RETRATOS DE JOY DIVISION

1979, Londres. O aínda xoven Anton Corbijn, apaixoado da música dende neno, trasládase á capital inglesa na busca da banda Joy Division. Alí comeza a traballar como fotógrafo para a revista NME. Unha vez entra en contacto co grupo post-punk, o holandés dará comezo a un corpus artístico que abarcará fotografía, videos musicais e cinema.

Influenciado polo expresionismo alemán, o artista holandés é coñecido polas súas imaxes analóxicas en branco e negro que lle permiten obter un maior contraste, así como un característico gran que aporta ruido nas súas fotografías. A preferencia ténica de Corbijn é a de disparar a velocidades de obturación lentas, aportando así un movemento intencionado dentro do marco.

Malia ter traballado con Arcade Fire, Bruce Springsteen, David Bowie, Iggy Pop, Metallica, U2 ou The Rolling Stones (entre moitos outros), Anton Corbijn non se considera fotógrafo de rock, senon retratista. O holandés fotografía a estrelas de rock fóra da súa vida cotiá, en ambientes neutros, achegándonos así unha visión moi persoal e íntima dos mesmos. O emprego do branco e negro permítelle enfatizar as expresións; as súas son imaxes melancólicas, cunha estética anti-glamour, que retrata o aspecto máis humano dos artistas. Estas fotografías; imperfectas, nostálxicas e reveladoras, amosan as numerosas facetas do artista mediante a proximidade co retratado.

Joy Division. Fotografía de Anton Corbijn

Joy Division. Fotografía de Anton Corbijn

O polifacético Corbijn adícase tamén á dirección de videoclips, entre os que se atopan ‘Personal Jesus’ de Depeche Mode, ou ‘Heart-Shaped Box’ de Nirvana. De feito, o holandés dirixiu tamén o videoclip ‘Atmosphere’ para Joy Division, a petición de Tony Wilson. Lanzado no ano 1988, este vídeo de estética fúnebre, amosa personaxes encapuchados con túnicas branca e negras que desfilan por unha paisaxe deserta cargando enormes fotografías de Ian Curtis e da banda.

O propio Corbijn afirma ter mudado dende Holanda a Inglaterra por Joy Division. Alí fotografiou e seguiu ao grupo de cerca durante dúas semanas no ano 1980, e despois de ter dirixido o seu video musical, o vínculo entre este e a banda liderada por Ian Curtis tornou aínda máis forte.

Isto é significativo dado que, case 27 anos despois, Corbijn decide experimentar con outra disciplina, empregando desta vez o séptimo arte e non a fotografía para contar unha historia, a historia de Ian Curtis. No ano 2007 estréase Control, un biopic arredor da vida do cantante da banda post-punk Joy Division. As analoxías entre a fotografía de Corbijn e este novo filme son moi claras. Cunha estética baseada de novo no branco e negro, no íntimo, e no melancólico, Anton constrúe un filme moi humano, pero tamén elexíaco.

A fotografía monocromática do filme -ademáis de adaptarse ao propósito de reflexar un sentimento de pesadume que caracteriza ao personaxe principal e que domina todo o filme- semella un intento de respetar a imaxe orixinal proxectada pola banda. Unha gran porcentaxe dos documentos visuais dispoñibles da mesma son en branco e negro (carátulas de discos, cartaces, fotografías). Así mesmo, nos 70 e 80 as revistas musicais máis importantes estaban impresas tamén en branco e negro, e un grupo de música debía ter polo menos un gran éxito para ser fotografiado en cor para publicacións máis comerciais. Mais unha banda coma Joy Division non tivera ningún gran éxito ata o de aquela.

Tamén é preciso mencionar que, como o propio fotógrafo confesa no documental Anton Corbijn, Inside Out (2012) dirixido por Klaartje Quirijns, a morte está moi presente na súa obra. Porén, en Control (2007), o autor amosa de novo unha gran comprensión da morte e da relatividade da vida. No mesmo documental de Klaartje Quirijns, Corbijn afirma carecer dunha falta de conexión profunda coas persoas, sentíndose ás veces cómodo cun xeito de pensar negativo. Él mesmo chega a admitir “quedeime atrás coma ser humano”. É quizáis este modo de ser e pensar o que contribúe a unha identificación con Ian Curtis e coa música que o propio cantante escribía.

Control (2007) -baseada no libro Touching from the distance, de Deborah Curtis- é de feito unha historia dramática; de amor e de pérdida, non é realmente un biopic musical. Control acompaña a Ian Curtis dende a idade de 17 ata os 23, é unha película sobre un rapaz que perdiu o seu camiño, e que ao final, se desequilibra. Máis que a traxectoria musical, o filme percorre a traxectoria emocional de Curtis. Este non é verdadeiramente un filme sobre Joy Division, mais o protagonista, resulta ser o cantante da mesma, e por iso gran parte da cinta está relacionada coa banda.

Fotograma de Control (2007)

Fotograma de Control, Anton Corbijn (2007)

No mesmo ano en que se estrea este filme de Corbijn, lánzase tamén o documental musical Joy Division (2007), dirixido por Grant Gee e escrito polo fan e amigo do grupo Jon Savage. Esta cinta toma como puntos de partida a fealdade da cidade industrial de Manchester e o sentimento punk da época para explicar o nacemento dunha banda que se forma no día en que Peter Hook e Bernard Sumner asisten a un concerto dos Sex Pistols no ano 1976. Warsaw (nome inicial de Joy Division) toma o máis caótico, emocional e rebelde para crear unha música salvaxe e terrible. Este documental musical relata, a través de diferentes miradas, a evolución da banda dende o punk simple, revolucionario e desmesuradamente enerxético, ata a expresión de emocións e sentimentos moito máis complexos.

Esta cinta conta cos testimonios de persoas como Bernard Sumner, Peter Hook, Stephen Morris, Peter Saville, Tony Wilson, e mesmo Annik Honoré, amante de Curtis, que nos describen as memorias dun pasado agridoce. O documental combina as entrevistas con materiais de arquivo -vídeos de concertos e grabacións de radio- así como tamén imaxes de lugares que foron clave na traxectoria de Joy Division; tales como The Factory ou os clubes Electric Circus ou Apollo.

Doutra banda, cabe mencionar tamén que, cara o final da cinta, revélase unha inadecuada resposta masculina cara a sensibilidade de Ian. Os integrantes da banda confesan non terlle prestado atención cando cometiu o primeiro intento de suicidio e mesmo non terlle axudado cando lle diagnosticaron epilepsia. Sumner, Hook, Morris e incluso Tony Wilson afirman ter ignorado a depresión que Curtis sufría, malia ser conscientes dela. “Somos homes, non falamos entre nós” di Peter Hook.

Un poeta e cantante bipolar, un primeiro álbum desastre, unha ameaza a Tony Wilson, un manager obsesivo, unha nave industrial para ensaiar; así nos achega Grant Gee a Joy Division, unha banda punk que toma o nome dun burdel nazi, e que foi testigo das políticas de Thatcher e da cultura underground.

Namentras Corbijn toma o individual, o emocional e o humano nun filme lento e de estética melancólica, Grant Gee toma o colectivo, o entorno e as circunstancias nun documental a cor, dinámico e lixeiro. Corbijn emprega o biopic para retratar a Ian Curtis, namentras Grant Gee emprega o documental musical para retratar a Joy Division. Precisamente por isto, non sería erróneo afirmar que ambos se complementan, porque para entender a música do grupo inglés é tamén preciso entender a Curtis. As circunstancias persoais do cantante conforman á banda en certo modo, xa que, a súa condición de poeta suicida e as súas letras son, o fin e ao cabo, a alma da súa música.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.