HEISE, FRAGMENTOS DA RDA


Que debe facer un libro nado dunha retrospectiva nun festival? Deixar testemuño do que foi o ciclo ou complementalo cunha lectura das películas e realizar un convite a visionalas para aqueles que non puideran asistir ao evento? Semella máis construtivo e estimulante o segundo. Habitualmente, atopámonos máis ben co primeiro, unha amalgama de recensións apresuradas, sen moito pensamento e pouca claridade.

Dende Punto de Vista quixeron facer as cousas ben, pero encargar 200 páxinas a un ou varios críticos sobre o alemán Thomas Heise tería sido seguramente custoso e pouco práctico. Non hai case nada publicado sobre a súa figura en castelán, así que por que non rescatar e traducir? En certo modo, como el fai na súa obra mestra Material (2009), o libro Thomas Heise. Fragmentos de búsqueda fai precisamente iso: procurar, unir. O que saia desa unión xa non semella importar tanto. O compilador Olaf Möller, como Heise, non ten ningún interese didáctico. Ao igual que o director retrata a RDA sen subtítulos para os estranxeiros ou non versados na historia da reunificación alemá; Möller decide reunir materiais escritos polo mesmo Heise (unha carta ao seu titor de tese, entrevistas, un extracto da súa obra teatral Fogar…), con tres textos encargados aos realizadores Ivette Löcker e Andreas Goldstein, e outro ao crítico español Javier Estrada. O extenso artigo deste último, no centro do volume, é o único que repasa a traxectoria de Thomas Heise e ofrece unha interpretación de toda a súa obra. Esta é, en esencia, que hai dous Heises, un antes de Material e outro despois. O dos últimos anos ten un estilo máis observacional, cunha nula intervención no contexto, e móstrase máis pictórico. Pero é moito máis representativo da súa traxectoria o primeiro Heise. Este é un director da palabra, próximo ao cinéma vérité clásico, que concibe o cinema como unha ferramenta social e, ante todo humana. O xermano sempre está preto dos seus personaxes, moi habitualmente rapaces perdidos, na procura de si mesmos, que se erixen en metáfora de toda unha xeración zombi na RDA. Why Make a Film About These People? (Wozu denn über diese Leute einen Film, 1980), unhas das súas primeiras pezas, feita aínda na universidade, dá xa conta destas inquietudes. Céntrase no día a día de dous raparigos delincuentes. Amais de manter entrevistas moi persoais sobre os seus pareceres e sentires, mostra unha rutina sen adornos que non gustou nada ao réxime. Esta ollada limpa valeulle a Heise máis que unha liorta. A máis sonada é a derivada de ATASCO – Pongámonos en movimiento (STAU – Jetztgeht’s los, 1993), unha das dúas películas do director nas que acompaña a un grupo de rapaces neonazis (sen xuízo de ningún tipo sobre as súas persoas), e que na estrea provocou enfrontamentos no teatro que se proxectaba entre grupos extremistas de esquerda e dereita.

O sistema de Heise de se achegar ás persoas con calma, gañándose a súa confianza antes de usar a cámara como intermediaria, é seguramente o que lle permite tirar dos seus personaxes testemuños tan auténticos e íntimos. É o caso do espía Barluschke (1997), que ficou na retina de Ivette Löcker, autora dunha das primeiras contribucións do libro, escrita dende unha perspectiva moi persoal. Para quen non sexa alemán ou historiador, haberá cousas que lle resulten un misterio no texto da realizadora. Algo semellante ocorre no artigo, máis xeral, de Goldstein. A gracia está, coma nos filmes de Heise, no que se evoca e queda elidido, na universalidade, moi humana, duns temas locais. A principal virtude do libro é o xeito de dispoñer as múltiples referencias rescatadas de maneira fragmentaria. De maneira que a carta de Heise ao seu titor, con referencias veladas á Stasi, superposta ao texto de Löcker sobre Barluschke, lle confira á película unha lectura aínda máis persoal, case biográfica – semellante exercicio de superposición o de Vaterland (2002), por certo. Se cadra por iso a inclusión do extracto da obra teatral Fogar cobre máis sentido. Todos xuntos, estes textos, coma o cinema do xermano, compoñen un fresco tan difuso coma sedutor da RDA, no que non se explica, só se suxire, a través dunha cartografía de signos a interpretar. Polo lector alemán ou esperto, e polo estranxeiro. Os dous públicos deste volume, que na súa mesma forma xa é un ensaio ao modo dos filmes do Heise.

Ademais dos citados na recensión, hai outras entrevistas e textos de Heise a destacar, mais en esencia sería preciso quedar cun extracto dunha carta que lle responde a unha rapaza que lle pide consello para se converter en cineasta: “É imprescindible que se pregunte que é exactamente ese interese que alberga agora. Pregúntese de onde vén, coñézase a si mesma. Por que debe engadir unha única imaxe máis, a súa, ao interminable número de imaxes que se capturan ou fotografan todos os días na terra?”. Logo desta introdución, aconsella á rapaza que “estude cada obxecto antes de facer unha foto”, que leva un caderno de notas en todo momento, que aproveite cada traballo para investigar e aprender algo novo, que vaia á recollida do espárrago e “fotografe o esgotamento”, que despois pasee de noite pola cidade e “verá o que doutro modo non conseguiría ver”, que vaia á filmoteca e que lea. En definitiva, que viva con curiosidade e entregándose ao que fai durante un par de anos. “Despois solicite unha praza, se está segura de ter algo importante de comunicar. Unha experiencia. Experiencias propias. Unha imaxe do mundo”. Así conclúe Heise unha carta que exemplifica a súa visión do cinema. Vivir con curiosidade, mostrar con respecto.

__________

Thomas Heise. Fragmentos de búsqueda

Dirección editorial: Olaf Möller

Editorial: INAAC (Instituto Navarro de las Artes Audiovisuales y la Cinematografía)

Prezo: 18 euros

Comments are closed.