TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO, de Xiana do Teixeiro

Apáganse as luces da sala e na pantalla aparece a intermitente imaxe fragmentada dunha Nina Simone, vestida coas súas características cores e respostando con espontaneidade, sinceridade e poética a un entrevistador que lle pregunta “que significa ser libre”. A artista dalle un par de voltas á cuestión, mais conclúe dicindo, de xeito rotundo, que para ela ser libre é non ter medo.

Así comeza Tódalas mulleres que coñezo (Xiana do Teixeiro, 2018), un perfecto entrante que nos deixa un sentimento acedo no corpo e que aveciña, de modo sutil, o relato, ou máis ben conxunto de relatos, que se nos van a amosar: distintas mulleres, de diversas idades, falando de como a violencia machista na rúa forma parte do seu día a día. Dividida en tres partes que albergan a voz de tres xeracións, este filme convértese nun espazo íntimo de confesións e reflexión. Un espazo no que o persoal vólvese político.

03_mulleres

Vemos a un grupo de mulleres nunha terraza calquera, cunhas cervexas. Entre elas Xiana, a directora da película. Imaxes sinxelas, en branco e negro, con cámara fixa ou en man. Primeiros planos. Todo comeza de golpe, sen anestesia nin adornos introductorios para facer corpo ou para non asustar ao público. Unha das rapazas conta a súa experiencia cun acosador que tivo, o cal a seguía pola rúa, incluso a súa casa, e como se viu indefensa ante o proceso xudicial que tiña que asumir se quería desfacerse del pola vía legal. Confesa, ademais, a culpabilidade e vergoña que sentiu por se aquela suposta denuncia que lle poría perxudicaba a súa vida: a vida do home que levaba atemorizándoa semanas. A esta narración sucédena moitas máis. Historias sobre persecucións nocturas tras noites de festa, medo ante viaxar soas a lugares decoñecidos, técnicas de autodefensa ante posibles ataques, narracións sobre agresións sufridas… Todo isto sumado a anécdotas, tomadas como surrealistas, dunha sociedade patriarcal na que medraron sendo mulleres e na que foron educadas en actitudes e comportamentos nas que a culpa, directa ou indirectamente, sempre era dunha mesma. Onde as propias mulleres, a través da figura da nai, seguiron inculcando, ás veces sen querer, valores machistas que condicionaron dalgún xeito o seu comportamento.

As risas e os rostros serios intercámbianse rapidamente dunhas a outras entre cada relato e algunha bágoa aparece reclamando xustiza. Un cóctel de emocións inunda a atmósfera da terraza que habitan estas amigas durante un rato. Tódalas mulleres que coñezo propón, como mencionaba Xiana do Teixeiro nunha entrevista, construír un discurso propio sobre as experiencias das mulleres e os seus corpos, xa que considera que é algo que se nos expropiara, polo que ve a elaboración do discurso como un feito fundamental. E calquer espectadora é incapaz de non sentirse unha máis ao asistir a esta reunión fílmica, revivindo feitos que, como ben declara a película, nos sucederon e nos seguen sucedendo a todas.

Este documental formula unha reflexión continua, un debate aberto que viaxa duns lugares a outros en busca de novos puntos de vista, ollares distintos pero tamén cotiás, que axuden a ver cales son os problemas que se dan na sociedade para que, en pleno século XXI, a violencia machista siga vixente e de xeito tan activo. É por iso que esta conversa á que asistimos na primeira parte do filme, é proxectada novamente ante distintos públicos: un de mulleres máis adultas (moitas delas con descendencia) e un mixto de xoves de instituto. O primeiro mostra unha preocupación real pola educación que reciben as novas xeracións e de como esta é unha ferramenta inprescindible para criar ás mulleres e homes do futuro dende unha perspectiva feminista. O segundo, atopa un espazo de seguridade e confianza para poder expresarse, declarando, elas, que sofren a opresión patriarcal constantemente, mesmo nas súas propias casas e eles, que non imaxinaban que o problema fora tan serio e que síntense consternados ante dita situación.

01_mulleres

Este é o único punto de vista masculino que atopamos en toda a película, xa que Tódalas mulleres que coñezo non se centra en buscar unha opinión xeral da sociedade respecto a este tema, senón en facer que esta se deteña, por un momento, a escoitar o que as mulleres teñen que dicir despois de pasar silenciadas durante tanto tempo. Esta película é iso. Unha película que fai pensar, que fai cuestionarse todas as normas morais que se teñen adquiridas, todos e cada un dos feitos e vivencias que se experimentaron ao respecto disto a ao longo dos anos, para intentar averiguar que é o que non está funcionando. Unha película sobria, e tremendamente sinxela a nivel técnico e de imaxe. Sen decoracións. Mais ateigada de silencios que cortan como coitelos e de suspiros que o din todo. Cun poder narrativo moi claro e moi forte.

Este filme incita ao debate e a meditación constante, que cambia de escenario pero que sempre prosegue. En voz doutras mulleres, encarnada noutras vidas, noutras experiencias. As historias son semellantes, repítense con poucas variantes e os medos son os mesmos. Este documental non nos contenta cun final pechado que outorgue unha conclusión sobre cal é a solución a esta situación ou cales son as armas para loitar contra esta asfixiante opresión. As ideas, hipóteses e suposicións viaxan dun lugar a outro durante todo o filme sen materializarse nun acto real, permanecendo no espazo e no corazón das intervintes. Mais tal vez non será a propia película a resposta que estabamos buscando? Non será un incentivo feminista, un punto de inflexión para a construcción dun espazo de seguridade e entendemento onde homes e mulleres aposten pola loita activa contra a violencia machista? Está claro que, polo menos, Tódalas mulleres que coñezo é un paso adiante. Unha aposta por falar claramente dun problema real que afecta e infecta a sociedade. Un camiño cara á igualdade e a liberdade. E é que, como mencionaba Nina, a liberdade implica a ausencia de medo, e claramente, Xiana do Teixeiro, consegue concederlle ao público ese privilexio durante os 71 minutos que dura o seu filme.

Comments are closed.