SINAIS EN CURTO 2018. EN TORNO Á MATERIA

Fotografía: María Meseguer

Fotografía: María Meseguer

Como cada ano, o (S8) Mostra de Cinema Periférico dedica unha sesión ao cine experimental e de vangarda que se produce en Galicia. Obras de cineastas que non poden faltar en calquera historia do cine galego xustapóñense a outras de autoras novas, demostrando tanto a riqueza interxeracional que existe como, precisamente, a posibilidade desa substitución. Os programas de carácter nacional difícilmente están atravesados por algún concepto que os fíe, salvo a súa condición nacional. Con todo, nesta sesión preparada por Ángel Rueda, codirector do (S8), si se intúe unha liña que pode fiar dalgún modo o programa: o matérico.

O programa comezou con A mosca, peza de 2017 de Alberte Pagán, un dos artistas experimentais referenciais de Galicia, creada dentro do “Proxecto Remolque” que coordina Cris Lores. Este é un proxecto ao que Lores invita a diversos cineastas e artistas, así como persoas de calquera ámbito interesadas en participar. A cada participante, Lores facilita rolos de tráilers de películas comerciais en 35mm, obtidas de antigos cines pechados ou suplantados polo DCP, para que fagan con iso o que consideren. Pagán aproveitou, como dixo na presentación, para limpar o piso de teas de araña e, de paso, asasinar a 24 moscas, materiais todos que pegou fisicamente ao filme. Fixeron falta 24 moscas reais para que o espectador puidese ver 1 en pantalla durante un segundo. O resto da peza está composta por anacos de película, acompañada dun zunido que alude ao título. Trátase dun traballo no que corta os tráilers por todas partes, de maneira que o que vemos non é só a imaxe filmada, senón as perforacións e a banda de son, subvertendo así calquera pacto ficcional que se puidese adoptar con respecto ás imaxes e as súas relacións: Pagán deixa ben claro que o que alí vemos é o material fílmico en si, e que con el é co que elabora o seu traballo. Con todo, o feito de esnaquizar, cortar, rascar e pegar imaxes de películas anódinas industriais hollywoodienses, non é algo trivial nin está carente de significado.

A segunda curta que puidemos ver foi M. (Manuel Moldes – Pontevedra Suite, 1983-1987) (2017), o retrato que o cineasta Ángel Santos realizou de Manuel Moldes, artista galego moi vinculado ao Grupo Atlántica, importante movemento artístico galego dos 80. O que a priori era un encargo en torno a unha obra que non puido aparecer na gran exposición retrospectiva que lle dedicou o Museo de Pontevedra ao pintor, e comisariada por Ángel Cerviño, Ángel Santos transformou nun retrato libre. Santos conta que tardou en atopar a película que quería facer, e que isto foi froito da convivencia no estudo de Moldes. Tras abandonar unha idea preconcibida de cal sería a película esperada e descartar para iso empregar o dixital, fixo do encargo un traballo persoal, empregando para iso a súa Bolex de 16mm, cámara que tamén determinou o tipo de película que aparecería, debido ao proceso físico que require. O filme recolle dun modo fermoso o matérico do traballo de Moldes, nun soporte tamén físico, no que as cores responden á comuñón da luz e a súa reacción cos químicos. O son, pola súa banda, apela a unha sensación háptica e física, ao rozamento do pigmento co lenzo. Tamén comentou na súa presentación que durante a filmación, ambos artistas penetraban ata tal punto nos seus procesos creativos que chegaban a sobresaltarse mutuamente ao percibir a presenza do outro, momento o que a relación entre ambos continuaba no bar, onde procedían a interactuar con outras materias.

M. (Manuel Moldes - Pontevedra Suite, 1983-1987)

M. (Manuel Moldes – Pontevedra Suite, 1983-1987)


Lara e Noa Castro presentaron o seu segundo traballo en Sinais, tras participar o ano pasado con O ollo cobizoso. Nesta edición pasaron Pezas imposibles (2018), en torno á cal pode lerse a seguinte entrevista neste link. Querería subliñar a reflexión que realizan en torno ao corpo como materia, suscitando este traballo en relación co escultórico. O espazo devén tamén un elemento dunha densidade complexa debido ás numerosas impurezas que aparecen, como follas ou terra, así como ás burbullas e as formas que xera, modulando a luz ao seu paso a través dela, e evidenciando a súa presenza material de xeito visual.

Como tamén sucedeu o ano pasado, este pase de Sinais contou coa presenza na sala e participación de Manolo González, figura fundamental para entender o cinema contemporáneo en Galicia. Fundou e coordina a Chanfaina Lab, festival de cine en San Sadurniño, un pequeno pobo de interior que xa se converteu nunha cita anual ineludible, caracterizado porque en lugar de ser un evento onde só se presentan películas, a Chanfaina é xerador de todas as pezas que se mostran alí. Ao longo das súas 4 edicións xa pasaron por alí cineastas consagradas como Óliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Enciso, Diana Toucedo, Eloy Domínguez Serén, Carla Andrade ou Ángel Santos, e serviu como plataforma para novas cineastas como Abel Vega ou Cruz Piñón. Manolo destacou tamén a relevancia da curta realizada por Ángel Rueda, quen por motivos evidentes decidiu non programarse a si mesmo, pero instou a outros programadores na sala a facelo, aínda que fora no mes de decembro, e anunciou a participación para o próximo ano de Helena Girón e Samuel Delgado.

Esta parella de cineastas presentou o cuarto traballo que puidemos gozar no S8: Plus Ultra (2017). Con este van xa tres ano seguidos participando en Sinais, sendo así os cineastas que máis veces pasaron por esta sección, tras facelo fai dous anos con Sin dios ni Santa María e Montañas ardientes que vomitan fuego na edición de 2017. Plus Ultra chega ao (S8) tras un brillante percorrido por festivais que comezou en Locarno e que aínda continúa en importantes citas como o Festival de Lima Independiente ou Filmadrid. Nesta obra, Samuel e Helena continúan traballando nas Illas Canarias con elementos que reformulan a súa historia como territorio, principalmente no relato oral e popular. Nesta ocasión fabulan en torno a un incidente que podería ter acontecido en tempos da Conquista de América, cando un mariñeiro dunha das carabelas rouba unha das velas do barco. Esta película reduce ao mínimo os elementos, deixando un mínimo fío que condensa dun modo extremadamente eficiente e elegante a súa narrativa. A súa peza divídese en dúas partes: a segunda que contén a historia, filmada cunha cámara de 16mm profesional e procesada en laboratorio, mentres que o prólogo, o retrato dunha momia do Museo Canario, está filmada, tal e como viñan facendo nos seus dous traballos anteriores, cunha cámara doméstica, película caducada e procesada manualmente. Deste xeito, buscan a coherencia entre a momia filmada e o material co que filman, ademais de lograr conferirlle un aura doutro tempo ou, incluso, extraela do tempo e deixala levitando na dimensión cinematográfica. Esta curta foi concibida como unha sorte de ensaio para o seu próximo traballo e primeira longametraxe, Eles transportan a morte (título provisional), que foi apoiada por diversas institucións e polo Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián.

Fogos (Marcos Pérez e Martin Pawley, 2017)

Fogos (Marcos Pérez e Martin Pawley, 2017)

O programa finalizou con Fogos (2017), un traballo de Marcos Pérez e Martin Pawley. No coloquio, Marcos Pérez explicou que a peza xorde da vontade de experimentar cun dispositivo que posúen no Planetario da Coruña para filmar vídeos en 360º, os cales posteriormente son proxectados na cúpula semiesférica deste museo. Para este vídeo, o máis radical ata a data, contou co crítico e cineasta Martin Pawley, quen se encargou da montaxe da obra. Tras pasar por dous planetarios españois foi estreado no prestixioso Festival de GiJón en pantalla plana, para o que resolveron dispoñer o vídeo dentro dun círculo, o cal orixina unha serie de aberracións que xeran unha experiencia moi suxerente ao subverter os eixes espaciais convencionais, tal que as liñas rectas transfórmanse en curvas, “arriba” é o centro da imaxe e o horizonte o perímetro do vídeo. A proposta consiste en observar un espectáculo pirotécnico durante 14 minutos desde o punto de vista dos artificieiros. Marcos Pérez recordou, durante o coloquio, a experiencia da súa infancia de vivir o espectáculo desde dentro, en contacto coa realidade do suceso, fronte á experiencia puramente contemplativa debido ás medidas de seguridade modernas. Pezas como esta fan que nos reformulemos o complexo ou non do cine experimental e, nunha intervención moi acertada, o actual director da Academia e tamén cineasta experimental e film performer, Miguel Mariño, destacou a vital importancia de poder comunicar mellor e chegar á xente, posto que como ben apuntou, ninguén que asista a un espectáculo pirotécnico se queixa de “non entender” o show, mentres que é algo sempre aducido tras unha sesión de cine experimental ou fronte á arte contemporánea. Así, esta peza recorre ao material pirotécnico para realizar unha reflexión acerca do cinema experimental e un comentario á súa ontoloxía: observar e gozar do cinema como espectáculo de luz, sombra e cor.

Comments are closed.