THE TREE OF LIFE, de Terrence Malick

MALICK, DEUS DA CINEFILIA ·

Resulta curioso que a cinefilia aínda conte con certos ídolos (no sentido máis relixioso da palabra) nun momento no que a tiranía dos mercados gañou a batalla, afastando todo rastro de espiritualidade das nosas vidas cotiás. Que precisamente o obxecto de adoración desta tempada sexa The Tree of Life, de Terrence Malick, non deixa de ser irónico, dado que o filme é un tratado teolóxico en toda regra.

Co Kubrick de 2001: A Space Odyssey como principal referente visual, o gañador da Palma de Ouro realiza ao longo do filme un lírico percorrido pola evolución do universo dende o Big Bang. Tense escoitado e lido moito que a película é abstracta, cunha narración fragmentada e nada convencional. En realidade, é extremadamente lineal, dende o nacemento ata o ocaso do mundo. Esta estrutura, cimentada en elipses, só racha no capítulo protagonizado por Brad Pitt e Jessica Chastain, que ocupa grande parte da metraxe; e no que se infiltra de forma subrepticia un eterno flash-forward do fillo medradiño da parella, encarnado por Sean Penn.

O actor expresou recentemente o seu descontento co director por recortarlle o papel na sala de montaxe, e reducilo case a unha voz en off. Unha versión estendida da cinta non tería feito máis que ralentizar unha narración xa de por si pretendidamente lenta e reflexiva. O personaxe de Penn serve en realidade de contrapunto aos de Pitt e Chastain para realizar unha lectura demiúrxica dos nosos tempos, fronte ao ton bíblico da infancia do protagonista, nos anos 50.

A figura do pai (inmenso Brad Pitt) é unha clara encarnación do Deus do Antigo Testamento, seguindo os modelos pedagóxicos da posguerra. Resulta unha figura autoritaria, que educa dende unha férrea autoridade, por momentos irracional e carente de argumentos. Relaciónase cos fillos a través da disciplina e o castigo. Lóxico que se rebelen contra el, buscando refuxio nunha nai protectora, que acaba concibindo o pecado orixinal, deixando os seus nenos desamparados.

O primoxénito, presionado para triunfar, coa obriga de transmitir o legado familiar, ve como a atención e os coidados recaen no seu irmán menor, máis do gusto do pai. A envexa provoca que o acabe ferindo nun dos seus aparentemente inofensivos xogos. Caín e Abel.

Pero é evidente que Malick consultou máis libros que os do cristianismo. Só para empezar, convirte o fillo en arquitecto de prestixio, nun dos encargados de definir as liñas do noso mundo. Xogando con extremadas perspectivas e contrapicados, fai de Penn un xigante entre os homes, demiúrgo da nosa realidade. É unha evolución máis acorde aos tempos que corren do seu Deus pai.

En termos platónicos, viría sendo un ente que pon en orde a materia para construír unha copia defectuosa do excelso mundo das ideas. Aínda coa perfección dos seus cálculos, o arquitecto está falto do tacto humano, presenza que desaparece case por completo entre as frías construcións deste treito do filme. Solitario e alleo aos asuntos da Terra, o demiúrgo non pode máis que contemplar os seres humanos dende a incomprensión.

Semella que Malick é un deísta resentido coas respostas da relixión e os seus reitores imperfectos, polo que decide envolver os seus personaxes nunha evolución panteísta do universo, quizais a única interpretación da vida que atopa soportable, mesmo fronte á morte, punto de arranque da cinta.

O título dá xa unha pista da súa inequívoca intención, pois a árbore da vida é un concepto filosófico, case místico, que fai referencia á interconexión de todos os elementos do universo, metáfora tamén da teoría da evolución e interpretación claramente panteísta do mundo. Ciencia e relixión non adoitan ir da man, mais esta película logra crear unha comuñón entre ambas a partires das súas poéticas imaxes.

É precisamente nesta parte abstracta da cinta, que desenvolve de maneira case orquestral a teoría máis sonada de Darwin, onde está condensada toda a beleza dun filme irregular e atractivo ao tempo, único na súa especie; tan complexo que de seguro xerará regueiros de tinta, quizais na procura dun sentido por parte da comunidade relixiosa que rende culto a Malick: a cinefilia.

Comments are closed.