas ao canon establecido confórmanse pensamentos que, de certa forma, poden repercutir na ideoloxía, o que provocou o nacemento de múltiples críticas acerca dos canons, promovendo, entre outras cousas, a segregación, o sexismo e a perpetuación de estereotipos que conducen a unha sociedade hexemónica. Aínda que algunhas escolas defenden a existencia do canon, argumentando a súa necesidade na preservación da sociedade, as críticas apostan polos poucos ou nulos criterios destas tradicións.

Cada etapa e contexto social suxiren unha novidade, e con iso, unha transformación do canon, no entanto, certos principios mantéñense nos novos canons, creando similitudes entre estes. As novas tendencias tecnolóxicas e a evolución ideolóxica pon en xogo o emprego do canon nas áreas máis actuais, como o cine dixital e a diversificación dentro deste, aínda que o tradicional referido á figura do autor se manteña.

As percepcións do tradicional, en contraposición co cine de diversidade, efectuado polas xeracións novas de cineastas, axudan a afondar nas reflexións e primeiras impresións recibidas das producións expostas en Play-Doc, como Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa (Daniel Pérez Silva, 2023) ou Salvaxe salvaxe (Emilio Fonseca, 2023), onde se responde aos sistemas híbridos e de actualidade, non soamente nos formatos e tecnoloxías empregadas, senón tamén nas narrativas que abordan, con historias que propoñen miradas distintas, subversivas, pero que rescatan o coñecido; non é unha disrupción total, máis ben o desenvolvemento dun cine contemporáneo complementario.

Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva

Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva

O visionado dos filmes, na súa maioría de cine galego, presentados neste festival, abre un panorama novo dentro da crítica. Ademais da estrutura, a narrativa e os aspectos técnicos, analízase o contexto desta corrente, ligada directamente coa rexión e o desenvolvemento das súas producións. Galicia non é nova en facer cine, con todo, a contorna na que se crearon os seus arquivos puxo a discusión entre cineastas, críticos e cinéfilos, a diferenza entre un cine galego e un cine feito en Galicia, colocando certas obras nalgunha destas dúas categorías.

Innegable é a presenza de Galicia no escenario fílmico e a diversidade de pezas que ofrece en canto a xéneros, discursos e formatos; unha comunidade autónoma que goza de múltiples aspectos que lle dan identidade. Figura como un cine que se cuestiona entre requirir de certas características que respecten esa identidade ou ser flexibles en temas como a orixe da autoría, a produtora ou o idioma, para determinar se algunha peza de produción pode considerarse cine galego ou non.

A realidade é que Galicia sabe facer cine e isto evidénciase na pluralidade de obras, críticos, directores, produtores, estudantes, profesores e persoas que forman parte ou se interesan no mundo do cine reunidas no festival Play-Doc. Abrir as conversas de análises a partir de actividades de formación, como foi o caso deste seminario, dá paso a darlle un lugar a Galicia como un referente neste campo.

Desde a miña visión como mexicano que tivo a oportunidade de coñecer a cultura galega por motivos académicos, é bastante satisfactorio recoñecer as particularidades que o cine galego ten para ofrecer ao mundo, aínda máis cando estes espazos permiten contrastar as tradicións latinoamericanas e a portuguesa coa galega, escapando así do meu contexto e expandindo a mirada cara a un cine até entón, para min, descoñecido.

Pechar caixas, abrir caixas, de Hugo Amoedo

Pechar caixas, abrir caixas, de Hugo Amoedo

Comments are closed.