Procesos #22 – NUMAX, afastando a derrota
Dende este 18 de marzo, o centro de Santiago volve ter unha sala de cinema. Concretamente, unha sala de cinema independente, en versión orixinal e xestionada por unha cooperativa cultural sen ánimo de lucro, que tamén funciona como librería e laboratorio de deseño e creación audiovisual. No número 9 da rúa Concepción Arenal, cunha proxección de Nubes pasaxeiras subtitulada en galego, nace NUMAX, un proxecto que o propio Aki Kaurismäki definiu así: “O mal non pode existir con ideas tan burras coma esta sociedade”.
A “idea burra” en cuestión xurdiu do maxín de Irma Amado, Ramiro Ledo, Antonio Doñate, Xosé Carlos Hidalgo e Pablo Cayuela, profesionais procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural. Inspirados por iniciativas coma o Cine Tonalá de México D.F., o Anthology Film Archives de Nova York e, sobre todo, o ZumZeig de Barcelona, deseñaron a súa propia aposta. “Algúns de nós vivimos en Barcelona e quedamos moi impresionados polo ZumZeig. Pensamos que algo similar tería cabida en Galicia, en Santiago, sobre todo despois do peche dos Compostela e os Valle Inclán. Hai un espazo que encher”, explica Ramiro Ledo.
Os cinco sumaron forzas para “facer xuntos o que antes faciamos por separado” e comezaron a deseñar o seu proxecto. Contaron co respaldo dunha socia colaboradora, Margarita Ledo Andión, catedrática de Xornalismo e membro da Real Academia Galega, e co aval de 182 persoas. Con estes vimbios, foi posible obter un préstamo de 300.000 euros da cooperativa de crédito Coop57. Menos de seis meses despois abren ás portas ao público. Pablo Cayuela recoñece que “foi incrible o rápido que conseguimos os avais suficientes”. E Ramiro Ledo engade que “ningunha entidade bancaria tería posto cartos para unha idea coma esta, pero conseguimos saír adiante grazas a persoas que non nos coñecían de nada, que simplemente creron no proxecto”. “Ben, non os coñecíamos ao comezo, agora xa lles poñemos nome a todos, e iso que algúns son de Brasil ou Francia…”, retoma Cayuela.
Foron os avalistas os que primeiro tiveron o privilexio de asistir a unha proxección en NUMAX. O venres 13 de marzo realizouse un pase pechado de Nubes pasaxeiras para estas persoas que contribuíron ao impulso inicial. Por cortesía, os socios traballadores invitaron ao director finés Aki Kaurismäki a través da súa produtora, sen moita esperanza de que aparecera. Pero fixo tal, e sen avisar. Colleu o coche dende a súa residencia no Monçao (Portugal) e presentouse en Compostela para ver canto de certo había no que lle contaran. “Proxectando unha película tan mala, con certeza esta iniciativa non é comercial. Están pola cultura, e eu tamén”, declarou en perfecto portugués.
A visita do director de Ariel foi a anécdota maior nunha xornada de anécdotas. Á sala aínda se lle vía o esqueleto. Ficaba moito por rematar da ambiciosa reforma do baixo do número 9 da rúa Concepción Arenal. Detalles por agochar, paredes por pintar, mobles por armar… O proxector viña de chegar esa mesma semana e custou varios días montalo, o que obrigou a deixar para o último momento outros asuntos. “O pase era ás oito da tarde, e ás seis e media da tarde, todo estaba aínda cheo de lixo. So nos salvou que nos prestaron unha aspiradora industrial”, lembra Irma Amado. Ao final, a calidade da imaxe e o son foi excelente, e a sala demostrou ser cómoda aínda coas súas 70 prazas cheas. Foi un éxito.
Case tan rápidas como a obtención de avais foron as obras do local de NUMAX. Tendo en conta que comezaron o 2 de decembro, veñen de rematar nun tempo moi breve para a súa complexidade. Desta vez, foi posible grazas ao traballo doutra cooperativa, Hábitat Social. “O seu compromiso foi incrible. Dende o primeiro momento entenderon o noso proxecto e esforzáronse coma se fose seu. Gustaríanos deixar claro o noso agradecemento”, asegura Antonio Doñate. Abonda engadir que na tarde do domingo anterior á apertura da sala, lonxe de calquera horario laboral establecido, os operarios aínda estaban a traballar, ultimando os detalles máis urxentes. Na tarde dese mesmo día, realizouse un novo pase privado de Nubes pasaxeiras, nesta ocasión para os traballadores e colaboradores que fixeron posible levantar os alicerces que sosteñen NUMAX, tanto os reais como os metafóricos.
O mesmo filme de Kaurismäki abre oficialmente a sala ao público, nunha proxección realizada hoxe, mércores 18 de marzo, ás 12.00 horas, con entrada de balde. A partir de agora, a sala programará entre seis e oito filmes a semana, nunhas 120 sesións mensuais. Os billetes custarán 6,20 euros, pero existen varias posibilidades de abono e descontos para desempregados, xubilados, menores de 18 anos e estudantes de universidades públicas ata os 25 anos.
Porén, non se pode esquecer que este proxecto se apoia en tres vértices. Xunto do cinema, están a libraría e o laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. A libraría comeza cun fondo de algo máis de 3.000 volumes de literatura, arte e pensamento, e irá incorporando unha escolma das novidades editoriais máis interesantes. Tamén organizará percorridos bibliográficos que acompañen aos filmes programados. Pola súa banda, o laboratorio ofrece servizos a clientes particulares ou empresas, e cubre as necesidades de material promocional da propia cooperativa. Deste xeito, os cinco socios fundadores integran as súas capacidades profesionais no proxecto e “tentamos achegar unha actividade suficiente para mellorar a viabilidade do proxecto”, segundo Xosé Carlos Hidalgo.
Para conseguir o crédito de Coop57, NUMAX tivo que presentar un plan económico serio e razoado, para demostrar que a súa idea non era tan burra. Boa parte dos seus detalles son públicos nun exercicio de transparencia do que poucas organizacións, públicas ou privadas, poden presumir. “Debémoslle esa claridade á xente que nos axudou, e tamén queremos compartir a nosa experiencia, por se lle pode ser de utilidade a outros con proxectos similares”, explica Hidalgo.
Así, sábese que os cinco socios traballadores cobrarán algo menos de 1.000 euros ao mes a partir da apertura da sala, que cada un deles achegou 8.000 euros como capital inicial ao proxecto e que contan con sete anos para devolver o crédito, cun interese do 6,3% anual. Calcularon, tamén, que é precisa unha media de 17 espectadores por sesión para que a sala de cine sexa sostible por si soa. Toman moi en serio as cifras porque, como sinala Irma Amado, “Non nos podemos permitir outra cousa. Non temos un mecenas detrás que nos permita xogar sobre seguro. Dende hoxe, NUMAX é o noso medio de subsistencia”.
Logo do pase especial de Nubes pasaxeiras, ás catro da tarde dá comezo a primeira sesión de pago da nova sala de cinema independente. Proxéctase Numax presenta…, o documental de Joaquím Jordá que lle presta o nome a este proxecto e que relata a experiencia de autoxestión dos traballadores da fábrica de electrodomésticos Numax. Experiencia que, por certo, fallou. “Si, somos conscientes de que temos posibilidade de fracasar, pero iso non nos arreda”, explica Ramiro Ledo. “E, en calquera caso, a verdadeira derrota para os obreiros daquela fábrica tería sido non intentalo sequera, marchar para casa logo de que os donos pechasen”, engade Antonio Doñate. A aposta está feita. E a verdadeira derrota fica lonxe.
_________
FOTOS: Tamara de la Fuente