O gran momento do audiovisual galego
Desde fai un tempo, pregúntanme de maneira recorrente sobre o gran momento que vive o audiovisual galego. Vaia por diante que pouco importa o que eu opine; en todo caso, sempre tropecei con dificultades para dar unha resposta breve e contundente.
Non son amigo de triunfalismos, sobre todo se se trata dunha reacción ante os éxitos (cómpre aquí redefinir a idea de éxito) duns poucxs. Gústame poñer en valor e celebrar con frecuencia, pois a vida está para gozala, pero só se acto seguido volvemos pensar en como seguir construíndo e avanzando en clave comunitaria. Que sentido ten celebrar un só? Non é a congregación o obxectivo último dunha celebración? Ante o triunfalismo efémero, faríamos ben en resgardarnos nas pequenas alegrías do día a día e no xúbilo das conquistas grupais, xeradoras de estabilidade e benestar colectivo a longo prazo.
Porén, máis aló das miñas inclinacións, hai algo detrás dos fogos de luces que me fai sentir incómodo con afirmacións como ‘momento histórico’ ou ‘fórmula do éxito’.
Un recolle o que sementa. O sementado desde finais dos anos 80 ata a primeira década do século XXI inclúe a creación do CDG, do Arquivo da Imaxe, da Televisión de Galicia, do CGAI, da Escola de Imaxe e Son da Coruña, de CREA, de AGADIC ou das axudas de talento que destacan por primeira vez a figura dxs creadorxs e fomentan a produción independente. Todas estas iniciativas impulsan a creación dun caldo de cultivo e dun marco que propicia que hoxe esteamos recollendo os froitos que todxs celebramos. Penso que é necesario e urxente analizar a situación na que se atopan as entidades mencionadas e preguntarse se estamos aproveitando estas marabillosas conquistas puntuais para fortalecernos como sector e sementar responsablemente os froitos do futuro.
Hoxe temos máis voces, unha maior pluralidade e unha maior diversidade (aínda queda moito camiño por percorrer), pero tamén menos cartos e unha maior precariedade. Douvos un dato de sobra coñecido: as visionarias axudas de talento, berce do Novo Cinema Galego, responsable en gran medida de que hoxe en día calquera persoa da industria cinematográfica do ámbito nacional e internacional escoite ‘película galega’ e aumente automaticamente o seu nivel de atención e interese, nacen no ano 2009 cun orzamento de 400.000 euros. Hoxe en día dedicámoslle menos da metade: 176.000 euros. Nada mais que engadir. Ou si: a marca NCG non vai durar toda a vida.
Outro dato: a Filmoteca de Galicia (antigo CGAI) leva sen director/a case 5 anos e atravesa o peor estado da súa historia. Se queredes saber máis, podedes consultar o artigo escrito por Martin Pawley e Xurxo González na conmemoración do 30 aniversario da institución, onde falan, entre outras cousas, de ‘humillante precariedade’.
Pregúntome canta xente que se dedica profesionalmente ao sector audiovisual en Galicia pensa para si: ‘Hostia, suponse que estamos tan ben… Suponse que estamos no mellor momento da historia do noso audiovisual, mais a min non me dá para pagar o alugueiro’. O barco salvador das plataformas roda moito en Galicia, pero canto talento galego emprega? Si, as produtoras galegas xa non dependen exclusivamente da TVG e poden acceder a firmar con Netflix ou Amazon, pero con tal motivo: que tanta ficción propia está producindo a TVG? Por certo… Onde se curtiron xs técnicxs que empregamos agora nas series das mencionadas plataformas e nas producións de cinema independente? Pois resulta que moitxs en ficcións producidas pola TVG que xa non se fan. Onde están formándose xs técnicxs de mañá? E xs actores e actrices? Que vai pasar cando estoupe a burbulla de Netflix? Non sería máis adecuado, pensando na sostibilidade do sector a longo prazo, que existise un balance entre a produción propia e a coprodución nacional e internacional con outras produtoras e plataformas?
A día de hoxe, a Academia Galega do Audiovisual segue a ser a única academia en Galicia que non recibe financiamento por parte da Administración Pública e toda a xente que forma parte da súa directiva traballa sen ver un peso. Ao igual que a directiva de CREA (falo de CREA e non doutras asociacións porque é a que mellor coñezo), e que aínda así organiza cada ano o Conecta, Conecta+, ConectaLab e o ciclo de masterclases, froito das cales tivemos a sorte de ter na nosa terra, compartindo o seu coñecemento con nós, a xente coma Lucrecia Martel, Icíar Bollaín, Isaki Lacuesta, Carla Simón, Joao Pedro Rodrígues, Rocío Mesa, Mikel Gurrea, Pilar Palomero, Chema García Ibarra, Laura Ferrés, Celia Rico, Pablo Berger, Ana Pfaff, Ariadna Rivas, Neus Ballús e un longo etcétera. Falamos de traballadorxs cuxa obra está recoñecida a nivel internacional. Estas actividades contan co apoio puntual de AGADIC, DAMA, SGAE ou dalgunha Deputación. Un apoio que a directiva busca e negocia. Unha procura e unha negociación que leva tempo, e insisto, non ven un peso. A pregunta é obrigada: non sería máis adecuado que toda esta oferta, crucial para o desenvolvemento do sector, non se sosteña no voluntarismo dun grupo de persoas?
Un voluntarismo que tamén vexo en moitos cineclubes e festivais de cinema da nosa comunidade que, en moitos casos, sobreviven con orzamentos ínfimos.
Novo apunte: a Escola de Imaxe e Son da Coruña arriba mencionada era antes a EIS. Agora é un IES. Necesitamos un lugar público para a reflexión, o pensamento crítico e a acción con urxencia! Necesitamos alfabetización audiovisual nas escolas! Nun mundo no que estamos rodeados de sons e imaxes, as ferramentas que lles inculcamos aos nosos nenos e nenas para que poidan enfrontarse a elas son nulas. Apenas asoman a cabeza algúns esforzos puntuais desde a Academia do Cine ou desde o programa ‘Cinema en curso’, do que só se benefician catro centros de ensino en toda Galicia, e que se sosteñen, novamente, polo voluntarismo de profesorxs e cineastas. Por certo, os fondos Next Generation EU rematan o 31 de decembro deste ano 2024.
Polo tanto, celebremos ben alto os Cannes, Berlines, Goyas, Hierros, Feroces, Róterdams ou Cunchas, pero non deixemos que o ‘brilli’ nos anubre a vista. Non se trata de ir en contra de ninguén, senón de expoñer en termos obxectivos o diagnóstico dun paciente que ten algún día bo pero que necesita de moitos máis coidados.
Uns coidados que deberían ser vistos como unha inversión de país e que son ben merecidos. Fixemos e estamos facendo moito con moi pouco. Demostramos con creces que a nada que o apoio sexa estrutural, estamos aquí para dobrar os cóbados e facelo con determinación e destreza. Promovemos como nunca antes a nosa lingua, cultura e identidade galega por todo o mundo. Non falamos de intanxibles, senón de cuestións que teñen un valor estratéxico e que tamén se poden medir en termos económicos. Segundo os datos do Instituto de Estudios Económicos de Galicia (IEEG), a industria cinematográfica galega contribúe de maneira significativa ao PIB da rexión, xerando emprego e atraendo inversións, tanto locais como estranxeiras. Queremos seguir nesa liña, contribuíndo ao conxunto da sociedade, pero queremos facelo con dignidade e de xeito sostible, sen vivir dunhas rendas que non tardarán en esgotarse. Se queremos cultura, marca, innovación e orgullo de país, o audiovisual galego pode ser un instrumento de primeira magnitude. Foi quen de demostralo nos últimos anos. Mais isto non durará se pretendemos que se manteña na feble precariedade na que sobrevive. Necesitamos un entorno favorable, que recupere as bases do sector e lle dea soporte a longo prazo. O primeiro paso é quitarnos a venda dos ollos. Os fogos de luces son preciosos, pero o seu brillo acaba en segundos e logo non haberá quen prenda a candea.