RESEÑA DE ‘CHARLES BURNETT. UN CINEASTA INCÓMODO’

KILLER OF SHEEP (1977)

Charles Burnett non che vos é ningún one-hit wonder, como proban a retrospectiva que lle adica este ano o festival Play-Doc e mais a publicación que leva emparellada: Charles Burnett. Un Cineasta Incómodo, editada por dous compañeiros desta revista, María Míguez e Víctor Paz Morandeira. Este volume, dunha banda, enche unha lagoa bibliográfica, xa que é a primeira monografía que aparece en castelán adicada a este cineasta; mentres que doutra, serve para pór aos cinéfilos trala pista da súa traxectoria posterior a Killer of Sheep (1977), o filme totémico da L.A. Rebellion. Burnett, ao longo de corenta anos de carreira, dirixiu un feixe pezas entre as que salientan dúas longametraxes que seguiron o ronsel da súa primeira obra: My Brother’s Wedding (1983), unha sátira neorrealista que recunca nas miserias cotiás dos habitantes de Watts; e To Sleep with Anger (1990), unha fábula revirada onde o realismo máxico do Old South envelena as dinámicas internas dunha familia afroamericana instalada baixo o sol de California.

O libro está artellado arredor dunha longa entrevista que os editores mantiveron con Burnett en Los Angeles, na liña dos títulos da colección Contemporary Film Directors da University of Illinois Press. Nesa conversa, o cineasta revélase como un contador de historias de verba fluída, discurso analítico e vontade reivindicativa. Ao longo de máis de setenta páxinas, Burnett explora as súas lembranzas, nas que non hai fronteiras entre a vida e a arte, entre os filmes e o seu contexto. O resultado, estruturado de xeito cronolóxico e temático, é algo máis ca un percorrido pola súa filmografía: é o relato da súa xeración e da súa comunidade, que se estende dende os veciños de Watts até os seus camaradas na L.A. Rebellion. Burnett ocupa un lugar central neste movemento cinematográfico, non só por ter asinado algúns dos seus mellores títulos, senón pola súa ubicuidade: a filmografía final sinala a presenza do cineasta nunha ducia de filmes alleos, xa sexa como operador de cámara (Passing Through, Larry Clark, 1977), como director de fotografía (Bush Mama, Haile Gerima, 1979), como montador (Illusions, Julie Dash, 1982) e mesmo como guionista (Bless Their Little Hearts, Billy Woodberry, 1983).

Burnett é, polo tanto, un deses homes ‘que estivo alí’, mais o seu discurso evita conscientemente caer nunha autopoética compracente: el non fala tanto da súa obra como do traballo que lle custou artellala, e sobre todo das ideas que agarda ter transmitido con ela. Sendo unha persoa sensíbel e reflexiva, os seus filmes non se limitan a expresar o seu mundo interior, senón que se valen del para retratar a unha comunidade historicamente infrarrepresentada: os fillos daqueles afroamericanos que deixaron atrás os campos do sur para habitar os barrios obreiros das grandes cidades estadounidenses. Boa parte da entrevista pivota sobre o vencello que une a Burnett coa súa xente, que lle permitiu manter sempre a súa coherencia estética e ideolóxica á hora de tratar cos profesores da University of California Los Angeles (UCLA), cos produtores de Hollywood e mesmo cos directivos de Disney Channel. Se cadra, esa fidelidade explica a escasa distribución dos seus filmes até hai poucos anos, que pasaron desapercibidos para un público incapaz de ver a súa dimensión universal por mor da súa militancia local.

30 Charles Burnett 2

A entrevista ofrece moita información de primeira man sobre as influencias e as prácticas da L.A. Rebellion, nun momento no que vén de aparecer unha extensa monografía sobre este movemento, como se indica na introdución. (1) Burnett sinala, por exemplo, que a xenealoxía neorrealista dos seus filmes non procede tanto da tradición italiana de posguerra como dos documentais británicos dos anos trinta, unha filiación encarnada na figura de Basil Wright, profesor seu na UCLA nos anos sesenta. Algo similar ocorre cos seus referentes no tocante á representación da negritude, que non veñen tanto dos filmes de Oscar Micheaux como doutros títulos asinados por cineastas brancos, como The Southerner (Jean Renoir, 1945), The Quiet One (Sidney Meyers, 1948) ou Nothing But a Man (Michael Roemer, 1964).

O libro complétase cun breve capítulo fotográfico adicado a cartografar, con moito xeito, algunhas localizacións de Killer of Sheep, My Brother’s Wedding e When It Rains (1995); ao que se suman tres artigos temáticos que abordan a obra do cineasta dende diferentes perspectivas. No primeiro deles, Mark A. Reid explora de forma exemplar o emprego que fai Burnett do folclore afroamericano para retratar ás familias protagonistas de Killer of Sheep e To Sleep with Anger. Reid comenta, en concreto, dúas secuencias nas que as mulleres actúan como garantes da estabilidade familiar, explicando como Burnett constrúe unha representación na que o naturalismo máis cru convive ao mesmo tempo co desexo de ofrecer modelos positivos para a súa comunidade. No segundo artigo, James Naremore explora o sentido do humor que enchoupa todo o cinema deste creador, malia ficar oculto para moitos espectadores ante o dramatismo das súas historias. Este humor, segundo Naremore, axuda a que os relatos avancen de xeito orgánico e silandeiro, gañando así en humanidade e en verosimilitude, ademais de aproveitar ese ton menor para afrontar cuestións moi espiñentas. Por último, no terceiro artigo, María Míguez desenvolve unha análise moi sólida, na mellor tradición dos estudos cultuais, do ciclo formado polas súas tres producións infantís para televisión: Nightjohn (1996), Selma, Lord, Selma (1999) e Finding Buck McHenry (2000), probabelmente os traballos menos coñecidos do cineasta. O texto de Míguez ten a virtude de sinalar a coherencia discursiva destes filmes dentro da obra de Burnett, mais a escaseza de comentarios sobre a súa forma e estética pode espertar a desconfianza dalgúns lectores ante o valor artístico destes traballos.

Tres artigos temáticos resultan algo escasos nunha obra destas características, mais esa cifra está condicionada polas propias condicións de produción do volume, que xorde asociado á retrospectiva organizada por Play-Doc. Seica a idea orixinal era incluír até sete artigos temáticos, mais a existencia dunha data límite para levar o libro ao prelo, así como a preguiza e a desidia dalgúns dos colaboradores, deixaron o volume tristemente mutilado. De non contar cun calendario tan ríxido, o libro podería ter sido, cando menos, algo máis completo; claro que daquela, se non fose grazas á existencia desta retrospectiva, é posíbel que nin sequera xurdise a oportunidade de editalo. Son os pros e contras habituais cos que teñen que apandar os libros asociados aos festivais: libros rematados ás présas, certo, pero que por sorte aínda así existen.

(1) Field, Allyson Nadia; Horak, Jan-Christopher; Stewart, Jacqueline Najuma (eds.) (2015): L.A. Rebellion: Creating a New Black Cinema. Oakland, California: University of California Press.

30 Charles Burnett 3

Charles Burnett. Un Cineasta Incómodo

María Míguez e Víctor Paz (eds.)

Editorial: Play-Doc Books / Shangrila Textos Aparte

Páxinas: 154.

Comments
One Response to “RESEÑA DE ‘CHARLES BURNETT. UN CINEASTA INCÓMODO’”
  1. María Míguez di:

    Se todo o que di Iván Villarmea debe ser escoitado con atención, cando analiza o teu traballo, máis aínda. Así que, Iván, agradecerche tanto as boas palabras como as suxerencias e consellos para mellorar a próxima vez 🙂

    Tamén aproveito para comentar que o traballo de tradución, por circunstancias totalmente alleas a María Enguix e Francisco González, tivo que ser realizado de maneira apresurada. A verdade é que nós particularmente estamos encantados coa labor que fixeron. Se se colou algunha pequena gralla a pesar das múltiples revisións do texto, a responsabilidade última é, en todo caso, nosa. Pero, como ben detectas na túa análise, non sempre se conta con todo o tempo que a un lle gustaría.

    De calquera xeito, queda todo ben anotado.

    ¡Graciñas!