Play-Doc 2021: Dun tempo e dunha terra
O Play-Doc, festival internacional de cinema documental de Tui, celebrou entre os pasados 22 e 26 de setembro a súa decimo sétima edición. Ademais de ofrecer a oportunidade de asistir por primeira vez en España a retrospectivas de históricos cineastas do xénero, como Manfred Kirchheimer ou Bette Gordon, presentou, como vén sendo habitual, unha coidada selección de filmes na súa sección oficial, composta nesta ocasión por tan só cinco obras que partillan, case na súa totalidade, a construción dun discurso reflexivo sobre a memoria e a influencia dos espazos sobre os suxeitos que habitan neles.
Competición Internacional
Un caso paradigmático é o de Esquirlas (Natalia Garayalde, 2020), longametraxe que foi distinguida co Premio Play-Doc 2021 por un xurado internacional composto polo crítico de Cahiers du Cinéma Ariel Schweitzer, a programadora norteamericana Nellie Killian e o produtor galego Felipe Lage. O filme aborda a explosión da fábrica militar da cidade arxentina de Río Tercero no ano 1995, un suceso con múltiples repercusións para os habitantes da localidade, desde as mortes e as secuelas para a saúde até os graves danos materiais, que tivo tamén unha dimensión política nunca resolta, pois ficou sen aclarar o papel do goberno presidido por Carlos Menem, ao que numerosas voces acusan de provocar a destrución da fábrica, simulando un accidente, para ocultar a venda ilegal de armas a Croacia no conflito dos Balcáns.
A autora móvese entre esas dúas dimensións, a persoal e a política, entretecidas constantemente nunha obra que tamén posúe un marcado compoñente autobiográfico, dado que ela e a súa familia residían en Río Tercero e viviron directamente os feitos. Ademais, a meirande parte do material empregado para a construción do filme son imaxes de arquivo familiar gravadas pola propia Garayalde, que daquela só tiña 12 anos, cunha cámara de vídeo de uso doméstico que lle regalara seu pai. A experiencia da súa familia, desde os anos previos á explosión até os caóticos días que mudaron a súa vida e as repercusións que continuaron a sufrir até a actualidade, é o eixo vertebrador que emprega para presentar a historia a cineasta, que presta a súa propia voz para acompañar as imaxes, introducir os personaxes e situacións e narrar os feitos. Así, a parte serve como mostra do todo e o ámbito persoal e familiar transcende os seus límites até abarcar o terreo das responsabilidades políticas nunca dilucidadas, vistas desde os ollos de quen experimentou todo aquilo directamente na súa propia pel.
Outros dous filmes da sección oficial gardan unha forte semellanza con este. O primeiro, Disturbed Earth, de Kumjana Novakova e Guillermo Carreras Candi, centra a súa atención nas feridas abertas da masacre de Srebrenica. O retrato neste caso é coral, con tres protagonistas, e a intervención dos autores moito menos explícita, pois evitan introducirse na posición das vítimas e amosan simplemente a vida cotiá das persoas retratadas, profundamente marcada por aquel suceso. No centro do relato, sen que se enuncie, a dificultade de seguir vivindo, ou, aínda máis, a dificultade de seguir vivindo xunto aos lugares do horror, apegados a esa mesma terra que foi depósito de cadáveres coñecidos e volve servir agora como medio de vida do que extraer o pan de cada día. Srebrenica, sempre presente, mesmo cando non se nomea, no medio do silencio, en cada xesto, en cada ollar perdido das testemuñas que sobreviviron.
En segundo lugar, Dal pianeta degli humani (Do planeta dos humanos, Giovanni Cioni, 2021) constitúe un ensaio visual que centra a súa atención sobre todo no espazo e nas diversas capas e dimensións deste en relación coas vivencias de quen o habita, tanto histórica como sincronicamente. O cineasta dirixe a súa ollada a Ventimiglia, na fronteira franco-italiana, un espazo de tránsito para inmigrantes sen papeis que se xogan a vida tratando de chegar ao norte de Europa atravesando o monte en condicións penosas, mais tamén, no seu momento, vía de escape para xudeus e partisanos ou destino turístico de sol e praia para veraneantes de clase media. Porén, o elemento que emprega Cioni para estruturar o filme é a curiosa historia do doutor Voronoff, un cirurxián de orixe rusa que residiu nesa zona e acadou grande fama nos anos 20 coa súa técnica de transplante de tecidos de testículos de mono aos seus pacientes para tratar de rexuvenecelos. Isto, que podería parecer un argumento de ciencia-ficción, sérvelle ao cineasta para construír un relato máis orixinal no que, ademais, un coro de ras que habita nun estanque fai o papel de testemuña privilexiada de todo o acontecido na fronteira de Ventimiglia, até o máis inverosímil, conferíndolle un certo carácter máxico, de conto de fadas, á longametraxe.
Por outra banda, a portuguesa Susana Nobre aproxímase en No táxi do Jack á historia de Joaquim, un home a piques de xubilarse que vai de empresa en empresa solicitando que lle selen os papeis que acreditan que acudiu a demandar emprego, requisito indispensábel para seguir cobrando o paro. Desde o comezo do filme, fica claro que Joaquim non é un case-xubilado calquera, a comezar pola súa pinta de Elvis Presley con tupé e chupa de coiro. Pouco a pouco, mentres o acompañamos nas súas viaxes, imos coñecendo detalles da súa vida, con especial atención ao seu traballo como taxista e condutor de limusinas no Nova York dos anos 70, do que vai contando algunhas historias, que Nobre incluso recrea co propio Joaquim como protagonista co seu aspecto e idade actual, sen que se deixe de entrever por iso que aínda é moito máis o que cala este peculiar taxi driver a punto de abandonar para sempre a vida laboral e retirarse a tomar o sol, dar de comer ás pombas ou facer o que faga a xente coma el nesas situacións. O filme tamén constitúe unha dura crítica a un sistema económico que obriga aos Joaquins a emigrar para traballar de sol a sol, sen poder ver apenas os fillos, transportando de aquí para alá brokers de Wall Street ou peregrinando por oficinas de emprego e empresas varias coma se en todos eses lugares non soubesen de sobra, como sabe o propio Joaquim, que coa súa idade non hai máis oco nin futuro para el nun mercado laboral no que hai que venderse ao mellor postor e ninguén quere poxar xa por el.
O filme máis particular dos que competiron na sección oficial é Big In China. Georges and the Vision Machines, do director canadense Dominic Gagnon. Está construído integramente a partir de fragmentos do enorme caudal de vídeos gravados polo youtuber francés Georges Non-Stop durante os máis de dez anos que residiu na cidade chinesa de Changsha. Georges comezou facendo vídeos meramente cómicos con brincadeiras e reaccións dos viandantes a estas, pero pasou a intercalar comentarios políticos nos vídeos que gravaba coa súa GoPro ou o seu pau selfie mentres andaba pola rúa, compraba no supermercado ou conducía. As súas críticas, caracterizadas pola hipérbole e a mordacidade, tiñan como principal branco o suposto control das autoridades chinesas sobre a poboación, principalmente a través das cámaras de vixilancia, e a mentalidade dos propios cidadáns ante esa realidade. Estes comentarios supuxeron o seu despido da universidade na que traballaba e, posteriormente, a súa expulsión do país. O que amosa, en esencia, o documental é unha selección editada dos seus vídeos nos que se reflicte a súa evolución persoal e se narra o seu conflito coas autoridades até a definitiva expulsión.
Competición Galicia
Ademais desta selección internacional de filmes, o Play-Doc tamén dedicou un espazo a unha conxunto de obras galegas de moi diversa índole, un total de once filmes, a maioría curtametraxes, realizados tanto por cineastas xa consolidados como por autores noveis. As principais vetas creativas exploradas por estas obras están fortemente vinculadas tamén coa reflexión sobre o espazo, a experiencia e a memoria. É o caso, por exemplo, de El Viaje, 1988 (Claudia Pineda, 2021), un ensaio sobre o acto de viaxar construído a partir de imaxes de arquivo familiar gravadas pola avoa da autora; de Persoa, Pobo, Paisaxe (Daniel Pérez Silva, 2021), curtametraxe que aborda a vida no rural galego configurando unha estética particular que destaca a maxestade da paisaxe de montaña luguesa e retrata, asemade, as persoas que se resisten a abandonar ese hábitat en crise, e Memorias de Ultramar, de Alberto Berzosa e Carmen Bellas, un documental elaborado con imaxes de arquivo tomadas durante o franquismo nas últimas colonias españolas en África, co son natural das instantáneas e sen apenas acompañamento, que amosan tanto diversas escenas da vida cotiá como os desfiles da Lexión ante o ditador ou os contrastes entre unha elite colonial con chalé e piscina e unha poboación autóctona empobrecida que traballa ao seu servizo.
Nunha liña semellante, Parolar cun eu (Xisela Franco, 2021) interrógase sobre o compromiso político, o paso do tempo e a inexorábel ameaza do derribo da man de Margarita Ledo, que visita a vella fábrica de cerámica do Grupo Álvarez, en Vigo, hoxe abandonada e en ruínas, outrora escenario de loitas como a que protagonizaron as mulleres de Nación (2020), último filme de Ledo. Por outra banda, Tierra de leche y miel (Héctor Domínguez-Viguera, Carlos Mora Fuentes e Gonzalo Recio, 2021) explora o territorio dos non-lugares, habitados por xentes desprazadas, desubicadas ou en permanente tránsito: superviventes da guerra dos Balcáns que permanecen en centros colectivos, desprazados polas guerras de Abjasia que acceden por vez primeira a unha vivenda coa esperanza de poder voltar aínda aos seus fogares de orixe e unha parella de refuxiados sirios en Grecia que esperan poder reunirse coa súa filla en Alemaña.
Pola súa parte, Xacio Baño constrúe en Augas abisais un símil entre o fondo oceánico, coas misteriosas criaturas que habitan nel, e as profundidades da memoria colectiva e familiar, que agochan outros personaxes ocultos dos que tampouco sabemos practicamente nada. Trátase dun documental cun marcado peso biográfico que ten como leitmotiv un caso concreto, o dun parente seu esquecido que combateu e morreu na Guerra Civil. O filme componse, sobre todo, da memoria oral de quen o coñeceu, da memoria escrita que deixou nas cartas que enviaba desde a fronte e das propias investigacións de Baño, que se traslada ao lugar no que faleceu e vai narrando e amosando a evolución das súas pescudas sobre ese pasado soterrado do que nada ouvira falar até entón.
Sobre a recuperación de memorias esquecidas xira tamén Negro Púrpura (Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, 2021), unha obra que explora diferentes dimensións asociadas ao cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que afecta a diversos cereais e con relevancia na historia galega pola súas múltiples propiedades e o mercado xerado ao seu redor nos anos 40 e 50. O filme combina diversas dimensións e rexistros: o discurso científico que explica as súas características, a memoria das persoas que o recollían e vendían, as recreacións dos anuncios e noticias da época sobre as súas propiedades e as exóticas alusións aos misterios eleusinos na honra da deusa Deméter, onde os asistentes empregaban este fungo xunto a outras substancias psicodélicas cuxo efecto sobre a percepción sensorial tamén recrean as directoras nas súas imaxes.
Entre os filmes galegos presentados nesta edición do Play-Doc tamén hai outros que se afastan destes enfoques e abordan outras cuestións. Por exemplo, a curta A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño, aproveita as imaxes gravadas con motivo desa ocasión para crear un curioso xogo creativo consistente nun diálogo entre o autor e a súa curmá, que lle vai indicando como quere que sexan as imaxes, que elementos quere que aparezan ou que músicas quere introducir mentres as imaxes se van modificando sobre a marcha de acordo cos seus desexos. Isto dá pé a situacións bastante cómicas, igual que as reflexións suscitadas pola conversa entre ambos, que mestura a solemnidade do acto e a pregunta polas grandes cuestións, tales como a existencia de Deus, coa inocencia da infancia, que dá pé a respostas como: “Eu non sei se existe Deus, pero, se existe, eu fixen a comuñón. E despois fíxena tamén polos regalos, claramente”.
Por outra banda, Diana Toucedo constrúe en Camille & Ulysse un diálogo entre as filósofas Vinciane Despret e Donna Haraway que segue a forma dunha correspondencia cinematográfica baseada nos argumentos de dous contos seus de ciencia-ficción situados nun futuro posterior ao colapso ecolóxico no que habitan novas comunidades que transcenderon os límites do humano hibridándose con determinados animais para adquirir diferentes características. Trátase, polo tanto, dun filme que explora as fronteiras do xénero ocupándose do (aínda?) non acontecido, como Tengan cuidado ahí fuera (Alberto Gracia, 2021), unha fantasía salvaxe con aire retro sobre condutores suicidas, carrocerías esnaquizadas, cemiterios de coches e a loucura, sempre á espreita, personificada nun operario que escacha, machada en man, o pouco que aínda resiste á destrución.
Porén, o filme que o xurado distinguiu co premio da categoría non foi ningún destes, senón a curta Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, unha aproximación ao entroido tradicional ourensán gravada e editada de tal xeito que constitúe unha experiencia inmersiva para o espectador, mergullado de súpeto nunha multitude heteroxénea entre a que pululan todo tipo de personaxes estraños, enmascarados e vestidos para a ocasión, que o ameazan cos trapos que van e veñen polo ar en caótica guerra de todos contra todos. Representa tamén, polo tanto, unha celebración das tradicións máis profundamente enraizadas no acervo colectivo, outra achega a esa terra e ese tempo, pretérito desde o presente e coa ollada posta no futuro, que nos moldean e constitúen das múltiples formas que puideron verse en Tui na última edición do Play-Doc.