“A CLAVE DO ÉXITO DE PÚBLICO É UNHA PROGRAMACIÓN RIGOROSA PERO NON DEMASIADO ACADÉMICA”

Nos últimos oito anos que leva en pé, Play-Doc conseguiu medrar, madurar, e sobre todo establecer un modelo de festival algo distinto ao dominante. Modelo baseado nunha escala modesta, na escaseza de contidos máis que nas programacións mastodónticas, e cun forte compoñente festivo, de celebración cinematográfica. Un modelo que atraeu a autores da talla de Pelechian, McElwee ou Rosenblatt, e que abre todas as primaveras unha pequena xanela para o documental na fronteira do sur de Galicia. Das peculiaridades deste evento, así coma dos inconvenientes e dificultades que se presentan no camiño dun festival deste tipo, falamos con Sara García, co-directora e responsable de programación de Play-Doc.

Para empezar, podías falarnos de como se crea Play-Doc e se xestiona desde o principio esa creación de públicos parte de todo festival.

Todo isto comezou en 2003, cando eu coñecín a Ángel (Sánchez), que por aquel entón vivía en Valencia, cidade da que eu son. Coincidiramos traballando xuntos en varios eventos, entre eles a Mostra, e tamén noutros festivais e producións relacionadas coa arte e a música. Xurdiu entón a idea de crear un festival de documentais, porque era un xénero que nos apaixonaba e porque non había en España nese momento ningún festival dedicado exclusivamente a este tipo de cinema. Os que hai agora, se non recordo mal, empezaron tamén por aquela época. Pero Play-Doc é un proxecto totalmente independente. O facelo en Tui foi pola sinxela razón de que Anxo é de aquí, e porque aquí había un teatro marabilloso, cunhas magníficas infraestruturas, e o lugar era precioso e parecía perfecto. Os festivais que están en grandes cidades corren o risco de diluírse entre o resto de ofertas culturais, e o facelo aquí supuña crear algo máis concentrado e máis intenso, aínda que tamén implicaba moitos outros inconvenientes.

Sobre como se xestiona a creación do público, a verdade é que o éxito de audiencia foi desde o principio a grande sorpresa deste festival. Xa na primeira edición conseguimos atraer a máis de 3.000 espectadores, cifra que foi medrando ata chegar a 8.000, que é a media que temos agora. De modo que nese sentido chegamos ao noso tope, tendo en conta que hai tan só unha sala de cinema (aínda que cun aforo de 450 butacas), cunha sesión de cada vez, e tan só en catro días, polo que temos unha media de público de 300 espectadores por sesión, e durante a fin de semana hai sempre aforo completo. Falamos de cifras proporcionalmente moi elevadas, tendo en conta as dimensións do festival. Doutra banda gústanos moito a idea de mostrar un cinema periférico desde a periferia, non nunha grande cidade, senón nun lugar pequeno, nun festival pequeno. O estar situados nun lugar fronteirizo tamén é algo que conceptualmente dá moito xogo, xa que o cinema documental é un xénero fronteirizo que se resiste un pouco a definirse ou catalogarse.

Profundando no tema dos públicos, interésanos saber como cres que funciona esa dialéctica entre público local e o máis especializado.

O público de Play-Doc é local tan só nun 30 ou 40%. Cos anos conseguimos atraer a moitísima xente de toda Galicia, do norte de Portugal, e ata de Lisboa, e tamén de Madrid e Barcelona e outros lugares de España. O certo é que unha das características do noso público é que é, e foi sempre, incriblemente heteroxéneo, aberto, participativo, fiel e numeroso. Creo que a clave do noso éxito foi propor unha programación rigorosa pero sen un enfoque demasiado académico. Isto é, sen dar a sensación de que o que mostramos aquí está só ao alcance dun grupo exclusivo de cinéfilos. Porque, doutra banda, estamos totalmente convencidos de que calquera pode gozar e apreciar este tipo de cinema, aínda que sexa dunha maneira máis esencial, máis básica ou máis directa. Mostramos a obra de Artavazd Pelechian nunha sala chea e totalmente emocionada, e pódoche asegurar que os catrocentos espectadores que alí había non eran todos nin profesionais nin cinéfilos, nin moito menos. O mesmo podo dicir sobre Stonys, Dziworski, McElwee, Kossakovsky, Depardon, Rosenblatt, Kowalski, Lozinski e moitos outros que pasaron por Play-Doc e que cativaron e marabillaron ao público que asiste ano tras ano ao festival.

Tendo isto en conta, cales son as liñas básicas sobre as que se asenta a vosa programación?

O certo é que programamos sinxelamente o que nos gusta e que, por iso, nos gustaría compartir cos demais. Non pensamos demasiado no público á hora de programar, en canto que non buscamos compracelo, tampouco saberiamos que é o que queren. Porque, a todo isto, quen é o público? Non se pode xeneralizar e dicir que o noso público teña un gusto, unhas esixencias ou unhas preferencias determinadas, cada un dos espectadores que conforman este público é diferente e sería imposible compracer a todos. O que si é certo, é que para empezar, e isto é algo que si teñen en común; é que se veñen a este festival, que está nun recuncho de Galicia, e que é ademais un festival de cinema documental; é que polo menos teñen un interese e unha curiosidade por ver e descubrir cousas que non poden ver, ou polo menos non facilmente, noutros lugares. Así que nunca pensamos en compracelos porque iso sería dalgunha maneira subestimalos, subestimar esa curiosidade e esa receptividade que a min me parece marabillosa.

Sara García con Artavazd Pelechian na edición de 2012. FOTO: Tamara de la Fuente

Vós, tamén por como é o festival, apostades por unha selección moi reducida de títulos na programación, o que pode ser unha arma de dobre fío, xa que iso esixe que cada título estea moi pensado, moi seleccionado.

Pode resultar máis difícil programar poucas películas que moitas, a verdade é que si. Non sei se o conseguimos sempre, pero polo menos cremos que todas as películas teñen, obxectivamente, un interese cinematográfico. Para a sección oficial a competición, seleccionamos aquelas que atopamos en festivais aos que adoitamos ir, ou as que nos chegaron por convocatoria, e que nos gustaron. Para as retrospectivas traemos directores cuxa obra queremos e temos a necesidade de dar a coñecer e compartir. Existen cineastas marabillosos dentro deste xénero que son practicamente descoñecidos no noso país e con filmografías absolutamente imprescindibles.

O cinema galego tamén ocupa un lugar esencial na nosa programación. A fórmula foi mudando cos anos. Ao principio había unha competición galega, o cal nunca acababa de convencernos porque establecía unha discriminación, unha discriminación tanto positiva como negativa, porque pode funcionar nos dous sentidos, por iso é un tema delicado. É verdade que un festival ten a responsabilidade de dar visibilidade ás películas que se fan no país, pero unha competición nacional adoita ser, polo menos en case todos os festivais que coñezo, unha competición menor, secundaria. E isto, polo menos aquí en Galicia precisamente, onde hai tantísimo talento e tan bos cineastas hoxe en día, cuxas películas se estrean nos festivais máis prestixiosos do mundo enteiro, facer unha competición galega non tería xa ningún sentido. Por iso hai xa varios anos que temos tan só unha competición internacional onde sempre compite polo menos unha película galega (hai que ter en conta que a nosa programación é especialmente reducida), e de feito xa levamos dous anos seguidos nos que o premio o leva unha película galega, outorgado por un xurado internacional.

Pero si segue sendo necesario reservar un espazo para o máis destacado que se realizou en Galicia durante o ano. Sobre todo cando existe tanta calidade e se fan cousas tan interesantes.

Volvemos un pouco para atrás. Falando da escaseza de títulos, a crise tamén está a provocar unha redución dos festivais e que se adelgacen as seccións. É isto un problema para vós?

No noso caso, sería imposible reducir máis. Temos ao redor de trinta títulos en total, o que vén dado non tanto por unha razón de orzamento como por elección propia. Poderiamos ter máis salas, máis días, máis películas. Pero entón perderíase a esencia deste festival, íntimo e particular. A realidade é que sempre traballamos co mínimo orzamento posible, e estamos moi afeitos tamén a esta circunstancia, que evidentemente non é a ideal, pero que a pesar de todo non nos impediu seguir medrando como festival. E non falo dun crecemento cuantitativo, porque non creo que ese sexa o crecemento que debemos ter, se non en calidade, en recoñecemento, en proxección exterior, en rigor en canto a contidos, tamén un crecemento en canto a madurez, coñecementos. Pero volvendo ao tema do diñeiro, sinceramente non, non nos afecta tanto como a outros, xa que economicamente nós sempre estivemos en crise.

Pero os problemas de financiamento que se agravaron nos últimos tempos supoño que si que dificultan obter os recursos necesarios para manter o festival.

En verdade, o noso festival é tremendamente barato, ten un orzamento case ridículo en relación aos resultados que obtén. O malo de ter que traballar nestas condicións de escaseza é que esixe un esforzo moitísimo maior que acaba sendo moi cansado. Buscar o financiamento necesario cada ano consume unha cantidade incrible de tempo e enerxías que deberían dedicarse a outras cousas. Aínda así, isto forma parte da produción de calquera evento, está claro, pero hoxe en día buscar financiamento público ou privado está a converterse nun auténtico pesadelo. Nunca sabemos con que orzamento total contaremos ata un mes antes do festival, cando toda a programación ten que estar xa máis que pechada, así que imaxínate. Cada ano é tirarse á piscina e rezar para que ao final haxa algo de auga. Somos un pouco kamikazes neste sentido. Pero como che dixen, estamos demasiado afeitos a traballar así, e somos realistas, adaptámonos ao que temos. No entanto e a pesar de todo, o pasado ano o recorte orzamentario foi brutal, e con todo foi un dos mellores en canto a repercusión, recoñecemento e calidade.

"buscar financiamento público ou privado está a converterse nun auténtico pesadelo. Nunca sabemos con que orzamento total contaremos ata un mes antes do festival".

Que función cres que ten agora mesmo un festival de cinema, agora que a accesibilidade (a películas, información, etc.) é moito maior?

A función dun festival hoxe en día é sobre todo unha cuestión de reunión, de achegamento, de entrar en contacto directo con profesionais, realizadores, o público. É moi doado, ou algo máis doado acceder a este tipo de cinema ou a certas películas, pero nun festival e máis un festival deste tipo, que é pequeno, a relación que se establece entre o realizador, as súas obras e o público é moi importante. Tamén entre profesionais. Poder falar das películas, poder discutilas, crear o espazo apropiado para xerar diálogo e intercambio é tamén esencial. Nunha palabra, trátase de compartir, de celebrar, de festexar e gozar o cinema, e iso é algo que só se pode vivir nos festivais.

Como pensades vós todas esas seccións que apoian o festival, seccións paralelas ou exposicións, que en Tui sempre estiveron presentes? Que función cumpren na súa configuración?

Todo o que facemos, tanto os concertos como as exposicións, teñen relación directa con algunha das películas programadas. Doutra banda, tamén achega a outro público non necesariamente cinéfilo. É unha maneira de introducilo ao festival, e facer que se interesen tamén polo cinema que se programa. É un complemento que enriquece a proposta cultural e a complementa. Ademais propicia esa atmosfera festiva e de celebración tan importante da que falabamos.

Nese sentido, unha cousa que me preocupa bastante dos festivais é ese efecto “evento”, de modo que non se establece unha continuidade ao longo do ano, máis aló dos días que dura o festival, de forma que se dilúe un pouco ese público.

Por unha banda, ese efecto “evento” ten tamén moita forza e xera moita enerxía. Cando o evento se aproxima, empézase a crear unha expectación e unha anticipación que son tamén moi interesantes e logo chega e vívese tamén máis intensamente. Pero doutra banda, é unha mágoa que tan só suceda unha vez ao ano, así que a idea de darlle continuidade ao festival durante o resto do ano era algo que nos daba voltas na cabeza dende había tempo. Así que, non sen moito esforzo pero tamén con moita ilusión, acabamos de pór en marcha Play-Doc TV, que é unha nova iniciativa que desenvolvemos grazas a R, e que consiste en ter unha canle que supón unha extensión do propio festival. Parécenos unha oportunidade fantástica e un privilexio e estamos ademais encantados de poder contribuír a unha televisión alternativa e de calidade.

Cres que o futuro dos festivais pode estar na rede ou neste tipo de ferramentas, ou sempre quedará o encontro físico, a pesar desas novas pantallas como Festival Scope ou outras múltiples plataformas que van aparecendo?

Hai moita xente que detesta ver películas en Festival Scope. A min, por exemplo, paréceme unha ferramenta fantástica que ademais utilizo bastante, aínda que é tan só accesible a profesionais. Pero si que existen agora moitísimas plataformas na rede para ver cinema e hai unha accesibilidade que antes non había. Pero tanta oferta xera, baixo o meu punto de vista, certa confusión. Podes ver tantas cousas que ao final non sabes moi ben que é o que queres ver nin que é o que viches. É o perigo da rede, que por unha banda dáche acceso a unha cantidade de información desorbitada, que despois hai que saber xestionar e filtrar. Os festivais actúan un pouco como filtros nese sentido.

Nese sentido que apuntas, da importancia da intermediación, pensas que ao longo destes anos puidestes crear unha marca Play-Doc ou algún tipo de estilo que se pode identificar co festival, e que vos distinga doutros de características similares?

Si, Play-Doc ten unha personalidade moi particular, máis ben trátase dunha cuestión de actitude. Este festival é un proxecto persoal que facemos un equipo moi, moi reducido, e todo iso reflíctese logo ata nos máis mínimos detalles. O feito de ser un proxecto independente tamén nos deixa toda a liberdade do mundo para facer as cousas á nosa maneira. Pero se hai algo que destaque no Play-Doc é a atmosfera de celebración, de comuñón, de festividade, de experiencia. Hai que vivilo para saber do que estou a falar.

Xa para rematar, fálanos un pouco do futuro do festival. Como se presenta o futuro do Play-Doc, tanto nesta edición como máis adiante?

O futuro é sempre algo moi incerto, e tal e como están as cousas, máis. A próxima edición preséntase fantasticamente ben, con todo. Polo menos en canto aos contidos. Máis adiante espero que podamos seguir medrando e poder seguir rodeándonos de profesionais marabillosos para que a familia sexa cada vez máis sólida e máis grande, e o festival poida seguir adiante. Alguén dixo unha vez, referíndose á xente que pasaba polo festival, que «chegan como convidados e vanse como militantes». E isto é certamente así.

Comments are closed.