SEFF 2022 (I): As películas de outras
O Festival de Sevilla arrincou a súa decimo novena edición proxectando Los hijos de otros (Les enfants des autres), a quinta longametraxe da parisiense Rebecca Zlotowski. Máis aló da súa precisa elección como película inaugural, o novo traballo da directora de Une fille facile (2019) evidencia as limitacións de certo cine académico para dar auténtico relevo aos seus personaxes, alí onde todo aparece medido para representar problemáticas concretas, mesmo cando o fai baixo o clásico paraugas da observación cotiá. Neste caso, Zlotowski evoca a súa propia relación pasada co cineasta Jacques Audiard a través da ficticia Rachel (Virginie Efira), profesora de instituto en crise á que o novo namoramento confronta cunha realidade complexa: por unha banda, empeza a vivir as súas últimas oportunidades para ser nai biolóxica mentres encara a pantasma da súa propia; por outro, asume a necesidade de conectar cos fillos da súa parella Ali (Roschdy Zem).
Sen contar con nada verdadeiramente reprochable e até en momentos puntuais de inspiración, a caligrafía das imaxes de Zlotowski, moito máis calculadas que espontáneas, fai evocar películas recentes de Mia Hansen-Løve (L’avenir) ou mesmo Justine Triet (La bataille de Solférino), máis enxeñosas á hora de retratar o vaivén dos seus protagonistas e, no caso da exemplar Mia, tamén desbordantes no emocional. A previsible boa interpretación da omnipresente Efira, rostro xa próximo a representar unha corrente de cine francés en si mesmo, case como o foi o de Vincent Macaigne na década pasada, non achega esta obra á fértil escritura da complexa personaxe de Léa Seydoux en Un beau matin (2022), unha das grandes películas deste ano.
Nunha desas oportunidades, ás veces máis intencionadas que outras, que ofrecen os festivais tan amplos de pór os títulos programados ante un revelador espello, o filme de Zlotowski foi seguido case de inmediato por Tout le monde aime Jeanne (Céline Devaux), incluída na sección Historias Extraordinarias. Trátase dunha película igualmente imperfecta como corresponde á súa natureza, pero moito máis viva e grata que aquela á hora de retratar unha serie case idéntica de conflitos persoais. A extraordinaria Blanche Gardin (Borrar el historial, 2020; France, 2021), sen dúbida una das mellores actrices cómicas do cine francés recente, dá vida á muller do título, unha científica en graves apuros profesionais que escapa até Lisboa —cidade retratada sen intención algunha de postal, que de feito vemos ameazada polo turismo de masas e a especulación inmobiliaria—.
Do mesmo xeito que a Rachel de Los hijos de otros, Jeanne preséntasenos en constante movemento, axexada pola pantasma da ausencia materna e marcada pola posible relación incipiente cun home (Laurent Lafitte), pai de dous nenos. Pero a personalidade da película de Devaux non só está no irresistible carisma de Gardin, senón sobre todo na continua descrición en pantalla das súas neuras mediante unha sorte de eco mental animado. Por encima da puntual irritación que poida causar a insistencia neste recurso, Devaux, animadora responsable de curtametraxes como Gros Chagrin (2017), tamén centrados en traumas sentimentais, e que aquí dirixe actores por primeira vez, demostra unha firme voz propia para narrar esta encantadora comedia romántica.