O rural galego en tres xestos. A sección ‘Escolas: Xatería’ do festival Intersección
Xatería xorde da colaboración entre o festival Intersección e a galería de arte lucense Solaina, nunha chamada a voces de estudantes con traballos en relación co rural dende distintos ángulos. Se o leitmotiv do festival foi “a cidade” e, por conseguinte, a análise e a posta en dúbida do vínculo que partillamos coa mesma, Escolas: Xatería propón unha dicotomía rural-cidade dende achegas que poden vir de dentro do rural ou de fóra do mesmo.
O abano de seleccionadas e a súa heteroxeneidade deu para percibir que moitas das problemáticas que leva carretando a nosa terra dende a chegada da modernidade e do posfordismo subxacen nestas imaxes xa que, a pesar de falar dende o agarimo e das intencións de asirse, o ronsel da perda é inevitable.
Para abordar o retrato do noso rural neste presente texto a partir dos traballos de Xatería permítome tomar unha das pezas, FaceLessTime de Cristina Chiarroni & Roquekes, construíndo tres seccións perante tres fotogramas. Pois FaceLessTime parte precisamente desa dicotomía que moitas veces se establece entre rural e cidade e esta relación, como a mesma peza afirma: “É difícil de entender”, ou non é puramente dualista. As voces no vídeo son as de Google Translate (rural) e a de Siri (cidade), e o texto está escrito por un sistema de procesamento de linguaxe natural, que imita a linguaxe humana. Polo tanto, é o sistema de intelixencia artificial, emblema da modernidade exacerbada, quen dialoga e sentencia dende o seu saber estatístico e automático.
O posicionamento por parte de Chiarroni & Roquekes de relegar á máquina as preguntas do que constitúe o rural pode marcar un achegamento dende as antípodas do que pensamos que é o rural ou, máis ben, indica que a influencia urbana asolaga ao rural ate tal punto que parece máis coherente consultar á computadora sobre que acontece co rural que ir aló a comprobalo.
- A partida
Enxames, de Adrián Salgueiro, é un traballo que mestura fotografía e colaxe e que ofrece reconstruír o pasado rural da aldea de San Xoán en Vilardevós a través da visión dos seus avós. As imaxes de arquivo, expostas mantendo a páxina do álbum cos buracos para os aneis do arquivador, e as fotografías de Adrián, dun formato que nos fai lembrar a fotografía de carné, revelan un punto de vista etnográfico que non vén de dentro de esa esencia rural que persegue o traballo, senón dun presente alleo. Aquí, pasado e presente divídense. Chama a miña atención a escolla do picado nos retratos, distinguíndose perfectamente das imaxes de arquivo e transmitíndonos un control sobre o suxeito. Así mesmo, a totalidade dos retratos actuais son individuais (o que reforza o formato carné), agás o dun rapaz enriba dos ombreiros dun home que rompe o patrón. As fotografías grupais dos labores campesiños pertencen a unha temporalidade que quedou atrás.
Semella que o recurso persoal da figura das avoas serve de ponte para falar desa partida do rural, reflexo da intuición da ausencia. A casa da avoa, de Ana Sánchez, son 56 fotografías que xiran entorno á casa e á leira da súa avoa. Estas imaxes mostran actividades cotiás, labores campesiños, vestixios de habitabilidade. O traballo conecta pasado e presente, pero na percepción de hoxe hai un ton onírico, potenciado polo branco e negro.
- O asenso
Dentro das estratexias de uso de material familiar, Leite. sangue, de Laura MS, somérxenos na vida rural con imaxes veraces. O material VHS indícanos que as imaxes veñen da década dos 90, polo tanto, o contacto é co pasado. A diferenza dos traballos anteriormente comentados, Laura non ten un vínculo persoal con este material, ou polo menos non sabemos se o ten. Isto evita un posible relato romántico. A escolla das escenas móstranos a mulleres no seu traballo diario e no seu lecer, e aquí albiscamos unha fortaleza nos coidados do fogar, así como un sentimento de comunidade, habendo unha diferenza cos momentos nos que aparecen homes, ligados á caza, onde o son axuda a pór distancia. Ámbalas partes, mulleres e homes, chegan a un mesmo porto: Unha visión que amosa o que foi o rural sen unha intervención presente visible nun formato en uso na década (e que xa non o está); mais as pupilas que miran son as de hoxe.
- O abrazo
Hai dous traballos de Xaterías onde moi visiblemente interactúan o urbano co rural e onde este nexo está marcado na articulación de cada proposta: coa escisión dende o punto de partida do vínculo co rural, mais con pretensión de achegarse a el.
Voltamos á figura da avoa en Onde está a miña avoa?, de Nora Galván. Porén, aquí xa non vemos o seu corpo ou un achegamento á súa perspectiva. Nin tampouco hai unha convivencia con ela. Aquí hai unha chamada sen resposta. A neta, o presente urbano, chama á avoa tratando de acceder á natureza galega dende o formigón da cidade. A imaxe que vemos é a da imposibilidade. Ese corpo novo que retrata Nora con roupas e complementos que poderían asociarse á vestimenta dunha avoa campesiña é un claro engano baixo unha estética de influencia urbana e moderna.
Por último, Notas sobre habitabilidade en A Barca, do colectivo Cinema Semente, volve a trasladarnos ao elemento da casa (coma no caso de Ana Sánchez, ou tamén de Laura MS). Pódese habitar o rural dende a cultura urbana? Ou máis ben, como tería que facerse? É posible a integración?
Cinema Semente liga o habitar co feito cinematográfico. A forma de facelo é unha mistura entre a interacción e a escoita coa xente local da Barca e a autorreferencialidade dos membros do colectivo facendo cine, deixando constancia do seu estar na Barca.
Os protagonistas locais son dous homes: o campaneiro e o proxeccionista. Ouvimos voces de mulleres, vemos pasar entre planos os seus corpos, pero non chegan a testemuñar.
O fenómeno urbano está entre os habitantes pasaxeiros do rural sen ocultamento, falando a cámara sobre as súas impresións e hipotéticos plans nese territorio que aínda non lles pertence. Entremedias chéganos o rexistro da contemplación e o gozo da natureza da Barca.