SOL MUSSA: “FACER CINE É COMA PINTAR UN CADRO”

sol_1

Nas súas dez edicións, a (S8) Mostra de Cinema Periférico de A Coruña apostou sempre de forma clara polo cinema experimental feito en Galicia. Sinais en curto ten sido o lugar de cita de autores xa consagrados, como Alberte Pagán, ou novas voces, como Lara e Noa Castro. Por isto, non é casualidade que nesta edición apareza o cinema de Sol Mussa (Vigo, 1996), unha xove directora con formación en Belas Artes, cunha potencia visual e narrativa envexable. Falamos con ela despois da Mostra sobre a súa peza Stockroom (2019), relato da emigración londinense filmando cámara en man.

O teu filme desprende unha forte carga persoal. Que foi o que che levou a facer Stockroom?

Todo comezou cos Novos Cinemas de Pontevedra. Cada ano abren o evento coa proxección de 10 curtas de 10 estudantes da UVigo. Acudín a un taller de cine titorizado por Eloy Enciso e todos nós tivemos que crear unha curta en dous meses. No mesmo tempo, despois de rematar a carreira de Belas Artes, estiven como bolseira de Galeuropa traballando nun museo en Londres. Cheguei a cidade coa miña cámara de man e cunha actitude moi receptiva. Tanto, que acabei gravando no meu lugar de traballo. Stockroom é un resumo da miña primeira experiencia alí, unha reacción a un novo lugar. Todo o que se ve é o meu día a día en Londres e supoño que tiña a necesidade de mostralo no festival.

Tes unha grande destreza para filmar o cotiá: o descanso para comer, revisar a nómina, unha conversa telefónica para buscar piso… Canto material tiñas antes de empezar o proceso de montaxe? Cal foi o teu criterio para escoller unha ou outra escena?

Gravo escenas da miña vida de forma casual. Teño moitos vídeos dos diferentes lugares nos que vivo. Stockroom é a primeira montaxe que fago con este tipo de material. Foi unha maneira de darlle forma e ordenar o que estaba a vivir. Serviume para entender o meu entorno.

Nun principio tiven mais en conta a forma que a idea. Pensaba en cineastas como Robert Bresson, quen tamén me axudou a comprender a pintura. Fai moito fincapé na presencia rotunda de elipses, e como estas vinculan unha escena con outra sen necesidade de explicacións. Gustoume xogar con este recurso durante a proceso, e permitiume falar de temas como o esquecemento, o latente ou o que non se pode ver. Creo que as ideas máis ocultas son as máis importantes.

O proceso experimental foi clave para conseguir un efecto analóxico sendo todo dixital. Considero o trato das imaxes e do son un traballo artesán e doméstico, por iso saíu unha peza tan intimista. As escenas do almacén viñeron despois, e ao vinculalas coas dos exteriores a película converteuse en algo máis social. Decanteime por aquelas que son banais pero que representan moi ben o cotiá en Londres.

solmussa

Á hora de pensar o filme, había algunha imaxe, texto ou idea que che acompañase no proceso de filmar, ou foi o propio proceso de filmar o que foi creando a película?

As curtas no taller con Eloy Enciso tiñan que ter o río Lérez como nexo común. Este foi o reto e punto de partida dende Londres. Dinlle moitas voltas mentres filmaba. Que significa o río Lérez para min? Ao final converteuse nunha escusa para falar dos cambios, do pasado e da memoria. O río é o lugar que abandono e que permanece por moi lonxe que viaxe. Isto foi o único que me acompañou no proceso, polo demais a película foi creándose por si soa. Non tiña nin idea do resultado final. Gústame moito traballar así.

Filmas nunha cidade como Londres, pero case todo o filme transcorre en interiores. Que importancia ten para ti o espazo nesta película?

Nas Belas Artes aprendín a traballar con contrastes. Esta dualidade do espazo interior-exterior é moi importante en Stockroom. As escenas do almacén resumen moi ben o que ocorre fóra. Moitos obxectos, caixas, humidade, multiculturalidade… As conversas e situacións que se dan no almacén son parte das preocupacións reais que se viven fóra, no exterior. Penso que todo ese caos da gran cidade se reflexa bastante ben no pequeno espazo.

O fío condutor do filme é esa conversa desde a emigración. Por que optas pola ausencia de voz?

A razón pola que decido prescindir de voz na conversa telefónica foi parte do proceso experimental e dese xogo de contrastes do que falaba antes. Serviume para recrear dous espazos (o real e o mental) e darlle mais rotundidade ao xogo interior-exterior.

O texto parte dunha conversa real. Nun principio escoitábase a miña voz pero non me gusta aparecer dunha forma moi explícita no que fago. Pareceume máis sutil ao eliminala, máis enigmático. Ademais valoro os momentos de silencio, especialmente cos meus amigos.

Tradicionalmente nos filmes desde a emigración, a conversa é filla/o-nai/pai; porén, no teu filme é unha conversa entre amigas (ou iso semella).

Ao ser unha conversa informal permitiume falar de temas máis íntimos, especialmente cara ao final. Podería ser tamén unha nai, pero ao que lle din máis importancia foi á confianza entre personaxes. Esta conversa é un momento de descanso, de abrirme con alguén a quen quero despois de vivir as dificultades da cidade.

Pode que reflexe un cambio entre xeracións. Penso que hoxe en día, polo menos dende a miña experiencia con amigos e familia, fálase máis do estado emocional, sobre todo en situacións extremas. Amosar algo íntimo e real a un público é moi necesario.

É inevitable conectar Stockroom con Vikingland (Xurxo Chirro, 2011). Dúas películas que falan desde a emigración coa cámara na man. Cales son as túas referencias á hora de abordar o filme?

A forma de Bresson, Tartovsky e Akerman de facer cine instruíume moito. Todo o que aprendín deles pódoo apreciar no filme. Mais a maior influencia é a arte plástica:, a pintura. En Stockroom hai unha interese pola textura, a materia, o erro, o movemento corporal, os monocromos, as sobreexposicións… O informalismo de Tàpies ou o carácter primitivo de artistas do Art Brut ensináronme a proxectar esta autenticidade e a falar de orixes.

Na carreira especialiceime nesta disciplina e o meu traballo de fin de grado ‘Pintura Cubrinte’ precedeu a Stockroom. Son unha serie de intervencións pictóricas sobre arquivos relacionados cos medios de comunicación (xornais, carteis de cine e atlas xeográficos) polo que tamén ten un carácter documental. A pintura actúa como grandes elipses que ocultan algúns elementos e deixan ver outros, creando novos relatos. Entendín a montaxe de Stockroom ao igual que a de ‘Pintura Cubrinte’. Facer cine é coma pintar un cadro.

Comments are closed.