OS VIVOS TAMBÉM CHORAM, de Basil da Cunha

Despois de Miguel Gomes, Sandro Aguilar e João Nicolau, a produtora portuguesa O Som e a Fúria atopou en Basil da Cunha unha nova tarxeta de visita no contexto das curtametraxes. A produtora fundada por Sandro Aguilar e João Figueiras en 1999, actualmente dirixida polo primeiro e por Luís Urbano, ten responsabilidades recoñecidas na revelación de novos valores no cinema portugués na última década e decidiu apostar neste mozo luso-suízo.

Fillo de nai suíza e pai portugués, Basil da Cunha (N. 1985) realizou as súas tres primeiras curtas nun réxime de auto-produción e auto-financiamento. En 2008 vólvese membro da asociación Thera Production, onde produce La Loi du Talion (2008). Prosegue a súa formación en cinema na Escola de Artes e Deseño de Xenebra, onde foi alumno de Miguel Gomes e realizou À Côté (2010), unha curta nomeada para o Premio do Cinema Suízo en 2010, seleccionada para Locarno e vencedora do Premio do Mellor Filme Nacional no Curtas Vila do Conde 2010. Ao ano seguinte, Basil da Cunha presenta Nuvem, que sería seleccionado para a Quincena dos Realizadores de Cannes, o Curtas Vila do Conde e para o Festival de Locarno, obtendo unha mención de honra do xurado do festival brasileiro Cinesul. Porén, co recente Os Vivos também choram, Basil da Cunha volveu estar presenta na Quincena dos Realizadores no Festival de Cannes, onde foi distinguido cunha Mención Especial do Xurado Illy para curtametraxes, e venceu novamente a competición nacional no Curtas Vila do Conde.

No texto que escribín o ano pasado para A Cuarte Parede sobre o Curtas 2011, destaquei o filme entón presentado por Basil da Cunha como un dos tres filmes, alén do premiado O Nosso Homem de Pedro Costa, merecedor dunha especial atención. E escribín o seguinte sobre o filme Nuvem: “Malia mudar de xeografía, Basil da Cunha prosegue nesta curta a idea que xa estaba presente en À Côté: un protagonista que constrúe subxectivamente un mundo de alteridade que lle permite combater as contrariedades da vida. Dende o punto de vista da produción, o luso-suízo tamén reclama a diferenza en relación ao convencional, apostando nun proceso de creación colectivo e no improvisar de actores non-profesionais”.

Ao recuperar este excerto, entendín que serve perfectamente para falar dos Os Vivos também choram, o que atestigua a coherencia estética que caracteriza a breve carreira de Basil da Cunha. Felizmente, tal como aconteceu con Nuvem en relación ao anterior À Côté, tamén na curta estreada en Vila do Conde é visíbel unha manifesta evolución na forma de filmar do mozo luso-suízo.

Os medios de produción melloraron considerabelmente (Nuvem e Os Vivos também choram son co-producións da portuguesa O Som e a Fúria e da suíza Box Productions), e con iso Basil da Cunha pode aumentar a súa creatividade e excentricidade. O final escatolóxico “felliniano-kusturikiano” da curta é un bo exemplo en relación a ese rachar das fronteiras da verosimilitude e da racionalidade narrativa. E é tamén ese cruzamento de espazos e tempos -o físico do cotián e o onírico da alteridade- que revelan un cineasta que non teme en traspor e xogar con elementos de diversas e distintas ordes.

Alén da realización, Basil asina tamén o guión e a montaxe (con Emilie Morier e Julien Rouyet), o que demostra unhas ganas de intervir en todos os momentos do proceso creativo. Tal como Pedro Costa, Basil da Cunha ten apostado por traballar maioritariamente con actores non-profesionais e comeza a constituír unha familia de colaboradores que transitan de filme en filme (os actores Pedro Diniz, Carlos Marques e Dorin Dragos, por exemplo, ou o director de fotografía Patrick Tresch e o director de son Filipe Tavares), o que axuda na consolidación dun modo de produción.

Con dous premios na competición nacional do Curtas (non venceu en 2011 probabelmente só pola presenza de Pedro Costa a concurso) e dúas presenzas na Quincena dos Realizadores de Cannes, Basil da Cunha perfílase como un interesante cineasta a seguir nos últimos anos do cinema portugués de ficción. Orixinal, creativo, descomplexado, libre dalgúns “traumas” típicos do cinema portugués, Basil da Cunha ten todo o que é necesario para dar o próximo paso á dirección de longametraxe, para aí confirmar as enormes expectativas en si depositadas.

Comments are closed.