SEFF 2017: SECCIÓN OFICIAL (3)

Rematamos a nosa cobertura da Sección Oficial do SEFF 2017 analizando outra das liñas temáticas presentes na súa selección. Neste caso, o conxunto de filmes que imos a tratar xiran arredor do concepto de procura, ben sexa física ou metafórica. Os protagonistas destas obras adoitan ser personaxes ‘incompletas’, que navegan á deriva en busca de algo –ou alguén- capaz de encher un baleiro que os atormenta. Esta busca pode traducirse nunha viaxe exterior ou adoptar a forma de reflexións internas. Ás veces, asistimos incluso a unha sorte de espera activa, case resignada, que agocha o mesmo anhelo de encontro.

Little crusader (Václav Kadrnka, 2017)

Little crusader (Václav Kadrnka, 2017)

Procura, espera e retorno

Little Crusader (2017) é a segunda longametraxe do realizador checo Václav Kadrnka, coa que gañou este ano o Globo de Cristal á Mellor Película no Festival de Karlovy Vary. Baseada lixeiramente nun poema épico de Jaroslav Vrchlický, o filme toma como punto de partida a lendaria “Cruzada dos Nenos” para elaborar unha odisea de estética medieval cargada de simbolismo. Todo comeza cando o pequeno Jan, inspirado polos heroicos relatos das Cruzadas, decide partir cara Terra Santa equipado cunha armadura infantil e unha espada de madeira. A partida do neno, imbuída dun espírito quixotesco, connota unha importante carga alegórica que se vai revelando a medida que avanza o filme. Durante o resto da película, a experiencia do espectador está ligada á do cabaleiro Borek (Kaerl Roden), que levará a cabo unha busca infatigable para atopar ao seu fillo. Guiado tan só polo seu instinto, e coa axuda dun anaco de tea onde leva bordada a cara do cativo, o protagonista deberá facer fronte a situacións e personaxes do máis extravagante, que poñerán a proba a súa determinación.

A medida que o rostro de Jan se vai esvaecendo no pano, metáfora dos ideais perdidos e os anos que xa nunca volverán, a efixie granítica de Roden soporta a carga dramática da película. A obra revélase como a representación dunha procura interior, na que se agochan os medos e inseguridades do vello cabaleiro. O director opta por unha posta en escena profundamente teatral, na que contrastan os espazos austeros e as paisaxes oníricas. Rodada en formato 4:3, e optando por encadres fundamentalmente pechados, a fotografía transmite constantemente a mesma sensación de opresión que experimenta o seu protagonista. Aínda que formalmente impecable, Little Crusader fracasa a nivel emocional á hora de trasladar ao público os tormentos que padece o desvalido cabaleiro. Os elevados conceptos que se manexan na película semellan ás veces pouco desenvolvidos, e non atopan un equilibrio coa súa dimensión estética. Unha busca encomiable pero frustrada.

Una questione privata (Paolo e Vittorio Taviani, 2017)

Una questione privata (Paolo e Vittorio Taviani, 2017)

Un sentimento de frustración e impotencia acompaña tamén ao protagonista de Una questione privata (2017), dos mestres toscanos Paolo e Vittorio Taviani, que foi presentada en Sevilla fóra de competición. Baseada nunha novela de Beppe Fenoglio, a última longametraxe desta icónica parella de realizadores trasládanos aos tempos da guerra civil italiana, durante a Segunda Guerra Mundial. Nesta ocasión acompañamos a Milton (Luca Marinelli), membro da resistencia partisana, na súa particular cruzada polos outeiros e comunidades rurais das Langhe. De xeito fortuíto, o protagonista descubre que o seu mellor amigo, capturado polas tropas fascistas, puido terlle enganado coa moza da que estaba namorado. Unha revelación un tanto difusa que, non obstante, fai que Milton se embarque nunha auténtica misión suicida para rescatalo e descubrir a verdade, poñendo en perigo a súa propia integridade e a delicada situación da loita armada.

Os irmáns Taviani convídannos a unha viaxe por dous espazos e conflitos diferenciados: Por un lado, a tráxica contenda exterior, que aporta un escenario de barbarie e loita fraternal. Por outro, unha batalla interior, máis encarnizada se cabe, na que se debate constantemente o protagonista. Fluíndo a través de ambos, atopamos un elemento de vital importancia: a néboa. Densa e omnipresente, esta adquire un especial peso narrativo, impedindo a Milton pensar e actuar con claridade. A brumosa paisaxe reflexa fielmente o estado da súa conciencia, ofuscada a causa da dúbida e os celos. Como contrapunto luminoso, asistimos esporadicamente a varios flashbacks nos que se presenta a breve historia de amor previa ao estalido da guerra. En termos xerais, Una questione privata deixounos unha sensación tibia, cun romance que non está á altura das súas consecuencias e un contexto presentado de xeito case trivial. Con todo, o filme posúe un carácter innegable e transmite constantemente o bo facer dos seus realizadores. Como auténticos artesáns do cinema, os irmáns Taviani dotan as súas obra dun marcado aire clásico, coidando ao máximo cada detalle da produción. Cabe destacar tamén a magnífica banda sonora de Giuliano Taviani e Carmelo Travia, formada por composicións orixinais e cancións icónicas que adquiren nesta obra un novo significado.

Despois de inaugurar a Quincena dos Realizadores no último festival de Cannes, onde resultou premiada, unha das obras máis esperadas desta selección foi sen dúbida Un beau soleil (2017), de Claire Denis. A célebre realizadora francesa, que adoita traballar nun rexistro dramático, ofrece nesta ocasión algo semellante a unha comedia romántica que sorprende pola súa lucidez e profunda sensibilidade. Estamos de novo ante unha arriscada adaptación literaria, neste caso dun ensaio de Roland Barthes, para a cal Denis contou coa axuda inestimable da tamén novelista Christine Angot. O resultado é unha deliciosa exploración das relacións humanas que aborda os absurdos do romanticismo dende unha perspectiva incisiva pero afectuosa. O relato articúlase arredor das coitas e desencantos amorosos da súa protagonista, Isabelle, interpretada de forma incontestable por Juliette Binoche.

Un beau soleil (Claire Denis, 2017)

Un beau soleil (Claire Denis, 2017)

Artista parisiense e nai divorciada, Isabelle atravesa unha profunda crise vital na súa procura do amor verdadeiro. Dende un primeiro momento, historia e personaxe logran xerar unha empatía instantánea grazas a situacións e diálogos que destacan pola súa autenticidade. Ao longo da película, a protagonista mantén relacións afectivas cun heteroxéneo grupo de homes que, a pesar das súas diferenzas, demostran algo en común: todos se revelan á fin covardes e indignos da súa confianza. Asistimos así a un desfile de personaxes masculinas mediocres, case tópicas, pero defendidas de xeito máis que solvente por grandes intérpretes como o tamén realizador Xavier Beauvois. Porén, se por algo sobresae a dirección de Denis é pola forma en que se achega aos espazos íntimos, individuais ou compartidos, compoñendo fermosos momentos nos que harmoniza o sensual, o sexual e o emocional. Un beau soleil é unha proposta intelixente e conmovedora, que utiliza o ridículo para envolver a súa amarga lectura cun humor tenro e universal. Esta dinámica vese perfectamente resumida na secuencia de créditos finais, que conta cun monólogo e actuación extraordinarias a cargo de Gérard Depardieu.

Sen abandonar o país galo atopámonos con outra das cintas estreadas na pasada edición de Cannes, que acadou en Sevilla o premio á mellor dirección. Barbara (2017), do actor e realizador Mathieu Amalric, presenta un exercicio de cine ‘meta’ que supón un interesante aporte ao xénero do biopic. A historia parte da obsesión dun director por levar a cabo un filme sobre a cantante Monique Andrée Serf, coñecida mundialmente como Barbara. Aínda así, este pretexto queda rapidamente eclipsado pola soberbia interpretación de Jeanne Balibar (nun dobre papel como Barbara e Brigitte, a actriz encargada de darlle vida). A través dun curioso exercicio de representación, o filme de Amalric volve a falarnos dunha procura, que nesta ocasión se centra na reconstrución dunha artista e personaxe excepcional. A cinta intercala constantemente imaxes de arquivo coas réplicas xenuínas de Balibar, nun eterno xogo de miradas e reflexos no que ambas identidades se funden ata ser indistinguibles. Para todos aqueles que descoñezan a figura de Barbara, e o seu influinte legado na cultura francesa, resultará case imposible descifrar todas as capas que se intercalan neste traballo. A pesar diso, é inevitable sentirse fascinado pola forza do seu recordo e a paixón desta homenaxe. O repertorio musical constitúe, como non podía ser doutro xeito, un dos puntos fortes da película, razón dabondo para achegarse a ela.

Penélope (Eva Vila, 2017)

Penélope (Eva Vila, 2017)

Pechamos esta crónica con outro filme que presume de nome e universo propios: Penélope (2017), de Eva Vila. Despois de darse a coñecer co documental musical Bajarí (2013), a directora catalá asina este ano unha das apostas máis arriscadas e persoais de todo o festival. Mediante a reformulación do mito clásico da Odisea, Penélope ofrece unha singular reflexión na que se entrelazan os conceptos de procura, espera e retorno. En palabras da autora, a cinta contrapón dúas actitudes vitais ou “movementos humanos universais: o que espera e o que se marcha”. Dúas correntes personificadas en Penélope e Ulises, que aquí adoptan a forma de Carme Tarte e Ramón Clotet, naturais de Santa María d’Oló. Esta pequena poboación das montañas barcelonesas, que adquire a dimensión dunha Ítaca moderna, é o escenario escollido por Vila para actualizar o mito de Homero.

Aos seus 98 anos, Carme nunca deixou de agardar. Ela é a costureira do pobo, un oficio en vías de extinción, e como tal leva toda a súa vida “tecendo os fíos da comunidade”. Ramón marchou a vivir a súa propia Odisea, retornando á fin para verse convertido nun estraño. Ambos son protagonistas indiscutibles desta obra que busca expresarse fundamentalmente no eido das emocións. A dimensión visual do filme apóiase nunha fotografía especialmente poética, moi vinculada á paisaxe, que opta por tonalidades frías e composicións cargadas de épica. No plano sonoro destaca a simbiose entre a música, o recital de versos e os coidados ambientes, con situacións cheas de intención e significado como as retransmisións radiofónicas e o son das campás. Xuntas, logran crear unha atmosfera envolvente na que o espectador perde a noción de espazo e tempo (grazas a un salientable traballo de edición da galega Diana Toucedo). A película pode resultar pretensiosa no seu cometido e representación formal, esixindo continuamente un esforzo por parte da audiencia. De non conectar co seu particular cosmos estético e narrativo, Penélope pode ser unha experiencia fatigante para o espectador. Con todo, estamos ante un deses ‘filmes-milagre’, cuxa mera existencia e participación en certames debería ser motivo de loanza. Con toda seguridade, a cinta non atopará unha distribución sinxela fóra do circuíto de festivais, pero fará as delicias dun tipo de público ávido dun cinema máis lírico e sensorial. Trátase, en definitiva, dunha obra que merece a pena buscar, e á que sempre cabe volver.

Comments are closed.