RAMIRO LEDO: DO CINECLUBE DE COMPOSTELA A NUMAX

ramiro-ledo-copyright-tamaradelafuente

Foto: Tamara de la Fuente

Ramiro Ledo Cordeiro (Lugo, 1981). Foi cofundador e director até 2007 do Cineclube de Compostela, hoxe é socio traballador fundador de NUMAX, S. Coop. Galega, onde é responsable da coordinación xeral e do cinema NUMAX. Atendendo á petición de A Cuarta Parede, Ramiro accedeu a falarnos da súa transición dunha organización independiente situada fóra do circuíto comercial como o Cineclube de Compostela ata a apertura de NUMAX, un dos proxectos máis anovadores da actualidade cinematográfica.

Era por volta de 1999. Eu cheguei  a Compostela estudar medicina. Cadroume unha época persoal na que o cinema e a literatura me facían reconsiderar todo o tempo o que facía. Houbo unha serie de libros e filmes que me fixeron mudar de plans: descubrín Beckett, Kafka, Ferrín, Kundera, Faulkner, Nubes pasaxeiras de Aki Kaurismäki, Ghost Dog de Jim Jarmusch, Monos como Becky de Joaquín Jordá e desde aí comecei a tirar fíos cara a atrás: Bresson, Dreyer, Godard, Mizoguchi, Robert Frank, Ozu, Rosellini, Cassavetes. Decidín estudar xornalismo ao ano seguinte por facer algo que me permitira dedicarlle a meirande parte do tempo a ver filmes.

Nese final do verán de 2000 coñecín a Jordá nun curso que organizou miña tía Margarita en Pontevedra e non comecei as aulas na miña nova facultade até xa andada unha semana.

Sentía a necesidade de amosarlle a todo o mundo unha serie de filmes que me parecían excepcionais: A rapaza da fábrica de mistos (Kaurismäki), Shadows (Cassavetes), O home da cámara (Vertov), Videodrome (Cronenberg). Escribín e maquetei unhas follas de sala para cada un destes mesmos filmes e propúxenlle a unha serie de colegas da facultade, moitos compañeiros de clase, organizarmos proxeccións onde dar a ver ese cinema.

Xuntámonos varios, cadaquén propuña filmes e pedimos a aula de vídeo da facultade. Durante o primeiro ano proxectabamos VHS que era unha tortura ver, con copias que pouco máis de si daban, malísimas. Todo pirata, claro. Faciamos os carteis, imprimiámolos, iámolos pegar por toda a cidade e avisabamos a prensa. Dúas veces por semana (martes e xoves) enchíamos as aulas de vídeo polas tardes.

Cando tiñamos a programación botada a andar, un colega de clase, Sepi Bazarra, animounos a empregar o proxector de 35mm. que había no auditorio da facultade. Se son sinceiro, case nin sabía que os filmes se facían en celuloide nin que era iso. Pero como pintaba ben, aló fomos. Preparei estatutos e demais para darlle ao asunto entidade legal e pechámonos unha Semana Santa, para facermos a memoria coa que lle fomos pedir apoio á Universidade (os filmes en 35mm. custaban diñeiro). Nesa memoria puña que traeriamos a Jim Jarmusch.

A rapaza da fábrica de mistos (Aki Kaurismäki, 1990)

Até 2003 esgotamos o catálogo en 35 e 16mm. de filmes de repertorio con dereitos de exhibición para España, todos os do Goethe Institut en 16 ou 35mm. VOSE ou experimentais (aí descubrín Hans Richter, Viking Eggeling, Alexander Kluge, por exemplo) e os ciclos que puidemos facer coa Alianza Francesa (Bresson, Renoir, Godard…). Antes de eu marchar rematar a carreira a París en 2003, para ver os filmes que acó aínda non había maneira (internet era pouco menos ca unha quimera na Compostela universitaria dos 2000), chegamos a un acordo coa Sala Yago, o único cinema que seguía a funcionar no casco vello, para proxectar alí.

Cando voltei en 2004 o vínculo coa universidade case esmorecera, non quedaban practicamente filmes en circulación en celuloide que non proxectaramos xa, aínda non había edicións en dvd de case nada e o Cineclube tiña unha débeda importante coa sala Yago. Busquei a maneira de saldar a débeda (conseguímolo aos poucos meses), comezamos a proxectar algunha cousa baixada de internet facéndolle nós os subtítulos ao galego. Chegou un momento no que desde a nova dirección da facultade, na que comezaramos a traballar como cineclube, se lle comezou a dar prioridade a externalizar o auditorio no que proxectabamos antes que á nosa actividade.

Baixo proposta da asociación A Gentalha do Pichel, decidimos mudar a nosa sede a un novo local que estaban construíndo en Santa Clara e así até hoxe. Eu deixei de pertencer ao Cineclube en 2007, cando fun para Barcelona.

O Cineclube de Compostela comezou a proxectar fóra do circuíto de exhibición tradicional para poder profundizar e darlle continuidade a un proceso de pescuda na programación de cinema, moi parecido ao que pode facer unha filmoteca. Esgotado o catálogo comercial e cunha inquedanza aínda viva, no cambio tecnolóxico dos inicios e mediados dos anos 2000, a única maneira de ofrecer un programa coerente e subtitulado en galego era traballar ás marxes dos circuítos de distribución e exhibición convencionais: onde estes non alcanzaban. O paso da etapa de estudante e a chegada ao mundo laboral (no mellor dos casos) tamén marcou o fin dun modelo de traballo co que nos iniciaramos e a necesidade dunha reorientación na práctica.

Tierra Negra (Ricardo Íscar, 2005)

Tierra Negra (Ricardo Íscar, 2005)

Todo isto xenerou tensións, sobre todo externas, e mesmo tivemos un xuízo (que perdemos) por unha demanda que nos puxo o tamén cineasta Pablo Llorca, na altura produtor de Tierra Negra de Ricardo Íscar. O director, descontento co tratamento que lle daba a produtora ao seu filme, animounos a proxectalo no Cineclube cunha montaxe diferente á do corte final. O produtor demandounos e, malia a compicidade con Íscar, tralo xuízo tivemos que ingresar a cantidade que solicitaba como dereitos de exhibición. Nese momento entendiamos que o director debera ser libre de decidir o uso que lle dá ao seu traballo, e diría que, este caso concreto, debeu ter xa a súa orixe nalgunha lea previa entre a produción e o realizador.

O Cineclube traballa dende que proxecta en vídeo con entrada libre en todas as sesións, ninguén percibe ingresos polo seu traballo nin tampouco se busca financiamento para xenerar estes ingresos, entendo que por un posicionamento concreto ao respecto. Fan un traballo colectivo titánico para proxectar cada filme, desde a pescuda, selección bibliográfica para a folla de sala, programación do filme e subtitulado ao galego de cada proxección. Para min defenden un modelo no que o intercambio que propoñen non é monetario, senón de traballo: o traballo do filme polo traballo de amosalo. Ao meu ver só son mellorábeis as condicións técnicas nas que se dá a ver cada filme, pero isto obrigaría a reformulalo todo desde o punto de vista económico. Non ter estes condicionantes é o que lles permite centrarse máis na selección de filmes, que para min é unha das programacións regulares non estacionais de referencia a nivel estatal.

Foto: tourdescinemas

Foto: tourdescinemas

NUMAX é fundamentalmente un proxecto laboral, de emprego autoxestionado. Nace dunha idea moi básica de xuntar unha serie de profesionais (hoxe somos dous realizadores, dous deseñadores gráficos e unha libreira máis outras dúas persoas socias en período de proba) con afectos e afinidades compartidas para facermos xuntos o que cadaquén facía pola súa conta. A única maneira de construírmos un espazo que reunira sala de cinema, libraría e laboratorio de gráfica e vídeo onde non o había, pasaba por un investimento moi importante de diñeiro que non tiñamos e que tampouco daba para pedirlle á nosa xente próxima.

Non foi un crowdfunding como este se entende habitualmente (un intercambio comercial diferido: a cambio dun adianto dunha cantidade de diñeiro, ofrécense un ou varios produtos nunha especie de produción baixo demanda, o que pode ter moito sentido para segundo que cousas), senón que é unha maneira de finanzamento múltiple e cruzado que se fundou na confianza: á promesa de crearmos e xestionar un espazo do que a cidade carecía, en cooperativa de traballo asociado, cun tope salarial, na que nos comprometemos a reinvestir o 100% dos beneficios na mellora dos servizos e das condicións laborais e nunca repartilos entre as persas socias, pediamos outra promesa: a dun aval de entre 1.000 e 5.000€ que no caso de o proxecto se vir abaixo se executaría pola parte proporcional da parte do crédito de 300.000€ que quedara por devolver.

Numax_sociosfundadoresEn pouco máis de tres meses acadamos o compromiso de 182 avalistas e a cooperativa de servizos financeiros Coop57, que foi quen posibilitou este proceso, deunos os cartos para comezar as obras. A día de hoxe, un ano logo de abrir, xa devolvemos máis da metade do préstamo e a responsabilidade de cada avalista é inferior ao 50% da cantidade que avalaron.

Por iso sempre dicimos que NUMAX sería imposíbel sen o tecido social que o soporta. Cada día agradecemos o apoio das avalistas, que agora se xunta ao das máis de 700 persoas abonadas que veñen a NUMAX decote e que permiten manter en pe este proxecto. É un proxecto único a nivel estatal se temos en conta que non depende nin foi impulsado por ningunha institución e ten varias áreas de actividade independentes (cinema, libraría, laboratorio de gráfica, de vídeo, distribuidora de filmes, comunicación) que traballan para clientes externos e se xuntan para proxectos concretos ou crear sinerxias que reforzan o proxecto de maneira global.

NUMAX Distribución acabou xurdindo de maneira natural, logo de comezar a nos interesar por filmes que non tiñan distribución para España para poñer na nosa sala, o que polo tanto facía moi complicada a súa exhibición. Pouco e pouco fomos aprendendo desde cero en que consiste o traballo dunha distribuidora: facer que os filmes se coñezan, crear un interese ao redor deles e achegárllelos ás salas para que se vexan. Abrangue desde a creación do trailer, a elaboración dunha nova sinopse, o deseño ou a adaptación do cartaz e de toda a imaxe gráfica que se empregará na promoción e as súas adaptacións (banners, anuncios en prensa), a síntese das críticas publicadas sobre o filme, o subtitulado, a creación do DCP para distribuír no territorio, a contratación de publicidade, a campaña de comunicación, o tráfico de copias… Isto ademais das negociacións para a compra de dereitos cos produtores ou cos axentes de vendas internacionais, que sempre demoran infinito, moito máis se coma no noso caso temos unha experiencia moi cativa por non dicir ningunha. Pode ser un traballo realmente xeneroso, pois se o filme remata por funcionar despois dun traballo de moitos meses por tras para lanzalo, é moi reconfortante, sobre todo cando como no caso controlamos todos os procesos que enumeraba antes internamente. No fondo, somos un elo máis da cadea que fai posíbel que un filme exista.

O partirmos de cero tanto na exhibición como na distribución permítenos detectar moi ben todas as eivas dos dous sectores, que se agrandan dunha maneira crítica no caso español, onde o desenvolvemento institucional da lei do cinema referido á exhibición independente non existe (agás a recente excepción de Euscadi e as tentativas da Generalitat de Catalunya) e o apartado de distribución é raquítico e está orientado a reforzar os filmes de máis éxito (pídese por exemplo unha estrea en salas comerciais nun mínimo de 15 provincias diferentes para poder optar a competir nas axudas, o que coñecendo o panorama da exhibición independente ou en VO non deixa de ser utópico).

A verdade é que a valoración deste primeiro ano é moi positiva a varios niveis. A libraría traballa con máis de 10.000 títulos catalogados, o laboratorio entregou máis de 60 encargas entre gráfica e vídeo, amais de centralizar toda a operativa e loxística do día a día, producir e adaptar continuamente a nosa imaxe gráfica e os contidos que logo se transmiten polas redes sociais ou no propio espazo. Imos cada vez aproximándonos máis á medida real do noso traballo, e onde comezamos cinco persoas, agora somos sete traballadores, todos indefinidos co mesmo salario.

Ademais, conseguimos ir desenvolvendo liñas que tiñamos abertas de antes da apertura pero que non era posíbel poñer a andar dende o inicio, como NUMAX na escola, NUMAX Distribución, a Aula Os ollos verdes ou unha pequena área de comunicación. E, en canto ao Cinema NUMAX, cumprimos o obxectivo de ser parte da rede internacional Europa Cinemas ao ano de abrir. Isto ten unha importancia fulcral, pois garántenos un apoio económico estábel e periódico no tempo sempre e cando consigamos manter os umbrais de programación e asistencia que acadamos neste 2015-2016. Hoxe estamos perto dos nosos primeiros 40.000 asistentes, que son os responsábeis de que poidamos traballar con relativa comodidade á hora de programar os filmes tanto con distribuidoras grandes como coas máis cativas. O reto máis difícil é manter a confianza da xente e continuar a traballar como desde o primeiro día para facer posíbel que este proxecto se consolide na cidade, e continuar a trazar redes con outras salas e proxectos amigos.

Charles Burnett na súa visita a NUMAX o pasado mes de abril

Charles Burnett na súa visita a NUMAX o pasado mes de abril

Os festivais de cinema son básicos á hora de crear e consolidar públicos, e a relación coas salas afíns como entendemos que o é o Cinema NUMAX, debera traballar dun xeito en que a sala e o festival se potencien entre si. Desde o inicio mantemos unha colaboración co (S8) Mostra de Cinema Periférico de A Coruña, onde acodemos cada ano cunha mostra de filmes e libros de cinema da Libraría NUMAX; co Play-Doc de Tui, patrocinando a súa publicación sobre Charles Burnett, a quen tivemos en Compostela para unha Aula os ollos verdes e incorporamos Killer of Sheep (1978) á nosa programación durante dúas semanas; co festival WOSINC, colaborando durante a estrea de Los Hongos; co festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do cambio, onde a Libraría NUMAX foi a libraría de referencia do festival, celebramos unha proxección no Cinema NUMAX e fixemos o libro do Festival desde o Laboratorio; co Festival de Róterdam IFFR, converténdonos en sede durante unha fin de semana canda outras salas independentes europeas para achegarlle ao público local de forma simultánea a estrea de catro filmes en premiere; con Curtocircuíto, onde nos incorporamos como sede do festival e acollemos de novo a Aki Kaurismäki, a Jørgen Leth, a Joao Salaviza, fomos os responsábeis do vídeo promocional do festival e dunha parte da asistencia técnica; con Novos Cinemas de Pontevedra, facendo tamén traballo de asistencia técnica. Para nós estas sinerxias son fermosas e amosan unha escena viva e desexosa de traballar en común para enriquecer os proxectos de maneira mutua.

Esperamos con ganas tamén que este ano se poida materializar a colaboración con Cineuropa, a mostra de referencia en Compostela que fai 30 anos en novembro e que o ano pasado non puido ser por cuestións de orzamento do festival. Neste caso concreto estimamos que é especialmente importante podermos traballar xuntos, pois o público natural de NUMAX e Cineuropa é afín aos dous proxectos e somos conscientes de que sen o traballo dos últimos 30 anos de Cineuropa sería moi difícil que un proxecto coma o noso puidera ter a acollida tan positiva que tivo na cidade durante este primeiro ano.

Comments
One Response to “RAMIRO LEDO: DO CINECLUBE DE COMPOSTELA A NUMAX”
  1. Xose di:

    Fun estudante en Compostela durante a época do Cineclube de Compostela na facultade de Xornalismo. Grazas ó voso traballo descubrín filmes e realizadores que aínda hoxe en día me acompañan. Kaurismaki, Chabrol, Murnau e outros graváronse nos meus ollos e memoria.

    Agora resido fóra de GZ, mais na próxima viaxe á Compostela, penso visitar o voso local.

    Outra vez, grazas polo voso traballo!

    Con afecto e admiración dende Barcelona,
    Xose